Proseguindo,
desde este humilde espacio, coas accións dirixidas a recuperar e
dignificar a memoria das vítimas da represión exercida despois do
golpe militar de 1936, hoxe imos honrar aos arteixáns "paseados"
polos fascistas nos primeiros meses do réxime ditatorial de
Francisco Franco.
Consecuencia
deste golpe de estado, unha das primeiras vítimas da tiranía
falanxista sería José Mañana Rodriguez, Pepe o Fabeiro, que
foi asasinado ás 23:30 horas do 25 de agosto de 1936 a carón do seu
propio domicilio, no lugar de Pedras (parroquia de Santiago de
Arteixo). A súa partida de defunción do Rexistro Civil do Concello
sinala como causa da súa morte "destrucción del cerebro".
Pepe tiña 30 anos e deixaba a unha filla de 3 anos, Josefina, e a
súa viúva Rosa Suárez Díaz, embarazada de 6 meses dun neno que
sería bautizado co nome do seu difunto pai.
Atila en Galiza. Castelao |
Catro
días despois, o 29 de agosto de 1936, aparecía no lugar de Marco
Grande, parroquia de Lestón (Concello de A Laracha) o cadáver de
Eliseo Borrazás Zás, O Rato, veciño do lugar de Piñeiro da
parroquia de Larín, de 28 anos, solteiro e canteiro de profesión.
Segundo aparece na partida de defunción do Rexistro Civil de A
Laracha, Eliseo falecera o día anterior a consecuencia de "conmoción
nerviosa". Parece ser que os autores do crime foron,
presuntamente, falanxistas da parroquia larachesa de San Román de
Cabovilaño.
Natural
do lugar de Feáns, Domingo Rodriguez, Perina de Meicende,
casara aos 26 anos en Pastoriza no ano 1924 con María Louro Fuentes,
matrimonio que tería unha filla (María Consuelo) e que non tardaría
en romperse. Trala ruptura matrimonial, Perina xuntaríase con
Celia Yáñez, coa que tería unha filla á que puxo o nome de
Libertad. De este home conta o cura de Morás Manuel Blanco Rey, na
súa obra "Arteixo durante la Segunda República y la Guerra
Civil", que..."era un revoltoso de mucho cuidado que
ya había estado en prisión, por homicidio; además era amigo de lo
ajeno; su conducta era, pues, muy dudosa. Nada extraño que terminase
mal ya que el qué ¡mal anda!, ¡mal acaba!" (páxina
1113). Ao parecer, Domingo Rodriguez fora denunciado por Antonio
Pérez Bello, labrador de Mesoiro, quen declararía aos fascistas que
Perina..."había servido de agente de enlace en los días que
hubo tiroteo contra la fuerza en las inmediaciones de esta Capital,
transportando bombas y facilitándoles medios de subsistencia
valiéndose de reses que robaba en el campo y otros hechos que
demostraban su confabulación con los rebeldes". Domingo
sería detido o 1 de setembro de 1936 e asasinado o mesmo día nun
monte do lugar da Furoca (parroquia de Pastoriza)... "por
herida de arma de fuego con orificio de entrada por la región
auricular derecha y salida por la región parietal izquierda".
Atila en Galiza. Castelao |
Outro
dos crimes exercidos en Arteixo polos falanxistas foi o de Jesús
Mañana Campelo, O Carballo, veciño do lugar de Souto, solteiro de
27 anos, que aparecería morto no lugar da Choupana (parroquia de
Pastoriza) o 18 de setembro de 1936. Polo que consta na
correspondente partida do Rexistro Civil de Arteixo, a causa da súa
morte foi "a consecuencia de destrucción del cerebro".
José
Sande Loureiro, natural de Suevos e secretario da sociedade "Mas
allá de la Aurora", unha das numerosas entidades gandeiras
de socorros mútuos que naquel intre había no noso concello, foi
secuestrado polos falanxistas, que o levaron detido ata a Baiuca.
Naqueles
días de terror e de “limpieza y castigo bajo órdenes de las
autoridades competentes”, segundo nos conta Blanco Rey os
membros máis activos da Falange en Arteixo eran Julio Iglesias Rey,
o curmán deste Manuel Pardo Rey e os "Serafins", Serafín
Santamaría Rey e Serafín Soliño Moreda, O Pepecho, que era
un Garda Civil expulsado do Corpo natural de Pontevedra. Soliño
estaba casado con Mª Dolores Calvete Hermida, con quen vivía na
Baiuca. O outro, Serafín Santamaría, era natural de Doniños
(Ferrol) e tiña o seu domicilio no Igrexario de Loureda, donde
traballaba de criado na casa dos de Varela. Casaría en 1938 con
Elvira Fernández, tamén veciña do Igrexario, e chegaría a ser
Sarxento de Cabalería.
La Voz de Galicia, 19 de xaneiro de 1939 |
FONTES:
-Manuel
Blanco Rey. Arteixo durante la Segunda República y la Guerra
Civil.
-Manuel
Blanco Rey. Alcaldes de Arteixo (1836-1998).
Moitas grazas pola túa entrada Xabier, pareceume moi interesante.
ResponderEliminarNo meu caso son a bisneta dun dos homes dos que falas e na familia levamos moito tempo intentando buscar información súa. Gustaríame saber se podería contactar contigo para intentar saber un pouco máis sobre él, xa miña avoa nunca chegou a coñecelo e seguro que lle faría moita ilusión.
Unha vez máis, moitas grazas pola entrada!
Ola Andrea!
EliminarGraciñas a ti!
Por suposto que si.Conta coa miña axuda.Envíame mail a esta conta:xabimaceirasrodriguez@gmail.com
...e xa falamos!
Bicos!