sábado, 24 de febreiro de 2018

ARTEIXO E O REXURDIMENTO

      O Rexurdimento foi o movemento social e intelectual co cal se iniciou, a partir da segunda metade do século XIX, unha traxectoria de recuperación cultural, política e histórica que lle proporcionou ao noso idioma a plenitude literaria perdida dende séculos atrás. Pois ben, neste Día de Rosalía que hoxe celebramos, queremos lembrar algúns dos feitos que unen ao Rexurdimento con Arteixo, un municipio que tivo certo protagonismo en dous dos tres períodos no que se divide este movemento.

     No período Precursor (1833-1862), que engloba a obra de autores que usaron o galego con anterioridade á aparición do libro da autoría de Rosalía de Castro Cantares Gallegos, sería clave a figura do arteixán Manuel Murguía que, como ben sabedes, naceu na aldea de Froxel, na parroquia de Oseiro, o 17 de maio de 1833. Murguía non destacaría como escritor en galego mais, con todo, sería unha das figuras máis importantes deste período de cambio no que, os “precursores”, chamados así por cumpriren o papel de iniciadores da literatura galega e o renacemento da súa cultura, prepararían o terreo para a chegada do Rexurdimento pleno. Os ilustrados máis destacables deste período Precursor foron Nicomedes Pastor Díaz, Xoán Manuel Pintos (escritor de A gaita galega, primeira obra escrita do século XIX en galego), Francisco Añón, Xosé María Posada, Xosé García Mosquera e Alberto Camino.

      O municipio arteixán tamén sería un dos puntos importantes dentro do período do Rexurdimento pleno (1863-1888), que está marcado pola presenza dos tres grandes autores do XIX, é dicir, Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal. O xénero predominante nesta etapa é a poesía e nela proliferan concursos literarios coñecidos como Xogos Florais. Ademais, tamén aparecen as primeiras gramáticas e dicionarios 
 sobre a nosa lingua, ao mesmo tempo que nace unha prensa escrita integramente en 
galego.
Rosalía de Castro

      A publicación de Cantares Gallegos considérase o arranque deste período do Rexurdimento pleno, un libro que continuamos a ter moi presente xa que o Día das Letras Galegas que celebramos cada ano, ese día de exaltación da lingua galega a través da súa manifestación literaria, comezou a celebrarse o 17 de maio de 1963 coincidindo co centenario da primeira edición da devandita obra. Rosalía de Castro asinara o 17 de maio de 1863 o limiar de Cantares Gallegos por ser o trixésimo cumpreanos do seu marido Manuel Murguía, nado en Froxel (Oseiro, Arteixo) o 17 de maio de 1833.

      No caso de Curros Enríquez, a relación con Arteixo viñera dada pola súa amizade co avogado Luciano Puga, señor do Pazo de Anzobre e pai do popular Picadillo, un Luciano que en 1881 defendera a Curros, condenado o ano anterior pola publicación de Aires da miña terra, poemario no que o autor pon de manifesto o seu anticlericalismo ao considerar que a Igrexa non se achega aos pobres e necesitados senón que só defende castes e privilexios. Nesta obra, Curros Enríquez publica o poema Mirando ó chau no que, entre outras cousas, escribe o célebre verso “Se este é o mundo que eu fixen, que o demo me leve”. A reacción eclesiástica non se fixo esperar e o 28 de agosto dese mesmo ano 1880, o bispo de Ourense, o burgalés Cesáreo Rodrigo Rodríguez, condena e reproba o libro por conter “proposiciones heréticas, blasfemas, escandalosas”, prohibindo aos fieis a súa lectura e a posesión do exemplar. O bispo ourensán remataría excomungando a Curros e denunciándoo diante das autoridades xudiciais. O xulgado de Ourense procesouno por delito contra o libre exercicio dos cultos e ordenou o secuestro dos exemplares en poder do editor e destrución dos moldes de copia, mentres que Curros foi condenado a dous anos e catro meses de cadea e ao pagamento dunha multa de 250 pesetas. Finalmente, coa defensa do avogado Luciano Puga, o poeta sería absolto na Audiencia da Coruña e, agradecido, adícalle ao seu defensor un soneto:
Manuel Curros Enríquez

A LUCIANO PUGA”

Namorado da santa nova idea
non ben do vate a estrofa había soado,
toda a máquina escura do Pasado
se espriguizou disposta prá tarea.

A crítica -Veuillot coa fouce nea,
coa toga Xudas, Oppas co caxado,
deron tras del cal tras dun can danado
i alá vai o inocente prá cadea.

Ti apareciche entón. Pasmada a xente
viute rubir colérico á tribuna,
desguedellado como un león ruxente

e da Lei apoiado na coluna,
esmagar baixo a garra prepotente
ós verdugos do vate sin fortuna.

      Curiosamente, despois de tanto tempo, a sentenza daquel xuízo no que houbera unha resolución absolutoria para o poeta, aínda se conserva nunha casa da parroquia arteixá de Armentón que está situada ao carón do Pazo de Anzobre e que fora propiedade da familia Puga, unha sentenza que será doada próximamente á Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.


      Anos máis tarde daquel xuízo, cando Luciano Puga viaxa á Habana coa súa muller Juana e a súa filla María Concepción (máis coñecida polo apelativo de Mariquiña) para ocupar o cargo de Gobernador do Banco de España de Cuba, Curros Enríquez adícalle á filla do avogado unha fermosa balada que, musicalizada polo mestre Chané (José Castro González), non tardaría en adquirir unha popularidade que aínda perdura:

A MARIQUIÑA PUGA”
DESPEDIDA

Como ti vas para lonxe
i eu vou para vello,
un adiós, Mariquiña,
mandarche quero,
que a morte é o diaño
i anda rondando as tellas
do meu tellado.

Cando deixes as costas
da nosa terra
nin lus nin poesía
quedará nela.
Cando te vaias
vaise contigo o ánxel
da miña garda.

Pombiña mensaxeira
de branca pruma,
fálalle ós emigrados
da patria súa.
Dilles, mimosa,
que deles apartada
Galicia chora.

Dilles que prós seus lares
tornen axiña;
que sin eles non queren
pintar as viñas,
regar os regos,
madurar as castañas
nos castiñeiros.

Dilles que non hai terra
millor que a nosa,
máis ridentes paisaxes,
máis frescas sombras,
máis puros ceos,
nin lúa máis lucente
no firmamento.

Dilles que súas obrigas
eiquí os esperan,
¡e se onde ellas non morren
qué se condenan!…
I agora voa,
pombiña, e que te guíe
Nosa-Señora”

      No que a Eduardo Pondal se refire, dicir que hai varios puntos da xeografía de Arteixo que forman parte da toponimia pondaliana. Un deles é Anzobre, lugar da parroquia de Armentón que aparece no poema “Ouh bardo Ousinde amigo” do seguinte xeito:
Eduardo Pondal

-Ouh bardo Ousinde amigo,
qu´os recordos dos bos campos amados
levas sempre contigo
cheos de vaguedades,
misteriosas nostalxias e suidades,
non che pracen da rica Castellana
nin os paseos a cordel tirados
cos seus arbres xentís ben enfiados,
nin tanta vaporosa formosura
en mil coches tirados con presura?

-Prefiro certamente
a montaña indixente,
o probe lugar d´Ogas,
Vilarvello, Boallo ou Berdeogas,
e as gandras soas da toxenta Anzobre,
e o seu eido non longo, escuro e pobre.

Os areais de Barrañán e Sabón son outros dos puntos que aparecen na poesía de Pondal. En “Cuan tristes son as parolas”, o autor do himno galego escribe:

Cuan tristes son as parolas
dos pinos co vento soán,
cando vou soñando a solas!
Cuan garridas son as olas
de Sabón e Barrañán!

Porque penso e pensarei,
e defenderme non sei,
na deslumbrante brancura
da garrida formosura
desnuda que tanto amei.

Pondal volve a lembrarse de Barrañán en “Fada farrida de leves alas”:

(...)Non te conozo,
nin sei a donde
ou vas ou tornas, nin por que lei;
nin sei se antes,
nin como ou onde,
nin en qu´antigo tempo t´achei:
se fiu na gandra de Carboeiro,
nos verdes d´Oca
ou de Buxán,
se nas alturas de Portomeiro,
se nas areas
de Barrañán; (...)

Outro dos lugares do municipio de Arteixo aos que o poeta bergantiñán lle deu protagonismo na súa obra foi Morás, unha parroquia que é nomeada en “Correndo fui ó arume” do seguinte xeito:

Correndo fui ó arume,
á hora en que cantan as ras,
soíña e leda, ós pinales
de Morás.

Volvío descabelada,
decaída i sin zolás;
era noite, sós os pinos
de Morás.

Desde entonces tornou alba,
algo estantía quezás;
que lle pasara, pinales
de Morás…?

E xa por último, nos tempos nos que o noso protagonista facía viaxe desde as súas terras de Bergantiños ata a cidade da Coruña, atravesando o municipio arteixán e subindo a dura costa de Oseiro, coñecida naquela hora como a Fonte do Abade, Eduardo Pondal homenaxearía ás leiteiras de Meicende cuns versos publicados en abril de 1900, primeiro na “Revista Gallega” e días despois en “El Eco de Galicia” da Habana e en “El Eco de Galicia” de Bos Aires. O poema, titulado “Vindo de Bergantiños”, di así:

Vindo de Bergantiños,
triste e convalecente,
pasei p´olo medio a medio
de Meicende garrida canto breve,
e batida decote
do seco e frío nordeste.

Erguendo a fenestrela
do coche, con voz deble
p´ola fatiga e tremante,
lle dixen. “Boa Meicende,
venturosa, garrida,
na tú(a) doce pendente,
cando as túas rapazas
leven á Cruña o leite,
dille que o leven bo,
ben limpo e ben pracente,
para dar forza ao bardo de Brigandsia,
que rendido se sente”.

     Nos últimos anos do período do Rexurdimento pleno do que estamos a falar, concretamente o 15 de xullo de 1885, Rosalía de Castro, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía universal do século XIX, finaba na súa casa de Padrón aos 48 anos.

Rosalía de Castro e Manuel Murguía cos seus fillos

      Posteriormente, o Rexurdimento entraría no período da depresión finisecular (1889-1916), etapa na que o movemento experimentaría un forte declive, máis no tocante á calidade das obras que no relativo á cantidade. Os autores imitan, sen chegar á súa altura, aos 3 grandes autores e xéneros como a narrativa e o teatro enraizan timidamente. Esta etapa chega ao seu fin co nacemento en 1916 das Irmandades da Fala que provocarán un segundo rexurdimento da literatura galega. Neste período tamén se aprobou a creación da Real Academia Galega, que presidiría o noso ilustre veciño Manuel Murguía ata o día da súa morte, acontecida o día 1 de febreiro de 1923, cando estaba a piques de cumprir 90 anos.

      Curiosamente, dez meses antes do seu falecemento, o 30 de Marzo de 1922, Murguía desprazábase ata o Santuario de Pastoriza para presenciar o casamento da súa filla Gala co matemático Pedro Izquierdo, que dedicaría certo tempo a investigar a orixe galega de Cristobal Colón. Manuel Murguía, que asistira á cerimonia case en volandas por mor dunha lesión que lle impedía andar, bromearía durante o casamento co feito de que era a segunda vez que entraba en brazos no Santuario. A primeira fora o 18 de maio de 1833, o día do seu bautizo, poucas horas despois de que nacera en Froxel na casa de seu padriño Antón Pan.


FONTES:

BLANCO, MANUEL. D. Luciano M.ª Puga Blanco (1842-1899): un personaje rescatado del olvido. Anuario Brigantino 1999, n.º 22.
CASARES, CARLOS. Curros Enríquez. Editorial Galaxia, 1980.
FERREIRO, MANUEL. Esta é a terra dos eidos amigos. Escolma xeográfica da poesía pondaliana. Deputación Provincial da Coruña, 2017.
RABUÑAL, HENRIQUE. Manuel Murguía. Edicións Laiovento, 1999.

Ningún comentario:

Publicar un comentario