mércores, 23 de setembro de 2020

O NAUFRAXIO DO PESQUEIRO "ANTOÑITA" ACONTECIDO NO LITORAL DO RAÑAL EN 1921

     Patroneada polo seu propietario Felipe Prado e cunha dotación de vinte mariñeiros, a tarrafa de vapor “Antoñita” saía da enseada do Parrote cara o Cabo Prior ás cinco da madrugada do 29 de abril de 1921 á pesca da sardiña. Despois de navegar durante boa parte da mañá pola zona de Ferrol e sen fortuna na pesca, optan por dirixirse cara as Illas Sisargas mais, naquelas inmediacións, a sorte tamén lles é adversa. Pasado o mediodía, cando xa determinaran retornar ao porto herculino, albiscan un banco de sardiña ao que seguirían con rumbo a Punta Langosteira.

Pesqueiros a vapor no Parrote (Arquivo do Reino)

    A “Antoñita” navegaba a pouca marcha. Felipe Prado decidira minorar a velocidade para non malgastar o vapor; sabía que despois de traballar a un ritmo alto durante case oito horas a caldeira non podía estar nas condicións máis óptimas. As súas sospeitas confirmáronse cando viu na cuberta ao maquinista Antonio García Pan. Eran as 12:40 horas e navegaban á altura do Rañal, a unhas tres millas da costa. Naquel preciso momento no que García lle advertía ao patrón do mal estado no que se encontraba a caldeira, unha subida repentina da presión desta provoca a súa explosión e manda os vinte mariñeiros para o aire!

   O enorme estoupido escoitaríase en varios lugares de Arteixo, e tamén o oíron os sete tripulantes da pequena lancha pesqueira “Antonia”, con matrícula de Caión, que se encontraba a unhas dúas millas da “Antoñita” pescando abadexo. Francisco Morgade, o seu patrón, logo de sentir a explosión ordenou recoller as redes para ir, xa a seguir, en auxilio dos náufragos, saíndo cara o lugar do sinistro a forza de remos e a vela.

   Manuel Morlán, Ricardo Solla, José Vilariño, Manuel Meilán, José Sánchez, Enrique Flores, Francisco Díaz, Ángel Suárez, Antonio García Pan, José Núñez e José Vázquez, foron os once náufragos sobreviventes, quenes agardaron auxilio nadando e suxeitos a pranchas de madeira dos restos da “Antoñita” ata aproximadamente as 14:00 da tarde, hora na que chegou a pequena embarcación de Caión para socorrelos.

     A bordo do “Antonia”, os náufragos, aterecidos polo frío e coas roupas enchoupadas, pedíronlle a Francisco Morgade que os achegara ao Portiño, en San Pedro de Visma, onde desembarcaron pouco antes das 16:00 horas. Ao chegar, a veciñanza deste lugar, cun comportamento exemplar, rivalizaban nas axudas aos once sobreviventes da traxedia e tamén aos sete tripulantes do pesqueiro caionés, facilitándolles roupas e todos os obxectos que precisaron, así como bebidas alcólicas e quentes. O maquinista Antonio García Pan e o fogoneiro José Vázquez Núñez, por causa da gravidade das queimaduras, serían conducidos de inmediato nun coche de punto, acompañados por algúns veciños do Portiño, ata o Hospital da Caridade, onde o médico de garda, doutor Rodríguez, despois das primeiras curas, daría un prognóstico alentador das feridas dos dous homes.

   Os outros nove sobreviventes da “Antoñita”, tras agradecer as atencións humanitarias á veciñanza de San Pedro de Visma, encamiñábanse cara a Santa Lucía e Perillo, lugares onde tiñan os seus domicilios.

    A maioría dos mariñeiros falecidos deixaban muller e fillos de curta idade. Felipe Prado, o patrón e propietario da tarrafa, tiña 52 anos e vivía no Derribo coa súa muller e tres fillos. Había pouco máis de un mes que tivera unha oferta pola embarcación, chegando a ofrecerlle 23.000 pesetas mais negárase a vendela por tela en grande estima, xa que pudera chegar a ela despois de facer mil sacrificios. A parte do patrón, pereceran no sinistro acontecido no litoral arteixán Manuel Ramos, de 22 anos, solteiro e veciño da rúa dos Hortos, xunto ao Hospitalillo, onde vivía coa súa nai e dous irmáns; Antonio Jaspe, coñecido por “Pelouros”, de 32 anos, casado, veciño de Campo Volante e que deixaba muller e catro fillos moi pequenos; Manuel Fernández, de 34 anos, veciño da rúa da Torre e con cinco fillos; Manuel Caramés Piñeiro; Pedro Vázquez e un tal Juan “do Castaño”, casados ambos, tiñan varios fillos e vivían en Perillo, como os outros dous mariñeiros desaparecidos, de quen non se lembraban dos nomes os compañeiros sobreviventes, uns mariñeiros que o domingo 1 de maio, dous días despois do accidente, facían unha colecta pública na Coruña co obxecto de axudar ás mulleres e fillos que, coa tráxica morte dos nove falecidos, quedaban no máis absoluto e total desamparo.

   A postulación, que estivo a cargo exclusivamente dos once caritativos mariñeiros, principiaba ás nove da mañá na Praza de María Pita percorrendo, acompañados da banda de música do Hospicio Provincial, as principais rúas da cidade no landó municipal que o alcalde, Antonio Lens Viera, puxera a disposición dos organizadores e no cal ían algúns dos numerosos orfos das vítimas. Tamén postularían na Praza de touros, onde os ferroviarios realizaron unha becerrada. Nese día, o recadado nas rúas e durante a festa taurina para socorrer ás familias das vítimas ascendería a cantidade de 4.377 pesetas, diñeiro que nos días seguintes estaría disposto no Banco de España para que o gobernador civil fixera o correspondente reparto.

     As axudas non deixaban de se producir, e foron moitos os que organizaron subcricións para contribuír a remediar a angustiosa situación en que quedaban orfos e viúvas dos nove mariñeiros falecidos no litoral de Arteixo. De tal xeito, o gremio de exportadores de peixe, inicia unha entre os seus socios con 250 pesetas e tamén se dirixe aos comerciantes de obxectos navais da cidade, “Ferrer e Compañía”, “Martínez e Antolí”, Eduardo Dana e Paulino Freire, para que os seus comercios fosen centros de recadación de donativos, dirixíndose igualmente aos negocios similares de San Sebastián, Bilbao, Santander, Xixón, Ferrol e Vigo para que contribuísen con algunha cantidade. A “Reunións de Artesáns” da Silva tamén abriría listas de subcricións, tal como a Asociación de Patróns de Cabotaxe, liderada polo seu presidente con cinco pesetas. Todo o mundo colaboraba. O cinema “Salón Doré” organizara funcións extraordinarias para axudar as vítimas e recadaría unha cifra de 206,30 pesetas. Os bombeiros deste cinema tamén contribuen cos seus salarios do día. Outro exemplo solidario foi o que protagonizou Ramón Lamora, sereno particular do barrio de Santa Lucía, que tivo a xenerosidade de entregar a Paulino Freire, membro da comisión recadadora, 8,50 pesetas que lle correspondían como premio pola aprehensión dunha cantidade de peixe que fora roubado no peirao da Palloza e que despois se subastara, obtendo unha cantidade de 17 pesetas.

    Durante varias semanas máis as subscricións non deixarían de medrar, e con esta xenerosidade e solidaridade da veciñanza herculina, a triste situación dos familiares de cantos morreron ao estoupar a caldeira da “Antoñita” en augas de Arteixo quedaba un pouco máis aliviada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario