martes, 9 de abril de 2024

O SANTO AMARO DOS MOZOS E A FESTA DO ROSCÓN DE LAÑAS

   Con motivo da Festa do Roscón de Lañas que a asociación Fontesvellas organiza os días 13 e 14 de abril, nas Crónicas de Arteixo desta semana aproveitamos a ocasión para elaborar un dos nosos pratos favoritos, unha receita que ten de ingredientes... tradición, historia, festa e gastronomía.

   O ingrediente principal da receita de hoxe é Amaro, que foi un santo navegante galego que atopou a illa do Paraíso tras tenebrosa travesía atlántica. Así aparece nun texto portugués do século XIV e tamén nunha lenda que Uxío Carré Aldao recolleu na freguesía de Figueiroa (Abegondo) e publicou en 1925 no número 19 da Revista Nós, unha lenda e unha viaxe que ten moitas similitudes coa do san Brandán dos irlandeses, a do Balandrán de Asturias e mesmo coa do san Borondón, a illa que se move, nas Canarias.

    Segundo o argumento da lenda recollida por Carré en Figueiroa de Abegondo, Amaro era un nobre galego que, á morte dos seus proxenitores, herdou gran fortuna. Fai doazóns para a construción de mosteiros e hospitais, e practica a caridade cos máis necesitados. Dos cartos herdados só deixa para el a cantidade suficiente para fretar unha embarcación na procura da illa do Paraíso.

    Na compaña de varios tripulantes máis, emprende a peregrinación marítima na nave que bautizara co seu propio nome, onde, entregados por enteiro á mercé da misericordia divina, nin os ventos máis desatados nin as máis desfeitas e violentas tempestades fixeron minguar o ánimo dos viaxeiros, que seguiron entre duras e continuas penitencias a súa peregrinación durante días… meses… e anos, pregándolle acotío ao Señor que lles permitise realizar os seus desexos.

    Compadecéndose Deus de tanta constancia e tanta fe, permitiu que a nave de Amaro topase cun seguro e apracible areal nunha costa descoñecida e solitaria. Arriban na praia e, despois de pedirlle á tripulación que agardase alí a súa volta, Amaro principia un camiño cara ao interior daquela terra. O seu único compañeiro é un caxato de pau de toxo. Cheo de ousadía, camiña e camiña por un sendeiro enfesto ata chegar a unha serra impoñente que non se ofrecera ao seu ollar ao chegar no barco. Con fe inconmensurable, Amaro vence un tras outro os atrancos que se interpoñen no seu avance, alimentándose durante os días e as noites só coas raiceiras das plantas.

    Prosegue a andaina coa sensación de que o camiño se alonga segundo vai avanzando. Chega á cima dunha das montañas da serra e observa un val magnífico e colosal no que hai unha parede prateada e, no centro, unha porta de ouro á que chama o noso protagonista. Desde o interior, o patriarca Henoch, venerable vello de longas barbas brancas, abre a mira labrada na porta e pregunta quen era o ousado e atrevido que chama nas portas do Edén, lugar prohibido para os mortais. Díxolle Amaro o seu nome e o fin da súa viaxe, pregando humildemente autorización para penetrar, sequera fose por breves momentos, naquela paraxe do Paraíso. Replicoulle o ancián facéndolle saber que a súa demanda non podía ser atendida pois endexamais home en carne mortal podería entrar onde moran os xustos e benaventurados, e que o mellor que podía facer era dar a volta, que xa tivera fortuna abonda con chegar onde os ollos humanos non puxeran nunca a súa vista.

    Amaro continuou suplicando e Henoch outorgoulle por uns breves intres o seu desexo. Mais non ben tiña aplicada a súa vista o devoto peregrino no Edén, o ancián ordenoulle que deixase o sitio e se afastase, pois xa estivera mirando tempo suficiente e pechou a mira. O noso bo Amaro, todo cheo de aflición pola curta da súa contemplación, deu volta e retornou ao punto no que desembarcara, encontrándose cunha gran cidade en festas.

    Preguntoulles sorprendido aos moradores polo nome desta e quen e cando a ergueron, atopando a resposta de que a igrexa e a cidade tiñan de nome Santo Amaro e que a fundaran uns homes que chegaran nunha nave había 300 anos.

   - Con eles viña un home que se internou cara á serra e nunca volveu. Os seus acompañantes, seguindo as súas ordes, agardaron a súa volta e, ao se cumprir un ano da partida, comezaron a construír a cidade- dixeron os informadores.

    Amaro comprendeuno daquela todo. O que el supuxo uns breves instantes da súa vida foran 300 anos de eternidade. Dirixiuse á igrexa, rezou e narrou a fregueses e cregos o que acontecera. Tan pronto rematou o relato dos feitos, caeu morto.

    No conto deste viaxeiro que procura insistentemente o Paraíso aparecen unha chea de elementos que inducen a pensar na posibilidade da cristianización dun mito anterior. A longa viaxe, o océano misterioso, a ascensión á serra, o val murado de prata, a porta de ouro ou os 300 anos amosan a idea de que a viaxe non trata verdadeiramente da conquista dun paraíso, senón da metáfora que apunta cara a un camiño de aprendizaxe interior.

    Segundo Vítor Vaqueiro, posiblemente o nome de Amaro sexa de orixe celta e posúa o significado de inmortal e non é disparatado supoñer que a lenda que o acompaña teña a mesma orixe. Tamén hai quen apunta que o nome de Amaro vén do latín Maurus.

    Sexa dun xeito ou doutro, o certo é que a admiración e o culto a este santo varón séguese venerando en multitude de ermidas da Península, principalmente do noroeste, aínda que tamén podemos encontrar tallas e iconas de santo Amaro en lugares tan dispares ao norte peninsular como a capela que leva o seu nome no tinerfeño Puerto de la Cruz ou mesmo en Lisboa, onde a comunidade galega celebrou ata 1911 a romaría na capela (século XVI) a el dedicada na cidade lisboeta. Precisamente 111 anos despois, o 15 de xaneiro de 2022, a cidade de Ulises, Lisboa, porta de todos os camiños do mar, volveu celebrar o santo Amaro.

    Malia a súa gran devoción, cómpre sinalar que Amaro non ten presenza no calendario litúrxico da Igrexa católica. O admirado Xurxo Souto conta que como a súa sona era tan poderosa finalmente o identificaron co nome que máis se lle asemella foneticamente: san Mauro. Mais estas figuras nada teñen que ver entre si e por iso no conxunto das figuras e tallas de santo Amaro existentes nas capelas galegas a súa inicial iconografía foi suplantada pola de san Mauro: no lugar dun santo navegante aparece co caxato, o libro e mais o hábito de monxe beneditino, pois Mauro foi o primeiro discípulo de san Bieito.

    Na xeografía galega, a presenza de Amaro agroma por todas as partes. Dálle nome a un municipio da provincia de Ourense, na comarca do Carballiño, á praia e ao cemiterio da Coruña, a unha romaría moi celebrada en Matamá (Vigo), á feira que se celebraba na Silva, na parroquia de Rodís (Cerceda), e na Pobra do Caramiñal aínda se pode atopar a súa barca (de pedra, claro) coa que foi capaz de fuxir, río arriba, dos mouros que o perseguían.

    Mención á parte merece Lañas, parroquia arteixá festeira como poucas que á parte de celebrar, ben na igrexa románica do século XII ben na capela de San Bartolomeu, as festas na honra da santa Mariña, a súa patroa, o 18 de xullo, a da Virxe da Fátima o 13 de maio, e da Milagrosa o 27 de novembro, tamén festexa o santo Amaro. Iso si, faino dun xeito moi particular, xa que se celebra o Santo Amaro dos Vellos o 15 de xaneiro e o Santo Amaro dos Mozos en abril, dúas semanas despois da Pascua. Desde hai varios anos, canda o Santo Amaro dos Mozos (ou dos Novos) faise a popular Festa do Roscón de Lañas.

    As dúas funcións celébranse na capela de San Bartolomeu ou de Santo Amaro, erroneamente chamada por algunhas persoas de San Mauro. Segundo as informacións de Manuel Blanco, a pequena ermida fundouna María de Preguín, a finais do século XVI, sobre unhas herdades desta muller con obxecto de tela reparada e o encargo dunhas misas que haberían de dicirse na devandita capela anualmente.

 

Capela de San Bartolomeu ou Santo Amaro

  Precisamente nesta ermida hai unha imaxe que para uns é san Mauro e para outros santo Amaro, entre eles o crego Manuel Blanco: “En esta capilla existe una imagen del abad san Mauro aunque personalmente, creo que el origen de esta devoción debe referirse a San Amaro, el santo peregrino que se pierde en la leyenda y que, en Galicia, es sumamente popular a quien se invoca, especialmente contra los dolores de cabeza y reumáticos. Llegó su devoción hasta tal punto que, en esta capilla, se le honraba con dos funciones: San Amaro dos mozos e San Amaro dos vellos1.

  Como non podía ser doutro xeito, os ditos populares sobre este santo son moi abundantes:

O tío Amaro era xastre,

pero despois foi ladrón.

Non houbo xastre no mundo

que non roubase un calzón”.

 

Tanto me doi a cabeza,

tanto me doi que non paro.

Tanto me doi a cabeza

meu divino San Amaro”.

 

Imaxe de santo Amaro (Jaime Traba)

   Na parroquia de Lañas, os máis vellos do lugar afirman que o santo Amaro é avogoso das dores de cabeza e da reumática. Mais un momentiño, segundo nos contaron alí, o santo tamén intercede nos problemas de afouteza da virilidade masculina! O noso informante díxonos, ademais, que o santo Amaro debía de ser trenco xa que lle tiñan un dito:

Santo Amaro o trenco

foi aos mexillóns.

Resbaloulle un zoco

e partiu os coll..s”.

  Como dicíamos antes, canda o Santo Amaro dos Mozos a asociación Fontesvellas de Lañas organiza dende hai varios anos a popular Festa do Roscón. A data de celebración é ben doada de lembrar...

Poñede moita atención,

15 días despois da Pascua

é a Festa do Roscón

    Neste ano 2024 a asociación Fontesvellas programa a XIX edición da Festa do Roscón, que arranca este sábado 13 de abril coa II Festa da Xuventude. Os convidados desa noite serán Os Revenidos, DJ David Bermúdez e a disco móbil Impacto.

 

   A xornada seguinte, domingo 14, comezará a partir das 10:00 horas coa tradicional exaltación do produto estrela: as ‘roscas’ elaboradas polas panaderías locais de Agustín Fernández (Lañas), Carracedo (Chamín) e Rozas (A Groufa), ademais da ‘larpeira’ da Confitería Mari, de Pastoriza. Ás 13:15 realizarase a misa solemne na honra a Santo Amaro dos Mozos na capela e, posteriormente, sobre as 14:00 horas, dara comezo unha sesión vermú que será amenizada pola actuación de Xilo & Carlos. A festa seguirá a continuación co Xantar Popular e, despois de encher o bandullo, a partir das 18:00 horas será o momento de disfrutar da verbena que correrá a cargo de Xilo & Carlos e con ela poñerase fin a esta edición da Festa do Roscón.

 

   Vaian desde aquí os nosos parabéns á asociación Fontesvellas. Xente festixeira a de Lañas, abofé!

  Lañas mola!


___________

1 Vid. Manuel Blanco Rey (2008): Arteixo durante la II República y la Guerra Civil, Tomo II, Arteixo: Autoedición, p. 1036.

Ningún comentario:

Publicar un comentario