Nado en Meicende o 6 de maio
de 1937, Gerardo Roldán é outro dos futbolistas da nosa bisbarra que
xogou no Fabril na década dos 50. Fillo do coruñés Manolo Roldán e da
arteixá Josefa Corral, Gerardito quedaría orfo de pai de moi cativiño,
cando tan só tiña catro anos mais,
malia a desgracia familiar, Josefa sería quen de sacar o seu fillo
adiante naqueles duros anos da posguerra nos que o noso protagonista
pasou a súa infancia.
Desde
moi cativo, cando xogaba en Meicende coa rapazada da súa quinta, xa
se apreciaba nel que posuía unhas condicións innatas para a
práctica do fútbol e, con 15 anos, ficha no equipo xuvenil do
Español, histórico club do fútbol modesto coruñés no que
permanece ata os 18 anos.
Rematada
a súa formación nas categorías inferiores do cadro de Santa Lucía
e despois de xogar media liga co primeiro equipo españolista, Roldán
asina co Fabril na tempada 1956/57, debutando na Terceira División
na primeira xornada do campionato. Naquel partido, disputado o 9 de
setembro de 1956 en Porriño ante o Zeltia, o cadro fabrilista, que
perdería por 4-2 o enfrontamento, formara con Tato na portería;
Porvén, Franco e Orbán na liña defensiva; Gerardo Roldán e
Saavedra no centro do campo; e con Gallardo, Acuña, Nicolás, Borrás
e o arteixán Pitos na dianteira.
Gerardo, primeiro pola dereita da fila superior, nunha formación do Fabril dos ano 50. O segundo pola dereita da fila inferior é o arteixán Pitos |
Gerardo
disputaría dúas tempadas máis en Terceira co Fabril, a 57/58 e a
58/59, dúas campañas nas que foi titular indiscutible no centro do
campo do once coruñés e nas que compartiu vestiario co seu veciño
Pitos ou, entre outros, con Paseiro, o lendario rematador de Sada que
formara parte do gran Deportivo dos primeiros 50 e que tamén
defendera as camisetas do Racing de Ferrol, Español de Barcelona,
Universidade de Chile, Xaén e Xerez Deportivo antes de fichar no
Fabril, xa no ocaso da súa carreira futbolística, na campaña
1958/59.
Aquela
tempada
58/59
tamén fora
a última de Gerardo
Roldán
no
cadro fabrilista. As obrigas
militares levaríano ao Sahara, a
Villa Cisneros, mais
antes de chegar a este destino, nos días que botou en Canarias
agardando polo barco que tiña que transportar aos reclutas ao
Sahara, o de Meicende aínda tivo tempo de xogar varios partidos cun
dos equipos que anos
máis tarde,
trala unificación en 1962 do El Canario e do San Rafael, crearían
a
U.D.Vecindario.
Rematada
a mili e de volta na Coruña, Gerardo casa
coa
súa moza Charo e
xoga
unhas tempadas no
campionato de modestos da Liga
da
Capital
co
Español, club
no que se iniciara no mundo do fútbol. Nesa
época, o adestrador do Español era Manuel Fernández Trigo,
xornalista de La
Voz de Galicia que
asinaba os seus artigos como Mafertri. Andando
no tempo, Fernández Trigo converteríase en xerente
do
R.C. Deportivo da Coruña no ano 1969,
ao tempo que adestraba ao
equipo feminino de
baloncesto do Medina. En
1978 o presidente do Real Madrid Luís de Carlos fíchao como
xerente, posto onde permanece ata a súa xubilación en 1999.
Naqueles
primeiros anos 60 Gerardo tamén defende en
máis dunha ocasión a camiseta do Sporting Meicende, do
Penouqueira ou do Campanal de Loureda nos
torneos que se facían polas festas.
Pouco
despois, sobre o 62 ou o 63,
o
seu amigo Torrado,
antigo
futbolista do C.D. Juvenil e do Compostela, coméntalle que en
Alemaña había unha empresa de
venda e reparación
de
maquinaria de construción
que necesitaba xente… “pois
veña, imos”,
díxolle o noso
protagonista.
E alá se van Torrado
e
Gerardo, que deixaba na Coruña a Charo e a Gerardito, o primeiro
fillo do matrimonio.
Chegan
a Alemaña, a Freilassing,
un municipio
situado no
distrito de Berchtesgadener Land, na rexión da Alta Baviera, cerca
da fronteira con Austria.
Unha
vez alí,
os
dous emigrantes galegos
empezan a xogar co equipo de fútbol da empresa na que traballaban
que formaran os empregados, moitos
deles españois, para xogar nos días de lecer contra outras empresas
da contorna. Un par de partidos con este
conxunto
serían suficientes
para
que o
ESV Freilassing, o equipo de fútbol da localidade na que se gañaban
a vida, se
interesara polos
antigos futbolistas do Fabril e do Compostela…
”wir
haben hier zwei echte
stars des balls”
(temos
aquí dúas verdadeiras estrelas do balón), comentáralle
o fillo do xefe da
empresa na que traballaban Torrado e Gerardo aos
seus compañeiros do ESV, entidade da que era xogador
e
vicepresidente.
Formación do ESV Freilassing nos anos 60. Gerardo Roldán é o primeiro pola esquerda da fila superior |
O
ESV Freilassing xogaba por aqueles días a
Bezirksliga, unha
especie de Terceira División española da
rexión de Baviera.
Gerardo
Roldán lembrounos
recentemente
que… “un
día chegou un intérprete para preguntarnos a Torrado
e a
min se queriamos fichar
no equipo, e nada... ao pouco xa xogamos o primeiro partido con
eles.
Nove alemáns e dous galegos; a comunicación moi boa non era pero
non o fixemos nada
mal porque un ano quedamos subcampións e case ascendemos de
categoría, que sería como aquí a Segunda División B.
Robert, o adestrador, dicíame
que tiña que xogar como Hidegkuti, un mediapunta húngaro que fora
campión do mundo coa súa selección no Mundial de 1954… Xeraldo,
tú jugar de Hidegkuti, dicíame”.
No
Nadal de 1963 os
dous emigrantes
regresan
a súa terra para pasar uns días coa súa familia
na
Coruña.
Na viaxe de volta, e
tras decidir que o seu meniño Gerardito quedara a cargo dos avós
maternos,
Charo
acompaña ao seu home a Freilassing,
unha
partida
que quedou inmortalizada na
edición do 10 de xaneiro de 1964 do xornal
El
Ideal Gallego.
Nuns
tempos
nos que se podían ver centos
de maletas da emigración nas estacións de trens e nos portos
galegos,
baixo o título “Un tren con trabajadores españoles salió ayer de
La Coruña. Entre los expedicionarios, dos figuras del fútbol
gallego: Gerardo y Torrado”, El
Ideal Gallego publicaba
o
seguinte artigo
na sección
“La Coruña, al día”:
DOS
FIGURAS DEL FUTBOL ENTRE LOS EXPEDICIONARIOS
Por
algún “transistor” se deja oír música gallega que pone notas
agrícolas en el ambiente. Entre los expedicionarios dos figuras
conocidas del balompié gallego: Gerardo y Torrado. Gerardo
perteneció varias temporadas al Fabril. Torrado militó con éxito
en el Compostela.
-Llevo
a mi mujer- nos dice Gerardo Roldán. Tengo casa en los alrededores
de Munich. Allí vivirá bien.
-¿Acusáis
el cambio de clima?
-No.
Estamos próximos a la frontera con Austria. Es un clima parecido al
de Galicia.
-¿Vuelves
contento?
-Sí.
He logrado situarme. Allá tengo mi vida. Ahora bien, todos los años
me daré una vuelta por La Coruña, que no se puede olvidar.
-¿A
que te dedicas?
-Trabajo
en una fábrica de madera prensada. En la factoría hay
aproximadamente unos doscientos españoles.
-¿Cómo
“matáis” la morriña?
-Nos
reunimos a la hora de misa los domingos y estamos en contacto con lo
que sucede en España a través de la edición en nuestro idioma del
“7 fechas”, que se tira en Colonia. En cuanto a las distracciones
Torrado y yo jugamos en el equipo de la localidad. Los alemanes se
portan muy bien con nosotros. Estamos contentos con los muniqueses
(…)
Coa
alegría de disfrutar
da
compaña
de
Charo en Alemaña, en
plena madurez futbolística, o de Meicende pasara
en poucos anos de ser unha das figuras do
Fabril
a converterse na
estrela do ESV Freilassing. De
feito, aínda
hai
quen recorda os “ohhhh” de admiración que facían os rapaces dos
equipos das categorías inferiores do cadro alemán cando vían as
filigranas que facían
no campo tanto
Gerardo coma
Torrado,
que para moitos daqueles cativos foron
os
seus
primeiros
ídolos.
Naqueles
mediados dos 60, un dos adestradores do fútbol
base
do ESV era Paul, quen
lle pedía a Gerardo que lle ensinara ao seu fillo Paul algúns dos
segredos do balón.
Nado
en
Kolbermoor
en
1951, con seis anos Paul júnior
comezara
a xogar
no
equipo da súa localidade de nacemento, o SV
Kolbermoor, mais
en 1961
incorporárase
á canteira
do
ESV Freilassing, onde seu
pai, que tiña na cidade unha oficina administrativa, era tamén o
seu adestrador.
Paul
Senior,
adestrador
do mellor equipo xuvenil da rexión e
bo amigo de Gerardo,
á parte do seu fillo tamén tiña baixo as súas ordes a Bernhard,
un
rapaz nado
en 1953
que comezara a súa carreira futbolística no SV Kirchanschöring
e
que, da
man de
Paul
Senior,
chegara
en 1967 ao ESV Freilassing. Bernhard
e
Paul Junior,
futbolistas do cadro xuvenil do ESV
Freilassing,
eran algúns
dos
rapaces que
quedaban coa
boca aberta cada vez que vían xogar a Gerardo Roldán, a estrela do
primeiro equipo:
-Ohhhhh!
Equipo xuvenil do ESV Freilassing. O primeiro pola dereita da fila inferior é Bernhard Dürnberger. Paul Breitner é o futbolista que aparece no medio da mesma |
As
deslumbrantes actuacións que Paul e
Bernhard
realizaban
en cada partido co conxunto
xuvenil do
ESV non tardaron en chamar a atención do poderoso Bayern de Munich,
club que fichou
a ambos futbolistas
a
principios da década dos 70. Aqueles cativos eran os mismísimos
Bernhard
Dürnberger
e Paul
Breitner, verdadeiras
lendas
do fútbol mundial.
O
inicio
da longa e exitosa carreira de Breitner foi aos 19 anos en 1970 e
sería peza
clave na consecución de tres ligas e a primeira Copa de Europa do
Bayern
en 1974.
Pola
súa banda Dürnberger,
que
causaría
sensación como dianteiro
no equipo
nacional xuvenil
alemán,
en
1972 seguiría
a Paul Breitner ao
Bayern
á
idade
de 18 anos.
Fora
Paul
Breitner Senior
quen
levara
ao xove
Dürnberger a Munich para asinar
o contrato.
Bernhard
"Bernd"
Dürnberger permanecería
alí ata 1985, xogando
un
total de 375 partidos
na Bundesliga nos que anotou
38 goles.
Despois
de botar en Alemaña catro anos, período no que Gerardo
e Charo son pais de dous
fillos máis, Alfredo
e Carlos,
(Gerardito
o fillo maior tamén pasara
con eles os últimos
anos en Alemaña)
a
familia decide pór fin á etapa
da emigración e establecen o
domicilio na Coruña, onde
o ex futbolista monta un almacén de material de tapicería e leva a
representación dunha marca deste sector por toda a xeografía
galega, Asturias e León.
Naquela
altura Gerardo non perde
o fío da “súa” xente de Freilassing
e
segue
mantendo contacto con algúns amigos alemáns. De feito un día
chaman ao telefonillo
do seu piso e contesta súa sogra:
-Gerardo,
tes aí un paisano que non sei que di!
Era
Frank, o adestrador do equipo xuvenil do ESV
Freilassing,
e a súa muller. Tiñan a dirección dos seus amigos galegos e
viñeran pasar uns días á
Coruña,
unha
época na que
Gerardo tamén se
alegrou da victoria da
selección alemana
no Mundial de 1974 celebrado no país teutón no que o seu amigo Paul
Breitner fora unha das estrelas.
Breitner,
que
anotara
un dos goles da final da
devandita Copa do Mundo
na
que Alemaña se impuxo á Holanda de Johan
Cruyff por 2-1, ficha no Real Madrid nese verán e,
cando
empezou a Liga, o
de Meicende
decide
darlle
unha sorpresa. Nos primeiros días de novembro de 1974, o Real
Madrid, naquela hora adestrado polo
iugoslavo
Miljan Miljanic, está concentrado en Samil para xogar contra o Celta
o partido da sétima xornada. Na recepción do hotel Gerardo
atópase con Antonio Ruíz, segundo adestrador madridista ao que
coñecía dende
a súa etapa fabrilista,
cando
Ruíz
estivera cedido polo
Madrid
no Deportivo da Coruña a
principios dos anos 60.
-Gerardo,
canto tempo amigo! ¿E ti
aquí en Vigo?
¿Que ves ver, o Celta ou o Real Madrid?
-Non,
non. Veño a darlle unha sorpresa a Paul Breitner!
-Sube,
está na habitación 402.
Gerardo
Roldán
sube
ao
cuarto andar,
abre a porta da
402
e alí, en plena sesión de masaxe, estaba Breitner co dianteiro
cántabro
Ico Aguilar. A sorpresa foi maiúscula!
Dous
anos máis tarde, en agosto de 1976, o Real Madrid participa no
Teresa Herrera. Facía dez anos que os merengues non xogaban o
prestixioso torneo herculino. Gerardo acude o día 11 ao aeroporto de
Alvedro a recibir á expedición madridista e ao seu amigo Paul!
-Pauli!
-Ola
Gerardo! ¿Que tal amigo?
-Oes,
tes que vir xantar estos días á miña casa!
O
día 13 o Real Madrid vence na semifinal do Teresa Herrera ao Peñarol
de Montevideo por 5-2 e, dous días máis tarde, gáñalle na final
ao Cruzeiro de Belo Horizonte por 2-0. Miljanic non lle dera permiso
a Breitner para xantar cos seus amigos da Coruña, mais si que lle
permitira pasar uns minutos con eles no seu domicilio da rúa
Francisco Añón, onde Gerardo e Charo vivían naquela hora coa súa
ampla prole, que aumentara con Mónica e Jose, nados na Coruña
despois de vir da emigración. Breitner tomou café con eles e
regaloulles a súa medalla de campión do Teresa Herrera de 1976,
unha medalla que a día de hoxe aínda se conserva con moito cariño
na casa de Gerardo e de Charo.
O
futbolista alemán asinara co
Madrid
en 1974 e permacería no club branco
ata 1977, que foi cando fichou no Eintracht Brunswick.
Posteriormente,
Breitner defendeu
de novo a camiseta do Bayern de Munich, entre
1978 e 1983, época na que Gerardo
Roldán
continuaba
gañándose
a vida como
comercial do mundo da tapicería, ocupación que desempeñou ata a
súa xubilación, e
que durante algún tempo compaxinou co fútbol
xa que foi adestrador do Sporting Meicende e do Suevos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario