martes, 16 de abril de 2024

100 ANOS DE VIDA DA "SOCIEDAD RECREATIVA E INSTRUCTIVA LA ESPERANZA DE MEICENDE"

  O protagonismo das Crónicas de Arteixo desta semana é para a “Sociedad Recreativa e Instructiva La Esperanza de Meicende”, unha entidade que nos vindeiros días cumprirá nada máis e nada menos que un século de vida!

Escudo do Sporting Meicende

    Dada a proximidade coa Coruña, a parroquia de Pastoriza foi o primeiro lugar de Arteixo onde se empezou a xogar ao fútbol dun xeito máis ou menos serio hai agora 100 anos. Tempo atrás, a rapazada desta parte do noso municipio fora testemuña da efervescencia do balompé herculino ao acudir de xeito habitual a ver os partidos que se xogaban na Gaiteira, en Riazor, na Silva, na Moura, no Ventorrillo ou na Grela.

   Entre esa rapazada de seguro que se encontraban os irmáns Rogelio, Arturo e Manolo Míguez ou Héctor Núñez, cativos de Meicende que nalgúns casos pouco tardaron en emigrar ao Uruguai, onde casaron e empezaron unha nova vida. Curiosamente un dos fillos de Manolo Míguez, Óscar Omar, íase proclamar anos máis tarde campión do mundo coa selección charrúa ao gañar o Mundial de 1950 celebrado no Brasil no famoso “maracanazo”. Tamén, un dos fillos de Héctor Núñez, o que bautizou co seu mesmo nome, chegaría a ser futbolista profesional, tendo unha afamada carreira como xogador do Nacional de Montevideo e do Valencia C.F., e, unha vez retirado, como adestrador de equipos coma o Rayo Vallecano, Atlético de Madrid ou U.D. Las Palmas. Mais de todo isto xa falaremos noutra ocasión.

    Continuando cos comezos da práctica do fútbol en Pastoriza, sabemos que Arturo Míguez1 e Generoso Veira eran, respectivamente, o presidente e o secretario da “Sociedad Recreativa de Pastoriza, Borroa y Meicende La Armonía” constituída en plena ditadura de Primo de Rivera, o 19 de abril de 1924, no lugar do Santuario. Segundo o apartado 2 dos estatutos desta entidade:Esta Sociedad, como su título lo indica, tiene por objeto servir de distracción y recreo a sus asociados, apartándolos de los sitios, lugares y diversiones ilícitas y perniciosas a la salud y moral”. O apartado 3 do regulamento interno de “La Armonía” xa se centraba máis na práctica do deporte dicindo que: “Para cumplir los fines indicados en el capítulo anterior, constituirá dos o más equipos de foot-ball, que llevará el nombre de “Club Colón F.C.” y se distinguirán por el primero, segundo, tercero, etc., que jugarán partidos los domingos por la tarde con otros de la localidad, alquilando un terreno para la celebración de estos partidos en Pastoriza. Además se darán bailes honestos para los socios y sus familias, sin que nunca puedan exceder de dos al mes.”

    En Meicende temos constancia de que polo ano 1923 había no lugar dous equipos que xogaban entre si para tratar de emular as filigranas que facían os futbolistas dos equipos da Coruña. Un deles era o Sporting, que fora fundado por Marcelino González e Antonio Ponte, e os seus integrantes residían maioritariamente na zona do Torral. O outro era La Esperanza, que eran do propio Meicende. Naquela hora, a falta de recursos era enorme e os medios para practicar o novo deporte case inexistentes. Xogábase co que se podía. Ter un balón por aquel entón non era doado, era practicamente un soño, polo que había que xogar con calquera cousa que se asemellase a algo redondo, caso das pelotas que se facían de trapos. 

 

Cadro dedicado a Marcelino González e a Antonio Ponte

    O lugar de Meicende daqueles primeiros anos vinte do século pasado non era, nin por asomo, o actual, que empezaría a cambiar radicalmente a súa fisionomía a raíz da construción da refinería2. Mais, antes de que acontecese isto, antes de que boa parte deses terreos fosen fagocitados polo cemento, Meicende era xunto A Silva, A Grela, A Moura e A Fontenova, das terras máis fecundas de toda a bisbarra herculina.

  Naqueles tempos, os mesmos nos que os romeiros que se dirixían a Pastoriza peregrinaban entre os campos de trigo que hoxe ocupan as instalacións petroleiras, aqueles dous equipos do lugar decidirían fusionarse, constituíndo, o 20 de abril de 1924 -curiosamente o día seguinte de facelo “La Armonía”-, a “Sociedad Recreativa e Instructiva La Esperanza de Meicende”. Cun calco dos estatutos dos seus veciños, o artigo número 3 desta entidade apuntaba que... “para cumplir los fines indicados en el artículo anterior, constituirá dos o más equipos de foot-ball, que llevarán el nombre de Club Sporting Meicende y se distinguirán por el primero, segundo, tercero, etc, que jugarán partidos los domingos y días festivos con otros de la localidad o de fuera de ella alquilando, cuando pueda, un terreno destinado a la celebración de dichos partidos en Meicende. Además se harán bailes honestos para los socios y sus familias, sin que nunca excedan de dos al mes”. 

 

Estatutos da sociedade "La Esperanza"

    O presidente da Comisión encargada de elaborar o nomeado regulamento interno fora Baldomero González Corredoira, coñecido por ‘Baldomero de Martela’, quen a mediados dos anos trinta montaría un salón de baile no lugar do Sixto. Mais a persoa que pasou á historia por ser o primeiro presidente da asociación, unha vez aprobada e dada de alta no Goberno Civil, fora Arizmendi Meirás Amor, ao que, no mes de agosto dese mesmo ano de 1924, lle daría a remuda na presidencia Ángel Martínez.

    ConstituídasLa Armonía” e “La Esperanza”, é probable que os seus respectivos equipos do Club Colón F.C. e do Sporting Meicende non tardasen en xogar os primeiros derbis parroquiais entre eles, mais, desafortunadamente, non podemos ofrecer información ningunha sobre este particular. Pola contra, si que temos datos dun dos enfrontamentos, se cadra o primeiro, do conxunto de Meicende, o que aparece reflectido nas páxinas de La Voz de Galicia na primavera dese ano: “En Cambre. Mañana domingo jugarán un match en aquella villa los equipos ‘Cacabelos’ y ‘Meicende’. Comenzará el partido a las cuatro de la tarde”3 .

    Segundo nos contou Sergio Naya, veciño de Meicende nacido no lugar no Sixto en 1949, o primeiro local social que tivo “La Esperanza” estaba no lugar que hoxe ocupa o edificio número 127 da Travesía de Meicende. Seica era unha casa pequena con pranta baixa e un pequeno piso de madeira no que a sociedade estaba de alugueiro. Alí os socios facían as oportunas xuntanzas e algún que outro xantar, e mesmo foron vítimas dos cacos da época :

El vecino del lugar de Meicende, en Pastoriza (Arteijo), Francisco Pardo Alvedro, en la madrugada de ayer le sustrajeron de un pequeño establecimiento que tiene en aquel término, cien pesetas en metálico, seis chorizos y un queso. Los autores penetraron en la tienda por una pequeña ventanilla que comunica con el portal, destinada a la venta de billetes para el salón de baile que existe en el primer piso perteneciente a la sociedad “La Esperanza” de Meicende.
Había en el establecimiento numerosos comestibles que los cacos no llevaron.
A pesar de las gestiones practicadas por la Benemérita, no se pudo averiguar por el momento quienes sean los autores del robo". 4
Lugar no que estaba o primeiro local da sociedade "La Esperanza"

    A nivel futbolístico, o once de Meicende xogaba varios partidos amigables ao ano e ocasionalmente participaba nalgún torneo coma o disputado durante os meses de outubro e novembro de 1934 entre o propio Sporting Meicende, Sporting Pastoriza, España do Birloque, o Mesoiro e o Poca Pena F.C. da Grela. Un campionato organizado por estes últimos, o primeiro da historia con presenza de equipos arteixáns, que se acabaría adxudicando o anfitrión, o equipo da hoxe desaparecida aldea da Grela.

   Recordamos esta etapa do protofútbol de Meicende cunha listaxe dos partidos xogados dende xuño de 1924 ata os día previos do comezo da Guerra Civil, polo cadro da localidade arteixá que atopamos nas páxinas do xornal La Voz de Galicia, onde en moitos casos só se fai mención do enfrontamento mais non do resultado final:

DATA/ LUGAR/ PARTIDO

07.06.1924/ Cambre/ Cacabelos-Sporting Meicende: ?

10.07.1926/ Meicende/ Sporting Meicende-Visma F.C.: ?

21.03.1927/ A Silva/ Sporting Silva-Sporting Meicende: 2-0

29.03.1927/ Meicende/ Sporting Meicende-Racing Grela: 2-2

26.04.1930/ Meicende/ Sporting Meicende-Poca Pena A Grela: ?

18.06.1933/ A Grela/ Poca Pena A Grela-Sporting Meicende: ?

15.02.1934/ Meicende/ Sporting Meicende-Once Guacamayos: ?

11.03.1934/ Meicende/ Sporting Meicende-Deportivo Alameda: ?

21.04.1934/ Meicende/ Sporting Meicende-As F.C.: 1-1

29.04.1934/ Arteixo/ Penouqueira-Sporting Meicende: ?

19.10.1934/ A Grela/ España Birloque-Sporting Meicende: 2-0

03.11.1934/ A Grela/ Sporting Mesoiro-Sporting Meicende: 2-2

07.11.1934/ Cee/ Cee-Sporting Meicende: ?

10.11.1934/ A Grela/ Poca Pena A Grela-Sporting Meicende: ?

23.11.1934/ A Grela/ Sporting Meicende-Sporting Pastoriza: ?

07.12.1934/ Meicende/ Sporting Meicende-Libertad F.C.: ?

16.12.1934/ Meicende/ Sporting Meicende-Sporting Lancé: ?

24.01.1935/ Meicende/ Sporting Meicende-Unión Obrera S.D.: 1-4

30.10.1935/ Meicende/ Sporting Meicende-Unión Obrera S.D.: 1-0

07.05.1936/ Mabegondo/ Sporting Meicende-Betanzos: 1-1

17.06.1936/ Cee/ Cee-Sporting Meicende: ?

03.07.1936/ Meicende/ Sporting Meicende-Unión A Grela: 5-3

   Despois da Guerra Civil “La Esperanza” retomaría pouco a pouco a súa actividade. As miras de futuro dos directivos daquela hora estaban encamiñadas a conseguir un local social en propiedade. Mais había socios que querían continuar de alugueiro no piso no que facían xuntanzas e bailes. Pola contra, outros optaban por buscar un soar para construír un edificio en propiedade. Sergio Naya recorda que na pranta baixa deste antigo inmoble montou o seu negocio Alfredo, un barbeiro que traballou alí durante moitos anos, e tamén nos contou que “detrás deste edificio había un portalón que daba para o lugar no que vivían os propietarios da casa.

    Andando no tempo, despois de varias asambleas e votacións, chegouse á conclusión de adquirir un terreo na zona das Casas Novas, onde a Sociedade “La Esperanza” empezaría a construír o seu novo local social a finais da década dos cincuenta. Naqueles tempos dispoñían dun fondo de cinco ou seis mil pesetas e, ademais, tamén recadaron diñeiro de socios que estaban en Venezuela, que mandaban os cartos para axuda da entidade a través de Antonio Regueira, coñecido familiarmente por “Chandeira”.

 

Grupo de socios no terreo adquirido para a construción do novo local de "La Esperanza"

    Unha vez adquirido o terreo, moitos dos socios que eran labradores ían á praia de Bens a buscar area para construír a nova sede social de “La Esperanza”, local que era de planta baixa e que se inaugura oficialmente en febreiro de 1960 coa bendición a cargo de don José Lourido, cura párroco de Pastoriza homenaxeado a título póstumo por ser impulsor e promotor do complexo educativo e social San Xosé Obreiro de Meicende.

   Para acceder a este local había que subir un par de chanzos de pedra de cantería e, nada mais entrar, na parede da esquerda, había un par de vitrinas, unha delas coas copas da entidade e a outra con dominós, xogos de xadrez, etc. No outro lado do local podíase ver outra vitrina onde estaba o aparato de radio, elemento esencial naquela hora xa que a televisión por aqueles días aínda estaba en cueiros.

    Ao fondo do local estaba o escenario. Alí actuaron, principalmente polo Entroido, orquestras como a Radio, a Spallant ou mesmo Carlos Díaz Gestal, O Xestal, músico, humorista, e, sobre todo, “contador de contos” moi querido na nosa bisbarra e en toda Galicia. Á dereita do escenario había unha porta que daba para o que era unha especie de ambigú.

 

Local social de "La Esperanza" inaugurado en 1960

    Naquela época, as primeiras retransmisións dos partidos de fútbol pola televisión xunto ao éxito dos torneos e partidos amigables que se facían no verán, cunha afluencia masiva de seareiros que xa quixeran ter moitos dos equipos que na actualidade disputan a Rexional Preferente ou mesmo a Terceira División, ían levar a varios clubs de Arteixo e da Laracha a solicitarlle, a principios da década dos 60, á Federación Galega de Fútbol a súa participación en competicións oficiais coa pretensión de ter unha Liga propia como xa tiñan dende 1940 os da Capital e tamén os das Mariñas.

    As directivas das diferentes entidades da nosa zona querían que eses derbis Sporting Meicende-Pastoriza ou Paiosaco-Laracha, que se xogaban nas festas do verán cunha acentuada rivalidade, tivesen en xogo algo máis que un trofeo. Querían xogar dous puntos cada domingo nunha competición oficial e ter a oportunidade de ver ao seu equipo rival con menos puntuación na táboa clasificatoria, rivalidade que por aqueles días tamén se levaba a cabo no chamado Campionato Infantil de Catecismo que organizaran os párrocos da zona, no que participaron equipos representativos de Pastoriza, que tamén contaba cos rapaces das freguesías de Oseiro e Suevos, Morás, Loureda, Larín, Arteixo -onde o seu equipo xogaba baixo o apelativo de Escarabajo-, Paiosaco e A Laracha.

    É aí cando, a principios de 1961, baixo a tutela e impulso de Fernando Insua García, máis coñecido polos alcumes de ‘Finga’ ou ‘Gido’, decídese organizar un torneo ligueiro que se empezaría a disputar no verán dese mesmo ano. Con ese torneo estaba previsto que a Federación Galega avaliase o nivel deportivo e de instalacións dos clubs participantes para, deste xeito, saber cales cumprían os requisitos esixidos para entrar a formar parte dun futuro e hipotético campionato federado.

    Fernando Insua, que estaba farto do traballo de organizar partidos amigables e de buscar equipos para xogaren os trofeos das festas, saíra coa súa. Había tempo que pelexaba por un torneo longo para ver competir todos os domingos ao seu querido Atlético Arteixo, que fundara xunto ao seu amigo Eduardo Martínez había xa doce anos. O bar de seus pais, o Insua, máis coñecido polo bar do Muiñeiro, fora o centro neurálxico das conversas mantidas cos representantes das outras entidades para falar da competición e establecer o regulamento do campionato que, grazas ao empeño de Fernando, botaba a andar o domingo 2 de xullo de 1961.

    Un total de oito equipos, Sporting Meicende, Pastoriza, Oseiro, Relámpago da Catuxa, Atlético Arteixo, Peñarol de Lañas, Paiosaco e Laracha ían xogar aquel torneo, aquela especie de liga de peñas actual á que se denominou Torneo de Preparación e que verdadeiramente foi a antesala do fútbol federado en Arteixo e na Laracha. O Penouqueira, un dos históricos da zona, decidira non intervir nesta competición porque xa lle solicitara praza á Federación Galega para empezar a xogar na Liga das Mariñas, na que ía debutar o 7 de xaneiro de 1962. Tampouco o fixeran nin o Campanal de Loureda nin o Sporting Uxes, dous dos equipos que un ano máis tarde formarían parte do primeiro campionato federado da zona.

    O luns 3 de xullo de 1961, nas páxinas do semanario deportivo Riazor aparecía a seguinte información: “’Torneo-Preparación’ en Arteijo-Laracha. Dio comienzo en esta zona un torneo de Liga con el fin de hacer una competición oficial al concluir esta”. O soño de Fernando Insua facíase realidade co inicio do torneo entre as oito entidades participantes, unha competición que se ía desenvolver con moita expectación e numerosa afluencia de público en cada un dos partidos das catorce xornadas disputadas. O fútbol xogado xa foi outro canto. Os campos eran deficientes e de dimensións reducidas, o que supoñía a dificultade para realizar un xogo aceptable e que predominasen os roces e choques entre os xogadores, feitos que de cando en vez provocarían algunha que outra tangana.

    As crónicas semanais deste torneo ligueiro de peñas, que eran escritas no semanario Riazor por Fernando Insua García baixo o pseudónimo de Finga5, eran agardadas con impaciencia en toda a bisbarra para coñecer o que acontecera en cada xornada. Sen sabelo, aqueles precursores do noso balompé máis próximo estaban sentando as bases do fútbol federado, uns aventureiros que no caso do Sporting Meicende foron Vilas, Balay I e Gago (porteiros), Hermida, Gelín, Pena, Aureliano, Ricardo, Chandeira, Linito, Paco, Zas, Cuña, Pan, Martínez, Laureano, Blanco, Suárez, Gorecho, Piña, Balay II e Figueroa, que foron os futbolistas que disputaron o Torneo de Preparación dende xullo ata outubro de 1961, no que o cadro que hoxe homenaxeamos acadou a quinta posición da táboa clasificatoria.

 

O Sporting Meicende na 4ª xornada do Torneo de Preparación. Arriba, de esquerda a dereita, Chandeira -adestrador-, Vilas, Ricardo, Gelín, Pena, Lino, Paco e Yuco -masaxista-. Abaixo, na mesma orde, Piña, Cuña, Figueroa, Jorecho e Blanco.

    Finalizado o Torneo de Preparación, no verán do ano seguinte, en 1962, Atlético Arteixo, Campanal de Loureda, Paiosaco e Sporting Uxes disputan a primeira Liga federada da zona, campionato que gañarían os da Feira. No verán do 63 os mesmos catro equipos xogan a segunda edición da Liga de Arteixo, competición que volvería a gañar o Paiosaco. Un novo equipo, o Pastoriza, entraba a formar parte do torneo ligueiro do ano 1964, sendo precisamente os do Santuario os que levantarían o título de campión.

    A parte dos cinco que xa viñan participando na competición, sete novos equipos incorporaríanse en 1965 á Liga de Arteixo: Larín, Oseiro, Penouqueira, que participara varios anos no campionato das Mariñas, Peñarol de Lañas, Catuxa, Suevos e o propio Sporting Meicende, que debutaba na competición ligueira vencendo en Lañas por 3-4. Na crónica daquel histórico primeiro partido oficial, o semanario Riazor escribía:

PEÑAROL, 3 - MEICENDE, 4
Buen partido el disputado por estos dos equipos, pues durante el encuentro las fuerzas estuvieron muy niveladas, aunque el Peñarol llegara a tener ventaja de dos goles a su favor; a partir de entonces, el Meicende empezó a mandar en el campo, fruto de lo cual fue un penalty contra el equipo local que fue fallado por el interior Vilas.
A los 25 minutos de la primera parte marcó para el Peñarol Zapateiro; diez minutos más tarde consigue el Peñarol otro gol por medio de Pedro. A los 40, el Meicende logra acortar distancias al marcar Quique. Con el resultado de 2-1 finalizaría la primera mitad.
A los 2 minutos de la segunda parte, Quique consigue nivelar el partido a dos goles. Ocho minutos más tarde, Lañas consigue el tercer gol para el Peñarol, pero a los 20, Quique consigue de nuevo el empate, y faltando 10 minutos para el final, Vilas consigue el que había de ser el gol de la victoria para el Meicende.
Destacaron por el Meicende, Calico, Paco y Quique, como goleador, y Borbolla.
Alineaciones:
PEÑAROL.- Tato; Quiño, Lisandre, Pepe; Zapateiro I, Groufo; Requeira, Ramón, Boedo, Varela y Zapateiro II.
MEICENDE.- Enrique; Fernando I, Quiño, Galico; Quique, Paco; Borbolla, Canario, Figueroa, Vilas y Peteiro.
Buen arbitraje del señor Mouzón6.

 

  O Sporting Meicende disputou as súas primeiras temporadas como equipo federado no chamado “Pé de Borroja”, xogando a partir de 1968 nas novas instalacións que a Federación Galega construiu precisamente en Meicende.

 

Imaxes da inauguración do campo de Meicende (Semario Riazor, 22 de xaneiro de 1968)

    E así foron transcorrendo os anos ata finais de 1972, que foi cando a Sociedade 'La Esperanza' decide proxectar un novo local social no mesmo sitio no que estaba o anterior que se ía construír, unha vez máis, coa máxima colaboración, tanto economicamente como co seu traballo, dos seus socios.

    Na nova sede, que é o edificio que podedes ver actualmente xusto en fronte da parada de taxis de Meicende, os socios da entidade celebran estos días o centenario do nacemento de “La Esperanza”. Pasade por alí e, mentres tomades un café no bar da sociedade, de seguro que escoitades algún conto dos socios máis veteranos... porque cen anos dan para moito, abofé! Vaian dende aquí os nosos parabéns por este século de vida.

 

Imaxe actual do local social de "La Esperanza"

  Rematamos esta pequena homenaxe lembrando as clasificacións históricas do Sporting Meicende, o equipo de fútbol da sociedade "La Esperanza", dende que se federou.

 

SPORTING MEICENDE:


1964/65: 4º na Liga Zona de Arteixo (División única).

1965/66: 8º na Liga Zona de Arteixo (División única).

1966/67: 3º na 1ª División Liga Zona de Arteixo.

1967/68: 4º na 1ª División Liga Zona de Arteixo.

1968/69: 4ª na Liga Zona de Arteixo (División única).

1969/70: 4º na Liga Zona de Arteixo (División única).

1970/71: 6º na Liga Zona de Arteixo (División única).

1971/72: 6º na Liga Zona de Arteixo (División única).

1972/73: 9º na Liga Zona de Arteixo (División única).

1973/74: 7º na Liga Zona de Arteixo (División única).

1974/75: 5º na Liga Zona de Arteixo (División única).

1975/76: 5º na Liga Zona de Arteixo (División única).

1976/77: 10º no Grupo 2º da 2ª Rexional.

1977/78: 2º no Grupo 1º da 3ª Rexional.

1978/79: 9º no Grupo 2º da 2ª Rexional.

1979/80: 5º no Grupo 2º da 2ª Rexional.

1980/81: 13º no Grupo 2º da 2ª Rexional.

1981/82: 8º no Grupo 2º da 2ª Rexional.

1982/83: 2º no Grupo 1º da 2ª Rexional.

1983/84: 4º no Grupo 1º da 1ª Rexional.

1984/85: 7º no Grupo 1º da 1ª Rexional.

1985/86: 13º no Grupo 1º A da 1ª Rexional.

1986/87: 2º no Grupo 1º da 2ª Rexional.

1987/88: 9º no Grupo 1º A da 1ª Rexional.

1988/89: 8º no Grupo 1º A da 1ª Rexional.

1989/90: 9º no Grupo 1º A da 1ª Rexional.

1990/91: 9º no Grupo 1º A da 1ª Rexional.

1991/92: 8º no Grupo 1º da 2ª Rexional.

1992/93: 12º no Grupo 1º da 2ª Rexional.

1993/94: 7º no Grupo 1º da 2ª Rexional.

1994/95: 10º no Grupo 1º da 2ª Rexional.

1995/96: 3º no Grupo 1º da 2ª Rexional.

1996/97: 3º no Grupo 1º da 2ª Rexional.

1997/98: 1º no Grupo 1º da 2ª Rexional.

1998/99: 3º no Grupo 1º da 1ª Rexional.

1999/00: 8º no Grupo 1º da 1ª Rexional.

2000/01: 7º no Grupo 1º da 1ª Rexional.

2001/02: 3º no Grupo 1º da 1ª Rexional.

2002/03: 11º no Grupo 1º da 1ª Rexional.

2003/04: 18º no Grupo 1º da 1ª Rexional.

2004/05: 14º no Grupo 1º da 2ª Rexional.

2005/06: 6º no Grupo 3º da 3ª Rexional.

2006/07: 5º no Grupo 3º da 3ª Autonómica.

2007/08: 14º no Grupo 3º da 3ª Autonómica.

2008/09: 14º no Grupo 4º da 3ª Autonómica.

2009/10: 9º no Grupo 3º da 3ª Autonómica.

2010/11: 3º no Grupo 3º da 3ª Autonómica.

2011/12: 14º no Grupo 2º da 2ª Autonómica.

2012/13: 17º no Grupo 2º da 2ª Autonómica.

2013/14: 8º no Grupo 2º da 3ª Autonómica.

2014/15: 1º no Grupo 2º da 3ª Autonómica.

2015/16: 14º no Grupo 2º da 2ª Autonómica.

2016/17: 1º no Grupo 2º da 3ª Autonómica.

2017/18: 11º no Grupo 1º da 2ª Galicia.

2018/19: 2º no Grupo 1º da 2ª Galicia.

2019/20: 13º no Grupo A Coruña-Ferrol da 1ª Galicia.

2020/21: Sen competir por COVID

2021/22: 7º no Grupo 1B A Coruña-Ferrol da 1ª Galicia.

2022/23: 3º no Grupo A Coruña-Mariñas-Interior da 2ª Galicia.


SPORTING MEICENDE “B”:

 

2018/19: 10º no Grupo 2º Mariñas-Arteixo da 3ª Galicia.

2019/20: 4º no Grupo 3º Mariñas-Arteixo da 3ª Galicia.

2020/21: Sen competir por COVID

2021/22: 2º no Grupo A Coruña da 3ª Galicia.

2022/23: 7º no Grupo 3º Mariñas-Arteixo da 3ª Galicia.


SPORTING MEICENDE FEMININO:

 

2022/23: 2º na 2ª División da Liga Galega.


____________

1 Non podemos confirmar se se trata do mesmo Arturo Míguez que nomeamos no parágrafo anterior.

2 A refinería de Meicende sería inaugurada en setembro de 1964.

3 Vid. La Voz de Galicia, 7 de xuño de 1924, páx. 2.

4 Vid. El Correo gallego, 11 de marzo de 1933, páx. 2.

5 O pseudónimo Finga viña dado polas primeiras letras do nome e apelidos de Fernando INsua GArcía.

6 Semanario Riazor, 1 de febreiro de 1965, páx. 8.

2 comentarios:

  1. Cantas horas pasei nese campo e cantos partidazos ali disfrutei...!
    Excellente articulo...!

    ResponderEliminar