Lémbrome como se foxe hoxe, eu vivía en Monteagudo, dacabalo entre o lugar da Rocha e o Freixal. Non sei moi ben cantos anos tiña,
era polo ano 44 ou 45. Non era nena nin moza, tería doce ou trece anos.
Eran as festas que máis me gustaban, cando nos xuntabamos todos. Aquí
viña xente de moi lonxe, eran moi coñecidas e moi grandes. Xuntabámonos os de aquí do lugar, os de Santaia, tamén viñan da Laracha, de San Román, había moitos máis mozos, e nós como éramos mociñas e íamos con eles ás veces, eles viñan aquí sempre no entroido. A xente de antes era moito máis divertida que a de agora!
O entroido empezaba co mes de febreiro, o día dous, o día que casan os paxariños... día das candeas: tíralle o burro polas cadeas; o día tres, día de San Bras: tíralle
o burro por detrás. Desde o día dous xa se empezaban a botar as
entroidadas. Unha moi utilizada era a de debuxar un burro de papel e
pegarllo ao lombo a alguén sen que se decatase.
Cando se facía a matanza, ao porco arrancábanselle os dentes máis
grandes, para gastar entroidadas. Se cadra era a peor entroidada que che
podían botar. Se alguén dicía: - "Mira que navalla acabo de atopar", os máis avispados contestaban con un -"Pois gardaa". Outros querían vela, entón enseñabanlles os dentes e daba moita
rabia. Se te convidaban a tomar café era fácil que cho servisen con
sal. Se che daban filloas, non che podía estrañar se ao mordela saían
polo medio fíos. Os fíos eran de cerro de liño. Cando se fiaba xa se
reservaba algunha madexa para aproveitar nas entroidadas. Facíase o
almohado das filloas e engadíase os fíos. Facíase a filloa e colocábase
no plato no medio das outras, levando a entroidada o que daba con estas
filloas. O caso era botar algunha, aínda que só fose de palabra:
- Levaches algunha este ano?
- Non
-Pois aí che vai a primeira.
O tío Xan tamén levaba ben delas. Era moi bo home e moi inocente. Unha vez viñérono chamar de noite.
- Tío Xan, veña á Veiga, que a tía Carmela está moi maliña.
- Non vaias Xan, que seguro que é unha entroidada.
- Como non vou ir señora Pastora?. É miña irmá.
Cando
o tío Xan chegou á casa da Veiga, entrou no cuarto e achegouse á cama.
Cando lle preguntou como se atopaba, o que viu foi un choqueiro de trapo
metido na cama e a xente detrás da porta ríndose del.
Noutra ocasión foron a buscalo para axudar a subir unhas vigas de madeira. Cando estaba aguantando delas tiráronlle un choqueiro dende arriba. O
tío Xan, pola súa condición de bo home, levaba moitas entroidadas. Pero
tamén era sospeitoso de moitas, aínda que nunca foi descuberto.
A señora Jesusa, un día cando se ergueu
e foi abrir a porta, caeulle enriba un choqueiro todo cheo de bosta. A
pobre muller botou un bo berro e maldeciu ao que puxera alí aquelo.
Aínda que non sabía ben quen fora, a culpa levouna o tío Xan.
A semana anterior aos días de entroido facíase a matanza. Eran os días do ano que máis e mellor se comía. Nin nas festas había tanta fartura. Eran tempos nos que se pasaba necesidade. Durante o ano o que se comía as máis
das veces era o caldo e a broa, pero estos días dabámosnos boas
enchentas. Cacheira, grelos, filloas, buñuelos, chulas, guiso de tripas,
rexóns, morcillas...Levábase a proba da matanza, algo que a min
gustábame moito porque cando a levabas dábannos de comer ou algúns
cartiños. Xa lle chamaban a "semana larpeira".
Unha semana antes xa se empezaba a oir tocar os cornos. Oíanse ao
lonxe. Era o sinal. O domingo empezaba a diversión. Era o día santo e
non había
que ir traballar as leiras, daquela estabamos todo o día por aí. Os
outros días había que levantarse cedo e facer o traballo. Dabámoslle de
comer aos animais, íamos coller a herba e alí xa falabamos do que
faríamos pola tarde. Traballábase só pola mañán, pola tarde gardábase o
día santo. O luns e o martes facíase baile na leira da Veiga e tamén se
ten feito nas leiras do Freixal. Era o mes de febreiro, facía frío e
escollíanse
sitios que fosen abrigados. Eu vestíame de mascarita, poñía un vestido e
colgáballe cintas de papel de cores. Non tiñamos cartos para comprar
cousas e aproveitábamos o que había pola casa. No baile, que se facía
con pandeiretas, tocábanse ghotas e muiñeiras. A mascarita bailaba co
mascarito, que ía vestido con un traxe e na cabeza levaba un sombreiro
de palla cuberto de cintas de papel. Os choqueiros ían vestidos con
farrapos, as mulleres vestíanse de vellos e os homes de mulleres ou de
vellas.
O choqueiro tíñalle que roubar a mascarita ao mascarito. Cando este se daba conta se cadra xa íamos aló embaixo. Viña correndo para recuperarme...mira que corríamos! Cruzábamos a leira, saltábamos o esqueiro...cando nos pillaba voltábamos para o baile, e así todo o tempo.
Sempre había algún que se
vestía de touro. Na casa do señor Manuel había o esqueleto da cabeza
dun touro con cornos. No entroido collían esa cabeza dúas persoas,
tapábanse con mantas e simulaban un touro de verdade. Para facer o
corpo, un ía de pé e o outro medio encorbado...este moito se cansaba!.
De rabo poñían un pao de cebro, con ramas de espiñas na punta, enchendo
estas ramas con bosta para que ninguén se metese con eles. Había xente
que era moi dada a ir meterse con eles para quitarlles o rabo.
Recordando os traballos que se pasaban nas minas, algúns vestíanse de
mineiros e de carabineiros. Os mineiros facían buratos na terra
simulando lavar o mineral. Neso chegaban os guardias que querían
quitarlles os minerais que conseguiran extraer das minas...comenzaba a
persecución!
Xa dixen que eran un dos carnavais máis divertidos, donde se xuntaba máis xente que viñan dende fora da parroquia. Dende a parroquia de Armentón, do lugar da Perillona, viñan nun carro tirados por un cabalo e adornado de mimosas Juliana, Felisa, Generosa de Cotolo e o coxo.
Cando
remataba o baile, aí ás dúas da mañán, marchabamos armando xolda polos
camiños e levantando á xente da cama. Conseguiamos que nos abrisen a
porta e nos convidasen a algo de comer, café ou caña.
Esto era o domingo, luns e martes. O mércores día de cinza, non se
podía facer diversión, había que pedirlle permiso ao cura. Se estaba
contento o día que llo íamos dicir,
ou se el se levaba ben coa xente da parroquia, deixábanos. O mércores
era o primeiro día de xaxún, non se podía comer carne se non se pagaba a
"bula" na igrexa.
O domingo, día do
entroido, tamén se facía baile e vestiámonos, pero xa non viña moita
xente porque había algúns que ían a Chamín ao enterro do entroido. Eu xa
non me acordo moito de como era a festa neste último día. Do que si me
acordo era do mal que o pasaban os nenos co medo que lle tiñan aos choqueiros.
A xente de hoxe non é tan divertida como era a de antes!
Agradecementos á miña avoa Carmucha, que me transporta aos anos cando o entroido era festa.
Monteagudo, febreiro de 1998.
Ana María Castro Regueira
Imaxe dos anos 60 de Carmucha, a protagonista deste relato, a súa amiga Xulia, que aparece no medio e, á dereita, súa nai Jesusa |
(Traballo
gañador do premio de investigación sobre o entroido convocado polo
Concello de Arteixo en 1998 e publicado no B.I.M. nº 49 )
Grazas polas publicacións Xabi, aprendo e divírtome moito lendo o que escribes. Teríamos que crear a imaxe de cronista oficial en Arteixo... Apertas
ResponderEliminarMartín Seco
Grazas a ti por seguir estas "Crónicas de Arteixo" Martín que, neste caso, é un traballo da autoría de Ana María Castro Regueira que se emitira nos anos 90 na Radio Municipal, un medio que somos moit@s @s que o botamos de menos para darlle saída a estes contos do Arteixo de antes!
Eliminar