sábado, 25 de xullo de 2020

O NAUFRAXIO DA BUCETA "LOLA" EN 1920

      Na mañá do día 2 de xuño de 1920 a buceta "Lola" naufragaba á altura do Rañal e, dos cinco homes que a tripulaban, dous morrían afogados. Arteixo cubríase novamente de loito, un Arteixo que neses días aínda continuaba conmocionado pola tráxica morte, uns meses antes, de Carmen Rita Fernández, muller de Bernardo del Río Busch, "O señorito de Suevos", a mans deste e do seu criado Manuel Folgar, "Graiño". O chamado "crime de Suevos" tivo lugar en Rega, na parroquia de Pastoriza, na noite do 19 de marzo de 1920 e deixou orfos de nai aos dous fillos do matrimonio, unha rapariga de catro anos e un meniño de tres. O asasinato, que aínda se mantén na memoria dos veciños de máis idade da bisbarra, conmocionaría  ao noso municipio e a toda a comarca. Bernardo del Río e Manuel Folgar foron condenados a case quince anos de cadea mais, por indulto, tan só cumprirían a metade. Pouco despois de saír do cárcere, o "señorito" emigraba para a Arxentina e o criado casaba en Suevos.

     Ramón Fernández, máis coñecido polo alcume de "Cuco", José Rizaola "Rizolas", Enrique Prego "Chorín" e os fillos do "Patacón", Manuel e Vicente Pargas, saían dos seus domicilios de San Roque, na parroquia coruñesa de San Pedro de Visma, nas primeiras horas do mércores 2 de xuño de 1920 para dirixirse cara O Portiño, onde tiñan a súa pequena embarcación.

   A "Lola" era unha buceta duns seis metros de popa a proa, propiedade de Ramón Fernández, que a adquirira había xa algúns anos. Este tipo de embarcación, propia das Rías Altas, usábase principalmente para a pesca con liñas e artes menores e, tamén, como auxiliares doutras embarcacións maiores. Nesta época, construíanse moitas bucetas nas carpintarías de ribeira de Betanzos, Pontedeume e Santo Amaro, na cidade herculina.

     Xa a bordo da "Lola", o patrón pon rumbo cara ao litoral arteixán, onde fondean á altura do Rañal. Pouco despois de que os mariñeiros comezaran a traballar co mediomundo, unha rede circular que xa hai tempo que deixou de utilizarse, a embarcación foi envolvida por unha rompente que a fixo envorcar, caendo ao mar os cinco tripulantes. 

Pequena embarcación pescando co mediomundo (Ruth Matilda Anderson)

     Na loita por salvar as súas vidas, o patrón Ramón Fernández, Enrique Prego e o rapaz de once anos José Rizaola, medio moribundos, conseguen poñerse a salvo na quilla da embarcación e comezan a berrar pedindo axuda.

   Ás voces de auxilio que daban os tres náufragos acudiría rapidamente a lancha pesqueira "Catro amigos" que,  patroneada por José Méndez Lamas e tripulada por catro homes máis, tamén faenaba pola zona. Méndez, con gran valentía, sería quen de realizar o salvamento dos tres sobreviventes, a quenes posteriormente conduciría ata O Portiño.

    Dos outros dous mariñeiros que ían a bordo da buceta "Lola", Manuel e Vicente Pargas, de 17 e 19 anos respectivamente e coñecidos entre a xente do mar como os fillos do "Patacón", nada se soubo a pesar de que algunhas embarcacións do Portiño navegaron pola zona durante horas. Os seus corpos aparecerían días máis tarde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario