Recoñezo
que sempre gustei de andar ás crebas e descubrir os achados que as
correntes e a marea deixan nos areais. Xa o facía de cativo con meu
avó Milio, Milio do Touciñeiro, que faleceu cando eu aínda era
unha minchiña de tan só 11 anos. Encantábame percorrer a praia de
Alba con él e atopar tesouriños xuntos. Mentres que o avó andaba a
procura de madeira para quentar a casa no inverno, quen vos escribe
ollaba pola area a ver se o mar me agasallaba con algún indio,
vaqueiro, soldado ou outros xoguetes de plástico que sabe Deus o
tempo que levaban dando voltas e reviravoltas no medio do océano, e
a saber tamén o seu lugar de procedencia!
Esos
xoguetes crebeiros continúan aparecendo nos areais na contorna na
que resido. Algúns son modelos dos anos 60 e dos 70 e, a decir
verdade, non sei se os gardo por nostalxia ou porque me fan
reflexionar sobre a gran problemática medioambiental que temos co
plástico.
O
caso é que teño ducias desos pequenos xoguetes que atopei ao longo
das últimas décadas nas praias de Arteixo. Mais, a parte dos indios
e vaqueiros, no faiado da miña casa tamén conservo algunhas bolsas
e botellas de plástico fabricadas en tempos nos que aínda non
nacera (en maio cumpro medio século), plásticos que tamén atopei
no noso litoral e que nalgúns casos deixan ao descuberto as vergoñas
da especie humana.
Mirade,
a loita global contra os plásticos polos seus duradeiros efectos
contaminantes, especialmente no medio mariño, está encontrando un
filón de probas nas praias da contorna tralo paso das borrascas dos
últimos tempos. Logo de darlle un bo mordisco á nosa costa, de
xeito moi especial ás dunas do areal de Barrañán, unha vez
superado o temporal as ondas están escupindo o lixo que permanecía
nas profundidades do mar ou na area agachadas durante décadas.
Como
exemplos concretos do que atopei recentemente nos areais de Arteixo,
son unhas bolsas de “Leche Leyma”, a tapa dun iugur “Larsa” e
unha botella da “Central Lechera Asturiana” dos anos 70 que o mar
destapou no areal do Reiro, a poucos metros dun coñecido local
hostaleiro que xa leva pechado varios anos.
Botella e bolsa de leite no areal do Reiro |
Mais,
chegados a este punto, quérovos
contar a historia de tres botellas de
lixivia,
que é unha boa escusa para
reflexionar sobre o
impacto
ambiental dos plásticos grandes e
pequenos.
A
nosa
historia empezou
hai
certo
tempo en Vigo e
rematou recentemente
en Arteixo,
concretamente
nos areais de Barrañán e de Alba, lugares onde atopei as tristes
protagonistas das
Crónicas de Arteixo de hoxe:
tres botellas pequenas de cor azul e co seu contido gravado no propio
plástico: “Lejía Mar”,
da lendaria fábrica Pedramol de Vigo. As
dúas
que atopei en Alba
estaban
en perfecto estado. A
de Barrañán non se conservaba tan ben. O
aspecto vintage
das
tres botellas de lixivia chamáronme
a atención e,
picados pola curiosidade,
buscamos documentación ao
respecto. E
encontrámola grazas a Antón Lois, membro da Asociación Amigas e
Amigos da Terra de Vigo,
concretamente no
BOE
que nola describía así:
“Esta
dirección general, en virtud de la autorización concedida en dicha
orden ministerial, ha resuelto: Primero. Autorizar a la Empresa
Pedramol S.A, de Vigo, para utilizar en el envasado de la lejía Mar,
fabricada por la misma, envases según el prototipo descrito en la
documentación presentada ante este centro directivo, y que reúne
las siguientes características: Envase en polietileno, no
recuperable, baja densidad, color azul, forma botellín de 280
centímetros cúbicos de capacidad, 54 milímetros de diámetro por
152 milímetros de altura total y espesor mínimo de 0,5 milímetros
de pared y fondos. Su cierre consiste en tapón roscado y anillo
interior de estanqueidad. Los rótulos comerciales y reglamentarios,
así como el dibujo comercial aprobado están impresos. Este envase
se destinará a contener lejías en extracto de 145 gramos de cloro
activo por litro”.
A
descrición encaixaba perfectamente con dúas das botellas que
localizamos en Alba e en Barrañán e tamén, aquí chega o detalle
relevante, coa data: 1 de agosto de 1968 e 15 de marzo de 1968 (na
terceira botella non aparece ningunha data), polo que as nosas
tristes protagonistas teñen apenas 52 anos. Parecería unha idade
respetable mais, segundo os apuntamentos de Antón Lois, ás tres
botellas aínda lles faltan uns 350 anos antes de converterse
formalmente en microplástico a base da acción combinada da
salinidade, raios ultravioleta e a erosión que as irán
fragmentando pouco a pouco en anacos cada vez máis pequenos ata que
deixarán de verse a simple vista, mas seguirán aí.
Iso
en teoría, porque na práctica, no caso destas botellas concretas,
xa foron retiradas da circulación vía faiado dun servidor. Gárdoas
porque agora
dispoño
de probas
físicas
que teñen
un enorme
valor e
que poderei
usar para denunciar o
problema medioambiental que representa a contaminación nos mares, en
concreto dos plásticos.
As
tres botellas son apenas unha mínima mostra dos 200 quilos de
plásticos que se verten ao mar cada segundo. Unha pequena parte do
contido total de plásticos nos océanos que, segundo as informacións
de Antón Lois, no ano 2050 superará en peso á totalidade da
biomasa mariña, ou o que é o mesmo, que no mar teremos máis
plástico que peixes. Uns grandes fragmentos que se van facendo máis
pequeniños ata converterse en microscópicos e cubrirán a columna
de auga e o fondo, no que por cada quilómetro cadrado de sedimentos
xa podemos encontrar, anaquiño arriba anaquiño abaixo, uns 4.000
millóns de restos microscópicos.
Cada
vez que nos cepillemos os dentes ou poñamos a lavar unha prenda
sintética, unhas 70.000 microesferas e microfibras de plásticos
sairán ao mar. Neste momento soamente non encontramos microplásticos
donde non os buscamos; donde os buscamos apareceron. Na columna de
auga e sedimentos de todos os mares, en terra, no aire, nos estómagos
dos peixes, dos mamíferos e, lémbrovos un pequeno detalle: somos mamíferos! Tamén xa
os encontramos nos nosos corpos. Non existe neste momento, nin se
espera que exista, ningunha tecnoloxía que nos permita sacar do noso
planeta os microplásticos, aos que
a comunidade
científica se refire como a ameaza invisible. Só podemos
intentar evitar que continúen aumentando.
As
tres botellas de lexivia son só unha parte deste inmenso problema.
Como anécdota, comentarvos que os envases teñen un certo valor no
mercado de coleccionismo donde se cotiza a bo prezo.
FONTES:
LOIS,
ANTÓN. Una botella de plástico de 52 años en estado impecable.
La Voz de Galicia, 28 de xaneiro
de 2019.
Encantoume o teu artigo do blog que mellora moitísimo o que escribín eu. Unha aperta grande. Antón Lois.
ResponderEliminarMoi bo, grazas.
ResponderEliminar