martes, 9 de xullo de 2024

HISTORIA DO PEÑAROL DE LAÑAS (4ª parte). O PARTIDO PEÑAROL DE LAÑAS-PEÑAROL DE MONTEVIDEO

  A tempada 1968/69, a da reunificación das dúas categorías, ía ser unha loita entre os tres equipos do Concello da Laracha por facerse co campionato, título que finalmente gaña o Paiosaco. O Peñarol queda situado no penúltimo posto da táboa con once puntos, só por diante do pechacancelas, o Atlético Arteixo, que fixera oito.

O Peñarol de Lañas nunha excursión a Lira, Corcubión e Fisterra
Formación da época do Peñarol de Lañas

  Na campaña seguinte o cadro de Lañas é duodécimo do campionato con quince puntos, quedando por diante do Suevos (13º), Atlético Arteixo (14º) e Larín (15º). Por mor das novas esixencias que a Federación Galega impuxo por aqueles días en todas as categorías do fútbol afeccionado, esta tempada 1969/70 sería, por non seren quen de poder afrontalas, a última campaña para varios equipos de Arteixo e da Laracha, xa que, a partir de agora, os clubs que quixesen participar nas competicións federadas estaban obrigados a ter vestiarios no propio terreo de xogo, con auga corrente para ducharse tanto xogadores coma árbitros, medidas mínimas de 90 metros de longo por 45 de ancho nos campos, valado arredor do perímetro de xogo… 

 

O Paiosaco e o Peñarol (abaixo) no Campo de Sanín

    Estas normas impostas pola Federación ían dar pé a que equipos como o Catuxa, o Atlético Vilarrodís ou o Bens deixasen de xogar para sempre como federados. Outros, casos do Club do Mar de Caión, Oseiro, Pastoriza, Suevos ou Larín, abandonaron varios anos as competicións e volverían a elas tras facerlles fronte ás devanditas peticións do ente federativo. No caso do Peñarol, parece ser que a boa amistade entre o seu presidente, Moncho de Pedro, e o presidente do Paiosaco, Luciano García Barros, naquel momento directivo da Federación Galega, axudou a que seguira sendo equipo federado malia a non cumprir algunhas das esixencias federativas.

    Logo das devanditas baixas, oito equipos conforman o campionato de Liga “Zona Arteixo” na tempada 1970/71, curso no que o Peñarol ocupa o penúltimo posto con oito puntos, só por diante do pechacancelas, o Atlético Arteixo, que conseguira catro.

    O once de Lañas volve a ser penúltimo na campaña 1971/72 nun campionato disputado por oito equipos. Ocupa a última posición na 1972/73 e tamén é o pechacancelas do campionato de 1973/74 (liga de dez equipos) e de 1974/75 (liga de nove equipos). 

 

Peñarol anos 60-70

Peñarol anos 60-70

   Estamos xa no verán de 1975, que foi cando o Peñarol de Lañas, daquela presidido por Gumersindo García Naya (o do Taller Groufa), xogou un partido amigable, nada máis e nada menos, contra a Peñarol de Montevideo!

 

WASHINGTON CATALDI 

E O PARTIDO ENTRE O PEÑAROL DE LAÑAS E O PEÑAROL DE MONTEVIDEO

     Como ben sabedes, o Nacional e o Peñarol son os dous equipos máis laureados do fútbol uruguaio. Son, por así dicilo, o Real Madrid e o F.C. Barcelona do balompé charrúa. Xa vos teño falado nalgunha ocasión de José Añón, un emigrante da Laracha que, no seu novo país de adopción, se había converter nun dos máis importantes empresarios de toda latinoamérica ao mesmo tempo que dirixía o club dos seus amores, o “todopoderoso” Nacional de Montevideo. Pois ben, as casualidades da vida tamén ían facer que un dos presidentes máis queridos e admirados do Peñarol, Washington Cataldi, tivese algún tipo de vencello coa nosa bisbarra, xa que polas veas da súa dona, Susana Bastida Martínez, corría sangue da parroquia arteixá de Morás. Quen nolo ía dicir? Cousa ben curiosa, abofé! O da Laracha presidente do Nacional e o casado en Arteixo presidente do Peñarol!

    Antes de converterse no máximo dirixente do Peñarol, entidade que presidiu en dúas etapas distintas (1973-1984 e 1990-1992), Washington Cataldi, nado en Montevideo o 1 de agosto de 1923, era xa un prestixioso empresario da rama da carpintería e, ademais, tamén asomara a cabeza no mundo da política. Militante de toda a vida no Partido Colorado, fora deputado electo en 1966 e Subsecretario de Industria durante o ministerio de Julio María Sanguinetti (1969-1971).

     Sería aí, nos primeiros anos setenta, cando Washington e a súa dona empezaron a vir con frecuencia polas vacacións do verán a Freán, o lugar no que nacera a nai de Susana, Pepa Martínez, que emigrara ao Uruguai sendo unha cativa de catorce anos. Esas frecuentes estadías en Arteixo ían dar pé a que Cataldi, que foi o grande ideólogo da creación da Copa Libertadores, fixese boa amizade con Antonio Álvarez e con Jesús Corzo, presidentes do R.C. Deportivo durante os anos 70 e 80, o que posibilitou a participación do Peñarol no Trofeo Teresa Herrera nas edicións de 1974, 1975, 1976 e 1983.

    Pois ben, no ano 1974, na primeira ocasión que o Peñarol veu á Coruña disputar o decano dos trofeos estivais, xorde a idea de organizar un partido amigable entre os homónimos de Montevideo e de Lañas. A iniciativa fora cousa de Rosendo Rumbo, sobriño político da sogra de Washington, e do panadeiro Chucho de Pedro, irmán de Moncho, que naquel momento era o ‘Pelé’ do equipo de Lañas. Ao repartir no Land Rover o pan por Freán, Chucho sabía da estadía do presidente do Peñarol de Montevideo na casa de Rumbo. Os dous, Rosendo e Chucho, pensaban que podía ser ben fermoso que se enfrontasen os dous "Peñaroles", idea que a Cataldi, sorprendido ao saber que había un Peñarol en Arteixo, tamén lle entusiasmara. O presidente da entidade charrúa ía aceptar que se disputase ese partido de confraternidade co modesto club arteixán unha vez que o seu equipo se proclamou campión do Teresa Herrera1, pois, naquela hora, o gañador do prestixioso trofeo estaba convidado á edición do ano seguinte.

 

Fotografía tomada en Freán nos anos 70. De esquerda a dereita: Rosendo Rumbo, Susana Bastida, José Martínez -irmán de Pepa-, Washington Cataldi, Consuelo Fuentes -muller de José-, e a nai de Washington (Cortesía de José Antonio Rumbo)

    E así chegamos a agosto de 1975. O avión do Peñarol aterra no aeroporto de Alvedro o día 5 para disputar, xunto ao Atlético de Madrid, Stoke City e Cruzeiro de Belo Horizonte, a trixésima edición do popular trofeo Teresa Herrera por segundo ano consecutivo. Mais, antes disto, había que cumprir as promesas. Había que xogar o partido que idearan un ano antes Cataldi, Rosendo Rumbo e Chucho, o panadeiro de Lañas, partido que se xoga no Campo de Elviña o día 6, e do que La Voz de Galicia facía, coa sinatura de Moskowich, a seguinte crónica:

"Ayer tarde, en el campo de Elviña, se celebró un encuentro amistoso entre el Peñarol de Montevideo y el Peñarol de Lañas (Arteijo). El gesto de los campeones uruguayos fue muy favorablemente comentado al haber accedido a enfrentarse a su homónimo de tan inferior catalogación balompédica. El recinto de juego de la Federación Gallega de Fútbol ofrecía un estupendo aspecto, con bastantes aficionados presenciando el partido. El terreno de juego estaba mejor que otras veces, ya que los directivos gallegos tuvieron la precaución de pasarle un pisón de 5.000 kilos y regarlo a continuación, con lo que se evitó el polvo. El Peñarol de Montevideo presentó su equipo de gala, y actuó en plan de entrenamiento y exhibición, pese a que por la mañana ya había realizado otro entrenamiento en el Estadio de Riazor. Sus jugadores y directivos actuaron con una delicadeza y atención totales, metiéndose a los aficionados prácticamente en el bolsillo. El resultado final fue de 8-1 a favor, como es natural, de los uruguayos.
PEÑAROL DE MONTEVIDEO: Walter Corbo; Perurena, Olivera, Mario González; Nelson Acosta, Pedro Custodio; Quevedo, Unanue, Morena, Silva y Pizzani. Para relevos contaron con Fosatti, Garisto, Walter García y Barbosa.
PEÑAROL DE LAÑAS: Vilas; Collazo, Sánchez, Caamaño; López, García; Moncho, Sande, Dopico, Hermida y J. Manuel García. Para cambios contaron con Paz, Sánchez, Ferro y Alvarez además del apuntado ya de Walter Corbo como portero en el segundo tiempo"2. 
Imaxe correspondente ao partido disputado no campo de Elviña o 6 de agosto de 1975 entre o Peñarol de Lañas e o Peñarol de Montevideo, que xogou o partido con camiseta de cor laranxa

O mesmo día, El Ideal Gallego, coa sinatura de L.G., publicaba:

"Ambiente de expectación en el campo de Elviña ayer por la tarde, con numeroso público en las gradas. Se enfrentaban el Peñarol de Montevideo y el Peñarol de Lañas-Arteijo, en homenaje de los uruguayos a su homónimo coruñés. Un homenaje simpático, emocionado y cargado de escenas bonitas, con abundancia de autógrafos, poses para los fotógrafos y obsequios de unos a otros. Los equipos, bajo la dirección del señor Cruz, que pitó bien, formaron así:
PEÑAROL DE MONTEVIDEO: Corbo (Fosatti); Peruena, Olivera, Mario González; Acosta, Pedro Custodio; Quevedo, Unanue, Fernando Morena, Ramón Silva y Pizzani. También jugaron Garisto, García y Barbosa.
PEÑAROL DE LAÑAS: Vicas (Corbo); Collazo, Sánchez I, Caamaño; López, García; Moncho, Sande, Dopico, Hermida y José Manuel. Además de la actuación del meta uruguayo Corbo, en el segundo tiempo, también jugaron Sánchez II, Ferro y Alvarez.
Fue fácil la victoria de los uruguayos, que ganaron por 8-1, empleándose más a fondo en el primer tiempo que en el segundo. El público lo pasó muy bien, porque se vieron jugadas muy bonitas, goles de todas las marcas y sobre todo una hermandad estupenda, en la que han puesto la primera piedra los uruguayos al saber que aquí había un club que tenía su mismo nombre. Al descanso se llegó con ventaja del cuadro sudamericano por 5-0. Marcaron por el Peñarol de allá, Fernando Morena (3), Ramón Silva (2), Mario González, Quevedo y Unanue. El tanto del conjunto de Lañas fue obra de Fosatti en propia meta"3.

    Dous días despois do partido co equipo de Lañas, o Peñarol de Montevideo, naquel momento comandado pola súa estrela Fernando Morena, dianteiro que non tardou en fichar no Rayo Vallecano, debutaba no Teresa Herrera vencendo nunha das semifinais ao Atlético de Madrid e, posteriormente, vence na final ao equipo brasileiro do Cruzeiro. Con Cataldi á fronte da entidade, o cadro da camiseta negra e amarela volvería disputar o trofeo herculino nas edicións de 1976 e 1983, repetindo participación en 1992, na súa segunda etapa na presidencia.

    Ata eses primeiros anos noventa, Susana e Washington, que falecería en Montevideo o 2 de maio de 1996, seguiron pasando uns días ao ano na casa da súa familia de Freán, estadías nas que de cando en vez se recordaba o enfrontamento entre os dous equipos homónimos.

    Ao remate da tempada 1975/76, só uns meses despois do lendario choque xogado en Elviña, o Peñarol de Lañas ía poñer fin a doce anos consecutivos de equipo federado. Na súa última participación na Liga de Arteixo ocupa a penúltimo posto da táboa clasificatoria con 9 puntos, superando unicamente ao Atlético Arteixo que tan só fixera 2 puntos. O Peñarol xogou o seu último partido de Liga o 9 de maio de 1976, enfrontamento no que lle gañou no campo de Sanín ao Campanal de Loureda por 1-0.

    Unhas semanas despois, logo de quedar exento na primeira rolda, o once de Lañas xogaba contra o Sporting Sada os partidos correspondentes da segunda rolda da Copa das Mariñas-Arteixo, perdendo os dous choques por 7-0.

     Aqueles dous partidos contra o Sporting Sada foi a despedida do Peñarol do fútbol federado. Atrás quedaban xa os tempos que tanto nomea na súa obra o escritor Antón Castro (Lañas, 1959), tempos daqueles partidos heroicos do Peñarol dos Groufo, Gorecho, Dubra, Moncho de Pedro, Paxín ou o gran Boedo, que ten deixado medio noqueado a algún que outro adversario co seu gran trallazo. O Peñarol de Montevideo ten por lema unha fermosa frase que figura en todos os seus escritos oficiais: “Serás eterno como el tiempo y florecerás cada primavera”. A ver se o seu homónimo de Lañas volve florecer algún día!

(CONTINUARÁ...)

__________

1 Vencera na final ao Borussia Mönchengladbach por 3-2.

2 Vid. La Voz de Galicia, 7 de agosto de 1975, páx. 34.

3 Vid. El Ideal Gallego, 7 de agosto de 1975, páx. 19.

Ningún comentario:

Publicar un comentario