mércores, 19 de agosto de 2020

ALBA SUÁREZ CORES, A FUTBOLISTA DE VILARRODÍS QUE XOGOU NA LIGA IBERDROLA

    Houbo un tempo, aló polos anos 60, no que unha muller paseu o nome de Vilarrodís por toda a bisbarra. Fálovos de Fina López, máis coñecida polo alcume da “Rubia de Vilarrodís”, de quen escribiu ata o mismísimo Manuel Rivas no seu libro autobiográfico “As voces baixas” sobre as súas fazañas futboleiras. Medio século despois, outra moza de Vilarrodís, Alba Suárez Cores, volvía a situar a este lugar de Arteixo no mapa do fútbol feminino tras debutar co Deportivo da Coruña na Primeira División, na chamada “Liga Iberdrola”. 

Alba na súa etapa no Deportivo
     Nada en Vilarrodís o 14 de agosto de 1998, Alba Suárez dálle as primeiras patadas a un balón no CEIP de Galán, centro onde cursa os seus estudos de primaria. Nesa época empeza a xogar nos equipos mixtos das categorías inferiores do Atlético Arteixo e posteriormente, dende o 2011 ata o 2015, defende as cores do Pastoriza feminino, que competía coma equipo federado dende a tempada 2008/09. Trala súa etapa no conxunto do Santuario, a nosa protagonista daría o salto ao Ural-Español, conxunto no que ficha no curso 2015/16 e co que se proclama campioa do grupo 1 da Segunda División Autónomica por diante do Deportivo Orzán e do seu querido Pastoriza, na campaña seguinte, a 2016/17. 


    En febreiro do 2017, nunha altura na que tamén xoga no equipo de fútbol sala Manureva de Suevos, Alba Suárez ficha no Deportivo da Coruña. Case trinta anos despois da desaparición do pioneiro e exitoso Karbo Deportivo, o Deportivo recuperaba na campaña 2016/17 o seu equipo feminino. A nova aventura das mozas deportivistas partía dun convenio de colaboración co Orzán SD, cuxa estrutura feminina pasaba a integrarse na do club branquiazul adquirindo as prazas de Segunda División e Primeira Autonómica para o equipo filial, o Deportivo B. Case corenta xogadoras, entre elas Alba Suárez, dous equipos e un grande soño no horizonte: colarse na emerxente Liga Iberdrola, a máxima competición estatal.

SCD Pastoriza 2014/15. Alba é a futbolista que aparece no medio da fila inferior
    Coa exfutbolista do Karbo Deportivo Lis Franco na dirección e con Manu Sánchez, que chagara ao Deportivo tralo acordo co Orzán, como responsable técnico do primeiro equipo, o 4 de setembro de 2016, o club herculino comezaba a súa andaina pola Segunda División co primeiro partido oficial, encontro que as enfrentaba ao Oviedo Moderno, actual Real Oviedo, no Estadio Ponte dos Brozos de Arteixo e que se saldou cun resultado de 0-0 sumando así o seu primeiro punto da historia. O conxunto deportivista, que nesa altura pasou a denominarse Deportivo Abanca tras chegar a un acordo coa entidade bancaria por 4 anos, xogaría toda a tempada 2016/17 en Arteixo os seus partidos como local, campaña que as coruñesas remataron na segunda posición da táboa clasificatoria despois de gañar 21 partidos, empatar 2 e perder 3. A competición fora unha loita desde a primeira xornada entre o Dépor e o Oviedo Moderno. Nunha igualdade extrema entre ambos equipos, a liga decidiríase a falla de catro xornadas, onde as coruñesas non foron quen de seguir o ritmo das asturianas e quedaron sen opcións para loitar polo ascenso á Primera División.

    No partido Deportivo-El Olivo correspondente á xornada 26ª, a última do campionato, disputada o 30 de abril do 2017 e que rematou cun 7-0 favorable ao equipo local, Manu Sánchez deulle a alternativa a Alba Suárez, que debutaba en Segunda División no Ponte dos Brozos, diante dos seus, subtituíndo á venezolana Kika Moreno no minuto 72. Nos dezaoito minutos que estivo sobre o terreo de xogo, a futbolista de Vilarrodís anotaría o seu primeiro gol na categoría. Ademais, neste curso 2016/17, o Deportivo B, o equipo filial, acadaría unha meritoria sexta praza no seu debut na Primeira División autonómica cun papel destacado da nosa Alba.

     A tempada 2017/18 iniciábase coa sinatura dos primeiros contratos profesionais, mais serían moi poucas as afortunadas. O Deportivo Abanca volve a ser subcampión do grupo 1 de Segunda División estatal, unha vez máis detrás do Oviedo. Pola súa banda, o Dépor B, da man do técnico Kevin Cabado, acada o subcampionato da Primeira División autonómica, e gaña a Copa Galicia na súa categoría. Alba Suárez é das xogadoras máis importantes desta campaña, curso no que a futbolista de Vilarrodís tamén xoga co Ponteceso no grupo da Coruña da Primeira División Galega de fútbol sala.
Deportivo Abanca B na tempada 2017/18. Alba é a terceira pola esquerda da fila superior
    O Deportivo Abanca inicia a pretempada 2018-19 gañando por 4-0 ao Victoria a final da Copa Deputación no Ponte dos Brozos con Alba Suárez no once titular. A nosa protagonista participara anteriormente no 0-13 de cuartos de final ante o Imperator no que a de Vilarrodís anotara un hat trick, e no 6-0 de semifinais ante o Victoria no que tamén marcara un tanto.

   O obxetivo desa campaña, na que os partidos do primeiro equipo pasaron de disputarse no Ponte dos Brozos de Arteixo a xogarse en Abegondo, era un ano máis o de clasificarse para poder disputar a fase de ascenso e conseguir unha das dúas prazas dispoñibles na máxima categoría. O Deportivo Abanca acabaría situado na primeira praza tras uns espectaculares números nos que sumou un total de 76 puntos, con 25 partidos gañados e un empate cedido na primeira xornada.

    Alba Suárez xogaría o seu segundo partido en Segunda División o 28 de outubro de 2018 nun partido no que o seu equipo venceu por 7-0 ao Gijón FF e no que a de Vilarrodís foi titular por primeira vez. Naquel inesquecible encontro para a nosa homenaxeada o Deportivo Abanca formara de inicio con Miralles; Michelle, Miriam, Alba Merino, Nuria; Mérida, Peke, Gaby; Érika, Cris e Alba Suárez.

    A falla de tres partidos para o final da Segunda División feminina, as coruñesas sabían que lles chegaba con gañar un para asegurar o título. O equipo de Manu Sánchez viaxa a Santiago de Compostela para enfrontarse ao Victoria con esa idea. Malia contar con moitas baixas e de empregar un equipo con notable presencia do filial, casos da porteira Anita, de Sofía e da nosa Alba Suárez, que xogaba o que era o seu segundo partido en Segunda, as branquiazuis solucionaban a papeleta goleando por 4-1.

     Acadar o campionato outorgáballes unha das prazas para loitar por ascender á máxima categoría. Na primeira eliminatoria o Deportivo Abanca enfrontouse contra o Alhama CF ao que vencen por 0-1 na ida e por 5-1 no partido de volta. Con estos resultados o club herculino pasa á gran final que os enfrontaba ao Fermaguín. Cun 2-0 nai ida, goles de Peke e Nuria, e cun 1-4 na volta con tantos de Gaby (2), Peke e un gol en propia meta dunha xogadora rival, o conxunto branquiazul facíase cunha das dúas prazas dispoñibles na Liga Iberdrola, sendo a aoutra para CD Tacón. O Deportivo Abanca estaba, ao fin, na máxima categoría do fútbol estatal.

   Mais os éxitos para entidade coruñesa non remataban aí xa que nesa tempada 2018/19 o equipo filial gañou o campionato de Primeira División autonómica e conseguía o ascenso á Primeira Nacional Femenina. Alba Suárez, xefa da medular e capitana do filial, xogou nese curso 23 partidos de Liga co Dépor B nos que fixo hat trick contra o Orzán (12-0); Sárdoma (9-0) e Tordoia (0-8).

    Co soño do ascenso conseguido, o Deportivo Abanca logra na pretempada 2019/20 a súa cuarta Copa Deputación consecutiva, torneo no que a estrela de Vilarrodís anota un gol no partido de cuartos de final; outro tanto no de semifinais, e outro máis no 0-6 da final ante o Victoria C.F.

    E chegamos ao 8 de setembro de 2019, data na que Deportivo Abanca facía historia tras debutar con victoria na máxima categoría: 3-1 ao Espanyol de Barcelona. 31 años despois do último partido do Karbo Deportivo, A Coruña volvía a disfrutar da máxima categoría feminina de fútbol. E sí, naquel histórico partido, alí estaba tocando o ceo a nosa Alba Suárez. Tere, Miriam e Peke recollían o testemuño de Lis Franco, Pili Neira e Inma Castañón. Nunha mañá soleada e con aforo completo en Abegondo, o balón rodaba por primeira vez en herba de Primeira División. Momento histórico para o club e a cidade que o foi aíndais coa primeira victoria, nunha inesquecible xornada para a futbolista de Vilarrodís, que entraba no minuto 78 subtituíndo a Alba Merino. O Deportivo Abanca conseguía os seus primeiros tres puntos na Liga Iberdrola coa seguinte aliñación: Sullastres; Cris, Villegas, Laura, Nuria (58′ Pecas); Tere, Iris, Alba Merino (78′ Alba Suárez); Michelle Romero (62′ Athenea), Gaby e Peke (88′ Kika)… futbolistas que xa forman parte da historia do Dépor.

Deportivo Abanca 2019/20. Alba é a cuarta pola esquerda da fila inferior
    O Deportivo Abanca remataría a súa primeira tempada na máxima categoría nunha sensacional cuarta praza con 37 puntos, só superadas polo Levante con 45 puntos, Atlético de Madrid con 50, e F.C. Barcelona que foi o campión con 59 puntos. As rapazas deportivistas tamén realizarían unha meritoria Copa da Raiña na que eliminaron ao Valencia en oitavos de final e caeron en cuartos ante o todopoderoso F.C. Barcelona por 1-0 no último minuto da prórroga.

    Na súa primeira aparición na Primeira Nacional Feminina, a terceira categoría do fútbol español creada nesa campaña 2019/20, o filial capitaneado por Alba Suárez, que ao longo da tempada alternou a súa presencia nos dous equipos, ocupaba a quinta praza da táboa no momento que o campionato se suspendeu por mor do COVID-19. Ao remate do curso 19-20 a futbolista de Vilarrodís puxo fin a súa etapa no Deportivo e fichou no Pastoriza, club ao que pertence actualmente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario