sábado, 4 de xuño de 2022

A FURNA DO TRIEL (SUEVOS)

  Capital da antiga rexión do Paletinado, na actualidade Renania-Paletinado (Rheinland-Pfalz en alemán), e do viño de Mosela, a cidade de Tréveris (Trier no idioma teutón) conserva do seu esplendoroso pasado en épocas do imperio romano fundamentalmente  tres monumentos: a Porta Negra, as Termas e o Anfiteatro.

     A partir de 1818 hai que engadirlle un cuarto "monumento" a Tréveris: o nacemento na cidade de Karl Marx, profeta do materialismo, que tamén cursaría, na urbe da que estamos a falar, os estudos propios dun cativo da alta clase media.

     É en Tréveris onde, por mor dun longo encadeamento de fatalidades, catorce séculos antes de que nacera Marx, foi morrer un extraordinario mozo da Gallaecia chamado Prisciliano, bispo que orixinou o movemento ascético coñecido como priscilianismo.

     Chegados a este punto, de seguro que vos preguntaredes que ten que ver Tréveris (insisto, Trier en alemán) coa toponimia de Arteixo. Pois ben, en xullo de 1902 o vapor alemán Trier, que zarpara de Bremen para facer singradura cara á Habana e Veracruz, embarrancaba nos illotes da Gaianda de Suevos, lugar ao que acudirían varios remolcadores para tratar de sacar ao navío das rochas nas que quedara encaixado. Mais non houbera maneira. Fixérase de todo para retiralo do seu "niño" (tedes toda a información no libro O mar de Arteixo e os seus naufraxios):
dinamitar as rochas, descargar parte das mercadorías en gabarras para alixeirar o peso do buque; e mesmo outros xéneros, coas presas, tiráronse ao mar, xéneros que posteriormente as ondas e as correntes mariñas empurraron ata unha furna próxima, que viña sendo a furna da que estamos a falar e que hoxe é coñecida co nome do Triel (co lóxico variante, por mor do paso dos anos, do "r" polo "l")... mais nada disto axudou a retirar ao Trier do lugar no que encallara e, finalmente, sairía da Gaianda en anacos.

     Ás doce da mañá do 12 de setembro de 1902, no consulado alemán na Coruña iniciábase a poxa polo buque, sendo o seu prezo de saída 25.000 pesetas. Había 49 persoas presentes, moitas delas axentes de negocios de Bilbao, Cádiz e Vigo. O vapor íase adxudicar, como mellor postor, a José Teijeiro, veciño de Santa Marta de Ortigueira, polo valor de 110.500 pesetas, un Teijeiro que ao pouco principiaba o desmantelamento do Trier.
120 anos despois, o nome do buque alemán segue manténdose vivo na toponimia do litoral de Arteixo.


Furna do Triel


Á dereita, a Furna do Triel

Imaxe do Trier embarrancado en Suevos (La ilustración española y americana, 15 de xullo de 1902)

Ningún comentario:

Publicar un comentario