Moito
hai escrito sobre a Virxe de Pastoriza mais, se cadra, a publicación
máis coñecida é "A Lenda da Pastoriza", unha obra
publicada por Emilia Pardo Bazán no ano 1887 que axudou, en gran
medida, a impulsar a devoción da Virxe que a insigne escritora
coruñesa denominaba como a Montserrat galega.
Moi
grande é a devoción a este antiquísimo Santuario. A xente
humilde da Coruña profésalle cariño especial; e sobre todo, as
operarias da Fábrica de tabacos pérdense pola súa Virxe moi amada.
Despois dos coruñeses seguen en veneración e afluencia ao
Santuario, os habitantes de Betanzos e Pontedeume, da Mariña toda,
da bravía comarca de Bergantiños, de Ferrol, Santa Marta e Cedeira;
e desde que corre tren directo de Madrid á Coruña, o número de
devotos reforzouse con moitos da provincia de Lugo e León, e ata
coas persoas cortesás que van ás praias galegas e levan na memoria
a fotografía da Virxe, o seu escapulario ou a súa medalla, escrevía
a condesa de Pardo Bazán na devandita obra.
Conta
a lenda que a sagrada imaxe da Virxe estivo moito tempo oculta entre
unhas rochas do monte do Castro para librala da posible profanación
dos invasores... ata que un día atopouna, nun buraco existente
debaixo dunha gran pedra, unha nena que andaba pastando o gando...
lugar que a partir de aquel momento foi chamado "O berce da
Virxe".
Aínda
que as romarías marianas xa tiveran un gran repunte a comezos do
século XIX, a de Pastoriza tivo o seu pulo definitivo a partires de
que dona Emilia Pardo Bazán promovera, xunto con Alvaro Torres de
Taboada, a creación dun lugar de referencia no monte do Castro,
asentando no Berce a estatua da Virxe feita de granito polo mestre
canteiro de Ponteareas José Couto en 1887.
Así
mesmo a publicación do libro “A Lenda da Pastoriza” no mesmo
ano, foi outro gran impulso para esta Romaría da parroquia arteixá,
que se empezou a celebrar cada 29 de setembro, e que tivo gran
devoción en toda a xeografía galega, principalmente entre as xentes
do mar.
Dende
aquel entón, por ese lugar habían de pasar miles e miles de
romeiros para se liberar do pecado, curar doenzas ou curarse de
certas enfermidades, uns peregrinos que acudían, e seguen acudindo
polo San Miguel a venerar a imaxe da Virxe e cumprir coa tradición
de subir as escaleiras para chegar ata o Berce, onde fan o ritual de
dar tres voltas ás pedras dos cadrís, tres a imaxe de pedra da
Virxe e bicala, así como pasar por debaixo da pedra dolménica na
que tantos anos estivera agochada a talla da Santa.
|
Pastoriza, anos 20-30 (Arquivo do Reino de Galicia)
|
Naquela
hora, en Pastoriza tamén tiña lugar unha das feiras máis
importantes da comarca, a chamada Feira da Madeira, que se celebraba
o 28 de setembro, véspera de San Miguel.
Nuns
tempos nos que os labregos do noso municipio traballaban arreo para
vender os productos cultivados nas súas terras e encher as despensas
da cidade da Coruña, era de obrigado cumprimento a renovación de
utensilios e enseres propios da labranza, de aí a importancia da
Feira da Madeira do San Miguel, lugar onde os nosos devanceiros
mercaban os apeiros necesarios para o desenvolvemento do seu traballo
no campo aos artesáns dos arredores que acudían a Pastoriza a
ofrecer os seus productos, sendo de gran sona os Cesteiros da Comarca
de Bergantiños, dos que era numerosa a súa presenza. Ofertaban
cestos de todo tipo para a recollida das colleitas, así como
múltiples obxectos feitos de vime. Outro dos oficios presentes eran
os ferreiros, que traían os seus sachos, eixadas, forcadas...
Topónimos
como O Souto, A Fraga ou As Carballeiras facían alusión ao arborado
autóctono existente naquela hora. Antes da plantación masiva de
eucaliptos, os piñeiros e os castiñeiros daban de comer a moita
xente, entre elas as piñeiras de Loureda, mulleres que recollían
polos montes da parroquia as piñas que posteriormente vendían no
Campo da Leña da Coruña e que se utilizaban para prender o lume nas
cociñas de ferro dos domicilios herculinos.
Dos
denominados Pinos Reales obtiñan as piñas para secar e conseguir os
piñóns que servían de adobo para facer as morcillas. Aínda non
hai moito, houbo alguén que nos dixo “antes a leña era pan de
comer”.
A
madeira de piñeiro dos nosos montes tronzábase en roldos e
posteriormente transportábanse ata a Coruña para vender no Campo da
Leña. Os tratantes de madeira que se encargaban de mercala para a
súa posterior venda recibían o nome de “fragueiros”. Esta era
outra das actividades que tamén se realizaban no San Miguel de
Madeira, que parece ser que era como os vellos de antes denominaban a
esta feira.
|
Pastoriza, anos 20-30 (Arquivo do Reino de Galicia)
|
Coa
gran industrialización iniciada nos anos 60 en Sabón, dando pé á
expropiación das terras de cultivo para a creación do Polígono,
así como da Refinaría na zona de Meicende, foise erradicando a
actividade agrícola que, ata aquel momento, foi o principal medio de
vida dos habitantes da nosa contorna.
Con
todo, ata os anos 90 do século pasado, aínda era habitual ver polo
San Miguel ao sr. Riobóo, veciño e ferreiro de Pastoriza, ofertar
os seus artigos na praza do Santuario.
A
Feira da Madeira constituía unha gran xornada festiva para os
labradores de Arteixo e dos concellos limítrofes que acudían en
multitude… unha Feira da Madeira que foi referente na comarca
durante décadas e que, dende a nosa humilde opinión, pensamos que é
preciso pór en valor para recuperar esta parte do noso pasado máis
recente!
Ningún comentario:
Publicar un comentario