Segundo as informacións do bibliotecario e arquiveiro José Luis Alonso Torreiro, desde o ano 1982 o Concello de Arteixo tivo en mente a apertura dunha biblioteca municipal conforme ao Regulamento que para este servizo ordenaba a Deputación Provincial da Coruña a través do Centro Coordinador de Bibliotecas, á súa vez dependente do Centro Nacional de Lectura. O interese partiu da corporación elixida e que adopta o acordo ao elevar á Xunta de Galicia a creación o 15 de novembro de 1982 da primeira biblioteca do municipio, que naquela hora xa contaba cuns 15.000 habitantes, e demandaba un servizo cultural tan básico como unha sala con libros organizados con vistas ao servizo público.
A primeira Xunta da Biblioteca Municipal constaba de sete membros presididos polo alcalde Manuel Platas Varela, actuando de secretario Avelino Moreiras Vázquez, funcionario do Concello, e como vogais María Isabel Montero, xuíza de Paz; José Luis Reigosa Martí, médico xefe de Sanidade; José Abelenda Pastoriza, cura párroco; Teodomiro Santos Blanco, farmacéutico; e Frutos Martínez Saavedra, director do colexio Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos.
O primeiro persoal contratouse en outubro de 1988, un bibliotecario que debería pór en funcionamento o envío do lote fundacional da Xunta ademais dos libros adquiridos polo Concello con antelación, entre os que destacaba a Gran Enciclopedia Espasa de máis de cen volumes.
Nunha época na que o noso municipio carecía de equipamento cultural, a biblioteca central de Arteixo abriu as súas portas no primeiro andar do Edifico de Servizos Múltiples en febreiro de 1989. José Luis Alonso, que é o mesmo bibliotecario desde aquel entón e o único ata o de agora, recorda que “o primeiro servizo que se ofreceu á cidadanía neste edificio foi a biblioteca e despois, pouco a pouco, foron incorporándose o Centro de Formación Ocupacional, que levaba Amparo e no cal se impartían cursos do INEM, e Servizos Sociais, en concreto a asistenta social Lourdes Suárez Sánchez, que actualmente aínda traballa no Concello. A partir de 1990, ou 1991, tamén empezou alí, no Edificio de Servizos Múltiples, o Departamento de Educación con Beatriz Esmorís, que ademais facía algunha tramitación de Cultura. O Centro de Formación Ocupacional e Servizos Sociais estaban no segundo andar. Non recordo con certeza a planta na que estaba Educación. Posteriormente, creo que no 92 ou no 93, incorporouse a técnica Sonia Iglesias e, con ela e unha auxiliar, xa se formou o Departamento de Cultura no terceiro andar. Nesa época fóronse engadindo novos servizos como a Radio Municipal, o psicólogo, ou mesmo Xuventude, que tamén estivo no terceiro andar durante algún tempo. Cando nós empazamops coa biblioteca no primeiro andar, na planta baixa xa estaba Atención Primaria (o xefe do servizo era Reigosa), que abandonaron o Edificio de Servizos Múltiples en 1992 cando se inaugurou o actual Centro de Saúde. Ao quedar baleiro ese espazo pasouno a ocupar Protección Civil, e estiveron alí durante uns anos, ata que se trasladaron á parcela que hoxe teñen no Polígono de Sabón”.
Imaxes dos anos 90 da Biblioteca de Arteixo |
A apertura da biblioteca no Edificio de Servizos Múltiples ía encher un espazo demandado principalmente pola xuventude, mozos e mozas que lle deron moita vida ao servizo durante os primeiros tempos. Alonso recorda que “nos cinco primeiros anos estiven eu só e grazas aos rapaces que se implicaron no traballo diario foi posible sacala adiante. O centro tivo éxito dende os primeiros días e as actividades que comezaron axiña tiveron unha gran repercusión. O primeiro ano fixemos 300 socios”, destaca o bibliotecario.
Nos primeiros meses de vida, concretamente por coincidir coa festividade do libro no ano 1989 en abril, a biblioteca realiza unha convocatoria dun concurso de contos para a rapazada máis nova en colaboración cos colexios do municipio, que facían unha verdadeira festa do libro para a ocasión. O concurso organizouse ata o ano 1993.
Nesa época, en 1992, tamén se crea o Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, e o acto de entrega de premios desta primeira edición realizouse precisamente na biblioteca.
Desos primeiros tempos hai que destacar o labor da Compañía Katacrok (David e Juanillo) e o traballo de Anxos Collazo Trigo, Blanca Fernández, Pilar García ou, entre outros, Gumersindo Varela, que durante tres anos mantiveron a dinamización lectora dos máis pequenos.
Desde 1990 a rapazada de Educación Infantil (naquela hora Preescolar) pasaba pola biblioteca con diversas seccións de contacontos e talleres de creación literaria. Como complemento destas campañas, a biblioteca comeza unha serie de sesións abertas aos máis cativos polas tardes, sesións que ían continuar ata a actualidade e que tiveron como protagonistas a compañías como a xa nomeada Katacrok, Matapiollos, Melandrainas, Aurea Xestion Cultural, Trinke Trinke, Bululú Teatro, Alacrán e K.O. Cómics e ilustradores ou autoras como Marisa Irirmia, Soledad Felloza ou Paula Carballeira.
Charla sobre cómics na Biblioteca de Arteixo en 1996 |
O público infantil, maioritario, compartía co resto de usuarios o espazo que agora ocupa o Xulgado de Paz no edificio de Servizos Múltiples. “Había moitos chavales, pero tamén viña xente maior en busca de novelas e para consultar enciclopedias, que naquela época eran fundamentais ao non haber internet”, apunta o bibliotecario. Entre todos os exemplares prestados, recorda con especial detalle, aínda que sen precisar o título, un libro que suscitaba moita curiosidade entre os mozos que explicaba a reprodución para público infantil. O audiovisual tamén ía cautivar aos máis pequenos. “Chegáronse a xuntar sobre cen nenos ante unha televisión de 28 pulgadas”, conta José Luis Alonso, que mira con certa morriña os métodos antes da dixitalización en 2003.
Dende aquel febreiro de 1989 foron centos os veciños que acudiron á biblioteca dispostos a somerxerse entre páxinas e tinta. Moitos tamén o fixeron na de Meicende, que este ano tamén celebra as tres décadas de operatividade. A biblioteca desta localidade comezou a funcionar o 27 de abril de 1994 como Axencia de Lectura nun local do colexio San Xosé Obreiro. Ese mesmo día La Voz de Galicia publicaba a seguinte información:
La biblioteca del colegio público de Meicende se inaugura hoy con un fondo de tres mil libros.
El alcalde de Arteixo, Frutos Jesús Martínez Saavedra, presidirá hoy la inauguración oficial de la segunda biblioteca pública del municipio, ubicada en el colegio de EGB San José Obrero de Meicende. Al acto asistirá el director xeral de Cultura, Antón Pulido Novoa, así como varios concejales y representantes de entidades culturales y vecinales del municipio.
La biblioteca ha sido creada mediante un convenio de cooperación suscrito por el ente local y la Consellería de Cultura, según el cual el ayuntamiento se compromete al mantenimiento de las instalaciones y a la contratación del personal responsable de las mismas, lo que ya se ha llevado a efecto. Además, el ayuntamiento también ha puesto el local a disposición de la Xunta, que, por su parte, aportó el fondo fundacional de la biblioteca formado por tres mil libros.
El alcalde arteixán manifestó ayer que «se espera una alta utilización de la biblioteca, teniendo en cuenta que sólo en el colegio de Meicende hay 500 alumnos» y el hecho de que aquélla será usada por los vecinos de esa localidad y de los residentes en Pastoriza. Aunque por el momento no está todavía concretado definitivamente, el horario de apertura de la biblioteca será de tarde, probablemente de cuatro a ocho, según indicó Frutos Jesús Martínez Saavedra1.
Axencia de Lectura de Meicende nos anos 90
Catro anos máis tarde, en maio de 1998, aproveitando a celebración dos actos de honra por Manuel Murguía, que cada ano celebra alí a asociación veciñal que leva o nome do patriarca das Letras Galegas, íase inaugurar na Urbanización Sol y Mar o local da Asociación de Veciños e a Axencia de Lectura de Oseiro cun fondo fundacional de 2.400 libros. O acto congregara a numeroso público e varias autoridades, tales como o presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga Iribarne; o conselleiro de Cultura e Comunicación Social, Jesús Pérez Varela; o titular da Deputación Provincial, Augusto César Lendoiro; o alcalde de Arteixo, Manuel Pose Miñones e o comandante de Marina da Coruña, Juan Carlos Salazar Camarero, ademais de Xusto González, catedrático de Historia Contemporánea, os académicos Marino Dónega e Antonio Meijide Pardo, e o escritor Xavier Alcalá. Tempo despois a Axencia de Lectura de Oseiro pasaría a denominarse Biblioteca Dora Vázquez, homenaxeando a escritora ourensá que exercera de mestra en Larín durante quince anos, dende 1952 ata 1967.
Biblioteca 'Dora Vázquez', na Urbanización Sol y Mar de Oseiro |
En 1999 inaugúrase na capital municipal o Centro Cívico Cultural, un edificio do que falaremos máis polo miúdo a vindeira semana e ao cal se ía trasladar a Biblioteca Central, tras máis de dez anos de actividade no Edificio de Servizos Múltiples. A nova biblioteca está dedicada dende aquela a Henrique Rabuñal, escritor e mestre de Filoloxía Galega nado en Pastoriza en 1962.
O Día das Letras do ano seguinte estivo dedicado ao noso ilustre veciño Manuel Murguía e, con motivo desa celebración, desenvolveuse por primeira vez unha feira do libro en Arteixo, que tivo lugar no Paseo Fluvial, nas inmediacións do Centro Cívico, na que participaron diversas editoriais galegas e librarías da Coruña, Santiago de Compostela e Arteixo. Como colofón tivo lugar un encontro de escritores locais coa participación de Henrique Rabuñal, Francisco A. Vidal, Miguel Sande e Antón Castro.
Feira do Libro de Arteixo do ano 2000 |
Nesa altura a Biblioteca Central ía dar un importante paso coa informatización dos fondos bibliográficos e audiovisuais, feito polo que se converteu nunha das primeiras bibliotecas galegas de concellos de menos de 30.000 habitantes en presentar este servizo informático e a primeira da comarca coruñesa. No mes de abril de 2002 inaugurouse o préstamo dixital e en xuño o servizo de internet gratuito para o público.
A evolución posterior enmarca ao noso municipio nunha dinámica importante como referente en Galicia coa apertura de varios puntos máis de lectura e a informatización dos fondos, igual que outros concellos da comarca coruñesa, exemplos como o noso do bo facer en bibliotecas. Deste xeito, o 18 de marzo de 2005 o Concello inauguraba no Centro Social de Froxel unha nova Axencia de Lectura cun fondo de 2.500 volumes. Esta cuarta biblioteca municipal leva o nome de Francisco A. Vidal (Palmeira, 1957), escritor unido a Arteixo cun forte vencello.
Biblioteca 'Francisco A. Vidal' de Froxel |
Un ano máis tarde, o 10 de febreiro de 2006, inaugúrabase no centro de servizos sociais de Pastoriza o quinto punto de lectura municipal, unha biblioteca dedicada ao escritor e xornalista desta parroquia Miguel Sande (Pastoriza, 1961).
Biblioteca 'Miguel Sande' de Pastoriza |
E por último, o día 22 de decembro de 2014 inaugurábase o Centro Sociocultural de Meicende, un edificio no que, á parte de dispor de auditorio, unha aula de formación, cociña industrial e cafetería, tamén se ía instalar unha biblioteca dedicada ao escritor e xornalista Antón Castro (Lañas, 1959), Premio Nacional de Xornalismo Cultural en 2013.
Biblioteca 'Antón Castro' de Meicende |
No século XXI que habitamos as bibliotecas están máis vivas que nunca, porque souberon adaptarse aos tempos que lles tocou vivir. Os préstamos e consulta de libros deixou hai tempo de ser a única labor deste servizo público. Hoxe, quen achega os seus pasos a unha biblioteca municipal atopa diarios, música, películas, documentais… E os máis cativos continúan tendo o seu espazo, pois por un lado están os contacontos que se realizan nas cinco bibliotecas e, por outro, as visitas diarias dos escolares, que se organizan dende hai 17 anos. “Á biblioteca central veñen pola mañá, grupo por grupo, os alumnos do colexios Ponte dos Brozos, Arteixo e Galán. Os de San Xosé Obreiro visitan a biblioteca de Meicende”, indica o bibliotecario José Luis Alonso.
Alonso agradece “a todas as persoas usuarias dos primeiros tempos o seu traballo para sacar adiante a Biblioteca, así como a súa participación nas actividades e que hoxe acoden cos seus fillos e fillas. Tamén quero destacar que sempre fuximos dos números "récord" sobre a cantidade de libros, xa que preferimos un fondo que se utilice e se consulte a un número enorme de libros dos cales a meirande parte non se utiliza, polo que é máis doado ter un fondo vivo a través de adquisición de novidades que un fondo onde a maioría dos libros está obsoleto”.
Biblioteca Central 'Henrique Rabuñal' |
Rematamos esta crónica recordando que no calendario polo que actualmente nos rexemos, establecido como oficial no ano 1582 en virtude da reforma instaurada mediante a bula Inter Gravíssimas por parte do Papa Gregorio XIII, existen dúas datas, 23 de abril e 24 de outubro, de fonda significación cultural nas que o libro e as bibliotecas, respectivamente, adquiren un protagonismo esencial sendo obxecto de especial atención e alta consideración polas numerosas actividades, seminarios, simposios e feiras do libro organizadas precisamente para maior gloria e honor de libros e bibliotecas. Vaian dende aquí os nosos parabéns e agradecemento aos profesionais de antano e de hogano (José Luis Alonso, Eusebio Álvarez, José Antonio Álvarez, Juan García, Fidel Mouzo, Rosa Vizcaya e David Vizoso) da Rede Municipal de Bibliotecas de Arteixo que, día tras día, fixeron e fan posible o milagre de que as letras e as páxinas cobren vida nas mans de quen as descobre!
Longa vida ás bibliotecas!
FONTES:
ABELENDA LADO, DANIEL (2024): Tres décadas entre libros y tinta, La Opinión A Coruña, 13 de marzo.
ALONSO TORREIRO, JOSÉ LUIS (2009): 20 Anos de viaxe polas nosas bibliotecas, Concellería de Cultura, Concello de Arteixo.
_______
1 La Voz de Galicia, 27 de abril de 1994, páx. 45.
Ningún comentario:
Publicar un comentario