mércores, 9 de setembro de 2020

ADOLFO, PESUDO E JAVI ANGERIZ: TRES ARTEIXÁNS EN 2ª B CO FABRIL NA TEMPADA 2000/01


     Arsenio, Chacho, Varela, Gerardo Roldán, Pitos, José María Mancebo, Lolo Hermida, Baldomero Moreiras, Salvadores, Otero, Patiño, Vázquez, os irmáns Collazo, Fraga, Juanito, Toñito, Alfredo, Repi, Javi Fuentes, Carlos García, David Añón, José Manuel... foron moitos os futbolistas de Arteixo e A Laracha os que, ao longo da historia, vestiron nalgunha ocasión a camiseta do Deportivo B, do Fabril  ou do Juvenil, equipos filiais e asociados cos que contou o R. C. Deportivo da Coruña durante varias décadas. Mais, ata o de agora, nunca antes o fixeran tantos ao mesmo tempo en Segunda División B como na campaña 2000/01, que foi na que formaron parte do cadro fabrilista Adolfo García Carril, José Ramón Naya Montes e Francisco Javier Angeriz López, tres arteixáns que xa coincidiran en Terceira a tempada anterior (na que tamén estaba o larachés Carlos García Becerra) e que, curiosamente, taméns son familiares de xogadores da nosa zona que tiveron un brillante pasado no fútbol da bisbarra.

    No caso de Adolfo, nado en Loureda o 10 de xullo de 1977, aínda que seu pai José Antonio, Balilla, xogara algo no Peñarol de Lañas, a súa referencia futbolística nos primeiros anos da súa vida foi seu irmán José Antonio que, co alcume de Carril, xogara en Terceira División nas décadas dos 80 e dos 90 defendendo as camisetas do Ordes e do Bergantiños.

    Adolfo empeza a súa actividade futbolística nas categorías inferiores do Atlético Arteixo, nas que permanece ata os cadetes antes de fichar no xuvenil do R.C. Deportivo da Coruña, un conxunto herculino no que comparte vestiario con xogadores da talla dos Dani Mallo, Ramiro Amarelle, Deus ou Carlos García Becerra… cachorros que comandaba José María Blanco e cos que o 12 de maio de 1996 se proclama campión de España de xuvenís despois de vencer na final ao Real Madrid por 2-1. 
Adolfo, segundo pola esquerda da fila inferior, co Fabril na tempada 1997/98

    O rapaz arteixán debuta co Fabril en Segunda División B na campaña seguinte, a 1996/97, na segunda xornada contra o Pontevedra, tempada na que Carlos Ballesta daríalle minutos en nove partidos máis. O exercicio 97/98 foi o do seu asentamento definitivo no once titular do filial deportivista, onde o de Loureda é peza clave no medio do campo como centrocampista de corte defensivo axudando, cos seus 30 enfrontamentos disputados e un gol anotado contra o Moralo, a que o Fabril xogue a fase de ascenso á Segunda División. O seu bo traballo tamén o tería en consideración o técnico do primeiro equipo, o brasileño Carlos Alberto Silva, que o levou convocado en dous partidos amigables. A carreira de Adolfo ía ben encamiñada ata que unha inoportuna rotura de ligamentos apartouno dos terreos de xogo durante boa parte da tempada 98/99 na que só disputa catro encontros co filial. O Fabril perde a categoría ao remate desa campaña mais recuperaríaa rápidamente, regresando á Segunda B na 2000-01, na que o noso protagonista, daquela capitán do equipo, disputa 23 choques e anota dous tantos… campaña que precisamente foi na que tamén estaban no conxunto fabrilista José Ramón, veciño da parroquia e amigo inseparable da infancia, e Javi Angeriz.

     Pola súa banda José Ramón Naya, nado en Loureda o 16 de febreiro de 1980, é fillo de Pesudo, lendario porteiro da bisbarra que nos anos 60-70 defendera a meta do Campanal, Paiosaco e Laracha, un José Ramón que herdou o alcume de seu pai, adquirido na época que José Manuel Pesudo relevara a Ramallets na portería no F.C. Barcelona. Ao igual que o seu proxenitor, José Ramón Naya tamén se converte na infancia en porteiro e empeza a xogar nas categorías inferiores do Atlético Arteixo, onde permanece varios anos antes de fichar polo Ural. Neste equipo coruñés milita ata a campaña 1997/98 e, na seguinte, xa entra a formar parte do conxunto xuvenil do R.C. Deportivo da Coruña que disputaba a División de Honra. No exercicio 1999/00 pasa ao Fabril, club no que ten a competencia de Dani Mallo e de Keko Piña mais, con todo, debuta ante o Viveiro o día 16 de xaneiro do 2000 e é partícipe no ascenso de categoría. Na campaña seguinte, o meta de Loureda continúa baixo a sombra de Dani Mallo e só xoga catro partidos en Segunda B, o primeiro deles, o da xornada 19 contra o Pájaras-Playa, enfrontamento que o filial perde por 2-0.
O debut de José Ramón Naya, Pesudo, no Fabril (DxT Campeón, 16 de xaneiro de 2000)
     No fogar de Francisco Javier Angeriz López, nado en Oseiro o 2 de febreiro de 1981, tamén houbo pasado futboleiro xa que seu pai Manuel e seu tío Luís, naturais da parroquia larachesa de Lemaio, formaron parte do plantel do Laracha antes de que o pai de Javi emigrara a Suiza, onde continuou xogando ao fútbol no equipo do Centro Galego de Montreux.

   Javi Angeriz empezaría a darlle as primeiras patadas a un balón no seu lugar de residencia, a Urbanización Solimar, ao carón doutro ilustre veciño da zona: Álex Lombardero. Sería precisamente o pai de Álex, José Antonio, o que o levou para o Montañeros, club no que Javi xoga nas categorías benxamín e alevín antes de facelo no Victoria en infantís e cadetes. Con 15 anos ficha nos xuvenís do R.C. Deportivo onde, sendo xuvenil de último ano, debuta co Fabril en Terceira División na campaña 1999/00. Pouco a pouco vaise convertendo nun verdadeiro baluarte da liña defensiva fabrilista e, ao longo da campaña seguinte, a 2000/01, xoga 25 partidos en Segunda B, categoría na que debuta na primeira xornada contra o San Sebastián de los Reyes.

    Tras xogar xuntos no Fabril a campaña 1999/00 en Terceira e a 2000/01 en Segunda División B, os tres futbolistas arteixáns collerían camiños distintos nas súas respectivas traxectorias deportivas. Adolfo, con 24 anos, abandona o filial deportivista para fichar no equipo da súa terra, o Atlético Arteixo que, naquela hora, vivía os mellores días da súa longa historia. O futbolista de Loureda permanece alí catro tempadas, xogando as tres primeiras en Terceira División e a última, a 2004/05, en Segunda B. Neste curso xurdirían graves problemas económicos que conducirían á entidade arteixá a perder dúas categorías consecutivas, unha por descenso deportivo e outra por descenso administrativo por impago aos seus xogadores. Este feito leva a Adolfo, ao igual que a maioría dos seus compañeiros, a cambiar de aires ao finalizar aquela tempada 04/05 e acaba recalando nun dos cadros máis potentes de Terceira, o Cerceda, club no que permanece durante cinco anos.
Formación do Atlético Arteixo da tempada 2003/04. De pé, de esquerda a dereita: Ricardo, Pugui, Carlocho, Marcos Suárez, Granada e Pesudo. Abaixo: Félix, Repi, Cardelle, ? e Adolfo
Posteriormente, na campaña 2010/11, forma parte do cadro do Mesón do Bento, onde xoga en Terceira División antes de pór fin, con 35 anos, á súa carreira deportiva defendendo a camiseta do Atlético Arteixo na Primeira Autómica durante a campaña seguinte, a 2011/12, que foi cando colgou as botas.

   José Ramon Naya continuaría sendo futbolista do Fabril durante dous cursos máis, ata o remate da tempada 2002/03. Como nota curiosa do seu pasado branquiazul, dicir que en outubro de 2001 Javier Irureta estivera a piques de convocalo para ser suplente de Nuno nun partido da Champions League contra o Lille por mor dunha lesión de Molina e uns problemas burocráticos con Dani Mallo, problemas que finalmente o Deportivo solucionou coa UEFA e que impediron a Pesudo escoitar a sintonía da Champións dende o banquillo deportivista.

   Trala súa etapa no Fabril, onde foi un dos damnificados do relevo xeneracional, José Ramón recibe ofertas de equipos de Segunda B como o Mirandés, o Burgos ou o Guijuelo, ofertas que finalmente non fructificaron e que deixaron ao futbolista de Loureda no paro ata que fichou no Laracha que, naquela campaña 2003/04, era equipo da Rexional Preferente. As súas boas actuacións alí chamarían a atención de clubes de superior categoría como o Compostela, que o quería para o seu filial, ou o Atlético Arteixo, a onde chega mediada a tempada para ser peza clave no tramo final do campionato ligueiro de Terceira e no playoff, especialmente na eliminatoria final contra o Real Oviedo na cal os arteixáns acadan o ascenso a Segunda B. Nesta categoría Pesudo defendería a meta do Atlético en 17 partidos ao longo da campaña seguinte e unha vez rematada, despois dos problemas económicos sufridos no cadro arteixán, ficha no Bergantiños para xogar en Terceira División o curso 2005/06. Logo, trala súa curta etapa en Carballo, asina un contrato por tres tempadas no Montañeros, onde ten unha estadía con máis sombras que luces. Na primeira das tempadas que disputa con este equipo xoga en Preferente e consegue ascender a Terceira División, mais sofre o infortunio de romper o ligamento cruzado; na segunda o club herculino deixao sen ficha e no último curso, o 2008/09, cédeo á S.D. Negreira.
Pesudo e Angeriz, primeiro e segundo da fila superior, no Fabril na tempada 2001/02
   Unha vez rota a súa vinculación co Montañeros, na tempada seguinte defende a meta do Laracha en Preferente e a continuación, na campaña 2010/11, faríao no Somozas, equipo ao que chega da man do adestrador Nando Martínez, o ex xogador daquel Superdepor dos 90. Nando, que fichou no Cerceda na campaña 2011/12, tamén leva para o seu novo equipo a Pesudo, que participa na proeza da eliminar a todo un Tenerife na primeira eliminatoria da Copa do Rei daquel ano. José Ramón poñería fin á súa carreira deportiva no curso 2012/13 xogando en Terceira División co Narón.

    Despois daquela tempada 2000/01 na que xogou co Fabril en Segunda B xunto aos seus veciños de Arteixo, Javi Angeriz seguiría, ao igual que Pesudo, dous anos máis no filial do Deportivo, dous anos nos que Javier Irureta convocaríao ata en catro ocasións co primeiro equipo. A primeira vez foi o 10 de maio do 2002, no partido da última xornada de Liga disputado en Riazor contra o Real Madrid, un choque no que o Deportivo, que tiña que gañar para ser subcampión, acabaría vencendo por 3-0 ao conxunto branco dos Roberto Carlos, Zidane, Guti e compañía. Naquel enfrontamento, Javi estivera realizando durante un bo anaco os oportunos exercicios de quecemento suspirando pola posibilidade de debutar en Primeira División, mais finalmente serían Djalminha, Pandiani e Amavisca os tres trocos elixidos por Irureta. Catro días máis tarde, o 14 de maio de 2002, o Deportivo poñía fin á tempada cun partido de homenaxe aos socios disputado contra o Sporting Braga en Riazor, enfrontamento amigable que foi o do debut no primeiro equipo de Javi Angeriz, que disputaría toda a segunda parte xogando na liña defensiva xunto a Héctor, Naybet e Capdevilla. 

    As outras dúas ocasións que o futbolista de Oseiro entrou na convocatoria daquel lendario Superdepor aconteceron a principios da tempada seguinte, cando formou parte da expedición que viaxou a Canarias para enfrontarse ao Corralejo (1-2) na primeira eliminatoria da Copa do Rei e, sete días máis tarde, o 18 de setembro de 2002, con motivo do desprazamento a Alemaña para o choque da Champions League contra o Bayern de Munich, un partido que o Depor gañaría por 2-3 con tres goles de Makaay e no que Javi Angeriz tampouco chegou a debutar mais, con todo, o feito de vivir un enfrontamento de Champións nun estadio como o Olímpico muniqués foi un soño cumprido, unha experiencia que abofé nunca esquecerá. Aquela foi a última vez na que o rapaz de Oseiro entrou nunha convocatoria de Irureta, un adestrador pouco dado a darlle oportunidades á canteira e, tres días despois da viaxe a Munich, o arteixán baixaba do ceo e poñía os pes na terra participando na victoria por 5-1 que o Fabril lle endosara ao Sporting Guardés no campionato de Terceira.
DXT Campeón, 17 de setembro de 2002
   Rematada aquela tempada 2002/03, rompe a súa vinculación co Deportivo e, con 22 anos, ficha nun dos equipos punteiros da Segunda B, o Zamora, club no que xoga 21 partidos. No curso seguinte, o 2004/05, asina co Ourense mais un pinzamento ciático e unha rotura de fibras faríanlle perder boa parte da tempada, polo que só disputa seis partidos co cadro ourensán en Segunda B. Logo da súa estadía na cidade das Burgas, Angeriz comeza un periplo pola Terceira División, categoría na que xoga co Laracha na tempada 2005/06; co Ordes dende a 2006/07 ata a 2008/09; co Bergantiños na 2009/10; co Mesón do Bento na 2010/11; co As Pontes na 2011/12; co Betanzos na 2012/13, co Cerceda, club no que permanece ata o fin da campaña 15/16, e co Laracha, onde xoga dous anos.

   Na tempada 2018/19 ficha no Atlético Arteixo, conxunto co segue dando guerra en Preferente, aínda que admite que “xa me queda pouco para retirarme”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario