xoves, 9 de febreiro de 2017

DANIEL "O DO MONTE PEQUENO" E A SÚA MULLER CARMEN, OS PIONEIROS DAS VIAXES A PORTUGAL

     O seu nome é Daniel Loureiro Barbeito, mais en Arteixo todo o mundo o coñece por Daniel "o do Monte Pequeno", un home nado en Armentón antes da Guerra Civil que, ao longo da súa vida sería operario da PEBSA, a fábrica de bacallao que había na Coruña; cobrador da liña de autobuses propiedade do seu veciño de Armentón Pepe Ferrín; axudante de Don José, cura da parroquia de Santiago de Arteixo durante máis de catro décadas; empregado de EMESA...mais, se hai unha actividade pola que é coñecido na bisbarra, é polas ducias de viaxes que xunto á súa muller Carmen Cedeira organizou a Portugal, viaxes das que me falaron hai uns días no seu domicilio na compaña dos seus fillos José María e María Luisa.

Imaxe dunha das primeiras excursións a Viana do Castelo
  Daniel iniciaba a conversa lembrando que..."antes de facer os viaxes a Portugal, aló polos anos 60 xa facíamos excursións á Pobra do Caramiñal, a Muxía, a San Andrés de Teixido, ao San Froilán, ao Carballiño, á romaría da Virxe dos Milagres de Amil, en Moraña e moitos sitios máis", un Daniel que cando fala de Portugal os ollos bríllanlle dun xeito especial, non sei se pola nostalxia dos tempos mozos ou polas experiencias vividas no país veciño ao cal organizou, xunto a súa muller Carmen, a primeira viaxe a finais da década dos setenta. Aquela era unha época na que España e Portugal tiñan a súa democracia en cueiros. Os lusos recuperárana na chamada Revolución dos Caraveis (Revoluçao dos Cravos) do 25 de abril de 1974, que provocara a caída da dictadura salazarista que dominaba Portugal dende 1926, e o Estado español a partir da morte de Franco, acontecida o 20 de novembro de 1975. 

     Para levar a cabo as excursións, Daniel e Carmen alugaban habitualmente un autocar de Ferrín que case sempre conducían Manolo, o propio Ferrín ou ben Francisco, que foi o chófer que máis veces cruzou a raia co matrimonio do Monte Pequeno, matrimonio que tamén, de cando en vez, contrataban os autocares de Abelenda da Agualada ou da empresa Martínez de Caión

     Coa data da viaxe confirmada, unhas semanas antes Daniel encargábase de ir por todas as parroquias de Arteixo buscando xente para encher todas as prazas do autobús xente que, naquelas primeiras excursións ao país veciño, pagaba unhas 800 pesetas (uns 5 euros de hoxe en día) por unha viaxe na que voltaban o mesmo día que, ou ben eran os sábados ou ben os días festivos. 

     Naqueles anos 70 as estradas, ao igual que a democracia de ambos Estados, estaban por facerse polo que, para chegar á fronteira, había que realizar un percorrido dunhas 3 horas por eses camiños de Deus, ao que lle había que sumar outro considerable tempo de espera en Tui por mor da acumulación de tráfico que sempre había alí e, por tal motivo, a hora de saída de Arteixo sempre era entre as 6 e as 7 da mañá. A Feira dos Santos de Cerdal, que se celebra en Valença do Minho o 1 de novembro, era un dos destinos habituais das excursións que organizaban Daniel e Carmen, unha feira na que, ante a numerosa demanda de veciñanza do noso municipio que quería visitala, teñen contratado dous autocares. Outros lugares que visitaban con frecuencia eran Vila Nova de Cerveira, Caminha, Viana do Castelo, Barcelos...

     Moitos daqueles veciños de Arteixo que nunca antes saíran de Galiza aínda tiñan moi presentes os tempos do estraperlo, os tempos do comercio ilegal de productos sometidos a algún tipo de imposto ou taxa, actividade irregular que era sinónimo de mercado negro e, nas primeiras viaxes, aínda había quen mercaba productos de todo tipo en Portugal e logo os vendía aquí. Mais, con todo, a maioría da xente o que traía das feiras portuguesas eran productos para os seus fogares... xabón, aceite, café, azucre, aparatos de radio, potas e toallas, moitas toallas do Noso Señor! 

Excursión de arteixáns a Portugal nos anos 90

    Foron pasando os anos e, ao mesmo tempo que os nosos protagonistas seguían organizando excursións ao país veciño, España e Portugal entraban na Comunidade Económica Europea trala sinatura do Tratado de Adhesión realizada cun dobre acto en Lisboa e Madrid o 12 de xuño de 1985, incorporación que daría pé ao desmantelamento das aduanas e posteriormente, en 1992, ao libre tránsito dun ps a outro deixando atrás os tempos de longa espera en Tui por mor do denso tráfico que sempre había na vila fronteiriza e, tamén, os enfados cos carabineiros por non querer facer a vista gorda con algún que outro  producto que se mercaba nas feiras. Tamén, as novas infraestructuras irían reducindo o tempo das viaxes mais, segundo o matrimonio do Monte Pequeno..."á xente pouco lle gustaba ir pola autopista porque non se vía nada. Antes a paisaxe era moito máis bonita".

Imaxe actual de Daniel e Carmen
   Na actualidade, e despois de tantos anos facéndoo, Daniel Loureiro e Carmen Cedeira aínda organizan de cando en vez algunha excursión a Portugal mais iso si, están moi contentos de que Tamara, a filla da súa sobriña Ana (a concelleira do PSOE) abrira unha axencia de viaxes na Avenida do Balneario...se cadra a xenética tivo algo que ver no asunto!




 




Ningún comentario:

Publicar un comentario