domingo, 13 de marzo de 2022

A FEIRA DO RAPADOIRO DE MONTEAGUDO E NOICELA

  No ano 1752, San Tomé de Monteagudo era unha parroquia de Señorío da xurisdición de Erboedo que pertencía a D. Diego de Oca y Cadórniga, veciño da cidade de Betanzos. 

   De Levante a Poñente, o seu territorio tiña unha extensión de media legua1; de Norte a Sur unha enteira e de circunferencia dúas leguas e media; e para camiñar polas puntas ou linguas da freguesía, necesitábanse cinco horas. Para deslindar e demarcar todo arredor había que percorrer a súa división desde o Cruceiro de Santaia ao Río da Serra e ao da Costa; de aquí ao Pozo de Fabranque, Fonte Telleira, Mollón da Cruz e á Pedra da Cruz; de aquí á Fonte Margarida, Seixo da Esquipa, Fonte dos Campos; desde esta había que xirar polo cerro do monte ata cinxirse co mollón que se podía ver de raíz no lugar de Borrazás; desde alí facendo volta, había que continuar ata a Fonte Piollosa, Río das Moas e a Pedra da Eira; desde este punto á Fonte do Vello da Eira e ao Río da Presa; e desde aquí en dereitura ao Cruceiro de Santaia e Casas Novas, primera demarcación. 
 
Lugar do Igrexario, Monteagudo

A terra

    Segundo o Catastro do Marqués de Ensenada, 24.120 era o número de ferrados que conformaban a parroquia: 22.417 de montes, 1.126 de labradío, 140 de prados de regadío e de secaño, 18 ½ de hortas, 9 de soutos, 7 dunha devesa da Súa Maxestade e os 400 ferrados restantes estaban ocupados por casas coas súas eiras, currais, sendeiros, camiños e silveirais. Había trigo, centeo, millo, liño e castañas, sendo o valor de cada ferrado de trigo a seis reais, o de centeo a tres, o de millo a catro e o das castañas a dous. A medida habitual da terra desta freguesía era de un ferrado de trigo, composto de 30 varas castelás, 120 de circunferencia e 900 de cuadratura. En canto ao gando, había bueyes, vacas, novillos, novillas, terneros, terneras, yeguas, potras, potros, muletas, muletos, ovejas, carneros, corderos, cabras, castrones, cabritos, cerdos, cerdas grandes y pequeñas; sin que sepan que ningún vecino tenga yeguada o vacada que paste fuera del término”2. Ademais, había 60 colmeas, cuxo produto estaba regulado en 4 reais ao ano, e 14 muíños, todos dunha moa, regulándose o seu produto en 250 reais ao ano.

Impostos.

    Dentro dos tributos eclesiásticos, o diezmo pagábase dos froitos que se recollían na parroquia, percibíndoos a Colexiata de Santa María del Campo da Coruña. Contribuía cada veciño da devandita freguesía con medio ferrado de trigo por razón de Oblata. Polo Voto, que correspondía ao arcediago de Nendos, “el vecino de caudal” pagaba medio ferrado de centeo e o de menores posibilidades económicas facíao cun cuarto de ferrado da devandita especie. O importe dos diezmos relativos á Colexiata ascendían, un ano con outro, á cantidade de 4.290 reais, o do Voto a 66 reais e o da Oblata a 234 reais. Os veciños de Monteagudo tamén tiñan que pagarlle anualmente ao Rei por razón de Servicio Ordinario y Extraordinario, 108 reais.

Poboación.

    Ademais do cura, “entre casados, viúdos y solteros” había 78 veciños: 11 arrieiros “que todo el año se ejercitan en beneficiar Harina”, que segundo o numero de cabalerías que tivesen para desenvolver o seu traballo, que oscilaba entre 1 e 6, gañaban ao ano 400 ou 1.200 reais; 4 zapateiros, cun xornal diario de 3 reais; 1 xastre, que traballaba por 2 reais ao día; 1 carpinteiro, cun xornal de 3 reais; 1 tecedor, con 2 reais de soldo diario; 1 bataneiro, que gañaba ao ano 20 reais; 2 taberneiros, un deles tamén estanqueiro, cunha utilidade anual de 84 reais divididos entre os dous, aos que lle había que sumar 24 reais máis ao vendedor de tabaco. O resto eran labradores. En Monteagudo había naquel ano de 1752 un total de 71 casas habitables.

A Feira de Monteagudo

    No devandito Catastro de Ensenada de 1752 tamén se fai referencia a unha feira que se celebraba na freguesía de Monteagudo naquela época… que llaman do Rapadoiro; y se celebra el día de la Advocación de San Tomé de cada año, en que se benefician Paños Ordinarios, Cierros, Aparejos de Labranza y otros Géneros de corta estimación. Los derechos de que en ella se adeudan Mixtos con los más Reales Derechos de Alcabala que tiene la Feligresía encabezada3.

    Mais curiosamente no mesmo Catastro fálase da feira que, co mesmo nome, se celebraba na actual parroquia carballesa de Santa María de Noicela, naquela hora freguesía privativa da xurisdición da vila de Caión que “linda por Norte con la Villa de Cayón; Sur con la Feligresía de de San Miguel de Vilela, Levante con la de Santo Thomás de Monteagudo y Poniente con la Mar”.

    Naquela altura, os veciños de Noicela entregaban cada ano polo servizo ordinario e extraordinario 130 reais e 2 maravedís á real Facenda, e ao rei 2.298 reales e 9 maravedís. Para a satisfacción desta cantidade contribuían os arrendatarios da feira que se celebraba no Rapadoiro, aportando 1.336 reais e 14 maravedís; o encargado de vender o viño aquartillado entregaba 410 reais e 4 maravedís. Ademais, os lugares de Rebordelos e Lendo contribuían con 153 reais, cuxas partidas rebaixadas do total, quedaban en 808 reais e 29 maravedís, que era a cantidade que compartían os veciños de Noicela. Os arrendatarios da feira do Rapadoiro cobraban un 2% dos dereitos a todos os forasteiros que vendían gando e outros xéneros nela; en tanto que a veciñanza de Noicela tiña dereito a vender libremente na devandita feira e non pagaban nada. Os arrendatarios pagaban na Administración General de Rentas Provinciales de La Coruña 1.336 reais polos dereitos de arrendamento. 

 

Camiño da feira para vender o gando porcino (Ruth Matilda Anderson)

    E chegados a este punto hai que facerse as seguintes preguntas: a de Monteagudo e a de Noicela eran a mesma feira? Celebraríase nun lugar que abranguía terreos das dúas parroquias? Sendo Monteagudo e Noicela freguesías limítrofes ata a división do territorio provincial e das antigas xurisdicións, todo parece indicar que si, mais é algo que non podemos aseverar. O que si é certo é que as dúas freguesías ían quedar divididas a mediados do século XIX por un camiño de pouco máis de seis metros de ancho que, dende aquel entón, une Lendo con Caión para darlle mar a A Laracha. Seis escasos metros de enlace nos que actualmente, como ben di o xornalista Santiago Garrido (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/a-laracha/2020/11/22/laracha-mar-camino-kilometro-6-metros-ancho/0003_202011C22C6992.htm), cun pequeno salto á esquerda, o camiñante encóntrase en Carballo, nas terras que pertencen a Borrazás, en Noicela, e con outro á dereita, xa se sitúa nos montes de Monteagudo, moi cerca das casas de O Bosque (enlace).

    Con relación á feira do Rapadoiro de Noicela, sabemos que naqueles mediados do XIX “(…) a consecuencia del Real decreto de 28 de Setiembre del año anterior, este Ayuntamiento (Carballo) tiene acordado, bajo la aprobación del Señor Gobernador civil de la provincia, la supresión de las ferias de Rus, Cances, Berdillo y Rapadoiro, comprendidas en su distrito municipal y su refundación en tres que habrán de celebrarse en esta villa; la una en el segundo domingo de cada mes, la otra en el tercero, y la última en el cuarto, y un ferión en el mes que tenga cinco domingos, según se celebraba en Berdillo, empezando a regir estas ferias desde Octubre próximo inclusive. Lo cual se anuncia al público para su conocimiento (...)4.

    E medio século despois… “Se acordó crear por el Ayuntamiento de Carballo una feria de géneros, frutos y ganados que habrá de tener lugar en el tercer domingo de cada mes en el Campo denominado de Noicela, que últimamente fue ampliado. La inauguración de dicha feria se efectuará el 22 de próximo Febrero5.

    Posteriormente a devandita feira íase celebrar o primeiro xoves de cada mes e o venres seguinte ao terceiro domingo ata a súa desaparición definitiva, que debeu ser entre a segunda metade dos anos vinte e a primeira dos trinta, como así nolo expresaron varios veciños de Noicela que aínda recordan o que lles contaban seus pais e avós sobre a feira que se facía no chamadado Campo do Rapadoiro. 

 

Campo do Rapadoiro, Noicela

    Daqueles tempos tamén data a seguinte copla que aparece no Cancioneiro Popular Galego de Ramón Cabanillas:

¿A que non viche o que eu vin

na feira do Rapadoiro?

Vintecinco xastres xuntos

cosendo nun barredoiro.”


FONTES:

Cabanillas, Ramón (1983): Cancioneiro Popular Galego, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Editorial Galaxia.

Daviña Sáinz, Santiago (2005): La feria perdida de Noicela, La Voz de Galicia, 13 de abril.

Garrido Rial, Santiago (2020): A Laracha tiene mar por un camino de un kilómetro y 6 metros de ancho, La Voz de Galicia, 22 de novembro.

_________


1 Antiga medida de lonxitude que equivale aproximadamente a cinco quilómetros.

2 Vid. Catastro de Ensenada. Interrogatorio. Transcrición. Concello de Arteixo, 2010, pp. 234-235.

3 Vid. Catastro de Ensenada. Interrogatorio. Transcrición. Concello de Arteixo, 2010, pp. 236-237.

4 Vid. Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, n.º 104, 30 de agosto de 1854, páx 4.

5 Vid. El Lucense, 15 de xaneiro de 1901, páx. 2.

2 comentarios: