O
pasado sábado, 15 de febreiro de
2020,
aparecía nas
páxinas de La Voz de Galicia (edición Carballo)
un
excelente artigo do filólogo Xosé María Rei Lema para lembrar o 75
aniversario do pasamento do poeta e crego Matías María Escariz
Méndez, home que tivo certa vinculación con Arteixo pois, polas
súas veas, corría sangue da Catuxa, o lugar de nacemento de súa nai
María Méndez Gundín.
Lugar da Catuxa, na parroquia de Santiago de Arteixo |
Segundo
as informacións que nos cedeu o propio Chema
Rei
Lema, María Méndez Gundín naceu o 9 de xaneiro de 1866 no lugar da
Catuxa, na parroquia de Santiago de Arteixo e era a menor de cinco
irmáns: Jacobo -ou Santiago, os dous nomes figuran na súa partida
de bautismo- (1852-1855); Josefa (1855); Dominga (1867) e Manuel
(1863).
María,
a nai do crego e poeta, era filla
de Francisco Méndez Hernández, oriúndo da parroquia de Pastoriza
(Arteixo), e de Juana Gundín Rega, de Santiago de Arteixo, e veciños
da Catuxa. Seus
avós
paternos eran
Juan Méndez Loureiro, orixinario de Lañas (Arteixo), e María
Benita Hernández de Beira, da parroquia de Santa Lucía/San Xurxo da
Coruña (na partida de Manuel pon unha e na de María a outra),
defuntos e veciños que foron do lugar de Sobrado
(Pastoriza-Arteixo). Avós maternos: Domingo Gundín e Josefa Rega
Varela, oriúndos e veciños da Pedreira (Santiago de Arteixo).
Bisavós paternos: Manuel Méndez e Josepha Loureyro, de Lañas
(Arteixo);
e Francisco Hernández, de Andalucía, e Benita de Beyra, natural de
Pastoriza, de onde eran
veciños. Bisavós maternos: María Gundín, solteira, da Pedreira
(Arteixo); e Domingo Rega e Juana Varela, tamén de Arteixo. (Libros
de Bautizados de Santiago de Arteixo n.º 3-5 e de Santa María de
Pastoriza n.º 3).
Con
licenza do autor, reproduzo deseguida o artigo de Chema Rei Lema:
"Nos
75 anos da morte do poeta e crego Matías Escariz"
O
pasado 8 de febreiro fixéronse os 75 anos da morte de Matías
Escariz, un dos nosos poetas máis prolíficos e tamén dos máis
descoñecidos. A pesar de que xa fora reivindicado hai tempo nestas
páxinas por Miro Villar ou Modesto Fraga, este crego «fisterrán»
continúa no esquecemento e a súa obra espallada por revistas e
xornais. Aproveitando esta data significativa dos 75 anos da súa
desaparición, imos botar un pouco de luz sobre a súa figura.
Matías
María Escariz Méndez naceu o 12 de decembro de 1881 en Buenos
Aires, na emigración na que casaran seus pais. El, Francisco Escariz
Canosa, natural de Denle, na parroquia fisterrá de San Vicente de
Duio, o menor de seis irmáns dunha familia con fondas raíces nesta
freguesía. Ela, María Méndez Gundín, orixinaria do lugar da
Catuxa, da parroquia de Santiago de Arteixo, tamén a menor dos cinco
irmáns desta familia con orixes en varias parroquias arteixás. Con
pouco máis de cinco anos, o pequeno Matías vén para Galicia con
seus pais: o 10 de abril de 1887 desembarca no porto de Vigo o vapor
Graf Bismarck que os trae. Aséntanse na vila de Corcubión, onde a
familia Escariz Méndez recibe a chegada de Josefa Francisca o 27 de
febreiro de 1890, mais a alegría dura pouco e o 6 de maio dese mesmo
ano falece a pequena.
O
noso protagonista xa mozo vai ir para Santiago cursar a carreira
eclesiástica. Expedíronlle o título de tonsurado en decembro de
1903, o de subdiácono en xaneiro de 1906 e o de diácono en abril
deste ano. O 20 de xuño de 1906 é nomeado ecónomo de San Xoán de
Bardullas e unidos. O 26 de outubro toma posesión desta parroquia
muxiá, xunto coas de Santiso de Vuiturón e Santa Locadia de Frixe.
Aquí vai estar ata que a comezos de 1914 é destinado ao concello da
Estrada, en concreto a Santa Cristina de Vea. Sete anos botou nela
ata que volve á súa terra, pois en febreiro de 1921 destínano ás
parroquias de San Vicente e San Martiño de Duio, onde desenvolvería
unha ampla actividade, que mesmo traspasou fronteiras (foi socio das
entidades bonaerenses ABC de Corcubión e Finisterre en América), e
foi aquí onde comezaría a súa produción literaria.
Guerra
civil
Tivo
que abandonar as parroquias fisterrás por supostos «problemas
veciñais» e vai ir para Santiago en outubro de 1930, como capelán
do Asilo das Oblatas. A pesar de que estivo menos de dous anos na
cidade compostelá, a súa actividade foi moi intensa, tanto
relixiosamente (foi nomeado Cronista da Orde Terciaria dos
Franciscanos) coma no campo literario. En xuño de 1932 envíano para
Betanzos, como capelán do Asilo de Ancianos Desamparados García
Hermanos, onde estará ata que volve á súa comarca. A Guerra Civil
colleuno como ecónomo de San Cibrán de Vilastose, en Muxía, pero
en 1940 xa estaba de novo nas Mariñas, pois aparece como capelán
das monxas de Meirás (Sada), onde nese mesmo verán oficia unha misa
á que asiste Carmencita Franco. Aquí botou polo menos dous anos,
ata que nos sorprende a súa presenza como capelán da Comunidad de
Hijas de Nuestra Señora de Cangas de Morrazo no momento da súa
morte, o 8 de febreiro de 1945.
Este
percorrido pola súa traxectoria profesional como sacerdote vai ter
moita importancia tamén no campo literario, pois boa parte da súa
produción reflicte os lugares nos que habitou. Como dixemos foi un
autor moi prolífico, pois del temos constancia da publicación de
150 poemas, dos que 104 son en galego e 46 en castelán, ademais de
tres contos breves en galego. E todo nun espazo de pouco máis de
sete anos, pois as primeiras referencias son de 1928, cando comeza a
publicar na revista bonaerense Finisterre, voceiro da asociación de
emigrantes fisterráns. Será a mediados de 1929 cando inicie a
colaboración na súa publicación de cabeceira, que vai ser o xornal
El
Compostelano.
No desaparecido medio santiagués vai editar un total de 127 poemas
(catro deles repetidos), dos cales 86 son en galego e 41 en castelán.
Eses 86 poemas en galego convérteno no autor que máis poemas
publicou na nosa lingua neste xornal entre 1925 e 1936, segundo os
datos que ofrece Xulia Marqués no seu libro A
Literatura galega no xornal El Compostelano (1920-1946),
no que tamén elabora unha pequena biografía de Matías Escariz. A
colaboración con este periódico foi ininterrompida ata marzo de
1935. Con todo, en 1941 aparecería un poema titulado A
Galicia (O derradeiro Adiós de Pérez Lugín)
coa
seguinte anotación: «Optó al premio Pérez Lugín» -galardón
creado pola Asociación da Prensa da Coruña para premiar o mellor
traballo literario que enxalzase a Galicia-, pero que non era senón
unha versión dun anterior titulado O
derradeiro adiós de Murguía.
En El
Compostelano
tamén publicaría entre 1931 e 1934 outros escritos en castelán
referidos a cuestións relixiosas, moitos deles agrupados baixo os
títulos xenéricos de Carta
a un Terciario Franciscano ou
Carta
a un infiel.
Unha
segunda publicación de referencia para Escariz era a prestixiosa
revista viguesa Vida
Gallega,
na que deixou entre 1929 e 1934 un total de 81 poemas (61 en galego),
moitos deles compartidos co xornal santiagués. A súa produción
tamén chegou á Arxentina, pois xunto coa citada revista Finisterre,
deixou a súa pegada en publicacións como Céltiga,
Boletín
Oficial de la Sociedad Nueva Casa de Galicia,
Revista
Oficial del Centro Gallego de Avellaneda
ou Betanzos. Centro Cultural Betanzos. Incluso o atopamos na
madrileña España
Marítima,
así como no ourensán La
Zarpa
e en La Voz de Galicia.
A
temática que domina nas súas composicións é a relixiosa, tanto na
súa vertente de fervorosa fe, como na máis lúdica das celebracións
de festas e romarías. Xunto a ela hai que subliñar o seu gusto polo
costumismo e a exaltación da paisaxe que o rodea (con predominio das
terras fisterrás, compostelás e mariñás). Mais tamén ten varias
composicións nas que incide na temática social e mesmo lingüística
e política, sobre todo nos tempos da II Repúbica, como ese poema
dedicado ás Mocedades Galegas ¡Arriba,
Mociños!,
ou en ¡¡Meu
pobo gallego, esperta!!.
Dentro da temática paisaxística, a súa terra fisterrá aparece en
poemas como ¿Por
quén chamar?,
A
vila de Cee,
O
Santo Cristo de Fisterre,
¡Corcubión!,
Pregaria
á Virxe d’a Xunqueira,
como
tamén reflicte actividades propias da nosa zona, como o traballo no
mar ou O
panillo.
En
definitiva, unha ampla produción poética, que aínda que non
destaque pola súa alta calidade, si é mostra dun eloxiable labor
literario dun escritor de noso que non debe quedar perdido no
esquecemento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario