venres, 1 de outubro de 2021

AS TORRES VIXÍA DE SORRIZO E SUEVOS

  Desde tempos inmemoriais fronte ao litoral galego, un dos máis transitados do planeta, navegaron o comercio marítimo romano e as súas guarnicións invasoras; os saqueadores normandos e viquingos; piratas turcos e berberiscos; corsarios ingleses; os baleeiros franceses e vascos cando abundaban nas nosas augas os grandes mamíferos oceánicos; os navíos que se dirixían cara o novo mundo; os primeiros vapores de ferro…

  Dada a intensidade deste tráfico mariño que navegaba (e navega) pola costa galega, o control e a defensa do litoral foi unha constante ao longo da historia. Por iso, para paliar as catastróficas consecuencias dos sucesivos ataques dos saqueadores nas nosas vilas, os gobernos da coroa puxeron en marcha un sistema de alerta ás poboacións mediante a construción de fachos, atalaias, vixías ou torres en lugares elevados situados en puntos estratéxicos ao longo do litoral para vixiar a costa.

  O obxectivo destas construcións edificadas sobre un punto eminente non era outro que o de estar en comunicación coas outras vixías para, deste xeito, poder transmitir coa máxima rapidez, de día por medio de fume queimando toxo e de noite facendo cacharelas, a nova do avistamento de calquera embarcación sospeitosa á Coruña, sede do Gobernador e do Capitán Xeral.

  Para servir nestas torres de vixianza organizábanse quendas de vintecatro horas, concentrándose rápidamente en momentos de alarma. Naquela altura tamén se realizaba a vela, que era o servizo de vixianza nocturna que na época señorial prestaban algúns vasalos, de condición inferior, nos castelos, campamentos e mesnadas.

  Curiosamente, algúns dos ataques sufridos na nosa contorna aparecen conmemorados en varios exvotos, lenzos pintados en gratitude á axuda divina da Virxe de Pastoriza que aínda se poden ver no Santuario desta parroquia. Un destos exvotos (hoxe desaparecido) é o que mencionaba o ataque do corsario inglés Sir Francis Drake o 4 de maio de 1589, ataque do que se dera aviso dende a vixía de Cabo Prior, en Cobas.

   Case un século despois, en 1670, o peregrino borgoñés Domenico Laffi describía polo miúdo o facho de Fisterra no seu “Viaggio in Ponente a San Giacomo di Galitia e Finisterre”:

No Monte Facho de Fisterra hai unha torre e está feita para prender lume na súa parte alta. Está aquí porque, de todas as nacións que navegan polo Océano, todos pasan a coñecer este Cabo e moitas veces desembarcan na Vila provocando moitos danos. Co lume da devandita torre fánse sinais ás vilas veciñas, as cales se pasan sucesivamente dunhas a outras o aviso de perigo polo que nunha hora todo o Reino de Galicia está sobre aviso e acuden armados cara aquel cabo para defendelo”.

   Xa no ano 1726, o Goberno nomea a Ferrol capital dun dos tres Departamentos Marítimos nos que se dividira o litoral peninsular e anos máis tarde, a comezos do século XIX, segundo o comandante artilleiro José López Hermida, as vixías pasan a depender da Mariña, que destina pilotos a estas edificacións.

  A primeira vixía da que temos constancia no municipio de Arteixo é o punto de observación que había en Sorrizo e que menciona José Cornide en 1764 no capítulo Partido de La Coruña. Desde la ría de Sada hasta la de Corme. Sus Costas, Ríos, puertos y defensa, capítulo que forma parte da súa obra manuscrita Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, y raya por donde confina con el inmediato Reino de Portugal:

Los fachos o atalayas -no está la Atalaya de señales en la Torre de Hércules y si en una altura próxima junto a un almacén de pólvora- de este partido empiezan en la torre de Hércules de La Coruña que descubre desde el cabo de Prioiro, toda la costa del Ferrol y las rías que siguen y mucha mar. El segundo está en el monte de San Pedro distante de este tres cuartos de legua. El tercero se comunica con este y se llama Sorrizo. El cuarto es el de Cayón distante del antecedente más de media legua. El quinto está cinco cuartos de legua de este, y está situado en el puerto de Razo. El sexto está en el puerto de Malpica. El séptimo es el de Nariga. Estos fachos se comunican mútuamente sus ahumadas desde La Coruña al puerto de Corme. Cada uno tiene su hachero perpetuo, y para hacer la centinela contribuyen los lugares comarcanos con gente que turna. Las garitas de esta costa están en mediano estado. Las ahumadas las hacen con tojo que enciende, y este lo contribuyen los lugares inmediatos”.

   Non podemos afirmar con rotundidade cal era o lugar do litoral de Sorrizo no que se construíra a vixía que nomea Cornide na súa obra manuscrita, mais todo parece indicar que estaba situada nas proximidades da Enseada de Lourido xa que alí hai un par de topónimos que parecen confirmar as nosas sospeitas: o Monte da Torre e a Punta da Torre, lugares estratéxicos dende os que podemos contemplar a inmensidade oceánica do Golfo Ártabro.

 

Panorámica dende a Punta da Torre (Fran Naveira)

    Consultadas outras fontes escritas con datas de publicación posteriores á descripción de Cornide, non hai información algunha da vixía de Sorrizo. É probable que dentro dos diferentes postos de vixianza houbera varias categorías por importancia estratéxica ou que, incluso, o posto de vixianza de Sorrizo desaparecera por mor da súa situación xeográfica, aberta ao mar pero situada nunha zona que non lle permitía ter conexión visual coa vixía de Caión. Mais isto son simples conxecturas de quen escribe.

  O que si é certo é que no Estado general de la Armada do ano 1803, ano no que se crean as Comandancias de Marina da que pasan a depender estos postos de vixianza, no cadro de vixías existentes naqueles días na nosa bisbarra aparecen o Monte de San Pedro, Suevos, Caión, Razo e Monte de Beo, en Malpica, o que nos leva a pensar que a raíz da construción da vixía de Suevos, que estaba situada en Langosteira, a de Sorrizo puido ser abandonada.

  A partir de mediados do século XIX, os adiantos tecnolóxicos ían relevar este sistema de vixías establecidos séculos antes, abandonándose as estruturas arquitectónicas de épocas anteriores, uns edificios que en moitos casos acabaron desaparecendo. Da relación de fachos e vixías que publicara en 1764 o ilustrado coruñés José Cornide, que chegara a enumerar máis de 40 torres e garitas de vixilancia entre Ribadeo e A Guarda, na actualidade só hai catro perfectamente conservados e restaurados: a Garita do Monte do Facho, en Donón, Cangas; a Garita de Herbeira, en Cedeira; a Garita da Vela de Espasante; e a do Facho de Maeda, en Estaca de Bares.

  Polo que nos contou o comandante José López Hermida, co nacemento do telégrafo en 1855 íase revolucionar o concepto de observación e, a partir desa altura, moitas das torres vixías da costa galega desaparecerían paulatinamente, caso da de Suevos que, a dicir verdade, xa había certo tempo que non se utilizaba, como así o indicaba, varias décadas antes de que se inventara o telégrafo -o Internet da época victoriana-, Sebastián de Miñano y Bedolla no seu Diccionario geográfico estadístico de España y Portugal escrito entre 1826 e 1828:

En el punto denominado de la Insua, y en su altura a la orilla del mar, y a la parte del O., está situada la Vigia, aunque en la actualidad sin servicio; no tiene mas caminos que los del servicio de la parroquia. 

  Pascual Madoz cóntanos o mesmo no seu Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de ultramar, editado entre 1845 e 1850:

Suebos (San Martín de): felig. en la prov. y part. jud. de la Coruña (4 ¼ leg.), dióc. de Santiago (9) y ayunt. de arteijo ( 4 ½). SIT. sobre la costa del Océano, sobresaliendo al N. la punta en que se encuentra una vigía, aunque sin uso. 
Mapa de Domingo Fontán do ano 1845 no que aparece a vixía de Suevos

  Tres décadas máis tarde, o capitán de navío Pedro Riudavets y Tudury realiza a seguinte descrición sobre Suevos na súa obra Derrotero de las costas de España y de Portugal: desde el Cabo Trafalgar hasta el puerto de La Coruña:

Todo su contorno es escarpado, y por su parte del O. tiene la playa de Langosteira. Otra pequeña playa llamada de Suevos, está por el lado del E. Sobre la parte más avanzada y alta del promontorio, existen las ruinas de la vigía de Suevos.

  Máis recentemente, na Descripción histórico-geográfica de sus feligresías realizada polo Arzobispado de Santiago, na referente á parroquia de Suevos, publicada en El Ideal Gallego en marzo de 1930, aparece o seguinte:

Al E. hállase la playa de Suevos y al O. la de Langosteira. Los restos de la casa del vigía están en la altura. El puertecito de Suevos tan solo sirve de refugio a embarcaciones menores y da nombre a la playa, al promontorio, a una restinga y a una punta.

   Por último, nunha reportaxe sobre o municipio de Arteixo da autoría de Heliodoro Gallego Armesto publicada o 31 de xaneiro de 1930 no número 438 da revista Vida Gallega, e que parece contradicir a información anterior, Gallego escribe:

(…) al NE. el macizo peñascoso del Monte Suevos, que avanza con una serie de cumbres, sobre la última de las cuales asienta un semáforo y la torre del vigía, para terminar en la Punta Langosteira, que se interna en el Océano Atlántico; y su cumbre más alta, Monticaños, alcanza 236 metros sobre el inmediato mar. 

  A misión dos semáforos eran, segundo nos contou o comandante López Hermida, o atalaiamento do mar e a costa; o servizo de comunicación entre buques e terra; o servizo metereolóxico; a cooperación no salvamento de náufragos; e a cooperación na represión do contrabando mediante os avisos oportunos, un tema do que prometo falar máis polo miúdo noutra ocasión.

 

FONTES:

 

CORNIDE SAAVEDRA, JOSÉ (1764): Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, y raya por donde confina con el inmediato Reino de Portugal, edición i estudio por X. L. Axeitos; Edicións do Castro, Sada, A Coruña, 1991.

DE MIÑANO Y BEDOLLA, SEBASTIÁN (1826-1828): Diccionario geográfico estadístico de España y Portugal. Tomo VIII (páx. 356). Imprenta de Pierart Peralta, Madrid.

GALLEGO ARMESTO, HELIODORO (1930): Los Municipios de Galicia I. Arteijo. Revista Vida Gallega nº 438, 31 de xaneiro de 1930:

LAFFI BOLOGNESE, DOMENICO (1681): Viaggio in Ponente a San Giacomo di Galitia e Finisterre; pp.214-215

LÓPEZ HERMIDA, JOSÉ MANUEL (2017): Fachos, vigías, velas y atalayas desde el Cabo Ortegal a la Ría de Corme (revista Columba n.º 17, 2017)

LÓPEZ HERMIDA, JOSÉ MANUEL & YÁÑEZ RODRÍGUEZ, JOSÉ MANUEL (2019): Guía de baterías de costa. Provincia de A Coruña [Norte]. Deputación da Coruña

MADOZ, PASCUAL (1849): Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de ultramar. Tomo XIV (páx. 530-531), Madrid.

RIUDAVETS Y TUDURY (1867): Derrotero de las costas de España y de Portugal: desde el Cabo Trafalgar hasta el puerto de La Coruña. Dirección de Hidrografía, Madrid. (páx. 588)

Ningún comentario:

Publicar un comentario