xoves, 13 de decembro de 2018

CLAUDIO WILLIMAN, PRESIDENTE DE URUGUAI ENTRE 1907 E 1911


Nesta bitácora falamos en varias ocasións da relación que A Laracha e Arteixo teñen co Uruguai, citando a varios fillos da emigración destes dous municipios que tiveron certa relevancia no mundo da industria, da política ou do deporte. Pois ben, hoxe ampliamos esta listaxe lembrando a figura de Claudio Williman, un dos personaxes da historia uruguaia máis sobresaíntes que chegaría a ser presidente da República entre 1907 e 1911.
Claudio Williman

Fillo de emigrantes de Caión e de Arteixo (seu pai era natural de San Cosme de Maianca, Oleiros, aínda que tiña domicilio en Arteixo cando casou), varias novas publicadas na prensa de Montevideo nos primeiros anos do pasado século XX en torno á nacionalidade dos proxenitores do presidente da República, doutor Claudio Williman, suscitaran no seu momento algunha que outra discusión entre os xornalistas charrúas. Uns dicían que eran de orixe alemana, outros inglesa e os menos galega e, por riba, ningún dos contendentes aportaba probas satisfactorias aos seus contrincantes da pluma. Mais aquela incógnita quedaría resolta coa información que publicaba, baixo a sinatura de Pedro Dubra Brandón, o xornal coruñés El Noroeste o día 20 de xuño de 1910:

(…) publicamos a continuación la partida de matrimonio que los autores de la existencia de aquel, aunque joven, esclarecido gobernante. Los padres del presidente Williman, como los del presidente Gabriel Antonio Pereira y los del presidente Lorenzo Latorre, que también gobernaron aquel país en épocas no muy lejanas, nacieron en esta provincia de la Coruña, y en ella nació también el primer europeo que cruzó la América de oriente a occidente, Núñez de Balboa, para ofrecerle al mundo civilizado, con un nombre simpático (símbolo de la paz) el océano más extenso entre los que cubren la superficie de nuestro globo. La partida a que nos referimos dice así:
Don Domingo Carballo Antelo, cura párroco de Santa María del Socorro de la Villa y puerto de Cayón, distrito municipal de Laracha, provincia de la Coruña.
Certifico: que en el folio sesenta y nueve vuelto, del libro tercero de casamientos de esta de mi cargo se halla la partida siguiente:
En la capilla de San Roque que hace de parroquial de Santa María del Socorro de la villa y puerto de Cayón, a veintidos días del mes de Febrero, año de mil ochocientos cuarenta: Yo D. José Cambón, presbítero, teniente cura de la misma, con licencia expresa del P. P. Fr. Domingo Eujo, vicario cura de ella en propiedad, precedidas las tres canónicas moniciones en tres días festivos tanto en esta, como en la de Santiago de Arteijo, y no haber resultado impedimento alguno, según más bien consta de la certificación dada por D. Manuel Rodríguez Cambón, cura rector propio de la de Arteijo; asistí al matrimonio que por palabras de presente y mutuos consentimientos exteriormente sensibilizados contrajo José Williman, soltero natural de San Cosme de Mayanca y vecino de la referida de Arteijo, hijo legítimo de Claudio Williman, natural de la Saboya de Francia y de su mujer Caetana Lugrís, natural y vecinos que viviendo fueron de la de Moyanca; con Antonia González, también soltera, hija legítima de de Manuel González, ahora difunto, natural de Santa Justa de Moraña, y de su mujer Josefa de Otoño, natural y vecinos de este puerto; se observó lo prevenido en las Sinodales de este arzobispado y reales pragmáticas de S.M., en el mismo recibieron las bendiciones de la iglesia y se hallaron presentes Antonio Paz, Pedro de Otoño y D. Mariano García, todos vecinos de esta villa y puerto; y para que conste lo firmo al día, mes y año ut supra. José Cambón”
Así pois sabemos, que os pais de Claudio Williman, José e Antonia, eran, antes de darse o “si quero”, veciños de Arteixo e de Caión e tamén que os avós paternos eran de orixe francés, unha parella que non tardaría en facer a maleta da emigración para empezar unha nova vida en Montevideo.

Alí, José e Antonia montarían un estabelecemento de ultramarinos na rúa de Andes, esquina coa rúa Mercedes e, segundo un xornal da época, na trastenda deste negocio Claudio, que nacera na capital charrúa o 10 de outubro de 1861 … estudiaba sus lecciones y algunas veces cosquilleaba en el humor de su buenísima madre, que le reprendía en gallego, dando lugar sus travesuras a que el severo D. José le advirtiese que era hora ya de que se fuese a clase, obedeciendo Claudio, no sin dejar de vocear y de dar saltos porque era un diablejo rubio y de ojos azules, tan travieso como avispado e inteligente”.

Claudio Williman
O noso protagonista, que era sobriño de Mariano G. Williman, coñecido republicano federal da capital uruguaia, comezaría aos 19 anos a súa carreira docente na Sociedade Universitaria e, en 1885, gañaría por concurso a cátedra de Física na Universidade da República. Dende moi novo as pretensións do fillo dos emigrantes de Arteixo e Caión era a de estudar enxeñaría, mais por aqueles días era practicamente imposible xa que no Uruguai non había ningún centro de estudo especializado. Claudio principiaría, entón, a carreira de Dereito, carreira que abandonaría transitoriamente pola política, que levaba certo tempo chamando á súa porta.

Vinculado dende moi novo ao Partido Colorado, no ano 1886 participaría no departamento de Paysandú na rebelión do legalismo contra o militarismo, rebelión coñecida como a Revolución do Quebracho. Williman retomaría os seus estudos naqueles tempos de radical oposición entre os “blancos” e os “colorados” e, nese mesmo ano, recibía o seu título de abogado.

Nos anos inmediatos Claudio, a quen os amigos e compañeiros coñecían polo alcume do Inglés, alternaría a labor docente coa súa actividad política e impulsaría a fundación da Facultade de Matemáticas (1887), da que foi catedrático honorario, e exercería o profesorado na Academia General Militar. Moi popular na capital charrúa pola súa bonhomía e a súa singular intelixencia, en 1889 sería elexido edil por Montevideo. En 1895, catro anos despois de converterse no Decano da Facultade de “Enseñanza Secundaria y Preparatoria”, casa con Carmen Martínez Santos, e do matrimonio nacerían catro fillos: José Claudio, Horacio Alberto, Osvaldo Alfredo e Enrique Guillermo.

Tres anos máis tarde do casamento, ao producirse o golpe de Estado de Juan Lindolfo Cuestas, Williman sería nomeado membro do Consello de Estado e xa en 1904 combate na Guerra Civil, pese ao seu notorio rexeitamento do formalismo militar, o levantamento “blanco” para defender a constitucionalidade ameazada polo alzamento encabezado por Aparicio Saravia, sendo xefe do 4º Batallón de Infantería. O seu neto e biógrafo José Claudio Williman afirma que… “en las duras jornadas que siguieron a la derrota de los blancos, puso en juego toda su influencia para moderar y contener la agresividad de algunos de sus correligionarios”.

Rematada a Guerra Civil, José Batlle y Ordóñez designao ministro de Goberno nun tempo no que xa era unha das figuras máis prestixiosas do coloradismo, prestixio que conduciría a Batlle a escollelo como o seu candidato para sucedelo na presidencia da República. E así, o día 1 de marzo de 1907 o Dr. Claudio Williman, o fillo dos emigrantes galegos de Arteixo e A Laracha, era elexido polo Parlamento presidente do Uruguai.

O goberno de Claudio Williman caracterizaríase por poñer en evidencia unha tendencia conservadora, destacando o interese polo reforzamento do sistema xudicial e a promoción dun Estado constitucional sólido. Entre as accións que destacaron na súa xestión, hai que resaltar a abolición da pena de morte, a creación do Ministerio de Industria e o Ministerio de Obras Públicas, ademais da aprobación da Lei do Divorcio e a creación da Corte Suprema.

Outro dos aspectos que melloraron considerablemente durante o goberno de Claudio Williman, foi o desenvolvemento económico do país fundamentado na gandería, na agricultura e no comercio, sector no que nacionalizaría o porto de Montevideo e a rede telegráfica, instalando tamén a rede telefónica estatal que competiría coas dúas privadas preexistentes.

Claudio Williman
Por outra banda, daríanse cambios importantes na educación, como a eliminación do ensino relixioso dos colexios públicos e a creación de centos de escolas distribuidas en toda a xeografía uruguaia, especialmente nas áreas rurais. En canto ao sector político, a convivencia entre os dous partidos maioritarios como o Partido Nacional e o Colorado, foi totalmente positiva e armónica, uns partidos que durante ese periodo 1907-1911 manterían unha disposición ao dialogo con tendencia moderada. En canto á xestión internacional, o goberno de Williman tivo unha acertada visión negociadora que alcanzou a realización de acordos en termos fronteirizos cos gobernos arxentino e brasileño.

Finalizada a súa presidencia, Williman viaxou a Europa e a volta, en 1912, ocuparía por segunda vez o rectorado da Universidade. Posteriormente, entre 1916 e 1924, apartado xa das loitas políticas, sería presidente do Banco de la República. O seu neto e biógrafo describíao así: “de aspecto sajón, delgado y erguido, pareciendo por ello de más altura que la real, de cabellos lacios, finos y rubios, ojos azules claros, con un gesto de seriedad que disimulaba de manera desconcertante su temperamento afectivo, afectuoso y a veces bromista”.

O noso homenaxeado falecería en Montevideo o 9 de febreiro de 1934. Oitenta e cinco anos despois do seu pasamento aínda hai quen pensa que Uruguai aínda lle debe o recoñecemento que merecen os seus constantes esforzos pola paz e a súa importante obra reformista. Como esas brisas que de cando en vez atravesan as mañás soleadas, aquel fillo de José Williman e Antonia González, os emigrantes de Arteixo e A Laracha, pasou pola historia da súa patria de forma case desapercibida, mais iso si, regando a terra de fecundas sementes que floreceron anos despois nunha realidade superior.


FONTES:

-MAIZTEGUI CASAS, LINCOLN RAÚL. Uruguay-Recortes de Historia. El hombre que fue paréntesis. Blogdiario.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario