luns, 18 de xullo de 2016

O FASCISMO EN ARTEIXO E A APARICIÓN EN PASTORIZA DO CORPO DE LUÍS HUICI, UN DOS PRIMEIROS "PASEADOS" NA CORUÑA

    Tal día coma hoxe, o 18 de xullo de 1936, daba comezo o golpe de estado militar que daría orixe a 3 anos de Guerra Cívil e a 40 anos de ditadura fascista. Ao se cumpriren 80 anos do inicio da barbarie, da longa noite de pedra, que chegou á nosa comarca 48 horas despois, é de xustiza honrar a memoria de todos os veciños e veciñas de Arteixo que foron víctimas do fascismo polo que, desde este humilde espacio, convidamos á corporación municipal, a que impulse unha serie de actividades en memoria da represión e que realice unha homenaxe as súas víctimas. 

     Naquel 18 de xullo do 36, a resistencia á sublevación fascista na Coruña tivo un especial valor xa que, a pesar de non ser unha urbe conservadora, o importantísimo continxente militar hospedado no mesmo centro da cidade facía da capital herculina unha presa doada da barbarie. Aínda así, moitas coruñesas e moitos coruñeses decidiron xogarse a vida polos ideais de liberdade e democracia ameazados polos golpistas, recibindo, iso si, a colaboración entusiasta de xentes chegadas de zonas rurais da contorna coruñesa, coma os mineiros de Lousame, que baixaron á Coruña con cargas de dinamita para plantarlle cara aos militares conspiradores. 

     Mais vaiamos uns meses antes daquel infausto día. ¿Qué era o fascismo coruñés ata aquel entón? Non era nada; absolutamente nada. Alí non había máis que un amigo persoal de Primo de Rivera, un tal Juan Canalejo, que fracasara no seu empeño de constituir un pequeno centro de Falange Española na cidade. Naquel intre os afiliados a Falange nas provincias galegas non eran, en termos comparativos, un número moi importante, incluso na provincia de Ourense, que era a que maior índice rexistraba desde a fundación do partido. Mais, a partir do golpe de estado dos militares rebeldes, non tardarían en aparecer os primeiros falanxistas, o primeiro deles un xastre chamado Casteleiro. Como falanxista destacado apareceu tamén desde a primeira hora un tal Fernández, xefe do taller municipal. E pouco máis. Estos tipos illados, algúns membros das antigas xuventudes mauristas e varios elementos turbios que aparecen sempre que se remove a organización social, foron pouco a pouco o núcleo inicial da Falange, que se apoderarían avidamente das armas que repartían os militares entre quenes se amosaban adictos á rebelión.
Atila en Galiza. Castelao
      Estos individuos frecuentaban habitualmente o Café Unión da Praza de Pontevedra, bar rexentado por José Castro García, natural da parroquia de Santiago de Arteixo, e pola súa muller María Naya Santos, que era de Oseiro. No Unión, según nos conta Carlos Fernández Santander no seu libro "Alzamiento y Guerra Civil en Galicia"..."Los paseos, cual si se tratase de una actividad industrial, acabarían siendo programados. La oficina técnica o macabra, se hallaba instalada en el hoy desaparecido Café Unión de la Plaza de Pontevedra y la sucursal, aparte el cuartel general de la Falange en la calle de Juana de Vega, en una céntrica peluquería del Cantón Grande. Así, entre tazas de café y buenos afeitados, fue incubándose la tragedia".  

     Tralas primeiras horas do golpe fascista, habería un aluvión de afiliacións á Falange Española de mozos novos por motivacións e intereses moi variados e tamén, de voluntarios que se alistaron nas unidades falanxistas para colaborar nas tarefas de “limpieza y castigo bajo órdenes de las autoridades competentes”  que recibían un aporte económico de 5 pesetas ao día. O nº 4 da revista "Facetas de Actualidade Española", publicado na Habana en agosto de 1938 cóntanos que, unha semana despois do golpe, Falange Española estaba instalada na antiga casa do Pobo e que pouco máis tarde, grazas a devandita choiva de novas adhesións, estaba creado o aparato de terror que os militares necesitaban para gobernar. Nos primeiros días de agosto principiaba a funcionar no local herculino da Falange un tribunal encargado de dirixir a represión, tribunal que durante as primeiras semanas farían de xuíces e de executores. Según as informacións de "Facetas de Actualidade Española", a Falange non tiña verdugos suficientes e por iso, naqueles primeiros días do golpe, os que ían ás casas a practicar rexistros e detencións eran xentes ás que fixeron vir expresamente de Valladolid.
Atila en Galiza. Castelao

     Non pasou moito tempo sen que aparecesen os primeiros cadávares dos asasinados polos falanxistas. Os catro primeiros atopáronse perto de Pastoriza, na estrada vella de Arteixo. Todos eles eran persoas que foran detidas pola Falange dous ou tres días antes. Unha das víctimas foi o pintor, debuxante e gravador Luís Huici Fernández. Fillo dun farmacéutico galego e de nai asturiana Huici, cando morreu seu pai fora vivir con súa nai a Oviedo, donde aprendeu o oficio de xastre e instalaríase cara o ano 1920 na Coruña, fundando ao pouco o primeiro cineclub da cidade. Militante de Izquierda Republicana, foi presidente do grupo Amigos de las Artes Nuevas (ADLAN) e pertenceu ao Centro de Estudios Sociales Germinal e, ademais, foi redactor de El Noroeste. Na súa xastrería (non esquecer que un dos  primeiros falanxistas herculinos era tamén un xastre, Casteleiro) celebrábase un parladoiro no que, entre outros,  participaban Álvaro Cebreiro, Manuel Crestar, Francisco Miguel Fernández Moratinos, Luís Seoane e José Villaverde Velo. Este último, de quen vos hei falar outro día, era coñecido por Pepe Papeles e foi asasinado en Oseiro o 24 de setembro de 1936. Os falanxistas foran a buscar a Huici ao seu taller e levárono detido ao local de Juana de Vega, donde sería torturado. Ao día seguinte da súa detención a súa muller foi ao local da Falange para levarlle o almorzo. Dixéronlle que xa non estaba alí. O seu cadáver apareceu aquela mesma mañá en Pastoriza xunto aos outros tres presos, foi recollido por un furgón de Intendencia e trasladado ao cemiterio. Dos catro cadáveres recollidos aquel día os soldados do furgón deron conta aos seus xefes nun parte que dicía escuetamente: "Bajas recogidas, cuatro". Na liña seguinte aparecían os nomes e apelidos das catro víctimas que foron identificadas fácilmente e, nun prego aparte, o  inventario das sús pertenzas. Segundo facía constar o parte, de Huici recolléronse unha sortella, un chisqueiro, unhas chaves, un moedeiro e unha nota asinada pola súa muller na que lle dicía que tivera serenidade e confianza en Deus. Nada disto puido recuperarse. No xulgado dixéronlle á viuva que fixera a reclamación na delegación de orden público. Sen máis trámite, diúselle sepultura ao cadáver facéndose constar no rexistro civil que o falecemento fora a causa dunha "hemorragia interna". Do achado destos cadáveres en Pastoriza non se publicou nin unha soa noticia na prensa. A viúva de Huici intentou enviar a uns familiares seus de América un cable dicindo escuetamente: "Luis ha muerto" e non se lle consentiu. Quixo logo cobrar as deudas que co seu marido tiñan non poucas familias distinguidas da Coruña e non conseguiu senón recibir inxurias e reproches. "No pagamos deudas a rebeldes", contestábanlle invariablemente aqueles señoritos tramposos, moi contentos de que asasinaran ao xastre. A viúva, arruinada e sóa, despois de grandes dificultades, conseguiu que lle concederan permiso para xuntarse coa familia que tiña en Nova York e, grazas a esta circunstancia, puido contar a súa traxedia.
    
Atila en Galiza. Castelao
   Casos como este houbos a centenares durante os primeiros días do golpe, mais moitos deles nunca chegarían a ser relatados porque as víctimas non serían quen de librarse da tiranía falanxista. Dos poucos asasinatos, se cadra o único, cometidos pola Falange do cal deixou constancia a prensa coruñesa foi o de Horacio Cárcamo. O seu cadáver apareceu case desnudo perto de Oleiros. Os xornais contaban simplemente que o morto estivera no Goberno Civil disparando unha ametralladora o día da sublevación fascista. Non dicían que fora detido no seu domicilio por un grupo de falanxistas que o arrincou do seu leito e, en panos menores, levouno para matalo na estrada.  
     A partir de entón apareceron cadáveres nas estradas da comarca diariamente. Ao principio o xulgado de instrucción abría sumarios por morte violenta e incluso publicaba edictos no Boletín Oficial para que, quenes se considerasen con dereito, se personasen no sumario. Mais isto foi só ao principio. Cando se intensificou o terror, o xulgado deixou de intervir e os enterramentos dos asasinados facíanse nos cemiterios parroquiais máis próximos ao lugar donde os cadáveres aparecían, sen preocuparse da identificación destos e sen que a veces nin sequera se fixeran asientos nos libros parroquiais. Polo xeral os falanxistas mataban ás súas víctimas nas proximidades dos cemiterios. No de Abegondo fixéronse moitos enterramentos dos que nin sequiera se pasaba nota ao xulgado, chegando a recibir sepultura nun só día catorce! Tamén no cemiterio de Arteixo foron sepultadas moitas víctimas dos falanxistas. Chegou un momento no que nin sequera as familias das víctimas interviñan. Era tal o terror, que certo día o coche de liña que facía o servicio de viaxeiros entre Aranga e A Coruña, ao chegar á Costa da Sal, tivo que deterse porque había tres cadáveres atravesados na estrada. Os viaxeiros, horrorizados, viron que un daqueles corpos daba aínda señais de vida, mais era tanto o medo que se tiña á Falange que ninguén se atreveu a prestarlle auxilio ao moribundo. Esa era a España daquel intre, a España que semella que algúns e algunhas esqueceron

Atila en Galiza. Castelao
     Félix Gordón Ordás (León,1885-México D.F, 1973), que durante a Guerra Civil foi embaixador ante México e anos máis tarde desempeñaría a Presidencia do Goberno da República española no exilio, escribiría en 1939 "Crímenes en la retaguardia rebelde" donde, na súa páxina 204, conta que...  "En Arteijo, Ayuntamiento de la provincia de La Coruña, entraron una noche los fascistas en el domicilio de Manuel Soutelo, quien estaba en la cama con su mujer. Le hicieron levantar, y allí, a persencia suya, uno tras otro, violaron a su esposa". 
     José Mañana Rodriguez, Jesús Mañana Campelo, Domingo Rodriguez, José Sande Loureiro ou Eliseo Borrazás Zás son algúns dos arteixáns "paseados" que levou por diante o fascismo hai agora 80 anos no noso concello, nomes que non poden caer no esquecemento, porque aínda a día de hoxe non chegou definitivamente o recoñecemento para as víctimas e a censura para os culpables. Falareivos deles nos vindeiros días, ao igual que doutros "paseados" que, sen ser naturais de Arteixo, coma no caso de Luís Huici, os seus corpos apareceron nas nosas parroquias.





FONTES:
 -Colección Atila en Galiza. Castelao
-Fondo A.L.G., p. 18. HISTORGA
-Félix Gordón Ordás. "Crímenes en la retaguardia rebelde"
-Carlos Fernández Santander. "Alzamiento y Guerra Civil en Galicia"
-"Facetas de Actualidade Española", publicado na Habana en agosto de 1938
-Manuel Blanco Rey. Arteixo durante la II República y la Guerra Civil.

2 comentarios:

  1. A historia da vergoña. Os mortos non poden falar. Demasiadas cousas silenciadas

    ResponderEliminar
  2. Deberiades de leer un pouco que foi o que causou a guerra e deixar a imbecilidade de fai tanto tempo. Mortos houbo dos dous lados, non só dos que roubaron as eleccións a II República e saquearon todo. Parece que hai quen desexa volver a aquelo, e despois saen correndo, que non olvidemos que o dictador morreu de vello, mentres os que decían loitar na súa contra estaban vivindo ben no "exilio". Aprendamos da historia real e non da escrita "a carta".

    ResponderEliminar