martes, 2 de xullo de 2024

HISTORIA DO PEÑAROL DE LAÑAS (3ª parte)

  Finalizado o Torneo de Preparación, no verán do ano seguinte, en 1962, Atlético Arteixo, Campanal de Loureda, Paiosaco e Sporting Uxes disputan a primeira Liga federada da zona, campionato que gañarían os da Feira. No verán do 63 os mesmos catro equipos xogan a segunda edición da Liga de Arteixo, competición que volvería a gañar o Paiosaco. Un novo equipo, o Pastoriza, entraba a formar parte do torneo ligueiro do ano 1964, sendo precisamente os do Santuario os que levantarían o título de campión. 

  Estamos xa en 1965, o ano do debut no fútbol federado do Peñarol de Lañas, que nesta nova etapa ía xogar os seus partidos como local no campo de Sanín. O primeiro presidente como entidade federada foi Domingo López Sánchez (Domingo 'do Lagoeiro'), tamén coñecido por 'Mazotes').

     A parte dos cinco que xa viñan participando na competición, sete novos equipos incorporaríanse nese ano de 1965 á Liga de Arteixo: Larín, Oseiro, Penouqueira, que participara varios anos no campionato das Mariñas, Catuxa, Sporting Meicende, Suevos e o propio Peñarol, que vestía de branco, cunha franxa en diagonal na camiseta e contaba cunha plantilla integrada por boa parte dos mozos da aldea e reforzada con varios futbolistas da bisbarra.

 

Formación da época do Peñarol de Lañas. Arriba, de esquerda a dereita: Luís O Piñeiro -masaxista-, Dubra, Carballido, Alexandre, Paxín, Zapateiro, Groufo e Otero. Abaixo, na mesma orde: Gorecho, Moncho, Montesinos, Lecho e Arturo (Manolo Groufo)

     O Peñarol debutaba na competición ligueira perdendo 3-4 diante do Sporting Meicende. Deseguido compartimos a crónica daquel primeiro histórico partido como equipo federado do cadro de Lañas, publicada no semanario deportivo Riazor o 1 de febreiro de 1965:

PEÑAROL, 3
MEICENDE, 4
Buen partido el disputado por estos dos equipos, pues durante el encuentro las fuerzas estuvieron muy niveladas, aunque el Peñarol llegara a tener ventaja de dos goles a su favor; a partir de entonces, el Meicende empezó a mandar en el campo, fruto de lo cual fue un penalty contra el equipo local que fue fallado por el interior Vilas.
A los 25 minutos de la primera parte marcó para el Peñarol Zapateiro; diez minutos más tarde consigue el Peñarol otro gol por medio de Pedro. A los 40, el Meicende logra acortar distancias al marcar Quique. Con el resultado de 2-1 finalizaría la primera mitad.
A los 2 minutos de la segunda parte, Quique consigue nivelar el partido a dos goles. Ocho minutos más tarde, Lañas consigue el tercer gol para el Peñarol, pero a los 20, Quique consigue de nuevo el empate, y faltando 10 minutos para el final, Vilas consigue el que había de ser el gol de la victoria para el Meicende.
Destacaron por el Meicende, Calico, Paco y Quique, como goleador, y Borbolla.
Alineaciones:
PEÑAROL.- Tato; Quiño, Lisandre, Pepe; Zapateiro I, Groufo; Regueira, Ramón, Boedo, Varela y Zapateiro II.
MEICENDE.- Enrique; Fernando I, Quiño, Galico; Quique, Paco; Borbolla, Canario, Figueroa, Vilas y Pereiro.
Buen arbitraje del señor Mouzón1. 
Semanario Deportivo Riazor, 1 de febreiro de 1965

   O Peñarol finaliza o torneo ligueiro de 1965 na sexta posición da táboa clasificatoria, acadando resultados históricos  como a victoria por 2-4 na cuarta xornada no campo do Atlético Arteixo, ou a victoria en Paiosaco por 2-3 na xornada catorce.

 

Prolegómenos do partido da décimo sexta xornada da temporada 1964/65 entre o Suevos, á esquerda da imaxe, e o Peñarol de Lañas, no que oficiara de madriña Esther Suárez. O enfrontamento, disputado no Campo de Pedrameáns, terreos ocupados actualmente pola autovía de acceso ao Porto de Punta Langosteira, remataría con victoria do once local por 3-1 (María Suárez Calvelo)

    Rematada a competición ligueira e dada a gran cantidade de equipos que había na zona, a Federación Galega determinaría, por primeira e única vez na historia, a organización da Copa de Arteixo, torneo no que o Peñarol elimina na primeira rolda ao Sporting Meicende (2-2 e 1-4) e cae eliminado nos cuartos de final co Catuxa, o futuro campión do torneo, despois de xogarse un partido de desempate (2-1, 1-2 e 2-12)

     Tres novos equipos incorporábanse en 1966 ao Campionato de Liga “Zona de Arteixo”: o Atlético Vilarrodís, o Club do Mar de Caión e o Laracha. Coa inscripción do Vilarrodís, Arteixo convertíase nun dos municipios de España que máis equipos federados tiña naquel entón, sumando ata un total de doce. Coa suma dos tres do concello da Laracha a competición estaba configurada por un total de quince equipos.

    Aqueles eran días nos que o Peñarol incrementaría notablemente a súa masa social, feito que axudaba, coas cotas que pagaban mensual ou anualmente os seus socios e socias, a cubrir os gastos da entidade, que tamén se financiaba coas "recadacións" (en ocasións pasando a bandexa) que se facían nos partidos que o clube disputaba como local no Campo do Sanín, que ao principio ocupaba as leiras do Listero e a da Zapateira e posteriormente, a facer a casa o Listero, ocupou a leira do Tendeiro.

    Naqueles domingos de fútbol dos anos 60, cando o Peñarol xogaba coma visitante nos campos da bisbarra, campos pouco acondicionados naquela hora para a práctica do deporte, a afección tamén se desprazaba co equipo para animar aos seus futbolistas nuns partidos nos que, de cando en vez, saltaban chispas cos seareiros e xogadores do once rival.

    Aquela competición ligueira do ano 1966, que ía celebrar a súa última xornada na mesma fin de semana que a Inglaterra de Bobby Charlton gañaba o Mundial celebrado nas Illas Británicas, ía chegar ao seu fin co Peñarol de Lañas ocupando o duodécimo posto da táboa clasificatoria.

    Ao final do campionato a comisión organizadora da Liga de Arteixo consideraba que unha competición con quince equipos era demasiado longa e, por iso, dispuxo crear dúas categorías. Os oito primeiros clubs clasificados nesta temporada 1965/66 ían formar na seguinte campaña a Primeira División e os restantes a Segunda, categoría que integraría o Peñarol.

     Estamos xa na tempada 1966/67, época na que preside o equipo Luciano Naya Barreiro “Listero”. O cadro de Lañas acada o subcampionato da Segunda División quedando a un só punto do campión, o Oseiro. O segundo posto dálle dereito ao Peñarol a xogar unha promoción co Club do Mar de Caión, penúltimo clasificado na Primeira División. Despois dos empates (0-0 e 2-2) nos dous partidos, o once de Lañas ía gañar a promoción na quenda de penaltis do partido de desempate xogado en Sigrás o 21 de maio de 1967 (ao remate dos 90 minutos chegárase cun resultado de 1-1 no marcador).

 

Semanario Deportivo Riazor, 22 de maio de 1967

   O admirado escritor Antón Castro (Lañas, 1959) contounos algunha anécdota sobre Lañas e o equipo de fútbol da parroquia. “Lañas é o meu paraíso da infancia e lévoo dentro do corazón. No ano 1968 marchei a Arteixo, e acabei por facerme do Penouqueira, pero a primeira vez que vin fútbol foi en Lañas, desde a Azureira, naqueles partidos heroicos do Peñarol de Dubra, Gorecho, Groufo, Moncho de Pedro (naqueles tempos o noso Pelé), Paxín ou o grande Boedo, que era un xogador que moito me impresionaba polo seu trallazo. Intimamente sempre fun do Peñarol de Lañas”.

   As lembranzas do Peñarol tamén aparecen en numerosas ocasións na obra do afamado autor arteixán, Premio Estatal de Xornalismo Cultural en 2013. No capítulo “El campo de Azureiras” do libro El niño, el viento y el miedo Antón Castro escribe, con certa fabulación, o seguinte texto:

Nunca supe por qué se llamaba así. Era un lugar especial para mi y para toda nuestra familia: lo teníamos alquilado, tenía vistas sobre el valle y el campo de fútbol del Peñarol de Baladouro. Un equipo que se hizo famoso en la zona porque los jugadores se bañaban en el río al final del partido. Era un conjunto de gremios locales: el portero era el panadero; los defensas, carpinteros y ebanistas; los medios, los molineros y el carnicero; y entre los delanteros había canteros, pirotécnicos, el cura que tenía una motoreta de muelles y un campesino, Boedo, al que le llamaban “El bombardero patizambo”. La cosa no merece más explicaciones. Boedo golpeaba el balón con furia animal; sus faltas eran imparables ”3.

    Boedo, tamén ten protagonismo no capítulo “A Benito y Carmen. Más allá” do libro El cazador de ángeles, onde Antón Castro, recordando as cartas que seu pai Benito enviaba dende Suíza, conta:

(…) En mitad de la carta, preguntaba por nuestra finca de alquiler, Las Azureiras, donde teníamos maíz, judías, cebollas, y por la vaca, Marela, y si era verdad que por la noche los zorros rondaban los establos de la aldea. De golpe, creo recordar, también quería saber si íbamos los domingos a ver el fútbol del Peñarol, así se llamaba nuestro equipo, y si yo seguía asombrado por los tiros de Boedo, que era nuestro Puskas particular. Cuando todo iba mal, aparecía él: si Moncho de Leis corría como el viento con la camiseta por fuera, Boedo era el cañonero que nos alegraba el domingo con goles casi tanto como las películas de vaqueros en la televisión de Taberna Galán 4.

    O Peñarol xoga a tempada 1967/68 na Primeira División xunto ao Laracha, Oseiro, Penouqueira, Sporting Meicende, Paiosaco, Atlético Vilarrodís e Pastoriza. O cadro de Lañas acaba a competición no quinto lugar da táboa, a mellor clasificación na historia do club.

    Unha vez rematada a competición ligueira da tempada 1967/68, os dirixentes de todos os equipos da Liga “Zona de Arteixo” cambiarían de parecer en torno ao formato competitivo que integraban. Foi por iso polo que aqueles directivos solicitáronlle á Federación Galega a unificación da Primeira e da Segunda, petición que o ente federativo aprobaría dando paso á creación dunha Liga de quince equipos, que era a suma total dos clubes federados que naquela hora había en Arteixo e na Laracha.

(CONTINUARÁ…)

______________

1 Vid. Semanario Deportivo Riazor, 1 de febreiro de 1965, páx. 8.

2 O partido de desempate entre o Catuxa e o Peñarol de Lañas disputouse no Campo da Granxa da Coruña o martes 6 de xullo de 1965.

3 Vid. Antón Castro (2013): El niño, el viento y el miedo, Ediciones Nalvay, Huesca, páx. 49

4 Vid. Antón Castro (2021): El cazador de ángeles, Olifante, Ediciones de Poesía, Tarazona, Zaragoza, pp. 28 e 29

Ningún comentario:

Publicar un comentario