Abofé
que é ben
curioso o paralelismo
que gardan as
traxectorias deportivas de
Arsenio Iglesias e de Pedro Mosquera, dúas
das
principais figuras deportivas
do
Arteixo de antano
e de hogano. Ben
é sabido
que o
da Baiuca debutou coma
futbolista profesional do
R.C. Deportivo na tempada
1951/52, nunha época na que
un bisavó
de Pedro, Francisco Mosquera Calvete, era
o
alcalde do municipio arteixán. Andando
no tempo, despois de
defender tamén as camisetas
do Sevilla, do
Granada e do
Oviedo, Iglesias adestraría
a media
ducia de equipos e ao seu
querido Deportivo antes
de poñer fin á súa
carreira deportiva
na campaña 1995/96, que foi
cando ocupou o banco
do Real Madrid. Quince
anos máis tarde o destino
encargaríase de que Mosquera, nado
na Coruña o 21 de abril de 1988,
iniciara a súa carreira
profesional á inversa da
realizada polo Raposo xa
que primeiro debuta cos
merengues na máxima
categoría do fútbol español
e posteriormente formaría
parte do plantel
do Deportivo, unha
fichaxe que daría pé a que Pedro se convertera no herdeiro de
Arsenio Iglesias ao ser
o segundo arteixán que xogou
co cadro herculino
na
Primeira División.
Cando
se lle pregunta que representa Arteixo na súa vida, non dubida en
dicir: “Para
min é o mellor. Pasei moito tempo nese lugar. Agás cando ía ao
cole
entre semana, case sempre estaba por alí. Considéroa a miña vila e
alí teño os meus amigos”. Fillo
da coruñesa María Luisa Parada Suárez e do arteixán Francisco
Mosquera González, Pedro medrou
xunto a seus irmáns
Fernando e María dacabalo
entre A
Coruña e a casa dos seus avós de Morás, lugar no que escoitarían
un feixe de anécdotas sobre
a gasolineira que instalara
nos anos sesenta en
Vilarrodís o
seu avó Fernando, e tamén
ducias de contos sobre
Francisco Mosquera Calvete e
Aurelio Gonzalez Canedo, bisavós
por parte paterna que
foran alcaldes de
Arteixo en varias ocasións (1).
Mosquera
era un deses pícaros que vivían para o fútbol… “lembro que
nas fins de semana, cando estaba na casa de Morás, despois de
xantar, coa comida case na gorxa, xa estaba insistíndolle a meu pai
para ir xogar. Tivo moita paciencia comigo”. En Morás o noso
protagonista tamén descubriu a afección pola hípica. “Nese
deporte aprendín moito. Debes coñecer o cabalo e ter disciplina á
hora de coidalo e manexalo. Aos traballadores da instalación hípica
de Morás lémbroos con moito agarimo. Ás veces paso por alí a
saudalos. Son moi boa xente”.
Os irmáns
Mosquera Parada tamén pasarían moitos veráns da súa infancia na
casa que a familia ten en
Valcovo, lugar no que Pedro comezou
a sentir verdadeira paixón por
outro deporte: o surf.
“Dende os catro anos xa
facía bodyboard
canda a miña cuadrilla, que era duns dez rapaces. Máis adiante
paseime ao surf. A verdade é que durante o verán estabamos moitas
horas horas metidos na auga”.
O rapaz
arteixán comeza a destacar no Santa María do Mar, club no que
ingresara con seis anos. Naquela hora compaxinaba o fútbol con outro
deporte que lle apaixoa: o
hóckey
sobre patíns.
“O
meu irmán xogaba a este deporte no colexio Santa María do Mar.
Comecei a practicar a patinaxe cuns patíns vellos, mordidos pola
miña cadela e nos que case non se movían as rodas. Dábaseme ben o
hóckey. Quedamos terceiros nun campionato de España infantil”.
Curiosamente,
nesa etapa da súa vida co deporte do stick, Pedro comparte vestiario
con Pablo Cancela quen,
andando no tempo, chegaría a debutar no Liceo e coa selección
española. Pablo é fillo do exporteiro do Dominicos Antonio Cancela e
neto por parte materna do exfutbolista uruguaio Dagoberto Moll.
E
así foi a vida de Pedro Mosquera durante a infancia: fútbol,
hípica, hóckey, surf...e máis fútbol! Aos
nove
anos
o
noso protagonista
pasa
ao
Galicia Gaiteira, un
equipo que gozaba
dunha
estructura
máis
sólida e
no que tivo a fortuna de aprender baixo as ordes de Arsenio Iglesias
cando o Raposo xa estaba retirado do fútbol de primeiro nivel.
“Arsenio é unha icona para o deportivismo. Foi moi amigo de meus
avós e compartín moitos momentos con el. De pequeno
adestroume nas escolas deportivas do Galicia Gaiteira. Arsenio é un
fenómeno”.
Pedro entra a formar parte pouco
despois das categorías inferiores do R.C.
Deportivo da Coruña, conxunto co que xoga no coñecido torneo alevín
de Brunete e, posteriormente, nun
torneo internacional nas Canarias, onde realizou unha actuación moi
boa e foi incluído no sete ideal da competición. Os
dous torneos puxérono no escaparate, espertando o interese de varios dos grandes equipos europeos,
caso do Milan,
Arsenal, F.C.
Barcelona e
Real Madrid, que
foi o club no que acabou fichando.
“A miña
nai dáballe moitísima
pena que me marchara a Madrid con tan só 12 anos,
ademais
eu
era o
protexido
da
familia
e
non
quería deixarme
ir. Mais
meu pai e meus irmáns sí
que estaban ilusionados porque lles
gustaba moito
o fútbol,
así que ao
final apoiáronme
todos para irme a Madrid… iso
si,
sempre coa condición de que continuara
estudando e
de
que se
non
aprobaba todo, por moi
bien que me fora
no
fútbol, tiña
que volver a Coruña. Sempre me mantiveron cos pés na terra. Nunca me meteron paxariños na cabeza”.
Tras
sobrevivir
a todas as cribas do
Real Madrid
desde que chegara
ao infantil
con
12 anos anos, o primeiro éxito coa camiseta branca víveo na tempada 2005/06, cando
gañou a Copa de Campións de Liga Xuvenil co equipo madridista.
Mediapunta
de gran técnica, con moi
boa
perna
esquerda
e
gran disparo, un
ano
máis
tarde Míchel
dálle a alternativa co Real
Madrid B,
naquela hora equipo da Segunda División, nun partido que o filial
madridista perde 4-0 en Valladolid. Habitual naquela altura da
selección española
sub-19, como tamén o fora anteriormente da sub-16
e
sub-17, o
arteixán xogaría
tres partidos máis na división de prata durante aquel curso co
filial
merengue,
que finalmente acabaría
descendendo a Segunda B. Mosquera permacería tres campañas máis no
Real
Madrid B, do
que chegaría a ser o capitán.
Durante
a tempada 2009/10 o técnico do primeiro equipo, Manuel Pellegrini,
convócao en varias ocasións, tanto en partidos de Primeira División
como da Champions League. Nunha destas convocatorias estivera a
piques de debutar en Primeira en Riazor contra o Deportivo. “Lembro
que non debutei co Real Madrid xogando en Riazor por pouco. Estaba na
banda á espera de poder entrar no campo, mais o árbitro asubiou o
remate do encontro. Naquel partido estaban moitos amigos meus e a
miña familia nas bancadas”. Tamén, unha convocatoria para a
Champions co Madrid impediulle ir coa selección española sub-21.
Finalmente, o 25 de marzo de 2010 chegaríalle o seu bautismo oficial
co conxunto branco, nun partido de Liga ante o Xetafe no que tivo
unha presencia testimonial, reemplazando a Xabi Alonso no último
minuto.
Nunha
época na que compaxina o fútbol cos seus estudos de Dereito na
Universidade Complutense, carreira que finalizaría na Universidade
Camilo José Cela de Madrid, en xullo de 2010 foi traspasado ao
Xetafe, co que asina por catro tempadas reservándose o Real Madrid
unha opción de recompra. No club azulón volve a coincidir con
Míchel como adestrador. Participa en catorce partidos en Primeira na
campaña 10/11 e na seguinte, ante a falla de oportunidades no
Xetafe, regresa no mercado invernal en calidade de cedido ao Real
Madrid B ata final do curso da man do Alberto Toril, adestrador que
sería quen de facer ao seu equipo campión do grupo I da Segunda B.
Este título outorgáballes aos brancos o dereito a xogar a fase de ascenso de
campións, onde o filial madridista acadaría o ascenso á Segunda
División tras derrotar ao Cádiz por un
resultado global de 8-1, dous tantos obra de Mosquera.
As
súas boas actuacións no filial válenlle para seguir cedido outra
tempada co Madrid B, conxunto co que xoga 38 partidos en Segunda ao
longo da campaña 2012/13 e anota tres goles (2).
Pedro retorna ao Xetafe na tempada 2013/14, disputando 25
partidos en Primeira cos azulóns nos que realiza unha grande labor
no centro do campo coas tarefas organizativas.
En
xullo de 2014, co propósito de cubrir a máis que probable marcha de
Javi Mázquez, co tempo futbolista do Granada e do Cosmos de Nova
York, o Elxe asina contrato con Mosquera ata o 2017. O arteixán
faría alí unha moi boa campaña chegando incluso a ser o capitán
do equipo. En Elxe tamén marca o seu primeiro gol en Primeira División, tanto
anotado na terceira xornada en Vallecas no triunfo por 2-3 do seu
equipo diante do Rayo Vallecano. Mirando ao ceo, Pedro adicoulle ese
primeiro gol en Primeira a súa nai María Luisa, falecida o 7 de
maio de 2009, unha tráxica data que ao longo da súa carreira
levaría marcada con números romanos nas súa botas.
A
causa do descenso administrativo do Elxe, o 26 de xullo do 2015
rescinde o seu contrato co equipo valenciano co que aínda lle
quedaban dúas tempadas máis. Esta circunstancia fai que o xogador
arteixán chegara libre ao Deportivo da Coruña co que asina ata o
2019. A primeira volta da campaña 2015/16 co cadro herculino é
inmaculada, se cadra a mellor da súa carreira deportiva. Naquel
momento o seu nome soaba para ir convocado coa selección española e
incluso rexeita un ofertón do Valencia, que veu a por el disposto a
pagar a cláusula de rescisión, cifrada en 4
millóns de euros. Porén, o centrocampista arteixán seguiría na Coruña ao serlle
mellorado o contrato. Ademais, ao final daquela campaña, o 20 de
mayo de 2016, Pedro xoga coa selección galega en Riazor un partido
amigable contra Venezuela que terminou con empate a un gol.
Mosquera
permanecería tres tempadas máis no conxunto deportivista: a 16/17 e
a 17/18 en Primeira División, e a 18/19 en Segunda. Posteriormente,
tras rescindir contrato co Deportivo, a Sociedade Deportiva Huesca
anunciaba en agosto de 2019 a súa incorporación por dúas campañas,
un equipo aragonés que viña de descender de Primeira e que, despois
dun ano e con grande protagonismo do futbolista de Arteixo, volvía a
estar entre os grandes ao remate da que pasará a historia como a
tempada do COVID-19.
FONTES:
Losada,
Óscar/ Maceiras, Xabier. Pedro Mosquera, Revista
O Dez, nº4. Verán 2017.
(1).- Francisco
seríao nos períodos
1936-1939; 1946-1953 e 1953-1955 e
Aurelio en dúas ocasións, a
primeira desde o 18 de marzo de 1953 ao 15 de outubro do mesmo ano e
a segunda, desde o 20
de outubro de 1955 ata o 12 de decembro de 1956.
(2).- Contra
o Guadalaxara na xornada 6, o seu primeiro gol en Segunda; Vilarreal
na xornada 22; e Hércules na 29.
Ningún comentario:
Publicar un comentario