CASOS E COUSAS

  A FAMILIA DEL ADALID E A SÚA RELACIÓN COA PARROQUIA DE SORRIZO

   A familia Del Adalid conta con varios membros destacados ao longo da historia e algún deles, como veremos seguidamente, tivo certa relación coa parroquia de Sorrizo. O primeiro que cómpre resaltar é Marcial Francisco del Adalid de Rozas Ramírez de Arellano, verdadeiro creador da famosa dinastía de músicos da España do Romanticismo. Este persoeiro nace en 1755 na localidade rioxana de Nestares, no val de Cameros, onde pasa a súa xuventude ata que, a causa do progresivo declive dos cultivos do liño durante o último cuarto do século XVIII, a facenda familiar quedou en quebra.

    Como tantos outros veciños da rexión, diríxese ao florecente porto da Coruña, dedicándose á industria navieira. Grazas ao desenvolvemento logrado no porto herculino coa intensa actividade comercial nas Indias, principalmente a finais do século XVIII, á vez que suministraba folla de tabaco á Fabrica de Tabacos da Palloza, tamén era distribuidor do papel timbrado do Estado nas sete provincias de Galicia. Nesa época, na que os seus barcos navegaban acotío por diante do litoral de Arteixo, tamén tece vínculos mercantís con Gran Bretaña. Adalid logra unha desafogada situación financieira e convértese nun ascendente político de ideoloxía liberal, feito que lle ía provocar non poucos sobresaltos durante os últimos anos do reinado de Carlos IV, durante a breve ocupación francesa e na época da Restauración fernandina.

    Marcial Francisco del Adalid de Rozas Ramírez de Arellano, que estaba casado coa vasca Francisca Josefa Loredo y Lalisal, convértese no principal mecenas cultural (sobre todo musical) da súa cidade de adopción, onde foron moi coñecidos os seus seráns musicais nos que se interpretaba música das escolas alemá, vienesa, francesa e británica, como así o demostra a súa fabulosa biblioteca, conservada na Real Academia Galega. Así mesmo, favoreceu os contactos culturais entre A Coruña e Londres, cidade á que enviou ao seu fillo Francisco del Adalid, e a seu sobriño, Marcial de Torres Adalid, para que estudaran co famoso compositor e pedagogo Ignaz Moscheles, herdanza que recibiría o seu neto, o gran pianista romántico Marcial del Adalid y Gurrea.

    Ao morrer na Coruña en 1821, os seus fillos Juan Antonio e Francisco Pedro Bruno del Adalid y Loredo seguen cos negocios emprendidos polo proxenitor. Anos despois Juan Antonio, afamado liberal e membro da Milicia Nacional, matricúlase en 1830 no ramo de fabricantes de vidros con “La Provisión”, unha fábrica de vidro plano que funcionaba nos terreos da antiga provisión de pan do Orzán, comprada no seu día por seu pai. Foi a primeira fábrica de vidros da Coruña, da que sairían moitos dos cristais usados nas típicas galerías coruñesas. Traballaban nela uns 50 operarios –30 de procedencia estranxeira– e estaba situada nos terreos que hoxe ocupa o colexio e igrexa dos padres salesianos, no que naquel entón era coñecido como o Areal do Orzán. “La Provisión” desapareceu en 1845, tres anos antes de que morrera Juan Antonio na súa casa do Portazgo, na parroquia de Santa María de Rutis (Culleredo).

   Seu irmán Francisco (A Coruña, 1792–1855), home tamén netamente liberal, estaba casado con Josefa Eufemia Gurrea Carbonell (A Coruña, 1804 –1836), que era filla do tamén rioxano emigrado a A Coruña Francisco Gurrea Martínez. Os dous fillos maiores do matrimonio Adalid-Gurrea, Juan Francisco e Francisca María de la Ó, falecen con moi poucos anos de idade, antes de 1834. E pouco despois, o 30 de novembro 1836, tamén morrería moi xove, con tan só 32 anos, Josefa Gurrea, deixando orfos a Marcial, de 10 anos, a Francisca Venancia, duns 9 anos, e Josefa Fabriciana, duns 7 anos. Noutra traxedia familiar, ao pouco tempo tamén finarían as dúas cativas máis novas.

   Do desconsolado Francisco sabemos que tiña propiedades na parroquia de Sorrizo, aínda que descoñecemos se os terreos foran herdados por vía paterna ou se os comprara o propio Francisco. O caso é que, con motivo do reparto da contribución extraordinaria de Guerra, na acta municipal da sesión plenaria celebrada o 28 de xuño de 1841 en Arteixo, aparecen varios terratenentes forasteiros vencellados ao municipio arteixán: o Señor de Láncara e o conde de San Román con Oseiro; os herdeiros de Ramón del Río e Antonio Pardo con Suevos; Andrés Rojo e Juan Villardefrancos con Pastoriza; Antonio Loriga con Lañas; o Conde de Ximonde con Armentón e Monteagudo; José María Romay e Antonio Pardo Osorio con Loureda; e, por último, o nomeado Francisco del Adalid con Sorrizo.

   Ao tempo que levaba a actividade comercial e navieira que deixara seu pai, en 1843 Francisco ocupa o cargo de rexedor do Concello da Coruña, cidade na que faleceu en 1855.

    O único fillo que lle sobreviviu, Marcial Francisco Juan Bartolomé del Adalid y Gurrea, máis coñecido como Marcial del Adalid, ía recibir unha ampla formación cultural e artística, de xeito especial no eido musical no que se iniciara no ambiernte familiar e guiado polo organista da Colexiata da Coruña. A moi curta idade, Marcial xa interpreta obras dos compositores máis afamados, sempre en temas de calado romántico. Grazas a posición privilexiada da súa familia pode asistir a óperas, viaxar polo estranxeiro, acudir a concertos e coñecer a diversos autores persoalmente. En 1844 viaxa a París coa intención de estudar con Frédéric Chopin, soño que non puido cumprir. Trasládase a Londres, onde estuda desde 1844 ata 1849 con Ignaz Moschels, discípulo de Beethoven. Seu pai Francisco seguíalle permitindo estar desligado do negocio familiar e dedicarse por completo á súa actividade musical, recluíndose no Pazo de Lóngora (Liáns, Oleiros). Volve a París, onde parece ser que recibiu os consellos de Franz Liszt. 

Marcial del Adalid Gurrea

   Marcial del Adalid era home de notable cultura literaria, e en moitas das súas obras cítanse a coñecidas figuras do Romanticismo, como José de Espronceda, Alphonse de Lamartine ou Lord Byron. Regresa a España e trala morte de seu pai en 1855 establécese en Madrid, dando a coñecer alí as súas obras, aínda que non logra alcanzar o soño que se propuxera de estrear en París a súa ópera Inese e Bianca, con libreto italiano de Achile de Lauzières (esta ópera estreouna modernamente a Universidade da Coruña o 21 de abril de 2007 en versión de concerto).

   Sobre o ano 1859 casa coa escritora coruñesa Francisca González Garrido, máis coñecida por Fanny Garrido ou polo pseudónimo "Eulalia de Liáns". Muller, segundo a época, de esplendorosa beleza, Fanny acompañaría ao seu marido en numerosos viaxes e organizaría concorridos seráns musicais na residencia do matrimonio, no Pazo de Liáns, cantando incluso os propios poemas que Marcial compoñía musicalmente. 

  Ao igual que acontecera con seu pai Francisco, o nome de Marcial del Adalid tamén aparece nas Actas do Concello de Arteixo, concretamente na sesión do 7 de marzo de 1872 na que consta o seguinte:

Se dio lectura de otra instancia presentada por Don Marcial del Adalid y Gurrea de Santa Eulalia de Liáns en que manifiesta que careciendo de título de pertenencia de varias fincas que posee en el barrio de Sorrizo pide se certifique a su continuación de lo que resulte de los repartos de contribución territorial con objeto de inscribirlo en el Registro de la Propiedad y la corporación acordó se le expida recibiéndose antes prueba testifical.” 
Acta do Concello de Arteixo do 7 de marzo de 1872

   Nesa época Marcial vivía o que se cadra foi a etapa máis frutífera en canto á creación da súa obra, principalmente composta para piano e amosando influencia de Frédéric Chopin. Ademais, tamén se preocupa pola música galega, publicando en 1877 os primeiros cadernos da colección Cantares viejos y nuevos de Galicia”, a súa obra de maior fama e que non se vería publicada na súa totalidade ata despois da súa morte, chegando a un total de vinte e seis cancións, quince delas orixinais e nove harmonizacións de melodías tradicionais. Vaia como exemplo, o acompañamento musical que fixo para a siguinte canción popular (a letra é coñecida por moitas persoas pero descoñecen quen compuxo a música):

Non te quero por bonita

Non te quero por bonita,
que xa sei que non o és,
quérote por moreniña
e pola lei que me tés.

N’aquela corredoiriña,
en aquel anoitecer,
o qu’entrambos nos xuramos
ti-lo sabes, eu tamén.

Miña vida está en teus ollos,
miña morte está tamén,
dame a vida ou dame a morte,
para min todo está ben.

   Marcial del Adalid foi, por tanto, o primeiro gran creador da melodía galega, que tivo a súa continuación en compositores como Pascual Veiga, José Castro González (Chané”) ou Xosé Baldomir, o que supuxo unha aportación musical básica ao Rexurdimento.

Marcial del Adalid

   Porén, boa parte da obra do noso homenaxeado permanece inédita. A precaria saúde da que sempre gozou íalle reproducir unha antiga doenza hepática que abocou a que Marcial del Adalid morrera dun xeito prematuro no seu Pazo de Lóngora, recibindo sepultura no cemiterio de San Amaro da Coruña a finais de 1881.

   A herdeira de Marcial del Adalid e Fanny Garrido foi a súa única filla, a pintora María de los Dolores del Adalid y González Garrido, quen, sen descendencia, doou a biblioteca de seus pais á Real Academia Galega. As restantes propiedades, entre as que imaxinamos que tamén estarían os terreos de Sorrizo, foron legadas á congregación relixiosa dos Salesianos.

María de los Dolores del Adalid y González Garrido

FONTES:

Concello de Arteixo, Arquivo Municipal, plenos do 28 de xuño de 1841 (Caixa 1841 C-1) e do 7 de marzo de 1872 (Caixa1872 C-3)

Fernández Caamaño, J.M. (2016): Una saga familiar con historia, El Ideal Gallego, 25 de setembro.

Quirós Rosado, Roberto: Marcial Francisco del Adalid Ramírez de Arellano, Real academia de la Historia.

Touriñán Morandeira, Laura (2021): Marcial del Adalid (1826-1881): un capítulo único de nuestra Historia de la Música Española y Gallega. En Camiños do Coñecemento e Experiencia 2020. Santiago de Compostela: Campus na nube USC, 2021.

 

DAVID CONTRA GOLIAT: O EXEMPLO DA LOITA VECIÑAL DE LARÍN CONTRA O ARCEBISPADO

    Trala morte de Franco, os setenta e os oitenta foron anos de dura loita dos movementos veciñais contra as inxustizas e o caciquismo existentes na xeografía galega dende tempos inmemoriais. Na memoria de moitas e moitos de nós mantéñense vivas as lembranzas da loita das Encrobas, encabezada polo crego Moncho Valcarce e os seus fregueses polas expropiacións que Fenosa pretendía facer nun principio por cantidades irrisorias; da loita de Xove, a vila lucense na que houbera varias marchas en contra da central nuclear que alí se pretendía levantar; da loita pola defensa do uso público das marismas de Baldaio, en mans privadas dende 1948; ou, entre outras, da loita da veciñanza de Larín contra o Arcebispado de Santiago de Compostela pola propiedade dunhas parcelas do Monte de San Roque, loita da que falamos deseguido. 

Terreo en litixio entre os veciños e o Arcebispado

   Polo que nos contaron varios veciños de Larín, esta parroquia arteixá conta nos montes da Graña, da Pedra e de San Roque con varias hectáreas de terreo comunal. Suso Borrazás, díxonos que... “os veciños que non dispoñían de terreos e que querían obrar en monte comunal tiñan que xuntar sinaturas para ter o consentimento da veciñanza da parroquia. Despois, presentaban esas sinaturas no concello e xa podían obrar. Isto era antes así, agora non sei. A última casa que se fixo en monte comunal en Larín debeu ser nos primeiros anos noventa.

   Nunhas parcelas deste terreo comunal situadas no Monte de San Roque, ao carón da capela do mesmo nome, foi onde saltou a chispa desta loita entre a veciñanza de Larín e o Arcebispado de Santiago de Compostela. Todo comezara no San Roque de 1988, cando a Comisión de Festas pretendía abrir camiño nunha toxeira para un circuito no que se faría unha exhibición de motocrós. Mais, ao pouco, apareceu alí un señor que afirmaba que aqueles terreos eran seus: 

-A ver ho! Que facedes aí? Mirade que este terreo é meu, eh!

-¿Cómo que é teu? Non, non. Este terreo é dos veciños de Larín. É terreo comunal!

-O que ho? Isto é meu, que llo comprei ao cura don José!

   Tras descubrir que dúas parcelas de terreo comunal foran vendidas “daquel xeito” pola Igrexa a uns particulares, a veciñanza de Larín, ante tal atropelo por parte das autoridades eclesiásticas, decidiu xuntarse e loitar polo que consideraban que era seu, solicitándolle axuda ao Concello de Arteixo. 

   Poucos días despois o pleno da Corporación Municipal, celebrado o 29 de setembro de 1988, dáballe luz verde á proposta da veciñanza da parroquia de Larín de correr cos gastos do procedemento xudicial e o 31 de outubro os veciños, reunidos en asamblea, decidiron levar adiante o preito co Arcebispado apoiándose en informes históricos que demostraban que a titularidade do monte en litixio pertencía á veciñanza.

   No transcurso da asamblea, nomeouse unha comisión de veciños para inscribir o monte como propiedade veciñal no Xulgado Provincial de Montes. “El hecho -así o publicaba La Voz de Galicia o 3 de novembro de 1988- que motivó esta postura fue la venta por parte de la Iglesia de dos parcelas de dieciséis ferrados de extensión en el monte, en el que los vecinos se proponían hacer unas pistas para un circuito de motocros. En el monte de San Roque, que ocupa una extensión de aproximadamente 140 ferrados, existen actualmente la capilla del santo, el campo de fútbol, instalaciones del Club Deportivo Larín y el palco de las fiestas”.

Terreo comunal en litixio entre os veciños de Larín e o Arcebispado
    Naquela altura, os afectados manifestaban que a titularidade veciñal do devandito monte remontábase ao ano 1750 segundo se desprendía das investigacións realizadas por eles mesmos no Arquivo do Reino de Galicia, dato que confirmaba o falseamento do rexistro a nome da igrexa no ano 1969. Esta inscrición efectuárase en base ao artigo 205 da Lei Hipotecaria que permitía ao Estado, Concellos, Deputacións e á Igrexa católica, rexistrar propiedades ao seu nome co único requisito de acompañar un certificado dicindo que o terreo en cuestión era da súa pertenza.

    Consultado o Catastro do Marqués de Ensenada de 1752, os veciños afirmaban que este histórico documento non citaba entre as propiedades eclesiásticas o monte de San Roque, un documento no que aparece, entre outras, a asinatura do que era crego naquela hora de Larín.

   Posteriormente, con motivo da desamortización de Madoz, o gobernador civil da Coruña encarga unha relación de montes veciñais, entre os que aparece o de San Roque, que foi sacado a poxa e adquirido por un veciño da Coruña mais, ao non poder facer fronte ao segundo pago, a poxa sería anulada.

    A consecuencia da Lei de Madoz faise outra relación de bens da Igrexa en 1851 entre os que tampouco figura o monte de San Roque. Pola contra, a finais do século XIX en que o Ministerio de Facenda fai unha relación de montes de utilidade pública, cítase ao de San Roque coma un deles.

   En base a todos estos datos históricos, as veciñas e os veciños da parroquia de Larín consideraban que as probas eran abundantes e concluíntes para levar adiante o preito co Arcebispado de Santiago de Compostela e, para tal fin, cada casa da parroquia puxera 10.000 pesetas da época para sufragar os gastos xudiciais. Motivo de moita fachenda, abofé, pois o 99% da xente puxo eses cartos para defender o que era seu!

   O proceso xudicial, do cal ata se faría eco a popular revista Interviú publicando no seu momento una reportaxe sobre esta loita veciñal contra a Igrexa, duraría varios anos e non sería ata mediados da década dos noventa cando o xuíz Rafael Fernández-Porto ditaba sentenza en primeira instancia dándolle a razón á veciñanza de Larín, sentenza que apelarían as autoridades eclesiásticas de Compostela.

    En xullo de 1995, na Sección Cuarta da Audiencia Provincial da Coruña celebrábase a vista oral do recurso de apelación interposto polo Arcebispado de Santiago contra a sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 2 da Coruña, que atribuíra a propiedade do monte de San Roque aos veciños e veciñas de Larín. Á vista asistiran unhas oitenta persoas da parroquia e, malia que a sala non tiña capacidade para acoller a todos, non se rexistrara o máis mínimo incidente. Os veciños, que se desprazaran ata A Coruña nun autobús e en coches particulares, chegaron a despregar unha pancarta no exterior do pazo de xustiza coa lenda “O monte de San Roque é noso”.

    Tralas oportunas apelacións do Arcebispado, o litixio acabou dirimíndose no Tribunal Supremo, mais terían que pasar case seis anos para que a xustiza lle dera definitivamente a razón á veciñanza, feito que se celebrou na parroquia o Día das Letras Galegas do 2001 ao grande, como merecía a ocasión. 

La Voz de Galicia, 8 de maio de 2001

    Aquel día, aquel 17 de maio do 2001, os veciños de Larín premiaron ás persoas e organismos que colaboraran co pobo na reclamación do monte de San Roque, disputado á Igrexa durante trece anos e que finalmente o Tribunal Supremo recoñecera como comunal. Na celebración da sentencia xudicial, a localidade organizara unha gran romaría e no transcurso da mesma fíxose entrega de distintos obsequios á Corporación Municipal de Arteixo, pola axuda técnica e económica prestada para o litixio; ao Arquivo do Reino de Galicia, que colaborara na investigación dos documentos históricos relacionados co monte de San Roque; ao despacho do avogado Miguel Estévez Doamo; e á Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

     Aquela inesquecible celebración comezara ás 12 do mediodía cunha ofrenda floral no cemiterio e unha misa na capela de San Roque. Posteriormente, ás 14:00 horas, daba comezo o xantar campestre, de balde para todos os asistentes á festa. A música, que correra a cargo das orquestras Panamá, París de Noia e Sintonía de Vigo, soara ata ben entrada a madrugada. E a veciñanza de Larín, todos e todas cun sorriso de orella a orella, bailou como nunca antes o fixera! Era lóxico: David vencera a Golliat despois de 13 anos de dura loita!



OS PATOS DE GOMA

     Hoxe atopei, no Areal Pequeno do Rañal, un desos patos de goma cos que xogan os cativos na hora do baño. Cousa ben curiosa, pois o mes pasado o amigo Roberto, propietario da Libraría Sisargas da Coruña, recomendoume a lectura do libro La vuelta al mundo en un forro polar, da autoría do escritor alemán Wolfgang Korn, recomendación que levei a cabo durante estos días. ¿De dónde ven a tea da camiseta que levas posta? ¿Quen a coseu e en que circunstancias? ¿Dónde se fabricou o bolígrafo que tes enriba da mesa?...normalmente, non nos facemos este tipo de preguntas nin somos moi conscientes de donde e como se elaboraron os productos que utilizamos a diario. Pois ben, neste traballo de Wolfgang Korn atopamos resposta a estas preguntas. Korn tamén narra historias coma a dos patos de goma, na que conta como en xaneiro de 1992, no transcurso dunha tempestade, un cargueiro perdeu varios contenedores no medio do Pacífico. Un deles abriuse e 29.000 patos, tartarugas e rás de goma saíron despedidos á superficie do océano. A maior parte deles foron á deriva cara o sur e quedaron varados nas costas indonesias e sudamericanas. Mais uns 10.000 patos e rás avanzaron cara o norte, cruzaron o mar de Bering e entraron en augas árticas. Posteriormente, arredor de 1.995, quedaron aprisionados no xeo, para ser liberados seis anos despois preto de Groenlandia e empurrados no medio do Atlántico. Daquela, a corrente do Golfo recolleunes e arrastrounos ata Gran Bretaña e a península ibérica. Estos animais de goma insomerxibles poden recoñecerse porque levan impresas as palabras First Years e Wolfgang Korn conta que o que atopa un pode informar do achádego a Curtis Ebbesmeyer, investigador americano de ciencias do mar. Para él, os patos son boias de investigación que lle saen gratis xa que os seus percorridos revelan moita información acerca das correntes mariñas. Curtis Ebbesmeyer creou na Internet un sitio especial para achádegos en praias: www.beachcombersalert.org/rubberduckies.htlm. Esta páxina informa non só sobre patos de goma senón tamén sobre outros obxectos arrastrados polo mar, como madeiras de formas curiosas, globos de cristal ou ovos do misterioso paxaro elefante.
     E ben, chegados a este punto, seguro que vos preguntaredes se o pato que atopei hoxe no Areal Pequeno leva impresas as palabras First Years, verdade? Pois nada, xa volo conto outro día!



                                                                 



A MORTE DE LESLIE HOWARD, UN DOS PROTAGONISTAS DE "FOISE CO VENTO" ("LO QUE EL VIENTO SE LLEVÓ"), NO CABO ORTEGAL

     O clásico "Foise co vento" ("Lo que el viento se llevó para os casteláns falantes) cumpre hoxe, 15 de decembro do 2014, 75 anos desde a súa estrea, o 15 de decembro de 1939, en Atlanta (EE UU), unha cita coa gran pantalla que puxo o broche de ouro aos anos de tortuosa producción dunha das rodaxes máis ambiciosas do cinema norteamericano.

     Na actualidade, o filme forma parte da cultura popular, con frases icónicas que repiten, incluso, quenes nunca se sentaron a ver as catro horas que dura esta historia de amor imposible entre Scarlett O´Hara (Vivien Leigh) e Rhett Butler (Clark Gable) nos albores da Guerra de Secesión dos EE UU, frases como "A Deus poño por testemuña que nunca máis pasarei fame"; "Francamente querida, impórtame un bledo" ou, "Despois de todo, mañán será outro día".

     Pois neste 75 aniversario do clásico americano, quérovos contar unha historia dun dos actores da película: Leslie Howard, que falecería moi preto de Arteixo, só 4 anos despois.
     O 1 de xuño de 1943, en plena II Guerra Mundial, unha patrulla de avións nazis Junkers-88 atacaba o voo 777 da KLM e derrubaba, ao norte de Cabo Ortegal (moi preto de Cedeira), o avión DC3 "Ibis", falecendo os catro membros da tripulación e os trece pasaxeiros que viaxaban nel. O curioso deste sinistro, é que un destes trece pasaxeiros, era unha das estrelas cinematográficas do Hollywood dourado dos anos trinta e principios dos cuarenta: o galán británico Leslie Howard, quen sempre será lembrado polo seu papel de Ashley Wilkes, o grande amor de Scarlata O´Hara en "Gone with  the wind". Mais Leslie Howard non só era un dos galáns e dos actores máis cotizados da época. Fortemente compremetido coa causa dos aliados, Howard colaboraba, naquela hora, activamente no programa "Britania fálavos" da BBC, antes que os Estados Unidos entrasen en guerra, e cando Hitler estreitou o cerco sobre Inglaterra. O famoso actor decidira regresar a Londres onde, perante a incapacidade de alistarse na frente, entrégase totalmente a unha campaña de propaganda, para convencer aos norteamericanos de que debían intervir na Europa, para frearen o avanzo do nazismo. Nunha das súas misións como axente da Foreign Office(os servizos británicos de intelixencia), Leslie viaxa a España en abril de 1943 para, segundo a versión oficial, dar unha conferencia sobre "Hamlet" no Instituto Británico de Madrid. Mais o motivo real desa visita, era outro ben distinto. Tiña que lle facer chegar a Franco unha mensaxe de Churchill, na cal se comunicaba que se España non entraba na II Guerra Mundial para apoiar a Hitler, os aliados non se vingarían no futuro.

     O pretexto que Howard empregaría para se achegar a Franco (o ditador español desconfiaba do embaixador británico Samuel Hoare, pois era amigo persoal do Conde de Barcelona), era a súa intención de encarnar a Cristobal Colón nun filme, e estaba previsto que o contacto fose a actriz donostiarra Conchita Montenegro, moi vinculada coa Falanxe (era a moza de Ricardo Gimenez Arnau, un alto cargo franquista) e con quen Howard mantivera un idilio, durante a incursión en Hollywood da actriz vasca.

     Cumprida a misión, no día 1 de xuño, o actor-espía británico apañaba un avión civil no aeroporto lisboeta da Portela, que debía levalo até o aeródromo de Whitechurch (Inglaterra). Mais logo despois de descolar, unha escuadrilla de Junkers-88 nazis atacou o voo do "Ibis" onde viaxaba o actor inglés, caindo o avión perto de Cabo Ortegal.

     Durante moitos anos mantívose a hipótese, de que os alemáns pensaban que nese voo ía o primeiro ministro británico Winston Churchill, mais esta tese sería descartada definitivamente, cando en 1984 o fillo de Howard, o tamén actor Ronald Howard, recompilou nunha biografía do seu pai, documentos que probaban que o ataque estaba dirixido directamente, contra o protagonista de "Foise co vento".

     No lugar da Capelada, moi próximo do Santuario de Santo André de Teixido, hai un cartaz e un monumento en forma de hélice, que nos lembra o acontecido neste incidente aéreo. Leslie Howard fora de morto a onde nunca fora de vivo. O vento levárao para a Galiza.
                                          Cartaz de L. Howard na Capelada

FONTES:
-O mar de Arteixo e os seus naufraxios, Xabier Maceiras




AS DIMINUTAS BOLIÑAS BRANCAS DOS AREAIS

     Nunca vos preguntastes a procedencia desas diminutas boliñas brancas que atopamos a milleiros nos nosos areais? De que son? De donde veñen? Abofé que me fixen esa pregunta centos de veces!

     Pois mira ti por donde, a miña ignorancia sobre este particular quedou resolta estos días grazas á lectura do libro de Antonio Sandoval Rey ¿Para que sirven las aves?, libro que vos recomendo e no que, por certo, tamén aparece nel o meu amigo Xabi Varela, ese rapaz ornitólogo que traballa no Departamento de Medio Ambiente do Concello de Arteixo e ao que lle podedes preguntar polas vosas dúbidas sobre o mundo dos paxaros que, de seguro, volas ha de respostar co seu entusiasmo e alegría habitual que te acaban contaxiando. 

     Sandoval cóntanos no seu traballo que esas minúsculas boliñas brancas e translúcidas, algo máis pequenas que unha lentella, empezaron a chegar ás nosas praias hai máis de dúas décadas. Ao parecer, no centro do océano Pacífico medra, ano a ano, unha descomunal bolsa de residuos cun tamaño estimado en varios millóns de kilómetros cuadrados. Cunha profundidade próxima aos 30 metros, ese vertedoiro flotante funciona, según conta o autor, máis que como unha masa compacta, coma un arquipélago formado por illas de moi diversos tamaños. Xira lentamente nunha zona donde as augas superficiais do Pacífico forman un gran remuíño no que morren correntes que chegan desde todas as súas beiras.

                                         As boliñas son do tamaño dunha lentella

     Hai quen calculou que por cada kilo de plancton natural hai, nesa zona, seis de plástico. E non para de medrar!. Nin de esmiuzarse!. A auga salgada e o sol van fragmentando e erosionando os seus restos ata convertelos primeiro en minúsculos e logo en invisibles. Sandoval tamén nos conta que son moitas as criaturas mariñas que os tragan ao confundilos con plancton natural. Acumulan así, no seu organismo, toxinas que logo, a través das cadeas alimenticias, chegan á nosa mesa incorporadas aos filetes de peixe. Ese gran vertedoiro mariño xa ten nome: "Great Pacific Ocean Garbage patch", e recibiu unha máis que notable atención mediática. Mais desgraciadamente non é o único. A ONU estimou que en cada kilómetro cuadrado de océano hai xa miles de partículas plásticas. E que o 80% das basuras deste tipo que chegan ao mar fano desde terra.

     Así que xa sabedes, eses grans de plástico brancos, dos que podemos ver unha ducia deles nunha simple presa de area, proceden desa enorme illa-vertedoiro do Pacífico. Agora falta descubrir a procedencia doutras bolas que tamén aparecen a ducias nos nosos areais, esas que son de esponxa amarronada e, de tamaño, un chisco máis grandes que unha canica. Cando me entere xa vo lo conto.

                                                    Boliñas no areal de Santa Baia

FONTES:
-¿Para que sirven las aves?, Antonio Sandoval Rey



PROTECCIÓN CIVIL

     Chega o verán, chega o bo tempo e con él, agardando que o amigo Lourenzo cumpra cada día como é debido, os nosos areais recibirán a milleiros de usuari@s que, como cada ano, terán en cada praia a un grupo de socorristas dispostos a cumprir co seu traballo de vixianza e socorro, traballo que, por certo, inician hoxe 45 persoas e que durará atá mediados do mes de setembro.

     Desde sempre, as nosas praias foron moi perigosas por mor da súa situación e orientación cara o mar. Barrañán, Alba ou Sabón, antano bastante menos frecuentadas que na actualidade, eran lugares donde tódolos anos morrían afogadas varias persoas. Foi aí, a finais dos anos setenta, cando un grupo de veciños de Arteixo (non digo nomes por medo a esquecerme de alguén) chega á conclusión de que era preciso que se vixiara e se tratara de axudar ás e aos bañistas das nosas praias. Abofé que o farían. Sen pensalo moito e, por riba, sen ser un grupo organizado, puxéronse a facer Salvamento e Socorrismo cos seus propios medios: cunha zodiac prestada e sen posibilidade de comunicación entre eles. Corría o verán de 1978 e aquel grupo de heroes convertíase no pioneiro, no primeiro no noso Concello, mais probablemente un dos primeiros que principiaron esta tarefa humanitaria en toda Galiza.

     En 1986, a raíz da entrada en vigor da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, que establecía no seu artigo 26 c. a obligatoriedade de ter un servicio de protección civil nos concellos de poboación superior a 20.000 habitantes, crearíase o Grupo de Voluntarios de Protección Civil de Arteixo.

     Nos anos noventa, concretamente en 1998, os voluntarios convertiríanse en socorristas profesionais durante os tres meses de verán...eran os tempos doutros socorristas, os de Mitch Buchannon e os de C.J. (Pamela Anderson)...si, si, xa sabedes, os de "Los vigilantes de la playa"...que tempos!

Bo verán!

                                          Imaxe dos anos 90 de Protección Civil de Arteixo
 



A CASA DE MANOLITO DE ALLÁN

     Hoxe pola mañán pasei pola Baiuca e vin que estaban tirando a casa de Manolito de Allán, un dos derradeiros vestixios da zona vella de Arteixo e testemuña da evolución do concello desde hai máis de cen anos...que peniña!...vaise un anaco da nosa historia! Vaisenos a Baiuca de toda a vida! Por riba, outro dos edificios emblemáticos do lugar, o concello antigo, tamén ten os días contados.

     A casa que hoxe derrubaron fora propiedade de Toribio Salvadores Puente, alcalde de Arteixo entre 1911 e 1914. A mediados dos anos cuarenta, Manolito e a súa muller Carmen , que ata daquela vivían en Loureda co seu fillo Tonio (nado en 1942), cómpranlle o edificio aos herdeiros de Toribio, que falecera en 1927, edificio donde abrirían a súa tenda e que se convertiría na nova residencia do matrimonio. Alí  nacería Carmiña, a súa segunda filla. Posteriormente, compraríanlle á familia Canel de la Riega (seica eran médicos) a casa de pedra situada un pouco máis adiante da tenda, lugar que sería o novo domicilio da familia e donde según me contou o fillo de Manolito, Antonio Pombo, se instalou a primeira centraliña de teléfono de Arteixo, que era atendida pola súa nai Carmen (seica ás veces quedaba durmida cos auriculares postos).
                                         A casa de Manolito nos anos 90 (Julio Mancebo)

     A zona vella de Arteixo estase a converter, pois, nun lugar que xa só existe na lembranza duns poucos. Se houbo alguén que describiu á perfección esa parte da vila da que estamos a falar, ese foi Julio Mancebo, que no seu blogue "A miña Baiuca" falaba con todo luxo de detalles das lembranzas da súa infancia e de lugares e casas da Baiuca xa desaparecidas, lembranzas que xa só habitan nos recunchos máis profundos da memoria colectiva dos veciños e veciñas de Arteixo de máis de sesenta abriles.

     Nun dos relatos de "A miña Baiuca", Mancebo falaba en xullo do 2007 da casa de Manolito, relato que despois de que o autor me dera o seu consentimento comparto con vós:

"A casa de Manolito"

     Era unha tenda pintoresca, onde había un pouco de todo, dende puntas a caramelos, dende libretas de plumas a follas de afeitar. Ademais era o único sitio de Arteixo onde che cortaban cristais a medida. Desto encargábase Manolito e anos máis tarde Toniño.

     Manolito madrugaba e traballaba moito e ás veces quedaba durmido na silla. Carmen case sempre andaba protestando, non deixaba que ningún dos da casa parase un momento. Para ela a vida era traballar e traballar. Á Amelia, como boa tendeira, gostáballe moito a leria, sobre todo cos mozos e mozas do seu tempo. Ás veces tiñas que esperar ata que remataran de falar.

     Toniño era do meu tempo e bastante amigo. Xogaba pouco porque sempre tiña labores que facer. Cando non estaban os pais, Amelia era máis tolerante e deixáballe xogar con nós.

     Tonio fixo a canda min o ingreso no instituto Masculino da Coruña (daquela só había dous institutos en toda A Coruña). Era un neno forte que nunca tiña frío e de carácter pacífico e bonachón. Prefería perder do seu dereito antes que pelexar con ninguén. Pero ¡ollo!, non por medo, porque él era así.

     Ás dúas e vinte, máis ou menos, chegaba "A Superiora" e paraba alí. Baixaban os que viñan da capital e Pepe, o cobrador,  empezaba a preguntar:

- Este paxe ¿de quen é?
- Meu
- Estes xerros ¡Aí van!

     Era a liturxia de cada mediodía. Arrincaba "A Superiora" e na radio de Manolito soaba a sintonía do parte. Oíase ó locutor:

- Son las dos y media de la tarde. Diario hablado de Radio Nacional.

     Ás noticias prestabámoslles pouca atención, agardabámolo seu remate para escoitar o capítulo do serial "Dos hombres buenos". Poucas veces conseguíamos escoitalo enteiro porque Amelia, Manolo de Pardo e Antonio de Orxeira falaban das súas cousas e non deixaban oir. Recordo aquela hora coma algo rutinario, igual tódolos días, mentres fóra o sol caía a plomo.

   Manolito de Allán, Pepe Sacristán (o que fora conserxe do Ponte dos Brozos) e Pepe de Penedo


O AEROPORTO DE ARTEIXO

     Ao igual que noutras cidades europeas, o interés pola aviación na Coruña nacía nas primeiras décadas do pasado século XX grazas a un grupo de amigos, dedicados a distintas profesións, que principiaran a interesarse polas novas que chegaban desde Estados Unidos, Inglaterra ou Francia, nazóns donde varios aficionados levaban xa certo tempo realizando arriscadas experiencias para facer realidade unha das máximas aspiracións do ser humano: poder voar, aspiración na que os irmáns Wright puxeran a primeira pedra no ano 1903 en Carolina do Norte (EE.UU.) ao lograr que aparatos máis pesados que o aire foran quen de elevarse da terra. Así pois, na Coruña podemos considerar pioneiros da aviación a ese grupo de amigos, que fundarían sociedades en torno aos voos sen motor e tamén, polo que nos conta Angel Padín Panizo, a crear publicacións nas que se recollían todo tipo de informacións sobre estas aspiracións.

     Foi así como xurdiría o chamado Aero Popular Coruña (APC) constituído como entidade de carácter deportivo e social e domiciliado en Riazor "frente a las instalaciones del Deportivo", segúns anunciaban os seus directivos nos xornais locais a finais da década dos vinte. Mais uns anos antes, en 1911, a cidade xa vivira a súa primeira experiencia aeronáutica cando a "Liga de Amigos" ofrecera un festival de aviación como número extraordinario das festas de agosto de María Pita. Os aviadores franceses Laforestier e Mauvais serían os encargados de ofrecer ao público un espectáculo aeronáutico que se celebraría no improvisado aeródromo ubicado no Campo da Estrada, espectáculo que se repetiría nos anos 1912 e 1913, tamén con aviadores franceses. En 1914, sería o piloto galego Pepe Piñeiro "O Rei dos aires" o encargado de amenizar cos seus voos as festas da cidade, realizando piruetas a 650 metros de altura.

     Á marxe dos espectáculos festivos de aviación, os primeiros aterraxes efectuados por avións na nosa área terían lugar no concello de Oleiros en xullo de 1926 cando nove avións militares, un deles pilotado polo coruñés Félix Bermúdez de Castro, aterraran na praia de Santa Cristina. Catro anos máis tarde, o 23 de novembro de 1930, un enorme hidroavión alemán "DC-X", construído pola casa Dornier, amaraba na baía coruñesa, con quince tripulantes e sete pasaxeiros a bordo como escala do seu primeiro viaxe a América, acontecemento que despertara gran curiosidade e que movilizaría a multitude de coruñeses e coruñesas.

     A necesidade dun aeroporto empezaba a ser unha evidencia e, por tal motivo, poucos días despois de aterrar na cidade o "DC-X" alemán, o departamento de arquitectura do concello herculino, a cargo do arquitecto Pedro Mariño, daba a súa aprobación a un plano elaborado por especialistas do "Cuerpo de Estado Mayor del Ejército"  (E.M.), firmado polo "Teniente Coronel Jefe de la Comisión Geográfica de Galicia" e no que se realizaba un estudio das inmediacións de Arteixo para un campo de aviación. Si, si, ledes ben...un aeroporto en Arteixo!
Plano do proxecto para construir un campo de aviación en Arteixo





     A ubicación escollida era o que comprendía os lugares de Chan de Agra, Agra de Arteixo, Fornos, Brozo, Rañal de Arriba, Foxo dos Lobos, A Pedreira, Terras do Campo, Cavernas, Abelendos, Oseiro...é dicir, o mesmo espazo donde tres décadas máis tarde se levantaría o Polígono Industrial de Sabón.

     Todo quedaría nun simple intento, se cadra pola morte de Pedro Mariño que falecería en 1931, e o proxecto non sería desenvolvido.

     A Coruña seguiría coas súas aspiracións ante un fenómeno que naquela hora xa estaba nunha fase ben avanzada como era o da aviación e, despois do estudo doutros emprazamentos (Ría do Burgo, Betanzos, A Laracha, Carballo...) e das presións exercidas por un grupo de cidadáns, capitaneados por Pedro Barrié de la Maza, A Coruña conseguiría dispor, ao fin, dun aeroporto. A decisión final do seu emprazamento fora  nun alto do lugar de Alvedro (Culleredo), donde en xullo de 1954 entrarían as primeiras máquinas e que botarían case nove anos traballando na súa construcción. Unha vez rematadas as obras, o aeroporto abriríase ao tráfico aéreo civil estatal o 25 de maio de 1963, día da súa inauguración oficial e no que chegaba o primeiro avión comercial desde Madrid, voo que operara a compañía Aviaco.

FONTES:
-"Hace setenta y cinco años A Coruña presentó su primer proyecto para construír un aeropuerto en Arteixo". Angel Padín Panizo. Revista "La Coruña, historia y turismo". 2006
-"El aeropuerto de Alvedro: Crónica de una aspiración coruñesa". Manuel Fiaño Sánchez. Anuario Brigantino 2012, nº 35.


UXES E A "ESTRELLA GALICIA"

     No ano 2006 a empresa "Hijos de Rivera" e o buque insignia do negocio, a cervexa "Estrella Galicia", celebraban os seus primeiros cen anos rendíndolle tributo á tenacidade e ao enxeño do bisavó, José María Rivera Corral, un home que non tardaría en amosar a súa valía como empresario ao instalar, a principios do pasado século XX, a centralita de telefonía local da Coruña, case ao mesmo tempo que fundaba a fábrica "La Estrella de Galicia", dedicada á fabricación de cervexas e tamén á elaboración do xeo que abastecía á industria do pescado da cidade herculina. O nome escollido rememoraba o que fora o seu negocio en Veracruz (México) "La Estrella de Oro" en Veracruz (México), a onde emigrara uns anos antes.

     Aquel ousado mozo, cheo de soños e ambicións, que apostaba por un producto de consumo moi reducido naqueles tempos, principiaba daquela a andaina do que hoxe é "Hijos de Rivera", a primeira empresa cerveceira galega, cuarta de España, que ten presencia en máis de 40 países de todo o mundo e que no 2014, o seu mellor ano, vendería algo máis de 170 millóns de litros de cervexa cunha facturación de case 280 millóns de euros.

     Coa creación en 1906 de "La Estrella de Galicia", José María Rivera Corral daba boa conta dos aforros que fixera na emigración vendendo unha bebida semellante á orchata. Alí, a Veracruz, chegara sendo case un neno por decisión de seus pais, que o enviaran nun barco para "facer as Américas" logo de vender unhas terras próximas á As Pontes, de onde eran naturais, para pagar a pasaxe do seu fillo. O curioso do conte é que José María non era cerveceiro, aínda que si vira como era o negocio en México, e preocuparíase de que o seu fillo Ramón, a segunda xeración, si o fora. Para tal fin, enviaríao a estudiar primeiro a Francia e logo a Alemaña e, dende entón, a compañía non pararía de mellorar...pero ¿cal é a relación que "Hijos de Rivera" ten con Uxes?

     Pois ben, logo de estudiar ciencias comerciais na universidade de Hamburgo e converterse, na década dos vinte, nun dos primeiros españois en conseguir a diplomatura en Mestre Cerveceiro, Ramón Rivera iniciaría o proceso de mecanización da fábrica, profesionalizando e mecanizando a producción. Para tal fin adquire unha sala de cocementos, tinas de fermentación e tanques metálicos para almacenar a cervexa. Estos cambios permitirían atender satisfactoriamente os aumentos de demanda, xurdida como consecuencia dun proceso ininterrumpido de paulatina aceptación popular que levarían a que o principal producto da empresa, a cervexa, puxera rumbo á excelencia na que está asentada actualmente. É aí, neses anos vinte, cando Ramón Rivera compra en Uxes máis de 1.500 ferrados de terreo, unha extensión denominada "Montanar" que chegaba á Zapateira e na que empezarían a traballar alguns veciños da parroquia.

 Os Rivera en Uxes. La Voz,  20.11.1925
     Trala crise que supuxo a Guerra Civil e a dura etapa dos anos da posguerra española, os Rivera aguzarían o enxeño para conseguir unha das materias primas da cervexa, o lúpulo, e xunto ao director da Granxa Escola da Coruña e un par de agricultores de Betanzos poñerían en funcionamento un programa experimental do cultivo desta planta, que tanto escaseaba dende o remate da I Guerra Mundial.

     A granxa experimental da Coruña sería o lugar onde se empezarían a plantar as primeiras plantas que, parece ser, se trouxeran procedentes de Gran Bretaña, feito que convertía a Galiza en pioneira do seu cultivo e, en pouco tempo, nunha das zonas de maior producción. Nesta época a empresa empezaría unha profunda remodelación basada na automatización da maior parte do proceso de producción, o que supoñía o abandono definitivo dos métodos artesanais na elaboración da súa cervexa. Son tempos nos que a familia Rivera da traballo, nas súas instalacións da Coruña, a varias persoas de Uxes, lugar onde teñen a súa casa de campo e onde, según informa o xornal La Noche nas súas páxinas do 16 de novembro de 1946, Ramón Rivera tamén cultivaría lúpulo nos terreos de "Montanar"..."como resultado del concurso de cultivo y producción de lúpulo organizado por esta Cámara Oficial Agrícola para el corriente año, se distribuyeron entre los agricultores que se dedican al cultivo de dicha planta, los siguientes premios: En la Sección A, correspondiente a plantaciones de primer año, se dió un primer premio de 1.500 pesetas a don Ramón Rivera Illade, de Ujes (Arteijo)...", polo que é de supoñer que os Rivera contratarían man de obra da parroquia para o cultivo e producción da planta nos terreos de Uxes.
Fábrica de Catro Camiños
      A empresa seguiría coa súa liña ascendente e nos anos sesenta, ao acadar a producción os dez millóns de litros, faise patente a necesidade de construir unha fábrica de maior capacidade.

     Na década dos setenta, na que os Rivera venden os terreos de "Montanar" a unha familia de Lugo, José María e Ramón, netos do fundador, asumen a dirección da empresa e, por necesidades de espacio, deciden abandonar Catro Camiños e trasladar a fábrica ao Polígono da Grela. O 30 de novembro de 1972 realizan o primeiro cocemento nas instalacións actuais nas que, xeración tras xeración, os Rivera seguirían dando traballo a moitos veciños da parroquia, en moitos casos grazas á intervención dos Pelayo, os caseiros da familia en Uxes. A antiga fábrica de Catro Camiños convertiríase nunha cervexería emblemática, que segue funcionando actualmente servindo máis de dous millóns de cañas ao ano.

     Hoxe, se collemos o camiño que nos conduce á capela do Espíritu Santo, é dicir, a rúa Carmen do Casillo, podemos ver a casa que os Rivera seguen conservando en Uxes, xusto ao carón da rúa que a familia ten dedicada no lugar, a rúa Rivera. Pero a vinculación coa parroquia non queda aí, xa que os Rivera tamén teñen un panteón no cemiterio de Morás.










Imaxes da casa da familia Rivera en Uxes




CENTENARI@S DE ARTEIXO 

La Voz de Galicia, 21 de setembro de 1963
   
     Vivimos na xeneración máis lonxeva da historia, preocupada polo envellecemento da poboación e o drástico cambio de rumbo das nosas curvas demográficas, cada vez con menos nenos e máis anciáns. Mais esta realidade xa a coñecemos dende hai tiempo: non é, precisamente, unha novidade científica. E é que, agora, a nova revolución médica e social en canto á vellez non se refire só ao aumento da esperanza de vida senón que se ocupa, especialmente, dos que son "máis que vellos", os máis maiores entre os maiores: os que xa cumpriron 100 anos.
     O centenario, unha fronteira mítica e infranqueable fai apenas medio século, empeza a converterse nunha expectativa realista para cada vez máis cidadáns do planeta. Xa non só se chega a vello, chégase a ser "moi vello" e con grandes probabilidades de facelo en plenitude de condicións físicas e mentais. E, por suposto, isto supón toda unha revolución á que os médicos, psicólogos, sociólogos e políticos parece que non se dan afeito.
    Este envellecemento da poboación é un fenómeno a nivel mundial que, no caso de España, diu lugar a que na actualidade vivan 14.487 persoas centenarias, fenómeno ao que os demógrafos denominan "a cuarta idade". Dentro do Estado español encóntrase a zona xeográfica do mundo (só equiparable á de Xapón) máis envellecida: Galiza, un caso extremo en lonxevidade, que actualmente conta con 630.000 persoas maiores de 65 anos. Isto, en porcentaxe, supón un 22,5% da poboación, da que 1.200 persoas escriben a súa idade con tres cifras. E as previsións indican que a porcentaxe de poboación nesta asombrosa franxa de idade seguirá aumentando durante as próximas décadas...mais lamentablemente, só un de cada 80 galegos ten praza nun xeriátrico.

     Galiza envellece a ritmo lento pero constante, principalmente nas provincias de Lugo e de Ourense. En 2010 o noso país superou por primeira vez a barreira dos mil centenarios. No ano seguinte eran 1.025 (812 mulleres e 213 homes) dos cales 322 correspondían á provincia da Coruña (262 mulleres e 60 homes).
El Ideal Gallego, 21 de novembro de 1973
No 2013, na provincia coruñesa estaban contabilizados 374 centenarios e, como nas anteriores estadísticas, a inmensa maioría eran mulleres, case o cuádruplo (296 frente a 78 varóns). O dato supoñía un incremento do número de maiores de 100 dun 20,6% respecto a 2011, ano no que por primeira vez o I.N.E. diferenciaba aos de máis de 100 anos (antes  incluíaos no epígrafe global de máis de 85 anos). Por localidades, a cidade da Coruña rexistraba, nese ano 2013, ata 73 centenarios, seguida de Compostela con 31, Ferrol con 21 e Melide con 18. Xunto a Betanzos, Arteixo era con 7 o concello da área metropolitana (exceptuando  A Coruña) con más centenarios, por diante de Culleredo con seis e Oleiros con cinco.

     Unha daquelas sete persoas centenarias de Arteixo era a miña veciña do Rañal Dorinda Naya Iglesias, nada en 1912 e falecida con 102 anos en febreiro do 2015, unha muller cunha memoria fora do común (lembrábase das datas de nacemento de toda a veciñanza e familiares) coa que tiven o  privilexio de pasar centos de tardes escoitando as súas lembranzas do Arteixo de antes. Dorinda vivira na súa infancia anos duros, moi duros de miseria que, como dicía ela..."non tiñamos nin calzares" e, o mesmo que toda a xente da súa xeración, tamén vivira o cambio do candil á bombilla; do lavadoiro á lavadora; do branco e negro á era dixital; ou do carro de bois aos coches todoterreo. A súa memoria gardaba refráns, cantigas, tradicións, contos e lendas. Lembrábase tamén con detalle do reinado de Alfonso XIII, dos anos da II República, da Guerra Civil, da dureza da posguerra e por suposto da ditadura de Franco. Escoitar a Dorinda como debullaba os contos polo miúdo era un auténtico pracer. Gustáballe moito tamén falar do mar, lembrarse dos que perderan a vida nas rochas, de cando ían ao golfe e das cousas que aparecían nos areais..."a primeira vez da miña vida que vin plátanos non sabía o que eran, nin sabía que se podían comer. Máis ou menos polo 1930, apareceron centos deles na praia da Area da Salsa e nós levámosllos aos porcos. Un par de anos máis tarde apareceran no areal de Alba moitos bocois de viño e tivemos que pagarlle aos carabineiros para poder quedarnos con él. Nunca tanto viño se bebeu no Rañal! As mulleres tamén íamos ás praias a buscar botellas de vidro que traía o mar, para logo gardar nelas o aceite".
Imaxe de 2012, de cando a veciña do Rañal, Dorinda Naya Iglesias, cumpría 100 anos
  Aos que hoxe rondamos o medio século de idade, afortunadamente xa non nos tocou vivir os tempos de sacrificio, de traballo duro e de fame que pasaron os nosos maiores, mais un momentiño: o ritmo de vida frenético que levamos na actualidade estanos a poñer unha venda nos ollos, pois impídenos ver o tesouro que os máis vellos, e xa non digamos @s centenari@s, gardan nas súas memorias. A pesar do mundo de presas no que vivimos, no que parece que non haxa tempo nin para falar (se cadra pola desaparición das lareiras) non debemos desaproveitar a oportunidade de escoitar as súas lembranzas e vivenzas.

     Remato contándovos que a persoa máis lonxeva de Galiza é Avelina Mouzo Leis, unha muller de Ponte do Porto (Camariñas) de 111 anos e que, a día de hoxe, en Arteixo só hai dúas persoas centenarias, unha muller de 100 e outra de 103, un Arteixo que nos anos sesenta e setenta, cando chegar aos 100 non era tan frecuente como o é agora, fora motivo dos reportaxes que se acompañan da veciña de Santa Icía, María Ponte, que en 1963 contaba con 106 anos, e de Encarnación González Més, que en 1973 convertíase en centenaria.


O HISTÓRICO VOO DO DIRIXIBLE GRAF ZEPPELIN E O SEU PASO POR ARTEIXO

     Nas primeiras horas do xoves 15 de agosto de 1929, o enorme dirixible LZ 127 Graf Zeppelin soltaba amarras na súa base de Friedrichshafen, en Alemaña, para iniciar a primeira circunnavegación da Terra por aire, anticipándose 12 anos ao primeiro servicio comercial por avión. Cunha tripulación de 38 homes baixo o mando do seu constructor, o enxeñeiro Hugo Eckener, viaxaban 20 pasaxeiros de nove nacionalidades, entre eles o doutor español Jerónimo Mejías, médico de Alfonso XIII. Lady Grace Drummond-Hay, corresponsal de "The New York Times", era a única muller.

Imaxe do ano 1929 do Graf Zeppelin en Los Angeles
     Seis horas despois da súa partida o Graf Zeppelin (Conde Zeppelin), bautizado así na honra do seu inventor, pasaba sobre un alegre Berlín e proseguiría a súa singradura cara aos Urais, Siberia e Xapón, a onde chegaba o luns 19 de agosto, amarrando á primeira hora da noite nun Tokio engalanado para a ocasión. Tras completar a primeira etapa, catro días máis tarde, este "trasatlántico dos aires" abandonaba o país nipón e poñía proa ao continente americano, un percorrido que, ao pasar por San Francisco ás cinco da tarde do 25 de agosto, era a primeira vez que se cruzaba o Pacífico polo aire. Á unha da mañán do día 26 a nave chegaba a Los Angeles, completando así a segunda etapa do seu periplo aéreo. Na cidade californiana abasteceríase de hidróxeno antes de elevarse de novo con rumbo ao aeroporto de Lakehurst, en New Jersey, ao que arribou o 29 de agosto. O domingo 1 de setembro a aeronave volvía a levantar o voo, en presencia de millares de persoas que a despediron, para a etapa final de regreso a Friedrichshafen, en Alemaña, despois de viaxar por tres continentes.

     O Graf Zeppelin atravesaría o Atlántico polas Azores e, ás catro da tarde do martes 3 de setembro, xa se podía ver dende Fisterra a gran altura e marchando a bastante velocidade. A emisora daquel punto xeográfico comunicaría de contado a nova, que sería recollida na Coruña pola estación radiotelegráfica do Banco Pastor. Sobre esa hora a Casa Consignataria Hervada tamén recibira unha mensaxe do capitán do vapor inglés Batna, mensaxe no que se informaba que o dirixible tiña unha situación de 42´21 latitude norte, 9´35 lonxitude oeste. Uns intres despois, o vapor British Count daba un novo posicionamento de 42´27 latitude norte e 9´41 lonxitude oeste. Corenta minutos máis tarde, navegando maxestuosamente pola costa galega, a aeronave pasaba sobre o Cabo Vilán e, dende Camariñas, recoñecíase perfectamente a súa silueta mentres se alonxaba.

     Acto seguido o Graf Zeppelin sobrevoaría o litoral bergantiñá, onde un dos fillos do contramaestre de Malpica, o cativiño de 7 anos Xosé González Reyes (avó de Avia Veira, concelleira no concello da Coruña do B.N.G.), andando no tempo escribiría, nunhas crónicas que publicou no xornal La Voz de Galicia nos anos 80 do século pasado tituladas "Lembranzas de Malpica", sobre o paso do dirixible dicindo que..."Só me lembro de ver o dirixible Zeppelin como unha vexiga longa enorme, de cor gris, cunha galería moi longa na parte de abaixo, donde ía a xente, según me dixo o meu irmán. Voaba paseniño e sen facer ruído. Semellábame o globo que botaran nunhas festas de Corpus, aínda que moito máis pequeniño en comparanza co Zeppelin".

     O xigantesco dirixible navegaría polo litoral de Arteixo ás cinco e vinte daquel 3 de setembro de 1929, data na que a veciñanza arteixá estaba sendo, probablemente sen sabelo, testemuña da primeira volta ao mundo da historia que completaba unha aeronave. “Os que o viron, decatáronse dalgúns detalles do colosal aparato”, informaban os medios da época.

Mapa coa volta ao mundo do Graf Zeppelin en 1929
     Dez minutos despois o Zeppelin facía a súa aparición na Coruña voando por enriba do monte de San Pedro, con dirección á torre de Hércules, permanecendo visible uns sete minutos. Pese á expectación que creara na cidade, @s herculin@s descoñecían o seu itinerario, polo que foron poucas as persoas que se percataron da presencia da nave, que voaba a uns 200 m. de altura. O dirixible desaparecería da vista dos coruñeses polos montes da ría de Ferrol, cara o Cabo Ortegal, e proseguiría viaxe polo Cantábrico para chegar finalmente ao seu destino de Friedrichshafen, en Alemaña, o 4 de setembro de 1929. A viaxe durara vinte días, catro horas e catorce minutos, dos cales pasara no aire doce días, doce horas e vinte minutos, un par deles polos ceos do noso concello.

     O Graf Zeppelin, que tiña unha lonxitude de 236 m., un diámetro de 30,5 m., unha capacidade de 112.000 m3 de hidróxeno e un peso total de 59 t., contaba con cinco motores Maybach que lle daban unha velocidade de cruceiro de 110 qm/h, mais que podían alcanzar unha máxima de 128 qm/h. O dirixible estaría nove anos en servicio, facendo 1.700.000 qm. e transportando 13.000 pasaxeiros e 120 t. de flete. En 1940 sería desmantelado e vendido como chatarra.


FONTES:

- Reiriz Rey, Jesús María. La Coruña: Hechos y Figuras. Reiriz Rey, 1999.
- Díaz Pardeiro, José Ricardo; Fernández Fernández, Xosé e Reiriz Rey, Jesús María. Crónicas coruñesas. Biblioteca gallega. La Coruña: La Voz de Galicia, 1994.
- González Reyes, Xosé. Lembranzas de Malpica. Edicións Embora, 2016.
- Roland, Eduardo.  Setenta años de Galicia en la era Zeppelin. La Voz de Galicia 21.3.2010.
 -GCIENCIA, o portal da ciencia galega.



ATA SEMPRE, HILDA!

O noso foi amor a primeira vista. Un sábado pola mañá, hai agora catorce anos, despraceime ata as instalacións que a protectora de animais Apadan ten en Sueiro (Culleredo), non moi lonxe da N-550 ao seu paso por Altamira (Carral). Fun ata alí porque quería adoptar unha cadela para que lle fixera compaña a Cosme, un cachorro de golden retriever que había unhas semanas que se convertera nun membro máis da familia sen nós saber que era cego de nacemento.

Tras un par de consultas veterinarias que confirmaron que Cosme era un can invidente, na casa decidimos que lle había que buscar unha compañeira e optamos pola adopción. Así que, aquel sábado pola mañá, alí me presentei, na protectora Apadan con esa finalidade.

Lembro que, ao longo do percorrido que realicei no coche dende Arteixo ata Sueiro, fun pensando todo o camiño que a elexida había der ser a primeira cadela que me amosara un pouco de cariño. 

Ao entrar nas instalacións daba a impresión que as ducias de cans que había ladraban “escólleme a min, escólleme a min”… pobres… mais só podía levar a un deles! E alí estaba ela, nun dos múltiples apartados da protectora. Ao verme púxose toda contenta e movía o rabo como se me coñecera de toda a vida. En Apadan chamábanlle Juli, nome que pouco me gustaba. Era un cruce de pastor belga e alemán e non debía chegar ao ano de idade. Eu acariñeina, ela lambeume e tres días despois, logo de arranxar os trámites da adopción, fun a buscala no meu vello Seat Ibiza.

-Vaste chamar Hilda, díxenlle!

Hilda
O seu nome viñera dado porque uns días antes da adopción na casa víramos “Gilda”, a longametraxe norteamerica que dirixira en 1946 Charles Vidor que contara con Rita Hayworth e Glenn Ford como actores principais. E así, con ese nome cinematográfico, Hilda entrou a formar parte das nosas vidas e dos nosos corazóns nun día da primavera do 2004, que foi cando pisou por primeira vez o seu novo domicilio.

O seu carácter bo e dócil facía dela a compañeira ideal. Era todo atencións cara os seus seres queridos e, por riba, atendía e xogaba con Cosme, un can ao que lle cambiaría a vida de xeito radical grazas aos cuidados da súa nova compañeira, unha compañeira que facía de guía ao invidente.

As habilidades de Hilda coa pelota eran extraordinarias, un don especial que nos fixo pensar moitas veces que se cadra polas súas veas corría sangue circense. Non o sei, mais o caso é que, cando xogaba con ela no campo, era todo un espectáculo vela. Regateala era misión imposible e, parando balóns coa boca, facía mellores actuacións que algúns porteiros dos equipos de fútbol da bisbarra.

No 2005, cando Hilda xa levaba un ano con nós, nacía David, o noso fillo maior. Ver como a cadela se desvivía polo cativo era algo incrible, tan fabuloso coma cando naceu en 2007 Brais, o pequeno da casa. Para ela os dous nenos eran os cachorriños que nunca tivo. Mimábaos, lambíaos, protexíaos ata de un insignificante insecto, xogaba con eles e con Cosme… mais un momentiño, sempre coa ollada posta na protección e seguridade da casa.
Os anos foron pasando. Os nenos medraban e Hilda e Cosme, lei de vida, irían entrando en idades nas que as enerxías xa non eran as mesmas que cando entraran a formar parte das nosas vidas. Hai quen afirma que cada ano dun can equivale a sete dunha persoa (15x7 son 105). Descoñezo a certeza de tal afirmación, mais o certo é que nos últimos tempos a luz de Hilda foise apagando pouco a pouco… primeiro quedou xorda e, últimamente, xa case non levantaba as patas traseiras, luz que se apagou definitivamente hai unhas horas. Atrás quedaban catorce anos de alegrías, de risas, de xogos, de paseos... e só un día de tristura: o de onte, día no que nos deixou a nosa querida cadela. Ata sempre, compañeira! Ata sempre, Hilda! 


 
O CUARTEL VELLO DA GARDA CIVIL

Cando era un cativo de 6 ou 7 anos, ao carón do Balneario de Arteixo había un vello edificio que me causaba verdadeiro pánico. Supoño que ese medo atroz viña dado polas historias que de cando en vez contaban na casa meus avós, contos de lareira nos que lembraban a crueldade da represión fascista e as malleiras que alí levaron, durante os primeiros anos da ditadura de Franco, ducias de persoas que deixaran, coa súa sangue, tinguido de vermello os pisos de madeira do vetusto edificio.

Imaxe dos anos 50 do vello cuartel
Se nacestes no municipio arteixán antes da década dos oitenta do século pasado, sabedes perfectamente que me refiro ao vello cuartel da Garda Civil, un cuartel ao que, cousas do destino, aquel cativo acabaría indo cada día do curso escolar 1976-77. Si, si. Ledes ben!

Non lembro o seu nome nin podo facervos unha descrición física mais, no primeiro andar da casa cuartel da Garda Civil, que imaxino que estaría destinado a vivenda do oficial ao mando do posto, unha moza daba pasantía á rapazada arteixá despois das cinco da tarde, hora na que saíamos do Colexio Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos. A miña memoria é a que é. Sinto moito non poder dar máis detalles. Só lembro que eu estaba en 1º de EXB e que ía ata alí acompañado de Manel, o irmán maior que nunca tiven, para facer unha hora de “actividades” mentres miña nai traballaba na conserveira do Rañal.

O meu prezado amigo Manel, que me leva sete anos e que naquela altura cursaba 8º de EXB, era quen cuidaba de min entre aquela manda de rapaces que, coma nós, ían a pasantía daquela muller que probablemente fora a filla do sarxento. Se alguén ten máis información desta persoa, por favor, que se manifeste e que nolo comunique.

Imaxe dos anos 50 na que vemos o cuartel da Garda Civil á esquerda e, á dereita, o Balneario

Do cuarto onde se facía a pasantía só teño dous recordos: unha mesa enorme e os buratos que había en algunhas táboas do piso de madeira polos cales se podáin ver os gardas civís que estaban debaixo de nós. Aquelas táboas, comidas polo caruncho e cheas de buratos, eran, seguramente, as mesmas das que falaban os avós e outros veciños da aldea, as táboas que moitos anos antes estiveran tinguidas de vermello e que xa levaban alí dende 1919, ano no que se creara o posto en Arteixo da “Benemérita”.

As primeiras informacións que temos do cuartel da Garda Civil de Arteixo datan do de 10 de xuño de 1890, día no que aparece publicada a seguinte carta:

Sr. Director de La Voz de Galicia.
Mi apreciable amigo: En varios números de su distinguido periódico, he visto que se ocupa de la imprescindible necesidad de aumentar en Galicia la fuerza del benemérito Cuerpo de la Guardia civil, que si se quiere, en cada parroquia de aldea debiera haber una pareja, con lo que se evitaría el cúmulo de daños y delitos, tan frecuentes y comunes, que apenas las autoridades necesitan otra ocupación sinó la de formar causas a reos de delitos de todas clases.
Dicho queda que en obsequio a la tranquilidad de los honrados habitantes, sería conveniente una pareja en cada parroquia, en aldeas tan diseminadas; pero siquiera un cuartel de cuatro o cinco individuos del Cuerpo en cada capital de distrito, y no puestos que distan de seis a diez leguas de circunferencia, como el que existe en la villa de Carballo, que con las órdenes del Ayuntamiento y del Juzgado del partido, que tienen que cumplir, mientras esto hacen, en que ocupan lo más del tiempo, los distritos del partido, como Coristanco, Puenteceso, Cabana, villa de Lage y villa de Malpica, están en sus extensas parroquias sin resguardo alguno; sólo en el distrito de Laracha hay otro puesto, que de paso quizá viene por aquí cuando conduce presos, que no es contínuo, y mientras este distrito de Arteijo se halla sin un puesto, motivo por el cual y por puro miedo, están más de treinta y tantas casas en el balneario de este pueblo inhabitadas durante nueve meses del año, que solo se abren cuando el concurso de bañistas, por dos o tres meses de verano, quedando cerradas por los nueve meses de invierno restantes, temiéndose a los rateros y aun a los criminales, en perjuicio de los propietarios que pagan la contribución al Estado, sin percibir como debieran los alquileres.
La necesidad de un cuartel y puesto de Guardia civil en este pueblo de Arteijo es absoluta, y también lo es un puesto en cada capital de distrito para resguardo de las mismas cosechas de los pobres labradores, que al fin si esto sigue en abandono tan completo, con robos y crímenes tan graves, sin algún auxilio de las autoridades, llegará tiempo que no han de poder pagar contribuciones e impuestos estos labradores ni haya quien viva en este país para la familia ni para el trabajo.
Dígnese disponer la inserción de estas breves líneas y le quedará agradecido su seguro servidor
EL CORRESPONSAL

Ata aquel entón, na xeografía galega só había, segundo as crónicas da época, cinco gardas civís de posto por cada partido xudicial de 40.000 habitantes, 500 parroquias e 1.000 aldeas, que eran practicamente as mesmas cifras que había medio século antes cando, a iniciativa e baixo control do ministro da Guerra, Manuel de Mazarredo, se constituíra o corpo da Garda Civil mediante Real Decreto de 28 de marzo de 1844.

Pouco tempo despois de que o corresponsal de La Voz de Galicia publicara aquela denuncia no xornal no que colaboraba queixándose da falla de seguridade en Arteixo, as cousas empezarían a mudar algo na capital do municipio arteixán, aínda que, iso si, non o suficiente como así o facía saber nas súas páxinas La Correspondencia Gallega, xornal que na súa edición do 17 de xullo de 1897 publicaba o seguinte:

El primer teniente de la Guardia civil D. Luís Gómez Fernández estuvo en Arteijo con objeto de reconocer las dos casas ofrecidas para cuartel de la benemérita de aquel puesto. Una de ellas no reune condiciones. La otra es buena, pero solo tiene capacidad para cuatro hombres. Actualmente están allí de servicio tres guardias y un cabo, pero es menester añadir un guardia más, completando la fuerza que debe tener el puesto.”
Aínda terían que pasar vintedous anos para que a Garda Civil instalara na vila do Bolaños a casa cuartel que tanto medo me causaba de cativo, un edifico que sería inaugurado en 1919 durante o segundo mandato (11 de xaneiro de 1916 a 7 de maio de 1920) do leonés Toribio Salvadores Puente, alcalde que pertencía ao Partido Liberal e que xa fora o máximo mandatario do noso municipio anteriormente, dende o 1 de maio de 1911 ata o 4 de xaneiro de 1914. 
Moza de Arteixo nos anos 60 co cuartel da Garda Civil ao fondo


Salvadores, que hoxe ten rúa adicada na Baiuca, ao carón da Casa do Concello tamén conseguiría naquel segundo mandato seu que se instalara unha estación telefónica municipal na que se empregaran 239 pinos para os respectivos postes da liña Arteixo-A Coruña, unha estación pola que loitara denodadamente durante moito tempo “O Maragato”, alcume polo que era coñecido en toda a bisbarra o alcalde.


Verde que te quiero verde. Verde viento. Verdes ramas”. Así principiaba o Romance Sonámbulo de Federico García Lorca o 2 de agosto de 1924. Uns meses despois, no ano 1925, casualidades da vida, a Gardia Civil cambia un uniforme vistoso e incómodo por un novo e máis funcional. Tamén cambia a súa cor. ¿Adiviñades cal? Non podía ser outro que o mítico verde oliva que chegou ata os nosos días, un verde oliva que nos tempos da posguerra convertiríase para moita xente en sinónimo de pánico! No municipio arteixán, algúns familiares dos afectados pola represión fascista, aínda se lembran da maldade e das tundas e torturas do garda civil Cadenas, moitas delas levadas a cabo cunha crueldade extrema na casa cuartel da Garda Civil de Arteixo durante os anos corenta do pasado século XX.



A vida en branco e negro iría dando paso, pouco a pouco, á vida en cor. O Arteixo que xiraba en torno ao Balneario, daría paso ao Arteixo que empezaría a xirar en torno ás industrias que se empezaron a asentar no Polígono de Sabón a finais dos sesenta e principios dos setenta, unha época na que, curiosamente, o subteniente da Garda Civil Víctor García Villaronga sería nomeado alcalde do municipio polo Ministro da Gobernación, cargo que ocuparía entre o 3 de marzo de 1971 e o 28 de xuño de 1974.

Lugar no que estaba o cuartel
¡Ai!, aqueles anos setenta... Curro Jimenez, Félix Rodríguez de la Fuente, Jaques Custeau, 1...2...3, o 127 de miña nai, o cheiro da fábrica de conservas do Rañal, o Urquiola, o colexio Ca derrero Blanco, a pasantía no cuartel da Garda Civil… un cuartel que sería testemuña do crecemento Arteixo estando en pé ata os noventa, anos no que sería devorado pola xungla do asfalto e polo boom inmobiliario.

Posteriormente a Garda Civil estaría certo tempo nun edificio que estaba situado ao inicio da Travesía de Arteixo, lugar no que permanecerían ata o 26 de maio de 1999, día no que o Delegado do Goberno, Juan Miguel Diz Guedes, inauguraba o novo cuartel da Garda Civil de Arteixo, edificio situado no Polígono de Sabón, entre O Seixedo e A Groufa, e que correspondía ás antigas instalacións da fábrica de Monkrel.

FONTES:

-BLANCO REY, MANUEL. Alcaldes de Arteixo (1836-1998). Concello de Arteixo, 1998.



ATA SEMPRE, COSME!


Un día, haberá dezaoito ou dezanove anos, coñecín a súa nai Lola, un dos cans que naquela hora tiña a miña familia de Oseiro na súa casa. Lola era un golden retriever especial. Era, como a inmensa maioría dos golden, un cacho de pan de temperamento admirable e de conduta inmellorable. Non me digades o porqué, mais o caso é que aquela cadela fixo, dende o primeiro momento, moi boas migas comigo e souben que algún día tería un dos seus cachorros na miña casa.

E así foi. Andando no tempo, Lola sería nai dunha camada prexudicada polo líquido amniótico dun canciño que tiña morto no seu ventre, canciño que obstaculizaba a saída do resto da camada. Tras aquel parto complicado, os cachorros sairían adiante con certas dificultades.

Non lembro se eran cinco ou seis, mais un daqueles canciños era para min.

-Escolle o que máis che guste, dixérame miña curmá Manela. E eu escollín a un dos machos.

Durante as semanas posteriores, fun testemuña da boa vida que levaba en Oseiro a miña futura mascota e, tamén, dos seus xogos co resto da camada. Era un pracer vivir o día a día da adopción! 


Pasados tres meses, o 26 de setembro do 2004, decidimos que era o momento axeitado de traelo ao seu novo domicilio do Rañal. Aquel día era San Cosme e, con ese nome, a miña parella e eu decidimos bautizar o noso canciño. As primeiras horas, os primeiros días de Cosme con nós foron inesquecibles. Foron de verdadeiro sufrimento. Algo non ía ben! O canciño estaba moi triste, algo ata certo punto normal porque viña de separarse de súa nai e de seus irmáns. Tampouco xogaba e, por riba, batía con todo o que tiña por diante!


Non tardamos en ir a unha das clínicas veterinarias que había en Arteixo, onde nos dixeron que era moi probable que Cosme era un can cego. Ante aquela rotunda afirmación, que a dicir verdade xa sospeitábamos, dedidimos que era necesario ter unha segunda opinión e visitamos a Luís González, o veterinario da Clínica Xarope da Laracha.

-Machiño, creo que tes un can cego!

Cosme
Tras aquel par de consultas veterinarias que confirmaron que Cosme era un can invidente, estaba moi, moi claro que había que facer todo o posible para mellorar a vida do novo membro da familia e na casa pensamos que unha boa solución sería traerlle unha compañeira. Optamos pola adopción e, aos poucos días despraceime ata as instalacións que a protectora de animais Apadan ten en Sueiro (Culleredo), non moi lonxe da N-550 ao seu paso por Altamira (Carral) para adoptar unha cadela para que lle fixera compaña a Cosme.

Lembro que, ao longo do percorrido que realicei no coche dende Arteixo ata Sueiro, fun pensando todo o camiño que a elexida había der ser a primeira cadela que me amosara un pouco de cariño.

Ao entrar nas instalacións daba a impresión que as ducias de cans que había ladraban “escólleme a min, escólleme a min”… pobres… mais só podía levar a un deles! E alí estaba ela, nun dos múltiples apartados da protectora. Ao verme púxose toda contenta e movía o rabo como se me coñecera de toda a vida. Creo que o noso foi amor a primeira vista! En Apadan chamábanlle Juli, nome que pouco nos gustaba. Era un cruce de pastor belga e alemán e non debía chegar ao ano de idade. Eu acariñeina, ela lambeume e tres días despois, logo de arranxar os trámites da adopción, fun a buscala no meu vello Seat Ibiza.

-Vaste chamar Hilda, díxenlle!

O seu nome viñera dado porque uns días antes da adopción na casa víramos “Gilda”, a longametraxe norteamerica que dirixira en 1946 Charles Vidor que contara con Rita Hayworth e Glenn Ford como actores principais. E así, con ese nome cinematográfico, Hilda entrou a formar parte das nosas vidas e dos nosos corazóns nun día do verán do 2004, que foi cando pisou por primeira vez o seu novo domicilio.

O seu carácter bo e dócil facía dela a compañeira ideal. Era todo atencións cara os seus seres queridos e, por riba, atendía e xogaba con Cosme, un can ao que lle cambiaría a vida de xeito radical grazas aos cuidados da súa nova compañeira, unha compañeira que facía de guía ao invidente.

As habilidades de Hilda coa pelota eran extraordinarias, un don especial que nos fixo pensar moitas veces que se cadra polas súas veas corría sangue circense. Non o sei, mais o caso é que, cando xogaba con ela no campo, era todo un espectáculo vela. Regateala era misión imposible e, parando balóns coa boca, facía mellores actuacións que algúns porteiros dos equipos de fútbol da bisbarra. Cosme, mentres que Hilda e eu xogabamos coa pelota, arrolábase feliz na herba e ladraba dun xeito co que parecía animar á súa compañeira!

Hilda
No 2005, cando Cosme e Hilda xa levaban un ano na casa, nacía David, o noso fillo maior. Ver como a cadela se desvivía polo cativo era algo incrible, tan fabuloso coma cando naceu en 2007 Brais, o pequeno da casa. Para ela os dous nenos eran os cachorriños que nunca tivo. Mimábaos, lambíaos, protexíaos ata de un insignificante insecto, xogaba con eles e con Cosme… mais un momentiño, sempre coa ollada posta na protección e seguridade da casa.

Os anos foron pasando. Os nenos medraban e Hilda e Cosme, lei de vida, irían entrando en idades nas que as enerxías xa non eran as mesmas que cando entraran a formar parte das nosas vidas. Hai quen afirma que cada ano dun can equivale a sete dunha persoa (15x7 son 105). Descoñezo a certeza de tal afirmación, mais o certo é que nos últimos tempos a luz de Hilda e de Cosme iríanse apagando pouco a pouco… Hilda primeiro quedou xorda e, nos últimos días da súa vida, xa case non levantaba as patas traseiras. A súa luz, como xa vos contara por aqueles días, apagaríase definitivamente en outubro do 2018, quedando atrás catorce anos de alegrías, de risas, de xogos, de paseos...

Onte, seis meses despois da perda de Hilda, tamén nos deixou o noso querido canciño. Ata sempre, compañeiro! Ata sempre, Cosme!



HISTORIA DE TRES BOTELLAS DE PLÁSTICO

    Recoñezo que sempre gustei de andar ás crebas e descubrir os achados que as correntes e a marea deixan nos areais. Xa o facía de cativo con meu avó Milio, Milio do Touciñeiro, que faleceu cando eu aínda era unha minchiña de tan só 11 anos. Encantábame percorrer a praia de Alba con él e atopar tesouriños xuntos. Mentres que o avó andaba a procura de madeira para quentar a casa no inverno, quen vos escribe ollaba pola area a ver se o mar me agasallaba con algún indio, vaqueiro, soldado ou outros xoguetes de plástico que sabe Deus o tempo que levaban dando voltas e reviravoltas no medio do océano, e a saber tamén o seu lugar de procedencia!

Imaxe das tres botellas de "Lejía Mar"
    Esos xoguetes crebeiros continúan aparecendo nos areais na contorna na que resido. Algúns son modelos dos anos 60 e dos 70 e, a decir verdade, non sei se os gardo por nostalxia ou porque me fan reflexionar sobre a gran problemática medioambiental que temos co plástico.

   O caso é que teño ducias desos pequenos xoguetes que atopei ao longo das últimas décadas nas praias de Arteixo. Mais, a parte dos indios e vaqueiros, no faiado da miña casa tamén conservo algunhas bolsas e botellas de plástico fabricadas en tempos nos que aínda non nacera (en maio cumpro medio século), plásticos que tamén atopei no noso litoral e que nalgúns casos deixan ao descuberto as vergoñas da especie humana.

Algúns dos xoguetes crebeiros que atopei no litoral de Arteixo
     Mirade, a loita global contra os plásticos polos seus duradeiros efectos contaminantes, especialmente no medio mariño, está encontrando un filón de probas nas praias da contorna tralo paso das borrascas dos últimos tempos. Logo de darlle un bo mordisco á nosa costa, de xeito moi especial ás dunas do areal de Barrañán, unha vez superado o temporal as ondas están escupindo o lixo que permanecía nas profundidades do mar ou na area agachadas durante décadas.

   Como exemplos concretos do que atopei recentemente nos areais de Arteixo, son unhas bolsas de “Leche Leyma”, a tapa dun iugur “Larsa” e unha botella da “Central Lechera Asturiana” dos anos 70 que o mar destapou no areal do Reiro, a poucos metros dun coñecido local hostaleiro que xa leva pechado varios anos.

Botella e bolsa de leite no areal do Reiro

    Mais, chegados a este punto, quérovos contar a historia de tres botellas de lixivia, que é unha boa escusa para reflexionar sobre o impacto ambiental dos plásticos grandes e pequenos. A nosa historia empezou hai certo tempo en Vigo e rematou recentemente en Arteixo, concretamente nos areais de Barrañán e de Alba, lugares onde atopei as tristes protagonistas das Crónicas de Arteixo de hoxe: tres botellas pequenas de cor azul e co seu contido gravado no propio plástico: “Lejía Mar”, da lendaria fábrica Pedramol de Vigo. As dúas que atopei en Alba estaban en perfecto estado. A de Barrañán non se conservaba tan ben. O aspecto vintage das tres botellas de lixivia chamáronme a atención e, picados pola curiosidade, buscamos documentación ao respecto. E encontrámola grazas a Antón Lois, membro da Asociación Amigas e Amigos da Terra de Vigo, concretamente no BOE que nola describía así:

Esta dirección general, en virtud de la autorización concedida en dicha orden ministerial, ha resuelto: Primero. Autorizar a la Empresa Pedramol S.A, de Vigo, para utilizar en el envasado de la lejía Mar, fabricada por la misma, envases según el prototipo descrito en la documentación presentada ante este centro directivo, y que reúne las siguientes características: Envase en polietileno, no recuperable, baja densidad, color azul, forma botellín de 280 centímetros cúbicos de capacidad, 54 milímetros de diámetro por 152 milímetros de altura total y espesor mínimo de 0,5 milímetros de pared y fondos. Su cierre consiste en tapón roscado y anillo interior de estanqueidad. Los rótulos comerciales y reglamentarios, así como el dibujo comercial aprobado están impresos. Este envase se destinará a contener lejías en extracto de 145 gramos de cloro activo por litro”.

    A descrición encaixaba perfectamente con dúas das botellas que localizamos en Alba e en Barrañán e tamén, aquí chega o detalle relevante, coa data: 1 de agosto de 1968 e 15 de marzo de 1968 (na terceira botella non aparece ningunha data), polo que as nosas tristes protagonistas teñen apenas 52 anos. Parecería unha idade respetable mais, segundo os apuntamentos de Antón Lois, ás tres botellas aínda lles faltan uns 350 anos antes de converterse formalmente en microplástico a base da acción combinada da salinidade, raios ultravioleta e a erosión que as irán fragmentando pouco a pouco en anacos cada vez máis pequenos ata que deixarán de verse a simple vista, mas seguirán aí.

Imaxe de unha das botellas de "Lejia Mar" na que se ve a data de fabricación
   Iso en teoría, porque na práctica, no caso destas botellas concretas, xa foron retiradas da circulación vía faiado dun servidor. Gárdoas porque agora dispo de probas físicas que teñen un enorme valor e que poderei usar para denunciar o problema medioambiental que representa a contaminación nos mares, en concreto dos plásticos.

   As tres botellas son apenas unha mínima mostra dos 200 quilos de plásticos que se verten ao mar cada segundo. Unha pequena parte do contido total de plásticos nos océanos que, segundo as informacións de Antón Lois, no ano 2050 superará en peso á totalidade da biomasa mariña, ou o que é o mesmo, que no mar teremos máis plástico que peixes. Uns grandes fragmentos que se van facendo máis pequeniños ata converterse en microscópicos e cubrirán a columna de auga e o fondo, no que por cada quilómetro cadrado de sedimentos xa podemos encontrar, anaquiño arriba anaquiño abaixo, uns 4.000 millóns de restos microscópicos.

    Cada vez que nos cepillemos os dentes ou poñamos a lavar unha prenda sintética, unhas 70.000 microesferas e microfibras de plásticos sairán ao mar. Neste momento soamente non encontramos microplásticos donde non os buscamos; donde os buscamos apareceron. Na columna de auga e sedimentos de todos os mares, en terra, no aire, nos estómagos dos peixes, dos mamíferos e, lémbrovos un pequeno detalle: somos mamíferos! Tamén xa os encontramos nos nosos corpos. Non existe neste momento, nin se espera que exista, ningunha tecnoloxía que nos permita sacar do noso planeta os microplásticos, aos que a comunidade científica se refire como a ameaza invisible. Só podemos intentar evitar que continúen aumentando.

   As tres botellas de lexivia son só unha parte deste inmenso problema. Como anécdota, comentarvos que os envases teñen un certo valor no mercado de coleccionismo donde se cotiza a bo prezo.


FONTES:

LOIS, ANTÓN. Una botella de plástico de 52 años en estado impecable. La Voz de Galicia, 28 de xaneiro de 2019.


PASTORIZA NA LEMBRANZA


Como diría un bo amigo meu… e de remate, que a festa continúe!

O acontecido onte en Pastoriza, coa presentación do documental “Pastoriza na lembranza”, foi algo inesquecible, abofé. Aínda nos arde o peito de tanta emoción! Fran Naveira e un servidor estaremos eternamente agradecidos á Asociación O Grilo e a todas as persoas que, dun xeito ou doutro, fixestes posible este soño, o soño de manter viva a memoria dun pobo!

Presentación do documental 'Pastoriza na lembranza'

O proxecto nacía a mediados de 2020, cando o realizador arteixán Fran Naveira e quen escribe xa levabamos certo tempo gravando aos protagonistas de “Campanal de Loureda. Paixón por un sentimento”, proxecto irmán que estreamos no lugar da Queira (no campo do Cubano) en xuño deste 2022.

Mundi Neira, presidente da Asociación O Grilo, propúxonos a realización do documental, coa idea inicial de tratar tres ou catro temas (patrimonio, educación, deportes, festas…) e de recompilar unha serie de fotografías antigas e de cintas en VHS e Super 8 que algúns veciños lle cederan á asociación. Sempre coa idea na mente de aportar o noso gran de area na recuperación da memoria, naquela primeira xuntanza démoslle luz verde a Mundi e ao Grilo e, ao pouco, tamén se sumou ao equipo de traballo César Díaz.

Tras barallar varios títulos para o proxecto, as gravacións de "Pastoriza na lembranza" comezaban o 2 de outubro de 2020, día no que entrevistamos a Ramón Carro e a Aurelio Corral. Despois, ao longo dos meses seguintes, faríamos o propio con Franki Lafuente, Carmen Vázquez, Maruja Aldao, Ana Mosquera, Geluca Naya, Eulogio Gestal, José Luís Sande 'Patolo' e Maruja Zas… dez persoas que nos atenderon coa maior das amabilidades e que nos permitiron pasear pola súa memoria e polos seus recordos de Pastoriza.

Rematadas as entrevistas, había que construir un guión para tratar de dárlle xeito ás informacións e anécdotas contadas polas persoas entrevistadas. Unha tarefa ardua e nada sinxela, polas diferentes temáticas e épocas nas que os protagonistas do documental pasaron a súa infancia e xuventude. Apuntamos que a maior destas dez persoas, Maruja Aldao, naceu en 1930 e a máis nova, Franki Lafuente, en 1961.

A medida que Fran Naveira e un servidor construiamos o guión e empezabamos a editar, en Pastoriza xurdía a idea de que o proxecto tiña que ter o seu propio tema musical. Foi aí cando apareceu en acción a mente privelexiada do poeta Pablo Mariño, quen, co seu enorme talento, compuxo “Isto é Pastoriza”:

 

Abrín os meus ollos, no Moucho á alborada,

a Vieira á Maceira, cos raios do sol retaba.

Subín a Avenida, Rexidoiro, Pedra Grande,

no Barrionovo un Lagarto, tal Canteira de grande!

 
 

Albisquei a Campanilla, camiño do Forno,

Cheguei ó Igrexario, na Fonte, un bo grolo!

Escaleiras arriba. A Pedra dos Cadrís,

a Moura tumbada, o Berce que sorrí.


Que veñan xentiñas, da cidade e das aldeas,

que veñan a Pastoriza, hai cariño a moreas!

Señoras e señores, mozos e mociñas,

cativas e cativos, isto é Pastoriza.


Ben alto, no outeiro, O castro impoñente,

Reckiario na cadeira, cuida da súa xente.

A Batería de Monticaño, a Antena e os Piñeiros,

saúdan a Candás, verxel dos labregos.

No Quinto Pino os de Mesoiro, polo Coto as da Coruña,

pola Regha as de Rañobre, e os de Suevos que rabuñan.

De Oseiro e de Arteixo entran pola Choupana,

pola Furoca os de Elviña, a Pastoriza con ganas!


Que veñan xentiñas, da cidade e das aldeas,

que veñan a Pastoriza, hai cariño a moreas!

Señoras e señores, mozos e mociñas,

cativas e cativos, isto é Pastoriza.


Vide por unha variña, vide polas castañas,

á Feira da Madeira a mercar unha gadaña.

San Migueliño querido, Porlier está contento.

En Vilariza outra vez volve haber Levantamento!


Que veñan xentiñas, da cidade e das aldeas,

que veñan a Pastoriza, hai cariño a moreas!

Señoras e señores, mozos e mociñas,

cativas e cativos, isto é Pastoriza.


Que veñan xentiñas, da cidade e das aldeas,

que veñan a Pastoriza, hai cariño a moreas!

Señoras e señores, mozos e mociñas,

cativas e cativos, isto é Pastoriza.

 

O tema composto por Pablo Mariño non tardou en gravarse nos Estudios Visue de Suevos con Nacho Varela aos mandos, primeiramente cunha versión tradicional da man de Ana Edreira (voz e pandeireta) e de Víctor Iglesias (acordeón), unha versión que podedes ver aquí:

 

Semanas máis tarde íase gravar outra versión máis rockeira a cargo de Franki Lafuente, Iván Pardo, Guillermo Pardo, Manuel Martínez e Adrián Pereiro, todos veciños de Pastoriza. Non nos esquecemos do coro formado por máis dunha vintena de persoas que, dirixidos por Víctor Iglesias, cantaron no adro do santuario o retrouso de “Isto é Pastoriza” que acompaña a versión tradicional.

Mentres tanto, Fran i eu seguiamos co audiovisual, que finalmente, despois de moitas moitas horas de traballo, decidimos estructurar non nas tres ou catro temáticas programadas inicialmente, senón nun total de once, que aparecen no documental por este orde:

-A xanela do noso faiado.

-Escolas de vida: a herdanza de dona Josefina.

-O tempo de lecer.

-Contos da emigración

-A Casa Lola e o Mesón de Pastoriza.

-A Batería de Monticaño.

-Historias do noso patrimonio.

-Os equipos de fútbol.

-A Feira da Madeira.

-O Salón da Roxa.

-As Festas do San Miguel.

Unha vez rematado o traballo só quedaba presentalo. E así foi como chegamos ao día de onte, sábado 26 de novembro de 2022, o día da estrea de “Pastoriza na lembranza”, día inesquecible, abofé!

Grazas por todo Pastoriza!


O MONUMENTO AO VOYEUR DO RAÑAL

   Un dos grandes reclamos turísticos do Arteixo actual, sobre todo para os imstagramers, é o Monumento ao Voyeur, tamén coñecido coloquialmente como 'Mirón' ou 'Vixiador.'

(Foto de Xabier Maceiras)

   Situado enriba do chamado Pichón da Bogueira, entre A Bogueira (zona de abundancia de bogas, un tipo de peixe) e o pequeno areal da Ermida, leva instalado nese lugar dende o ano 2006, dende que se construíu o Paseo Marítimo que une Sabón con Barrañán.

   É obra do escultor madrileño Enrique Saavedra Chicheri, artista con obra salpicada por todo o mundo (Los Ángeles, Nova York, Girona, Madrid…)

(Fotos de Xabier Maceiras)

   Cun peso de 3.500 quilos e unha lonxitude de 14,5 metros, trátase dunha escultura dun enorme anteollo elaborada en aceiro tipo corten, que ten unha lixeira mestura de cobre para proporcionarlle un efecto de óxido que impide que sufra as agresións do medio ambiente.

(Foto de Xabier Maceiras)

   Enrique Saavedra confesou no seu momento que, con esta obra, quixo rirse de algo que está mal visto como o de ser un mirón. A verdade é que todos e todas o somos en menor ou maior grado, ¿non?

   Ademais, Saavedra quixo transmitirlle ao público que, podendo mirar todo o que temos arredor, en ocasións só nos fixamos nun puntiño, como o ollo do Monumento ao Voyeur, e perdemos de vista todo o resto.

(Foto de Xabier Maceiras)

   En definitiva, é un monumento ao mirón e un monumento para que o mirón probe da súa propia medicina: a persoa que suba á silla estará condenada a ser mirada pola xente que nese momento camiñe polo paseo.

(Foto de Xabier Maceiras)

   Na realidade, se vos fixades, o anteollo é unha especie de frecha enorme que sinala ao mirón. Mais o significado fundamental da obra é o que lle queira dar cada persoa que se deteña a contemplala. Xa contaredes!

   Ata a vindeira semana!


LAURA JUAN. 15.02.2008 Aunque sólo uno de cada 16 españoles vive en Galicia (el 6% de la población nacional), aquí se encuentra uno de cada diez centenarios de España. El secreto de la longevidad lo tienen los dos centenarios que ayer cumplieron años en Galicia: un buen vino y no renunciar a platos típicos como el cocido, algo no siempre recomendado por los médicos. Pero llegar a mayores es más fácil para ellas. De hecho, las gallegas centenarias son más del 60% del total de personas que superan los 100 años: aquí hay 388 mujeres, pore sólo 130 hombres que tienen una edad superior a los 100 años. Aunque ellas son mayoría, su esperanza de vida es sólo de tres años más. En Galicia, ésta se sitúa en los 80 años para las mujeres y en los 77 años para los hombres. Eso sí, las noticias son mejores para los niños nacidos en 2005, para los que se augura que vivirán una media de 100 años. Esta longevidad viene marcada en un 25% por la genética. Sin embargo, en Galicia no existe aún ningún estudio que determine por qué el porcentaje de centenarios es mayor aquí. Según un informe del IGE, el índice de envejecimiento gallego alcanza el 133,5, lo que supone que por cada 100 jóvenes menores de 20 años hay 133 personas que superan la edad de jubilación. Pero el envejecimiento de la población gallega parece tener el tiempo contado. El IGE apunta a que en los próximos años se mitigará el proceso por la ligera recuperación de la natalidad y el incremento de la población al aumentar el número de inmigrantes que llegan a Galicia. Según los últimos datos del INE, en Galicia hay 2.772.533 personas y casi 600.000 superan los 65 años. Con las nuevas tecnologías Según un estudio de la Obra Social Caja Madrid, el 14% de la población mayor de 65 años utiliza Internet como medio de integración social. Las nuevas tecnologías se usan, según este informe, «para permanecer activos socialmente, rompiendo con el aislamiento y la soledad no deseada, que afectan a gran parte de este colectivo». ¿Sabías que... ... España es, junto con Japón, el país con más personas centenarias? ... sólo uno de cada 80 gallegos tiene plaza en un geriátrico? ... la Xunta organiza bailes y viajes sólo para las personas mayores? Ayer soplaron las velas

Ver más en: http://www.20minutos.es/noticia/349232/0/cada/centenarios/galicia/#xtor=AD-15&xts=467263
Uno de cada 10 centenarios españoles vive en Galicia Uno de cada 10 centenarios españoles vive en Galicia Leonisa González 100 años. En la comunidad, más de 500 personas superan el siglo. La genética y tomar un vino o platos típicos como el cocido, entre los secretos de su longevidad. ECO ® Actividad social ¿Qué es esto? 0 0 LAURA JUAN. 15.02.2008 Aunque sólo uno de cada 16 españoles vive en Galicia (el 6% de la población nacional), aquí se encuentra uno de cada diez centenarios de España. El secreto de la longevidad lo tienen los dos centenarios que ayer cumplieron años en Galicia: un buen vino y no renunciar a platos típicos como el cocido, algo no siempre recomendado por los médicos. Pero llegar a mayores es más fácil para ellas. De hecho, las gallegas centenarias son más del 60% del total de personas que superan los 100 años: aquí hay 388 mujeres, pore sólo 130 hombres que tienen una edad superior a los 100 años. Aunque ellas son mayoría, su esperanza de vida es sólo de tres años más. En Galicia, ésta se sitúa en los 80 años para las mujeres y en los 77 años para los hombres. Eso sí, las noticias son mejores para los niños nacidos en 2005, para los que se augura que vivirán una media de 100 años. Esta longevidad viene marcada en un 25% por la genética. Sin embargo, en Galicia no existe aún ningún estudio que determine por qué el porcentaje de centenarios es mayor aquí. Según un informe del IGE, el índice de envejecimiento gallego alcanza el 133,5, lo que supone que por cada 100 jóvenes menores de 20 años hay 133 personas que superan la edad de jubilación. Pero el envejecimiento de la población gallega parece tener el tiempo contado. El IGE apunta a que en los próximos años se mitigará el proceso por la ligera recuperación de la natalidad y el incremento de la población al aumentar el número de inmigrantes que llegan a Galicia. Según los últimos datos del INE, en Galicia hay 2.772.533 personas y casi 600.000 superan los 65 años. Con las nuevas tecnologías Según un estudio de la Obra Social Caja Madrid, el 14% de la población mayor de 65 años utiliza Internet como medio de integración social. Las nuevas tecnologías se usan, según este informe, «para permanecer activos socialmente, rompiendo con el aislamiento y la soledad no deseada, que afectan a gran parte de este colectivo». ¿Sabías que... ... España es, junto con Japón, el país con más personas centenarias? ... sólo uno de cada 80 gallegos tiene plaza en un geriátrico? ... la Xunta organiza bailes y viajes sólo para las personas mayores? Ayer soplaron las velas

Ver más en: http://www.20minutos.es/noticia/349232/0/cada/centenarios/galicia/#xtor=AD-15&xts=467263
LAURA JUAN. 15.02.2008 Aunque sólo uno de cada 16 españoles vive en Galicia (el 6% de la población nacional), aquí se encuentra uno de cada diez centenarios de España. El secreto de la longevidad lo tienen los dos centenarios que ayer cumplieron años en Galicia: un buen vino y no renunciar a platos típicos como el cocido, algo no siempre recomendado por los médicos. Pero llegar a mayores es más fácil para ellas. De hecho, las gallegas centenarias son más del 60% del total de personas que superan los 100 años: aquí hay 388 mujeres, pore sólo 130 hombres que tienen una edad superior a los 100 años. Aunque ellas son mayoría, su esperanza de vida es sólo de tres años más. En Galicia, ésta se sitúa en los 80 años para las mujeres y en los 77 años para los hombres. Eso sí, las noticias son mejores para los niños nacidos en 2005, para los que se augura que vivirán una media de 100 años. Esta longevidad viene marcada en un 25% por la genética. Sin embargo, en Galicia no existe aún ningún estudio que determine por qué el porcentaje de centenarios es mayor aquí. Según un informe del IGE, el índice de envejecimiento gallego alcanza el 133,5, lo que supone que por cada 100 jóvenes menores de 20 años hay 133 personas que superan la edad de jubilación. Pero el envejecimiento de la población gallega parece tener el tiempo contado. El IGE apunta a que en los próximos años se mitigará el proceso por la ligera recuperación de la natalidad y el incremento de la población al aumentar el número de inmigrantes que llegan a Galicia. Según los últimos datos del INE, en Galicia hay 2.772.533 personas y casi 600.000 superan los 65 años. Con las nuevas tecnologías Según un estudio de la Obra Social Caja Madrid, el 14% de la población mayor de 65 años utiliza Internet como medio de integración social. Las nuevas tecnologías se usan, según este informe, «para permanecer activos socialmente, rompiendo con el aislamiento y la soledad no deseada, que afectan a gran parte de este colectivo». ¿Sabías que... ... España es, junto con Japón, el país con más personas centenarias? ... sólo uno de cada 80 gallegos tiene plaza en un geriátrico? ... la Xunta organiza bailes y viajes sólo para las personas mayores? Ayer soplaron las velas

Ver más en: http://www.20minutos.es/noticia/349232/0/cada/centenarios/galicia/#xtor=AD-15&xts=467263

Ningún comentario:

Publicar un comentario