mércores, 8 de maio de 2024

OS PRIMEIROS PASOS DA CONCELLERÍA DE CULTURA E O 25º ANIVERSARIO DO CENTRO CÍVICO CULTURAL DE ARTEIXO

    É evidente que o Arteixo de hoxe pouco ou nada ten que ver co Arteixo de antano, cando o noso municipio era unha contorna absolutamente rural, no que o agro estaba na base dunha economía de subsistencia e os nosos avós e avoas enchían, cos produtos das súas colleitas, as despensas da cidade da Coruña. 

   Mais aquela contorna, da que só se lembraban algunhas persoas doutros puntos de Galicia cando querían aliviar as dores de reuma coas augas medicinais do Balneario, ía sufrir unha metamorfose total a partir dos anos sesenta do século pasado, unha transformación motivada en gran medida pola creación da refinería de Meicende e do Polígono Industrial de Sabón, asentamentos industriais que contribuirían a que paulatinamente fora desaparecendo aquel xeito de vida familiar que xiraba arredor da lareira e no que os oficios tradicionais (muiñeiros, ferreiros, zoqueiros…) gardaban relación directa coas necesidades da vida no agro daqueles tempos.

   A construción da refinería e do Polígono Industrial ía significar un gran desenvolvemento económico para Arteixo, planeándose nos seus terreos grandes proxectos empresariais que hoxe son coñecidos como primeiras marcas mundiais.

    Coa chegada da industria, o municipio foi modificando a súa fisionomía e, obviamente, a súa poboación, que medrou considerablemente en pouco tempo, pasando dos 10.887 habitantes censados en 1960 aos 16.678 de 1986.

 

Panorámica dos anos 80 da vila de Arteixo

  Ante aquel gran crecemento demográfico a partir da década dos setenta a administración foi, moi devagar, dotando de servizos ao municipio e construiuse unha nova Casa do Concello (inaugurada en 1974), o colexio Carrero Blanco (1974), o colexio de Galán (1981), o Instituto de Educación Secundaria (1983), o Centro de Formación Profesional (1983), o Pavillón Polideportivo Municipal (1990) ou, entre outras obras, o Centro de Saúde (1992).

   A nivel cultural, que é o tema que nos ocupa hoxe, o Concello careceu de infraestructuras e locais para os quefaceres culturais ata 1989. En febreiro dese ano foi cando abriu as súas portas a Biblioteca Municipal no primeiro andar do Edificio de Servizos Múltiples. Dous anos máis tarde íase dotar unha superficie útil de 100 m² a unha recén creada Concellería de Cultura no terceiro andar do devandito Edificio de Servizos Múltiples, espazo compartido cos departamentos de Deportes e Educación. Nesa época, na que unha persoa con contrato de seis meses realizaba os traballos de animación, no resto das parroquias non existía instalación algunha, polo que os actos culturais realizábanse nas escolas unitarias ou nos escasos locais das asociacións. Aqueles eran tempos nos que todo estaba por facer e aínda quedaba moita pedra que picar!

 

Imaxe actual do Edificio de Servizos Múltiples

   En 1992, ano da creación do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, contratouse un equipo de tres persoas de xeito temporal que, ademais de organizar o arquivo das dependencias de cultura, desenvolveron un amplo programa de actividades.

  Ao ano seguinte procedeuse por convocatoria pública á contratación da animadora sociocultural, Sonia Iglesias Recarey, e do responsable da Radio Municipal, Franki Lafuente Lafuente, proporcionándolle así certa estabilidade ao traballo de dúas dependencias importantes da Concellería de Cultura, e que viña a completar o realizado dende a Biblioteca Municipal. Deste ano hai que saliantar tamén a ampliación das actividades desenvolvidas, a instauración dunha convocatoria pública de subvencións destinadas ao fomento da cultura, a ampliación do número de locais dispoñibles coa posibilidade de utilización dos preescolares da Baiuca e de Candame e a coordinación e apoio prestado as actividades polas asociacións locais: Enterro do Entroido en Souto (Comisión do Entroido), o Día da Muiñeira (Xiradela), Encontro Folclórico en Uxes (Queiroa), etc.

 

Edificio onde estaban os preescolares da Baiuca

    O 27 de abril de 1994, con motivo da inauguración da Axencia de Lectura de Meicende1 nun local do colexio San Xosé Obreiro, nunha conversa na que participaron o alcalde, Frutos Martínez Saavedra; o concelleiro de Cultura, José Manuel Piñeiro Balay, a animadora sociocultural, Sonia Iglesias Recarey; e o escritor e mestre de Filoloxía Galega arteixán Henrique Rabuñal Corgo, plantexouselle ao Director Xeral de Cultura, Antón Pulido Novoa, a necesidade de creación dunha Casa da Cultura no noso municipio. Pódese dicir que nesta xuntanza naceu o xerme do que andando no tempo sería o Centro Cívico Cultural.

    Mais sigamos repasando esta pequena historia da Concellería de Cultura, un departamento que en 1994 empezou a publicar o “Boletín Informativo Municipal”, que viña a servir de canle de comunicación entre o Concello e a cidadanía. O B.I.M. foi unha importante iniciativa que se mantivo durante varios anos cunha tirada mensual de 800 números. Sería innumerable citar a todas as persoas que colaboraron coas súas aportacións (contos, lendas, tradición oral, etc.) tanto no Boletín como na Radio Municipal. Aproveitamos esta ocasión para expresar a nosa enorme gratitude a toda esta xente que traballou nestes dous medios polo ben da cultura do municipio. Un anaquiño destas Crónicas de Arteixo é voso!

    Arteixo seguía medrando (18.688 habitantes en 1994 e 20.074 habitantes en 1995) e tamén crecían o número de asociacións que se constituían e que poñían de manifesto a continua vertebración do tecido social do municipio.

    O 15 de febreiro de 1995 o alcalde Frutos Martínez e Henrique Rabuñal mantiveron unha entrevista co Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia na que se lle fixo entrega dunha carta onde se demandaba apoio para a construción da Casa da Cultura de Arteixo, e se comprometían a remitir sinaturas da poboación con esta demanda. Tres meses despois, o 13 de maio de 1995, con motivo da entrega do premio do Certame Manuel Murguía, expúxoselle á Delegada Provincial de Cultura esta necesidade e obtívose un compromiso verbal de apoiar esta iniciativa.

    O 17 de outubro de 1995 remitíronse máis de 1.000 sinaturas ao Conselleiro de Cultura xunto cunha carta de Henrique Rabuñal Corgo, en representación de todas as persoas e colectivos que asinaron e que se adhiron a este escrito, na que se poñía de manifesto as demandas para a construción da desexada Casa da Cultura... “que veña no seu caso substituir ou acompañar o vetusto e inadecuado Edificio de Servicios Múltiples que xa acolle no seu seo a diversas seccións do concello (Servicios Sociais, Animación Sociocultural) ademais da Radio Municipal, un Salón de Exposicións, unha aula para adultos e a Biblioteca Central do Concello. Non é só que ese edificio está saturado senón que as crecentes e complexas necesidades do concello están pedindo aos gritos un novo edificio, moderno e polivalente, pensando xa máis no século XXI, o do ocio e a cultura, e que debera ser ideado xenerosamente, equipado con salas multiusos onde o teatro, a música, as conferencias e os actos solemnes puidesen ter digna cabida como acontece noutros concellos menos poboados e con menos acción popular pero con maiores dotacións2”.

    O proxecto lévase á Comisión Informativa de Xuventude, Deportes, Educación e Cultura celebrada no Salón de Sesións da casa consistorial o 22 de novembro de 1995. Na devandita Comisión os alí presentes aproban por unanimidade dar, a medio plazo e dentro desa lexislatura, os pasos necesarios para o comezo do proceso administrativo que levara a bo termo a construción da tan demandada Casa da Cultura en Arteixo.

    Oito días máis tarde, o 30 de novembro de 1995, dase conta do ditame da Comisión no Pleno Ordinario, onde o concelleiro José Luis Vázquez Martínez xa sinala como posible localización da futura Casa da Cultura o sitio nomeado “Fonte ferruxinosa da zona do Balneario”, moi preto do antigo cuartel da garda civil, xa que este lugar figuraba como de dotacións na nova normativa urbanística. Logo das oportunas intervencións dos voceiros dos grupos, a Presidencia somete a votación o ditame da Comisión Informativa, que resultada aprobado por unanimidade facultando á alcaldía ao obxecto de que realice as xestións necesarias para levar a cabo a Casa da Cultura. E en vista do resultado da votación, a Presidencia proclama aprobado o acordo.

    Ao tempo que se daban os oportunos pasos para a construción do edificio do que estamos a falar, no ano 1995, na progresiva mellora dos servizos da Concellería de Cultura, acondicionouse un espazo do 3º andar do Edificio de Servicios Múltiples para instalar a oficina de cultura, dotándoa de mobiliario e equipo informático. Isto ía supoñer unha importante mellora na calidade do traballo desenvolvido a nivel administrativo así como na atención ao público. Dende aquel entón ían traballar nestas dependencias a animadora sociocultural permanentemente e, ocasionalmente, algún auxiliar facendo labores de apoio. Neste 1995 tamén se crea o Conservatorio de Música, que comezou a impartir o primeiro curso de estudos musicais nas instalacións do colexio Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos.

    En todos estos anos a Concellería de Cultura foise facendo cunha mínima infraestructura para o desenvolvemento dos actos: traxes e carrozas para Reis e materiais para o acondicionamento de distintos locais para ser utilizados como salas de exposicións nos baixos do Edificio de Servicios Múltiples, en Preescolar da Baiuca e de Candame ou no terceiro andar do Edificio de Servicios Múltiples.

   Así mesmo a programación cultural vaise instaurando e afianzando cun calendario estable de actividades cíclicas coa súa propia denominación, que naquela altura servía de referencia para toda a poboación (Mes do Libro, Maio Cultural, O Nadal Contigo…) sen esquecer nunca a programación realizada ao abeiro de celebracións, necesidades ou demandas máis imprevisibles ou axeitadas. Tampouco nos esquecemos do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, que hoxe é un verdadeiro referente dos concursos literarios que se celebran en Galicia. Rememorando aqueles primeiros tempos da Concellería de Cultura, Sonia Iglesias, a técnica deste departamento, contounos algunha anécdota daquela época. “Tíñame que levantar da única mesa de traballo cando aparecía o responsable de Deportes e compartir con él a máquina de escribir e as poucas estanterías das que dispoñiamos para realizar o traballo administrativo, que cada vez ía burocratizándose máis. Case todos os anos había que pintar e acondicionar a entrada do Edificio de Servizos Múltiples e remover as instalacións da biblioteca, para de este modo realizar unha entrega do Premio Murguía honrosa e á altura que se merecía un Concello como o de Arteixo. Tamén, para a primeira exposición de certo nivel que nos concedía a Deputación da Coruña, tivemos que instalar ás presas un mínimo sistema para colgar os cadros nas paredes do Salón de Plenos da Casa do Concello. Calquera actividade precisaba dun triple esforzo para executala, ao adoecer das dotacións técnicas e os espazos axeitados. Neste sentido nunca esquecerei cando saltou o cadro eléctrico do ximnasio do CEIP Ponte dos Brozos cos decibelios da obra rock de Manquiña; ese sí foi un auténtico horror show !”.

   Era evidente que Arteixo necesitaba coa máxima urxencia a demandada Casa da Cultura para o desenvolvemento cultural do municipio. Tras varias xuntanzas entre representantes da administración local e da autonómica, o 2 de xullo de 1997 os Conselleiros de Sanidade e Servizos Sociais, José María Hernández Cochón, e de Cultura e Comunicación Social, Jesús Pérez Varela, e o alcalde de Arteixo, Manuel Pose Miñones, asinaban en Santiago de Compostela un convenio de cooperación entre o Concello de Arteixo e as nomeadas Consellerías da Xunta de Galicia, e tamén a Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Coa sinatura deste convenio dábase, ao fin, luz verde á construción da obra nomeada “Centro Multiusos nas marxes do río” suscrita polo director da mesma, o arquitecto José Antonio Franco Taboada, en favor do contratista adxudicatario, a empresa Ferrovial. O custe das obras de realización deste edificio foi de 164 millóns de pesetas e sería financiado na súa totalidade polas tres consellerías da Xunta de Galicia nomeadas anteriormente.

 

Imaxe do ano 1998 das obras de edificación do Centro Cívico Social de Arteixo

   Tras case dous anos de execución da obra e ante a inminente inauguración da popularmente coñecida naquel momento “Casa da Cultura”, construída administrativamente baixo a denominación de “Centro Multiusos” por estar implicadas no seu financiamento tres consellerías diferentes, a Concellería de Cultura do Concello de Arteixo propón adxudicarlle unha nova denominación con personalidade propia: Centro Cívico Cultural 'Manuel Murguía'. A proposta, que se ía levar a Comisión Informativa para o seu ditame, non frutificaría e, finalmente, optouse pola denominación máis simple de Centro Cívico Cultural de Arteixo.

    Tal día coma hoxe, o 8 de maio de 1999, hai exactamente 25 anos, o pobo de Arteixo vía cumprida unha das súas máis grandes aspiracións ao inaugurarse o edificio no que ao fin podían desenvolverse todas aquelas actividades que ata aquel momento non tiñan un espazo propio ou para as que se adoecía das condicións técnicas necesarias. O acto contou, entre outras autoridades, coa presenza do ministro de Sanidade e Consumo, José Manuel Romay Beccaría; o conselleiro de Sanidade, José María Hernández Cochón, e do alcalde Manuel Pose Miñones.

   No novo Centro Cívico Cultural, de máis de 2.000 metros cadrados útiles, os veciños e as veciñas de Arteixo dispoñen dende aquel día da Biblioteca Central 'Henrique Rabuñal', da Escola Municipal de Música de Arteixo (EMMA) con varias salas insonorizadas para música, dunha sala de ensaios para danza, dunha sala de exposicións e unha sala de usos múltiples. Unha sala de xuntas, as oficinas administrativas do Departamento de Cultura e unha cafetería completan os servizos ofrecidos polo centro, sen esquecer, por suposto, o auditorio dotado con 300 butacas, un amplo escenario, e todos os medios técnicos necesarios para o teatro, o cine, os concertos, certames ou calquera outra actividade de amplo alcance que sexa organizada tanto polo Concello coma polos colectivos do noso tecido social.

 

Imaxe do ano 2003 na que podemos observar o Centro Cívico Cultural e, á esquerda, a esplanada na que se ía construír a igrexa nova

     Dende aquel 8 de maio de 1999 a Concellería de Cultura ten a súa sede no Centro Cívico Cultural de Arteixo. Este servizo, capitaneado pola técnica Sonia Iglesias e integrado tamén pola animadora cultural Lita Bello, e por Eva Sande e David Vizoso como persoal administrativo, encárgase da programación cultural municipal para procurar o enriquecemento cultural da cidadanía e para preservar os festexos tradicionais do pobo. Recordar tamén a todas as persoas que traballaron de xeito eventual neste departamento ao longo de todos estos anos e, por suposto, a Xosé Francisco Lafuente Sande, 'Pacucho'; Moisés Rey Martínez; José Manuel Piñeiro Balay; José Luis Vázquez Martínez; Isabel Vila Vilas; Juan Antonio Mouzo Grille; José Andrés Gayoso Naya; Celina Varela Suárez; e a Ana María Bello Vázquez, que foron os/as concelleiros/as que estiveron á fronte desta concellería dende a súa creación nos anos noventa. A concelleira de Cultura actual é María Dolores Dubra López.

 

Panorámica actual do Centro Cívico Cultural de Arteixo

    Hai uns meses, o día 30 de novembro de 2023, o Pleno da corporación aprobou, por unanimidade, nomear ao Centro Cívico Cultural de Arteixo como Centro Cívico Cultural de Arteixo 'Manuel Murguía', o lugar de referencia e o máis identificado co movemento cultural e co eido literario galego do municipio. Co gallo dos 25 anos dende a súa inauguración o 8 de maio de 1999, a fachada do edificio será rotulada co nome do Patriarca das Letras que se descubrirá con motivo da Gala de Entrega de Premios do Certame Manuel Murguía.

Moitos parabéns por estos 25 anos de vida!


______________

1 A Axencia de lectura de Meicende hoxe é a Biblioteca 'Antón Castro', que este ano celebra as súas tres décadas de operatividade. Comenzou a funcionar en abril de 1994 nunha aula do colexio San Xosé Obreiro, antes de trasladarse ao actual centro social da localidade.

2 Henrique Rabuñal. Concellería de Cultura. S.I.R./95. Informe das xestións realizadas para a consecución dunha Casa da Cultura no Concello de Arteixo. 9 de novembro de 1995.

Ningún comentario:

Publicar un comentario