venres, 29 de outubro de 2021

LOLO HERMIDA, A ESTRELA DE MEICENDE

   Manuel Hermida foi outro dos grandes futbolistas da nosa contorna daqueles anos 50-60 dos que xa falamos nesta bitácora en máis dunha ocasión. Nado en Meicende en febreiro de 1939, é o terceiro dos catro fillos que tiveron Eduardo Hermida Mosquera e Enriqueta Rodríguez Barba: Eduardo, que era coñecido polo alcume de Diño e que faleceu aos 14 anos; Fernando; o propio Manuel; e José Luís, máis coñecido polo apelativo de Moncho e que traballou durante décadas no xornal El Ideal Gallego.

Riazor, 4 de xuño de 1961. Formación do Deportivo que venceu por 4-1 ao Ourense no partido de homenaxe ao lendario porteiro Juan Acuña. Arriba, de esquerda a dereita: Emery, Botanita, Lariño, Manín, Salvadores, Dominguez e Loira. Abaixo, na mesma orde: Canario, Villa, Hermida, Amancio e Veloso (Cortesía de Juan R. Salvadores Canedo)

   Os tres maiores virían ao mundo en Meicende nunha casa antiga de pedra hoxe inexistente que estaba situada na marxe esquerda da estrada a Pastoriza, un pouco máis adiante da que actualmente vai a Nostián, case en fronte da popular tenda de Lino. Moncho, o máis cativo, naceu na Silva, lugar ao que se mudaría a familia a finais dos corenta.

   Eduardo e Enriqueta1, el da Coruña e ela de Nostián, filla de Enrique “O Leiteiro” e familiar dos Barba de Pastoriza que rexentaban o estanco na praza do Santuario, gañaban a vida traballando, respectivamente, como carpinteiro ebanista2 e como costureira da xastrería Pérez, negocio que estaba naquela hora na Avenida de Fisterra. Os Abeleiras, a familia de Eduardo, tiñan unha tenda en Meicende, lugar no que Manuel, Lolo para os seus amigos, empezou a darlle as primeiras patadas a un balón.

    O noso protagonista inicia a súa carreira futbolística no equipo xuvenil do Imperátor, club ao que chega da man de seu irmán Fernando, que era o porteiro dos modestos. Unha vez rematada a súa formación nas categorías inferiores deste popular club do barrio herculino da Sagrada Familia, na tempada 1958/59 Lolo debuta co primeiro equipo formando unha liña media inesquecible con Morado, futbolista que andando no tempo xogaría na Segunda División co Ourense.

    As actuacións co Imperátor íano levar a formar parte da lendaria selección da Coruña da época, unha selección imbatible integrada por estrelas que non ían tardar en fichar no Deportivo, casos de Aneiros, Guillermo, Jaime Blanco, Amancio Amaro e, por suposto, do xogador máis desequilibrante que había no fútbol modesto coruñés naquel intre, Lolo Hermida, figura que despois do seu bo facer no Imperátor, asinaría co cadro deportivista ao remate de aquela fantástica campaña 58/59.

    Mais curiosamente, segundo o testemuño de seu irmán Moncho, a fichaxe do dianteiro de Meicende coa entidade da Praza de Pontevedra fora un tanto inesperada, pois, ata aquel momento, o equipo que amosara máis interese por contratalo fora o Real Oviedo, club punteiro naqueles tempos da Primeira División que presidira dende 1954 ata 1961 Francisco Silvela, familiar dos de “Casa Canosa” da Moura. Lolo Hermida decantárase polo Deportivo porque seu pai estaba enfermo e non quería deixar sós a súa nai Enriqueta e a Moncho, o irmán máis novo, en momentos tan difíciles.

 

Imaxe do Deportivo B no campo de Santa Isabel de Compostela na tempada 1960/61. Arriba, de esquerda a dereita: Giráldez, Domingo, Vázquez, Hermida, Luís, Rojo, Botana e o masaxista Búa. Abaixo, na mesma orde: Beci, Antonio, Loureda, Villar 'Ahueca' e Bellón (Cortesía de Moncho Hermida)

    Dada a insistencia realizada á directiva do Deportivo de seu pai Eduardo, que era presidente do Silva por aqueles anos, Lolo xoga cedido polo cadro deportivista durante a tempada 1959/60 no club que presidía o seu proxenitor. Eduardo estaba convencido de que, co seu fillo formando parte do equipo, o Silva sería quen de gañar a liga de Primeira División de modestos da Coruña, campionato polo que loitaron ata a última xornada co Santa Margarita, que contaba cun once de luxo integrado por futbolistas que, nalgúns casos, ficharían pouco despois no Fabril. Finalmente, o Silva ía quedar subcampión do torneo.

    Grande atracción dos trofeos de verán cando reforzaba ao Sporting Meicende ou ao Nostián, o equipo da aldea de súa nai, ao finalizar a campaña 59/60 Hermida incorpórase ao Deportivo, onde disputa varios partidos amigables con Amancio, Jaime Blanco, Veloso e compañía antes de lesionarse. Lolo iniciara a súa carreira futbolística xogando no centro do campo, mais a súa gran capacidade goleadora levaríao a reconverter a posición no terreo de xogo pasando á liña de ataque. Futbolista desequilibrante cun caneo letal e cun remate de cabeza espectacular, tiña todas as condicións para destacar no primeiro equipo deportivista, mais unha inoportuna lesión de menisco e unha osteopatía de pube ían impedir o seu debut en partido oficial co Deportivo.

   Para recuperarse da lesión e ir collendo pouco a pouco o ritmo necesario para competir na elite, Hermida xoga na Serie A Rexional co Deportivo B a tempada 1960/61 e, de alí pasou cedido ao Ordes que naquela altura presidía o Dr. Concheiro, bo amigo de Cebrián, o presidente do Deportivo. Tras un ano no cadro ordense, o de Meicende xoga a tempada seguinte no C.D. Lugo, onde coincide con Morado, o futbolista co que formara, uns anos antes, aquela formidable liña media no Imperátor. Con Hermida de figura estelar, malia a continuar cos problemas de pube e de menisco que o obrigaban a xogar infiltrado de xeito habitual, o once das murallas obtén o subcampionato do Grupo I de Terceira na campaña 1962/63 e, unha vez rematado o torneo ligueiro, queda ás portas da Segunda División ao ser eliminado na fase de ascenso.

 

Imaxe do C.D. Lugo da tempada 1962/63. Hermida é o que está no centro da fila inferior e Morado é o terceiro pola dereita de fila superior (Cortesía de Moncho Hermida)

    Desvinculado do C.D. Lugo, o noso protagonista defende nas campañas seguintes as cores do Foz, equipo da Terceira División no que, entre outros, comparte vestiario co arteixán Jose María Mancebo e cos coruñeses Tomás, Benigno, Villamor ou Ricardo Aneiros -ex futbolista do Deportivo da Coruña- compañeiros cos que adestraba na Coruña pola semana e desprazábase en taxi o día dos partidos do Foz.

   Finalizada a súa etapa co cadro da Mariña lucense, Hermida ficha na tempada 66/67 no Santa Margarita, club co que gaña a Copa da Coruña nesa mesma campaña e, no ano seguinte, o campionato de Primeira División da liga de modestos da Capital. O futbolista de Meicende puxo fin á súa carreira deportiva na tempada 1969/70.

    Por se é do voso interese, a biografía de Lola Hermida e a de outros futbolistas da bisbarra forman parte do libro 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha.

 

Portada do libro 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha
_____
1 Eduardo e Enriqueta eran coñecidos en Meicende como os Abeleira, que era o segundo apelido de Eduardo Hermida Abeleira, avó paterno de Lolo Hermida.
2 Eduardo, prestixioso carpinteiro ebanista moi codiciado naquel tempo para facer obras importantes en edificios da Coruña pola súa mestría en pasamanaría e bastidores, tiña o seu taller no baixo dun chalé do barrio coruñés de Ciudad Jardín.

Ningún comentario:

Publicar un comentario