martes, 24 de novembro de 2015

O MAR DE ARTEIXO E OS SEUS NAUFRAXIOS

O NAUFRAXIO DO VAPOR ALEMÁN TRIER EN SUEVOS (II)

     Os auxilios requeridos polo cónsul acudirían en breve. Pouco antes do mediodía do luns, os vapores "Victoria" e "María Pita" chegaban á Gaianda remolcando dúas gabarras para a descarga da mercadoría do "Trier" e, nese mesmo día, xa transbordan 80 toneladas de carbón e de arroz que almacenan nun local próximo á fábrica de mistos Zaragüeta e noutro local na rúa Teresa Herrera. As negociacións cos propietarios do remolcador "Anita" non frutificarían mais, o martes 8, chégase a un acordo co vapor "Comercio", que recibiría 15.000 pesetas se conseguía salvar ao "Trier" e só a metade se fracasaba, finalizando o contrato ás seis da tarde.

     No alto dos Picos de Nostián, ao longo dos carreiros do Regueiro, sobre a furna da Agudela e nas rochas próximas ao barco alemán, formigaba o persoal que chegaba das parroquias de Arteixo e da Coruña para ver o salvamento. A curiosidade vence toda prudencia e, mulleres e homes, descenden polas rochas até que lles salpica a espuma do mar. Comeza o remolque. Son momentos de moita ansiedade. A máquina do "Comercio" traballa a toda presión e o cabo metálico ponse tirante, ríxido...apreciándose a sacudida que imprime. Todo parece ir ben. De súpeto, o "Trier" érguese por fin. Xa non é o barco escorado que se vía momentos antes. A bordo, os tripulantes andan dun lado para outro executando ordes. As xentes dos Picos de Nostián lanzan berros de xúbilo entusiasmados, axitando sombreiros e panos. Mais subitamente, a violencia das ondas levan a popa cara a costa, cara un lugar moito máis baixo e quebrado. Toca a sirena do barco alemán e o capitán do "Comercio" dáse conta que é imposíbel continuar o remolque naquela dirección porque, se o fixesen, o "Trier" embatería contra as rochas. Cumpría remontarse máis para o norte, mais o temón do "Comercio" xa non podía virar máis nese sentido. O cabo do remolque perde a tensión e a seguir, enrédase nas hélices do navío alemán, escorando novamente. Sen dúbida tiña avanzado uns metros, mais ficara peor do que estaba: antes da maniobra descrita estaba a cen metros da terra pola popa e agora estaba moito máis perto. Faise unha nova tentativa para o remolque do vapor sinistrado, esta vez para o norte, polo que o "Comercio" muda de situación e achégase canto pode á Corveira. Durante tres cuartos de hora o remolcador traballa incesantemente, mais conforme pasa o tempo, íase perdendo toda esperanza de retirar o "Trier" daquel lugar. A néboa era tan compacta que a costa e o horizonte desaparecerían da vista das testemuñas do sinistro. Chegase ás seis da tarde e o contrato do "Comercio" expira. O capitán Abellá mandar arriar o cabo. A empresa do remolcador gaña 7.500 pesetas e non é posíbel facer máis para conseguir o total da cantidade estipulada.
La ilustración española y americana, 15 de xullo de 1902

     O mércores 9 téntase outro salvamento. Nesta ocasión é o vapor "Hércules", co capitán Manuel Romero ao mando, o que acude a Suevos. Estaba previsto principiar o remolque a partir das cinco da tarde, hora na que comezaba a subir a marea. Mentres tanto, continuábase alixeirando o "Trier". As gabarras proseguían co transporte de parte das mercadorías para Coruña e, outra parte da carga comézase a lanzar ao mar. Tíranse grandes caixas cheas de queixos, barricas dun metro de diámetro que contiñan quinquillaría e xoguetaría, e tamén infinidade de sacos de fariña. As xentes que curioseaban desde as primeiras horas do sinistro, facían todo o posíbel por apañar algunha destas mercadorías que a tripulación do "Trier" lanzaba a auga mais, incomprensiblemente, os carabineiros o impedían efectuando disparos para o ar. Principia o remolque, ao que finalmente se unen dous vapores máis, o "Victoria" e o "Anita" e tamén, o "María Pita" que, amarrado cun cabo á proa do "Hércules", servía de guía tirando deste e dándolle rumbo. O tirón simultáneo dos tres barcos é poderoso, porén o "Trier" non avanza. O "Hércules" fai desesperados esforzos. El só imprime máis forza que os demais vapores xuntos, mais todo é inutil. Chega o momento da marea chea e polo tanto a ocasión para o esforzo decisivo. Non obstante, a hélice do barco alemán deixa de funcionar e, definitivamente, non sae das rochas da Gaianda. Tiña asolagadas as adegas 2 e 3. As bombas de a bordo traballan incesantemente para achicar a auga, mais a tarefa non é doada. Tíranse máis mercadorías para o mar, entre elas a máquina trilladora que ía para Tampico, e outros moitos obxectos. Os pasaxeiros, intuíndo o futuro do barco, por fin se deciden a abandonar o "Trier" e soben a bordo do "Hércules", que os achega até A Coruña, onde a casa consignataria do cónsul Meyer encárgase do seu aloxamento.

     O vapor alemán, tal como estaba, non necesitaba que se lle dese remolque. Cumpría dispor dun salvamento propiamente dito, traendo potentes bombas, cubrindo os furados do fondo, etc. E para iso telegrafíase ao vapor "Newa", que nese momento se encontraba en Xibraltar. Continuaban chegando infinidade de persoas até o lugar do sinistro, tanto por terra canto por mar para ver o barco e, moitas delas, burlando a vixilancia dos carabineiros, apoderábanse do que o fluxo das ondas deixaba nas praias de Bens e na de Suevos. Queixos, lentes, sombriñas, garrafas de viño, numerosísimas latas de comida en conserva e navallas de barbear xa se vendían polo camiño antes de entrar na Coruña e na Baiuca. O queixo, que era o artigo que tiña máis compradores, vendíase a 2,50 pesetas cada un. A pillaxe e o roubo estaban, nesas horas, á orde do día a pesar dos esforzos das autoridades que se viron novamente na obriga de efectuar tiros para o ar, coa finalidade de amedrontar os raqueiros e obrigalos a fuxir. No entanto, o roubo continuaba...
Praia de Bens antes da construcción da Refinería de Meicende

     Por mar, arredor do "Trier", navegaban numerosas embarcacións cheas de persoas que agardaban a ocasión para botarlle a man a canto pudesen. Este feito provocaría que o día 11 de xullo foran detidas dúas embarcacións carregadas con numerosos obxectos do barco alemán: a "San José", con matrícula da Coruña e patroneada polo
mariñeiro Francisco Pichel (a) "Ollo vivo", e a lancha "Manuel", con matrícula de Santa Cruz. Outra das embarcacións que rondaba perto do "Trier" era a "San Francisco", con matrícula de Caión, patroneada por José Freire Otuño e tripulada polos mariñeiros Evaristo Lareo, Ramón Muíños, Cristóbal Ventureira, José Antonio Vazquez e Basilio Freire, a cal tamén tería problemas coas autoridades, xa que despois de desobedecer a orde de atraque dos carabineiros, estes vense na obriga de efectuar fogo para o ar, co obxectivo de intimidalos. O cabo Manuel Vázquez repetiulles a orde de atraque, mais obtería o mesmo resultado. "Facédeos desembarcar de calquer xeito", ordénalle o cabo aos seus carabineiros. Un deles, José Noya, que estaba moi perto da "San Francisco", dispara un tiro acima da embarcación caionesa para unha nova intimidación, mais estes fan caso omiso. As intimidacións continuaron de palabra e como a teimosía dos de Caión era grande, Noya disparou de novo, ferindo daquela aos mariñeiros José Antonio Vazquez e o rapaz Basilio Freire (unha bala atravesou a perna dereita sobre o xoello de Vázquez, con orificio de saída baixo a rótula, tocando no ombro dereito a Basilio). Foi entón, cando os mariñeiros de Caión atracaron para posteriormente varios homes do barco deixaran a Vázquez, que manaba abundante sangue pola ferida, sobre unhas rochas, á espera dos auxilios do médico do "Trier". Os carabineiros incautaron o que había na embarcación e levárono para un almacén provisional que formaran na praia de Bens, onde gardaban o resto dos obxectos que lles apresaran aos raqueiros e outros que o mar tiña pousado nos areais e nas rochas.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario