venres, 2 de agosto de 2019

O CASTRO DE NOSTIÁN, O MONTE DOS CAZOLOS, RUBIÓN E BORROA

Vista da aldea de Nostián
Enclavados nunha zona históricamente castigada polo crecemento da industria da contorna coas instalacións da Refinería de Meicende, de Butano ou, entre outras, da planta de tratamento de Residuos Sólidos Urbanos, os núcleos de Borroa e de Nostián, no límite dos concellos de Arteixo e A Coruña, agochan verdadeiros tesouros do noso patrimonio, uns tesouros dos que falamos a continuación. 

Empurrado polas investigacións que levamos realizando dende hai xa varios anos para reforzar o prestixio e a importancia do propio, e tamén na procura de indicios da navegación atlántica prehistórica na nosa liña de costa, hai un par de semanas visitamos unha das xoias da arqueoloxía da bisbarra: o castro de Nostián, un asentamento que está situado a uns 80 metros sobre o nivel do mar no lugar onde se celebra anualmente a festa desta aldea herculina, ao carón dos montes dos Petóns e do Cocho da Vella, que lle dan protección pola parte norte, e nas cercanías dos depósitos de gas butano anexos á Refinería de Meicende pola parte Sur.

Imaxe tomada dende o castro de Nostián. Ao fondo, a refinaría
O xacemento, que forma unha perfecta triangulación cos seus veciños castros de Elviña e de Pastoriza, ten aproximadamente uns 7000 metros cadrados de recinto interior e un círculo exterior duns 8000 metros cadrados, cunhas medidas duns 148 metros de Leste-Oeste e duns 105 metros Norte-Sur. Está formado por unha serie de terrazas que se escalonan cara o val de Nostián, noutra hora despensa principal da cidade da Coruña.

No extremo Oeste hai un gran parapeto defensivo que aproveita a altura do terreo e os afloramentos rochosos, un parapeto que cae sobre un camiño que, segundo a opinión do historiador Xosé Troiano,de seguro que debe estar ocupado por un foxo do castro”. Ao Norte sitúase outro parapeto de menores dimensións, quedando o resto das defensas definidas por varios terrapléns, algúns con fortes desniveis. Na croa, situada na parte alta do xacemento, nos terreos coñecidos como “O Pinar”, fíxose unha prospección no ano 1975 levada a cabo polo profesor José Manuel Vázquez Varela, dando como resultados o achado dunha vivenda circular de pedra, de 7,70 metros de diámetro externo e cuns muros dun grosor de 0,80 metros. O estudo dos materiais aparecidos na casa, permiten atribuíla a un momento avanzado da cultura castrexa, preto do cambio de Era.

Castro de Nostián. Ao fondo, a planta de tratamento de Residuos Sólidos Urbanos da Coruña
No castro de Nostián, onde na actualidade aínda podemos ver dúas estructuras circulares, destacando a situada ao Norte que presenta un muro de mampostería de boa factura, atopáronse abundantes fragmentos de cerámica, algúns dos cales forman hoxe parte dos fondos do Museo Arqueolóxico da Coruña, percutores, machacadores, pedras de afiar así como tres pesas de telar e unha ficha cilíndrica perforada do mesmo material, unha machada de ferro e un anaco de fíbula de bronce, dúas rodas inferiores de muíño manual circular, varios artefactos de pedra como cristais de cuarzo, cristal de rocha, falsa amatista, sílex sen traballar e fusaiolas, que son unhas pequenas pezas circulares cun buraco na parte central (o eixo de rotación) que se colocaban no extremo inferior do fuso e permitía enfiar as febras dun elemento téxtil a través da torsión.

Petróglifos do Monte dos Cazolos
Tras visitar o castro, charlamos con varios veciños do lugar, veciñanza que nos falou
dos Petóns, do Cocho da Vella, do Monte dos Castelos, das lendas do Pé do Demo e do Pé de Deus, e do monte dos Cazolos, lugar sobre o que nos informaron de que había uns petróglifos que non deberiamos deixar de ver. E ata alí nos diriximos. Logo de falar coa xente da aldea e de escoitar tantos nomes e datos abofé que ben significativos, percorremos a pé a pista que, dende o local social da Asociación de Veciños de Nostián, transcorre ata a estrada que une Suevos e Bens, camiño que bordea a vía de acceso ao Porto de Punta Langosteira.

Pois ben, no alto deste camiño está o devandito monte dos Cazolos, lugar no que logo das oportunas indicacións de un dos veciños de Nostián tivemos a fortuna de ver un dos tesouros dos que falaba ao principio, un gran afloramento de granito branco con varias rochas que presentan unha composición complexa de cazoletas naturais e coviñas e rebaixes artificiais que forman aliñamentos mixtos (coviñas e cazolos) e tamén circulares (cazolos naturais rodeados de coviñas).

Petróglifos do Monte dos Cazolos
Días despois de ver por primeira vez esta marabilla situada na liña divisoria de Arteixo e a Coruña, visitei de novo o lugar, mais desta volta acompañado de Puri Soto e Ana Corredoira, arqueólogas aos que o afloramento lles resultou de gran interese por como se xoga nel cos elementos da pedra. Ana e Puri, grandes coñecedoras da bisbarra e verdadeiras eruditas da historia da zona, puxéronme en coñecemento do xacemento catalogado de Rubión, situado en Arteixo, entre A Cerca e o Monte dos Castelos onde, a raíz das obras do acceso a Punta Langosteira se atoparon dezanove fragmentos de cerámica neolítica correspondentes a cinco vasillas, xunto cunha peza de sílex con restos de talla.

Imaxe do petróglifo de Borroa
Outro dos puntos de interese da zona, é o lugar de Borroa, pertencente á parroquia arteixá de Pastoriza. Non deixa de ser curioso que, se buscamos a palabra “borroa” no diccionario que Leandro Carré Alvarellos editou en 1928 o seu autor infórmanos do seguinte: Montón de terrones que se queman en las rozas. V. “Borralleira”. II Túmulo dolménico. V. “Mámoa”., un significado que se cadra ten algo que ver coa importancia prehistórica do lugar no que, por certo, se atopou un petróglifo circular que durante anos permanecera degradado na parte de un muro de división entre dúas parcelas situadas neste núcleo de Borroa. A situación deste pequeno tesouro veríase agravada posteriormente por mor das obras da vía do porto de Punta Langosteira, feito que conduciría á asociación cultural arteixá Monte da Estrela a movilizarse para que se tomasen medidas de xeito inmediato de protección, o que daría paso a que o petróglifo de Borroa se trasladara ao Museo Arqueolóxico da Coruña no ano 2010.

O Monte dos Castelos de Nostián vistos dende o litoral de Arteixo
Tampouco podemos pasar por alto a natureza marítima da zona, especialmente o Monte dos Castelos, verdadeiro referente do mar ártabro e da navegación nesta parte do Atlántico.

Con estas catro pinceladas das que falamos hoxe nesta modesta bitácora amósase, dun xeito abraiante, como o brutal crecemento urbano e industrial foi engulindo, prácticamente na súa totalidade, os restos patrimoniais que perduraron ata hai ben pouco dende os tempos prehistóricos dos nosos devanceiros, resistindo tan só unha minúscula pero fermosa pegada que está rodeada do máis rotundo dos feísmos, como ben di o meu amigo Alberto García Roldán no seu blogue "Galicia pueblo a pueblo"(https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2014/10/castro-de-nostian-coruna.html). Con todo, e a pesar dos pesares, non deixedes de visitar a zona e, ao patear os seus recunchos cantade, por favor, a seguinte copla do cancioneiro popular galego que xa soaba na bisbarra a finais do século XIX:

Ai Marica, quen te entende,
Marica de Nostián;
cantos che rondan a porta
¡tal se veñen tal se van!  


FONTES:

TROIANO, XOSÉ.  patrimoniogalego.net
GARCÍA, ALBERTO. galiciapuebloapueblo.blogspot.com


1 comentario:

  1. Como sempre, un interesante artigo! Moitas grazas pola mención ao meu blogue e a ver cando teño a oportunidade de descubrir estes tesouros!

    ResponderEliminar