As persoas que me coñecedes dende hai tempo, sabedes da miña paixón polo mundo das baleas e sí, seino, se cadra ás veces son pesado demais con quen teño a suficiente confianza para selo!
Esa paixón polos grandes mamíferos oceánicos coido que vén dende a infancia, dende os tempos nos que vía (en branco e negro) con meu avó materno Milio, Milio do Touciñeiro, o programa da RTVE “El mundo submarino de Jacques Cousteau”, o inesquecible mariño francés que, nas súas viaxes a bordo do mítico Calypso, levou os misterios das profundidades a todos os fogares do mundo, defendendo a importancia de cuidar mares e océanos.
Co
avó Milio, que de cando en vez contaba algunha historia de cando
Caión era porto baleeiro (de
seguro que sabía algúns
contos
porque moceara
certo tempo por
alí), tamén
souben de
Moby Dick, xa
sabedes, a novela do escritor Herman Melville publicada en 1851 que
narra a travesía do barco baleeiro “Pequod”, comandado polo
capitán Ahab, xunto a Ismael e o arpoeiro Quiqueg.
Houbo
varias adaptacións cinematográficas desta
novela, mais todas
e todos temos gravada a imaxe do
capitán Ahab interpretado polo actor estadounidense Gregory Peck na
obsesiva e autodestructiva persecución do
popular
gran cachalote branco,
unha longametraxe
que eu
vin por primeira vez na compaña do heroe
da miña infancia, o
avó Milio, e
que é unha
perfecta metáfora da loita
do
home contra sí mesmo
e
contra a natureza.
Todos
estos recordos dos
primeiros anos da miña vida
viñéronme a mente o luns da semana pasada, o
día
3
de febreiro,
cando paseaba co meu fillo Brais polo areal de Valcovo e
segundos
despois de que o cativo me dixera:
-Papá,
mira!
-Ostras!
Creo que é un óso de balea, Brais!
-Mira,
Brais...
e alí hai outro! É
unha
costela!
Ao
ver os dous ósos, e
logo
de que
o avó Milio, Cousteau
e
o
capitán Ahab petaran
na porta da miña memoria, dada
a súa erudición na materia, non
tardei en enviarlle un WhatsApp
coas
fotografías do achado
ao
meu amigo mariñeiro Xosé Iglesias, o poeta do mar, quen
me recomendou que
me
puxera en contacto co
biólogo Alfredo López, a voz máis coñecida da Coordinadora para o
Estudo dos Mamíferos Mariños de Galicia (CEMMA) e un dos maiores
especialistas nas distintas especies de cetáceos da costa galega.
Cumprida
a recomendación de Xosé, Alfredo
respostou
aos poucos minutos
e, tras
advertirme que os tiña que ver en persoa,
comentoume que os ósos eran… “unha
costela e un maxilar (ou anaco de maxilar ou das primeiras costelas,
que son máis anchas) dunha balea grande. Pode ser que saian máis
ósos, Xabier, pois leva aí moitísimo tempo porque están moi gastados”.
Costela de balea atopada en Valcovo |
Ao
decirme que “leva aí moitísimo tempo”, tan preto das vilas de
Malpica e Caión, onde os seus mariñeiros se dedicaron á pesca de
cetáceos durante séculos, eses ósos que atopamos en Valcovo Brais
e un servidor semellaban unha cousa simbólica, como se se quixesen
remomerar tempos pasados, tempos nos que os mariñeiros destas dúas
vilas, cunha audacia extraordinaria, eran admirados en media Europa.
Os
de Malpica tiñan abraiado xa, no século XVII, a Cosme de Médici
pola súa pericia no manexo do arpón nas súas pequenas
embarcacións. O ilustre viaxante, herdeiro do gran ducado de
Florencia, empeñouse en coñecer en persoa en 1669 o “máis
famoso porto de pesca de baleas ao que chegan dos afastados mares
norteños de Noruega e de Groenlandia”.
“Esta
villa (deixou
escrito o cardeal Jerónimo del Hoyo tamén no século XVII) es
el puerto de mar donde se pescan más ballenas. Hay grandes matanzas
cada invierno y es pesca de gran provecho, porque
de un ballenato, por pequeño que sea, se sacan doscientas arrobas o
cántaras de aceite, que se utiliza lo mismo que el de olivas, salvo
para comer. Se saca este aceite haciendo pedazos de ellas y puestas a
cocer en unas grandes calderas, se derriten, y queda casi todo en
grasa. Péscanse cada año siete u ocho ballenas, dos más o menos,
arriendan los vizcaínos, que son los que las pescan y deben pagar
por este comercio cada año siete mil maravedíes al arzobispo de
renta fija”.
Naqueles
tempos nos que as baleas que viñan do crepúsculo do mundo, e que
asiduamente pasaban por diante dos areais de Arteixo para quentar o
sangue nas costas africanas, os mariñeiros galegos aprenderon o
oficio de baleeiro ao carón dos vascos, que xunto cos normandos e
após esgotaren o Golfo de Biscaia, na súa persecución dos grandes
cetáceos, derramáronse pola costa galega e monopolizaron a
actividade en boa parte do século XVI.
Nesta
época, centenas de mariñeiros de Mutriku, Zarautz, Orio ou Deba
acudían nas súas fráxiles chalupas ata o noso litoral, onde
ficaban os catro ou cinco meses de inverno. Son anos nos que o noso
comercio co
País Vasco, ata daquela baseado no troco de ferro biscaíño por
sardiñas das rías e viño de Ribadavia, intensifícase notablemente
grazas a balea que, unha vez licuada,
proporcionaba o saín
dos candís que
constituía
o principal produto das exportacións galegas a Euskadi.
Os
bascos tíñanse apoderado do monopolio de caza da balea en augas
galegas, e defendíano con uñas e dentes perante os competidores
estranxeiros (que principalmente eran franceses), o que daría
pé a numerosos conflictos entre eles, chegando mesmo as súas
queixas, a seren atendidas polo emperador Carlos V, que mediante real
cédula dada en Worms en maio de 1521, prohibe aos estranxeiros
pescar baleas nas augas galegas: “so
pena que el que lo contrario hiciere pierde e aya perdido las fustas
e pinazas e bateles”. Outro
documento da época indica: “E
ahora Jácome Rua escribano en nombre de los procuradores generales
de la ciudad de A Coruña y de los vicarios y mayordomos de la
Cofradía de Santo Andrés de los Mareantes de dicha ciudad fizieron
Relación por una su petición diziendo que de tres o quatro annos a
esta parte ciertas naos y galeones de Françia venyan a las villas de
Malpica y Cayón y otros puertos de la dicha ciudad y trayan mas de
seiscientas personas y hazían armadas de diez y doze naos para matar
vallenas y estaban allí ocho y diez meses matando las dichas
vallenas y demás que encaresçían los bastimentos”.
Estes
datos móstrannos a importancia inmensa da pesca da balea nesta
altura nas nosas augas, e revélannos outro gran problema porque
explicaban que “la
sangre y huesos de las dichas vallenas causaban tan gran hedor que
ynficcionaba toda la costa del dicho Reyno de manera que los dichos
mareantes no hallaban que pescar y lo que hallaban hera muy poco e
sin sabor y hera aberiguado que se yba a otras partes lo qual hera en
dapno universal de todos los dichos mareantes en tal manera quel
trato de ello cesaría y más Rentas reales”.
O
monopolio quebra a partir de 1615, cando todas as compañías
foráneas (e non só as estranxeiras) son expulsadas da costa galega,
polo que os baleeiros vascos vanse para Terranova e a partir de aquí,
e unha vez aprendido o oficio, os nosos devanceiros toman a
remuda no litoral galego. Un veciño de Seaia (Malpica) describía en
1636 o proceso, ao declarar “que
oyó decir que los primeros armadores del dicho oficio de ballenas
que abían benido al dicho puerto de Malpica a matallas abían sido
franceses y después de ellos biscaynos y agora los beçinos y
naturales de dicha billa”.
Nos
séculos XVI e XVII a abundancia dos grandes mamíferos nesta parte
do Atlántico era tal (segundo Cornide a especie que máis se podía
ver na nosa costa era a “misticeta”), que orixinou a construción
de numerosas torres vixía para localizalas dende terra e saír na
súa procura. Sábese que cando circulaban pola nosa zona, os vixías
de Malpica facían o seguimento da súa pasaxe dende a parte máis
alta da Illa Malante das Sisargas, coñecida como O Talieiro; os de
Caión facíano dende a Atalaia e,
ademais,
hai informacións
dunha torre vixía en Langosteira, Suevos. Tamén
hai rexistro de que cando as baleas eran perseguidas polas
proximidades da Coruña, introducíanse pola Ría do Burgo ata o
Temple, onde había instalacións baleeiras.
Litografía Perigos da caza da balea de Francis Allyn Omsted (1841), na que se ve como afunde unha chalupa |
Falar
da caza da balea en Caión, é meterse na cociña do meu amigo Marcos
Amado, impulsor do Museo do Mar da Confraría, lugar que vos
recomendo visitar para que fagades un percorrido pola historia da
vila a través da súa actividade piscatoria. Co teu permiso Marcos,
e segundo as túas informacións, só quero apuntar que por volta do
ano 1530 foron cazadas as primeiras baleas en Caión e desde ese
momento ata 1700, ano da ultima captura, desenvolveríase unha
importante actividade de pesca e transformacións dos grandes
cetáceos, unha actividade que, como no caso de Malpica, estivera
comandada no inicio por armadores de Guipúscoa e Biscaia e que, co
tempo, pasaría á mans dos mariñeiros locais. Na súa “Descripción
del Reino de Galicia”, o
Licenciado Molina facíase eco, na metade do XVI, da importancia de
Caión como porto baleeiro nun verso:
Y
luego Cayón, do bien se trabaja.
Matar
sus ballenas, que no es chica alhaja.
Pues
sacan aceite y en gran muchedumbre,
el
cual no se come, mas para la lumbre.
Le
hace la oliva muy poca ventaja.
A
caza dos grandes mamíferos oceánicos nas augas galegas decaería
notablemente na segunda metade do XVII e esfumaríase definitivamente
no século seguinte. O Padre Sarmiento, facendo alusión da ría de
Pontevedra, onde as baleas entraban en procesión todos os invernos,
escribía: “donde
era constante su aparición todos los años en época fija, pero que
por no haber harponeros ni disposición para esta pesca, nadie las
ofendía”.
Se
cadra por mor da persecución masiva de que foron obxecto, coas
constantes batidas organizadas para a súa captura, ou tamén, como
opinan algúns especialistas, por causa do quecemento das augas, que
pudo provocar unha mudanza da ruta emigrando cara a rexións
glaciais, o certo é que as baleas fóronse afastando do noso
litoral, orixinando unha considerable diminución
delas. O negocio deixaba de ser rentable, máis aínda cando en 1708
se autorizaban as importacións de graxa e saín procedentes de
Terranova e que, comercializado por holandeses, británicos e vascos,
inunda o mercado nacional. Xa no ano 1788, José Cornide informaba
que a captura das baleas estaba practicamente abandonada, e iso que
aínda frecuentaban a costa galega. A caza artesanal dos grandes
mamíferos dende
as
rudimentarias embarcacións chegaba así ao seu final.
A
actividade
resucitaría xa en pleno século XX, creándose as factorías de
Caneliñas (Cee), Punta Balea (Cangas) e Morás (Lugo), mais cunhas
pautas radicalmente distintas, e extinguiríase definitivamente, sen
pena nen gloria, nos anos oitenta como unha das peaxes que tivo que
pagar España ao entrar na Unión Europea. A última captura dun
barco baleeiro galego producíase no ano 1985, e ese navío, que
pertencía a IBSA (Industria Ballenera S. A., liquidada en 1994 cando
estaba controlada pola familia Massó), é hoxe un museo flotante en
Noruega onde, a
diferenza de España, “si
se preocuparon de salvalo do desmantelamento para recuperar,
rehabilitar e difundir a singular e rica historia dunha industria de
vital importancia económica e social para o litoral atlántico do
norte do Estado. Aquí pecamos de non valorizarnos e esquecer un
oficio tradicional durante séculos”, lamentaba o historiador Felipe Valdés Hansen, autor de “Los
balleneros en Galicia (siglos XIII al XX)”, nunha entrevista
publicada no xornal El
País,
na que tamén manifestaba o seu anhelo de que se recuperara, como
acontece noutros lugares do mundo, o patrimonio industrial das vellas
factorías baleeiras da Costa da Morte ou do Morrazo que aínda
resisten, con moitas dificultades, ao paso do tempo.
Noutro
capítulo da súa obra Felipe Valdés dinos que, unha vez que os
galegos desprazaron aos vascos como protagonistas do negocio, desde
finais do século XVI e principios do seguinte, pódese distinguir o
desenvolvemento de varios modelos organizativos nos diferentes portos
da costa galega. Non entran neste esquema os portos de menor
importancia que, como Camelle, Langosteira (Suevos) ou Portecelo, non
contaban con persoal suficiente nin o financiamento necesario para
formar unha armada de baleas. Por iso, continuaron a depender doutros
portos ou dos foráneos.
Outro
dato de interese deste traballo é o que se reflicte no
relacionamento que dá o autor entre baleeiros asturianos, vascos e
franceses nas augas galegas, aparecendo no ano 1631 un capitán ou
arpoeiro de Guipúscoa, de nome Miguel de Lapazarán e como porto
baleeiro de orixe o de Langosteira.
Xa
por último e noutra referencia a Arteixo, Felipe Valdés Hansen
escribe que… “En la costera de 1613-14 el mercader Jácome
Vidal, el arponero Bartolomé Fernández y el mercader coruñés
Pedro de Arnilla unieron los puertos de Caión y Langosteira, armando
cinco chalupas, tres de las cuales serían por cuenta de Pedro de
Arnilla que, presumiblemente, las haría traer del País Vasco,
disponiendo dos en Langosteira y la restante en Caión para ayudar a
los citados vecinos. De igual modo, en la chalupa que Arnilla enviaba
a Caión iría a bordo un “motila” o mozo, como ayudante, y un
arponero más para la chalupa del mercader Jácome Vidal. Como tres
de las cinco chalupas eran del coruñés, a él
correspondían las 3/5 partes de los beneficios. Por su parte, los de
Caión se comprometían a entregar dos cargas de trigo para la gente
de Arnilla apostada en Langosteira. En cuanto al arrendamiento del
puerto de Caión, lo repartirían en tercias partes por las tres
chalupas que allí tenía cada uno, mientras que Arnilla costearía
por su cuenta el de Langosteira que, como ya se dijo, pertenecía al
conde de Lemos”.
A
lectura de “Los balleneros en Galicia” de Felipe Valdés Hansen é
unha obriga, como tamén o é a de “Golpes de Mar” e “Vida e
morte das Baleas”, onde o noso veciño Antón Castro (Lañas, 1959)
dálle protagonismo ás baleas en varios dos seus relatos, como
fixera co pincel o célebre pintor coruñes Urbano Lugrís, mestre do
surrealismo que adoraba incluír os grandes mamíferos oceánicos nas
súas innumerables e fantásticas paisaxes mariñas.
A
pegada galega da balea quedou reflectida en numerosos topónimos do
país tan evidentes como Balea; Baleato; Cedeira, derivado de
cetaria, lugar de grandes cetáceos; Balieiros; Balieiras ou As
Baleas, lugar do litoral arteixán do Rañal próximo á praia da
Area da Salsa. Apuntar tamén que en toda a xeografía galega só o
Concello da Laracha, homenaxeando a vila de Caión, ten no seu escudo
heráldico, nunha decisión plenamente xustificada, unha balea.
FONTES:
HOYO,
JERÓNIMO DEL (1950): Memorias del arzobispado de Santiago (1607),
Santiago de Compostela.
MOLINA,
BARTOLOMÉ SAGRARIO DE (1550): Descripción del Reyno de Galizia y
de las cosas notables del, Mondoñedo.
QUIÑONES,
FERNANDO (1968): Las crónicas de mar y tierra, Editorial
Ciencia Nueva, Madrid.
VALDÉS
HANSEN, FELIPE (2010): Los balleneros en Galicia (siglos XIII al
XX), Fundación Barrié, A Coruña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario