Sei cantare e sei bailare
todo se me da na man,
senón a sacha do millo
amais a sega do vran.
|
Sega do trigo (namemoria.ribadeo.org) |
Segundo o refrán,
desde mediados de xullo os cereais, principalmente o trigo e o centeo, estaban en sazón e era o momento de
chamar rogas de xente para facer a seitura, corta ou sega,
un traballo tradicional do agro galego que consistía en segar as
plantas destos cereais para posteriormente, na malla, separar o gran da palla e
almacenalo despois nas huchas ou tullas para consumilo durante
todo o ano, utilizandoo para facer pan, darlle de comer aos animais e
para sementar á volta do ano.
No día que se facía a sega, veciñanza e familiares presentábanse na
casa do dono das leiras nada máis saír o sol, provistos dos
apeiros necesarios para o labor que ían realizar. Mais un momentiño,
antes do traballo duro había que ir co bandullo cheo, polo que era
costume que os propietarios dos terreos lles ofreceran o almorzo, que
moitas veces era caldo requente, torresmos con pan ou leite mazado.
|
Facendo os monllos (gl.wikipedia.org) |
Antes de comenzar a sega afiábanse os fouciños na moa da casa
e despois cada segador ía provisto dunha pequena pedriña que utilizaba
para afiar o apeiro se este se cegaba. Xa na leira os homes ían
en
ringleiras segando a palla e poñéndoa en feixes. Aínda que había algunha
que o facía, era raro ver ás mulleres segando, xa que o traballo
reservado para elas era coller os feixes de palla,
sacudirlle os fentos ou outras herbas malas que levase, e atalos en
monllos cunhas presas da mesma palla, as chamadas ódegas.
Os nenos que ían ás leiras recollían, tras das mulleres, as espigas que
ían quedando, uns cativos que tamén eran os encargados de ir á fonte
máis próxima por auga fresca nuns porróns de barro para @s xornaleir@s,
que poñían á sombra para que no se quentara.
|
Xantar despois da sega (tinoetome.blogspot.com) |
Cando
a calor apertaba, o normal era retirarse, ben para comer nunha
carballeira ou na casa do dono, que tiña a obriga de ofrecerlles a
comida, que era o único pago para moitos deles. Unha vez segada unha
leira, se non estaba moi
lonxe e había tempo dabondo no mesmo día, trasladábanse a outra do mesmo propietario para seguir co labor.
O último traballo era amorear
os monllos en montóns perfectamente construídos que protexían o gran
dos paxaros e posibles inclemencias do tempo (a espiga escondíase no
interior do
montón e cara a fóra só quedaba a palla) ata que se trasladaran a eira
para facer a meda unha vez remataba a seitura. Normalmente na construción dos medeiros participaban os máis vellos
do lugar, que dirixían este labor ou a
facían eles mesmos, namentres os rapaces lles traían os monllos
espallados pola leira. Era costume que as mulleres fosen provistas de
medias gordas ou ben de pantalóns para evitar as feridas das canas que
quedaban unha vez cortado o cereal, precaución que tamén tiñan que
adoptar os
nenos.
|
Facendo as medas (aquamlatan.blogspot.com) |
Este xeito de facer a sega resistiu inalterable durante séculos, ata
que a finais da década de 1960 e principios de 1970 apareceron as
segadoras mecánicas, as clásicas "Bartollini", que
substituíron aos fouciños, se ben as ódegas, os monllos e os medeiros
seguíronse facendo igual. E xa a mediados da década de 1980 chegaron as
colleitadoras que facían a un tempo a sega e a malla.
FONTES:
-Galipedia
-Carme, a de "Cóntame un conto".
Ningún comentario:
Publicar un comentario