Dende que abrimos este espazo en setembro de 2014 recibimos varios correos electrónicos de netos ou bisnetos de emigrantes do noso municipio pedíndonos axuda, dende diferentes puntos do planeta, para localizar a familiares de Arteixo.
O pasado 4 de marzo escribiunos Raquel Wrobleuski dende Arxentina contando que levaba moito tempo axudándolle a armar a árbore xenealóxica a súa amiga Virginia Sánchez Bermúdez, uruguaia que leva máis de vinte anos residindo en Italia. Entre outras cousas, no seu e-mail Raquel indicábanos o seguinte:
“Me atrevo a escribirle, ya que sigo su Instagram, leo sus publicaciones, y quizás pueda indicarnos donde buscar mas info sobre Manuel Sánchez Lago y su descendencia.
Otro dato que puedo brindar es que los abuelos de Manuel Sánchez Lago eran... abuelos paternos: Agustín Sánchez Varela y Benita Maceiras Rega, naturales de Arteixo, y abuelos maternos: Juan Lago Castro y Francisca Pedreira Rumbo, naturales de Chamín.
Desde ya, cualquier información que pueda brindarnos para poder seguir investigando le estaré agradecida.
Sin mas me despido con un saludo cordial, disculpe ud el atrevimiento, ya no sabemos donde mas buscar”.
Ao pouco de recibir o correo caemos na conta de cal era a familia que andaban buscando Raquel e Virginia: os Lago da Catuxa, que están unidos en parentesco cos Lago de Chamín.
Como era lóxico, antes de contestarlle a Raquel Wrobleuski, chamamos ao noso amigo Pepe Sánchez Lago, con quen nos une unha boa amistade dende hai anos, especialmente dende que o realizador arteixán Fran Naveira e un servidor gravamos en 2018 o documental “Un raio chamado Catuxa”, audiovisual no que Pepe é un dos protagonistas.
Chamámolo por teléfono e explicámoslle o que nos acontecera, contándolle polo miúdo o que nos pedían dende ese triángulo migratorio con sedes de busca “tipo Paco Lobatón” na Arxentina, en Italia e no Uruguai. Sorprendido polo que acababa de escoitar, o que escribe agardaba polo consentimento de Pepe para contestarlle a Raquel e decirlle que, efectivamente, coñecíamos á familia de Manuel Sánchez Lago que andaban buscando ela e a súa amiga Virginia.
-Xabier, agarda un momento. Está entrando a miña filla María pola porta. Repítelle por favor o que me acabas de contar a min-, dinos Pepe.
Repetímoslle á súa filla a secuencia dos feitos. Rematado o noso testemuño, cun pouso de alegría e certo aire de emotividade na súa voz, dinos María:
-Si, si, queremos coñecer a esa parte da familia. Pásalles o meu teléfono e o meu correo electrónico.
Así o fixemos. Nese mesmo día xa lle contestamos a Raquel, quen, horas despois, contábanos o seguinte en sendos correos electrónicos:
Infinitas gracias!! Ya le pase la información a mi amiga y ella a sus hermanos y primas y están felices de haber obtenido esta información tan importante. Están profundamente emocionados. Mi amiga Virginia le escribió por WhatsApp a María desde Italia. Nuevamente muchas gracias por toda la molestia que se tomó. Saludos cordiales en mi caso desde Argentina.
De nuevo muchas gracias. Ya están en contacto Virginia y María. Por mi parte inmensamente agradecida. Creo que tendrán horas y días de charlas, faltaba una parte de la familia de Virginia, y gracias a Usted, se completa la historia. Llevo varios meses recopilando datos, muchas puertas cerradas, pero como dice el dicho cuando se cierra una puerta se abre una ventana. Di con el contacto justo, que tenía los datos de la historia que faltaba. Es un final feliz! Ahora pueden reescribir la parte que faltaba de ambos lados!
Moi agradecida e emocionada, ao día seguinte Virginia Sánchez Bermúdez contacta con nós a través do Instagram:
“Sólo te digo gracias, mil gracias por ayudarme a cumplir el sueño de mi papá y mis abuelos. Son dos días que no paro de llorar. Super emocionada. Vivo en Toscana hace 21 años ya. Mi abuelo Marcelino emigró y nunca más volvió (a Galicia). Murió con ese dolor. Estoy en el trabajo y no paro de mirar el documental (Virginia referíase a “Un raio chamado Catuxa” e mándanos un pantallazo no que a ve a Pepe Sánchez Lago). Yo no entiendo casi nada, pero me encanta”.
Nos días posteriores Virginia e un servidor cruzámonos varios Whats´App con abondosa información e fotografías dos seus antepasados que resumimos deseguido.
A nosa protagonista italo-uruguaia é neta de Marcelino Sánchez Lago que naceu na Catuxa en 1894, no que hoxe é Avenida de Caión, nunha fermosa casa de pedra que podemos ver actualmente restaurada ao carón da marquesiña do lugar.
![]() |
| Imaxe actual da casa na que naceu Marcelino Sánchez Lago, avó de Virginia |
Marcelino era fillo de Francisco Sánchez Maceiras (natural de Candame, fillo de Agustín Sánchez e Benita Maceiras) e de Isabel Lago Pedreira (natural de Chamín, filla de Juan Lago e Francisca Pedreira. Isabel era tía de Manuel Lago Pazos, o popular Tío Lago de Chamín, a quen lle adicamos no seu momento esta crónica: https://cronicasdearteixo.blogspot.com/2019/05/o-tio-lago-de-chamin.html)
Francisco Sánchez Maceiras e Isabel Lago Pedreira casaron na igrexa de San Pedro de Sorrizo en 1893 (Francisco en segundas nupcias) e estableceron o seu domicilio na Catuxa nunha casa na que viñeron ao mundo Marcelino (1894), Dolores (1898), María (1902) e Manuel Sánchez Lago (1904).
Os maiores da prole, Marcelino e Dolores, emigraron de moi noviños a América. Primeiramente marchou ela ao Uruguai e despois faríao el a Arxentina, onde estaría un ano e pico ata que, finalmente, se estableceu en Montevideo xunto a súa irmá Dolores.
Na Catuxa quedaron seus pais e seus irmáns María e Manuel, familia coa que mantiveron comunicación postal durante as primeiras décadas de 1900, ata que un día deixaron de recibirse cartas a un e a outro lado do Atlántico perdéndose o contacto para sempre.
En Montevideo Marcelino e Dolores formaron a súa propia familia. Dolores casou con Faustino Martínez Peña, un panadeiro da zona de Ferrol co que tivo catro fillos: Violeta, Olga, Faustino e Julia Martínez Sánchez.
Pola súa banda, Marcelino, que traballou na panadería de seu cuñado e súa irmá, casou con Rogelia Pereyra, uruguaia da cidade de Rocha, capital do departamento homónimo. Do matrimonio de Marcelino e Rogelia naceron nove fillos: Amelia, Reina Isabel, Marcelino Alberto, Julia Elvira, Alberto, Ángel, Faustino, Julio e Juan José Sánchez Pereyra, este último pai da protagonista das Crónicas de Arteixo desta semana, a nosa prezada Virginia Sánchez Bermúdez.
![]() |
| Marcelino Sánchez Lago (Cortesía da súa neta Virginia Sánchez Bermúdez) |
![]() |
| Rogelia Pereyra (Cortesía da súa neta Virginia Sánchez Bermúdez) |
Os dous irmáns que quedaron en Arteixo tamén ían formar a súa propia familia. María casou en Morás con Juan Pombo Vázquez e foron pais de Carmen, Fernando, José, Julia e Manuela Pombo Sánchez. E Manuel, que foi o que seguiu vivindo na casa familiar da Catuxa, casou con Julia Lago Rodríguez, filla do Tío Lago de Chamín, e tiveron catro fillos: Francisco, Manuel, José (que vén sendo o noso prezado Pepe, protagonista do documental “Un raio chamado Catuxa”) e Anunciación Sánchez Lago.
Logo de wasapear con ela durante varios días e de reiterarnos a súa emoción polo feito de localizar a súa familia de Arteixo, Virginia díxonos que non podía agardar máis e que ansiaba poñer pé na terra que vira nacer ao seu avó Marcelino e coñecer, por fin, aos da súa sangue. Así, en quente, comunicounos que chegaba ao aeroporto de Alvedro o venres 27 de marzo para pasar aquí toda a fin de semana.
Contactamos con María, a filla de Pepe, e confirmounos que efectivamente xa tiñan todo organizado e que se hospedaría no seu domicilio.
-Chegará sobre as cinco ao aeroporto. Pásate despois pola casa de meus pais-, dinos María.
E así o fixemos. Sobre as 20:30 chegamos ao domicilio dos Sánchez Castro, situado xusto en fronte da casa na que nacera o avó de Virginia e tamén a mesma na que veu ao mundo Pepe Sánchez Lago. Alí estaban María, o seu marido José Luis, Martín e Diego (os dous fillos do matrimonio), Pepe Sánchez, a súa dona Carmen Castro e si, alí estaba Virginia, que dende ese día xa é unha arteixá máis. Emoción profunda ao vernos por primeira vez, abofé!
Fixemos a visita coa idea de saudar a Virginia e charlar un anaquiño con ela, mais a hospitalidade dos Sánchez Castro levounos a botar alí un par de horas parolando e probando as delicatessen preparadas por Carmen para este reencontro familiar, no que houbo moita alegría e algunha que outra videochamada a Italia e Arxentina, neste caso para saudar a Raquel Wrobleuski, artífice desta busca ao máis puro estilo de ¿Quien sabe donde?, o programa presentado por Paco Lobatón emitido por Televisión Española entre 1992 e 1998 que tiña por finalidade encontrar personas desaparecidas.
Ao día seguinte, sábado, co fin de preparar esta crónica que estás lendo, apuntámonos a realizar parte do percorrido que Virginia realizou polo municipio coa súa familia para coñecer diversos lugares relacionados cos seus antepasados.
A primeira hora da mañá, Pepe e Virginia visitaron o cemiterio parroquial de Santiago de Arteixo. Os demais excursionistas quedamos con eles ás 10:30 h diante da casa dos Sánchez Lago, a mesma na que reside Manolo e na que agora se pechaba un círculo que levaba aberto 115 anos!
![]() |
| Virginia con seus curmáns Pepe e Manolo Sánchez Lago diante da porta da casa na que nacera Marcelino, avó da italo-uruguaia |
![]() |
| Virginia no piso superior da casa na que naceu seu avó Marcelino. Abaixo, seu curmán Manolo Sánchez Lago |
Tras sacar ducias de fotos alí, acto seguido dirixímonos en tres coches á zona do Cepo, cerca de Candame, onde tamén se sumou á excursión Julio, fillo de Anunciación Sánchez Lago. Alí, no Cepo, visitamos os restos das casas nas que naceran Agustín Sánchez Varela e Benita Maceiras Rega, tataravós de Virginia, ou, o que é o mesmo, avós de seu avó Marcelino.
![]() |
| Virginia no Cepo, na casa na que naceu o seu tataravó Agustín Sánchez Varela |
![]() |
| De esquerda á dereita, Julio, Virginia, Pepe e María no Cepo, no lugar onde estaba a casa na que nacera Benita Maceiras Rega, tataravoa de Virginia |
Posteriormente, previa parada na estrada de Caión para contemplar a inmensidade oceánica dende o alto de Barrañán, dirixímonos ata a igrexa de Santaia de Chamín, onde descansan os restos da familia Lago, emparentada coa Catuxa por partida dobre, primeiramente con Isabel Lago Pedreira (nai de Marcelino) e anos máis tarde con Julia Lago Rodríguez (filla do Tío Lago de Chamín), muller de Manuel Sánchez Lago e nai de Francisco, Manuel, José e Anunciación Sánchez Lago, fillos que curiosamente teñen os mesmo apelidos que o seu proxenitor, o que dá pé a certa confusión.
![]() |
| Virginia na igrexa de Santaia de Chamín |
Minutos despois, logo de visitar a igrexa de Santaia, dirixímonos a Chamín de Arriba, á casa familiar dos Lago, onde nos recibiu coa maior das amabilidades Nilda, neta de Jesús, que era un dos irmáns de Julia Lago Rodríguez.
Facendo de gran anfitroa e, logo de amosarnos as dependencias do seu fogar, entre elas o hórreo e o pombal que chaman poderosamente a atención, Nilda convidounos aos alí presntes a tomar un pouco queixo e chourizo. Ademais, como así o merecía a ocasión tan especial, tamén se brindou polo emotivo e fermoso reencontro… Uruguai, Italia, Arteixo, A Catuxa, Chamín… un pequeno cosmos no planeta dos Lago!
![]() |
| De esquerda á dereita, María, seu pai Pepe, Nilda, Virginia e Xabier diante do hórreo dos Lago de Chamín |
![]() |
| Virginia diante da casa dos Lago de Chamín, a mesma na que naceu súa bisavoa Isabel Lago Pedreira, nai de seu avó Marcelino |
Tras pasar alí un bo anaco escoitando algún que outro conto que publicaremos no futuro nestas Crónicas de Arteixo (algún deles contado na mesma lareira na que podemos ver ao tío Lago de Chamín co xornalista larachés Manolo Negreira na ligazón que adxuntamos ao principio desta crónica), despedímonos de Nilda e diríximonos a Sorrizo para ver a igrexa de San Pedro na que casaran Francisco Sánchez Maceiras e Isabel Lago Pedreira en 1893, xusto o ano anterior de que nacera o seu primoxénito Marcelino, o avó de Virginia.
![]() |
| De esquerda á dereita, María, seu pai Pepe, Virginia e Julio diante da igrexa de Sorrizo |
En Sorrizo despedímonos de Virginia e da súa familia. Novas apertas fondas e máis emoción. Eles ían xantar a Caión e o que escribe facía o camiño de volta ao seu domicilio coa satisfacción de poñer o seu gran de area para que este reencontro fora posible.
Para Virginia foi unha estadía curta pero necesaria, moi moi necesaria para recuperar unha familia perdida, unha familia que había un século que deixara de comunicarse entre si. O tempo foi o que foi e si, quedaron máis visitas pendentes, así como coñecer a outros familiares que ten en Morás, os descendentes de María Sánchez Lago, irmá de seu avó Marcelino. Mais xa podemos adiantar que Virginia volverá en agosto. Virá a facer o camiño de Santiago e pasará uns días en Arteixo, cumprindo de novo o soño de seu avó, o soño de pisar a terra que o vira nacer.
Como colofón a este reencontro (e guinda a esta crónica) tamén podemos adiantar que Virginia e a súa familia de Uruguai iniciaron os oportunos trámites para que as cinzas de seu avó Marcelino viaxen dende Montevideo a Arteixo e reciban o descanso eterno na terra que abandonara de mozo e á que tanto ansiaba volver!
![]() |
| Última foto do arteixán Marcelino Sánchez Lago (Cortesía da súa neta Virginia Sánchez Bermúdez) |












Ningún comentario:
Publicar un comentario