BALEAS

A BALEA QUE VAROU EN BARRAÑÁN EN 1957


     Hoxe vou a falarvos dunha balea que varou en Barrañán en 1957 e da que o veciño de Sorrizo, Anselmo Pardo, garda no seu domicilio un óso de máis de dous metros..."a balea penso que debía ter máis de vinte metros de lonxitude e varara xa medio apodrecida, nas Pedras do Esteiro. Eu daquela vivía en Chamín coa miña nai e meus irmáns, aínda era solteiro e xa estaba libre de quintas. Lembro que durante dous días uns operarios despezaron a carne, e que despois a transportaron en camións ata un curtidoiro, que seica había en Sofán. Durante eses días, por Barrañán, Chamín e Santaia ninguén paraba co cheirume. Era unha cousa nauseabunda. Mais aínda así, achegárase moita xente ata o areal para ver a balea. Algúns veciños, ao irse desfacendo pola parte da cauda, apañaron ósos das vértebras, para utilizalos como asentos. Eu apañei un, da parte dianteira, duns tres metros que aínda tiña algunha carne. Cando cheguei con el á casa, miña nai case me bota dela por causa do cheiro", lembrábame Anselmo nunha conversa mantida con el, en abril de 2012 cando estaba preparando o libro O mar de Arteixo e os seus naufraxios.

                                                       El Ideal Gallego, 19.11.1957

     No sábado 16 de novembro de 1957, cando todo o mundo falaba da morte da cadela "Laika", pola falta de osíxeno na súa viaxe espacial a bordo do "Sputnik", El Ideal Gallego recollía nas sús páxinas, a información da balea varada en Barrañán e advertía que tiña espetados dous arpóns, que foran lanzados por un barco estranxeiro. Mesmo na semana antes, no domingo 10, o xornal coruñés daba información da mesma balea, publicando na súa páxina dedicada ao porto, a seguinte información:

AVISO A NAVEGANTES
A 250 grados del Cabo Prior y a seis millas, se encuentran restos de ballena. Se comunica por si algún pesquero los quiere recoger.

     O Ideal Gallego tamén informaba no sábado 16 que ... " para evitar su total descomposición, será quemada con gasolina", mais o persoal da Comandancia e algúns veciños, que axudaron levando leña ata a praia, non foron quen de queimala. Según Anselmo Pardo, "houbo persoas que pagaron por enterrala, pois o cheiro seguía sendo insoportable". Pardo, cunha retranca fóra do común, faloume da utilidade que lle dera ao óso que extraera da balea: "cando cheguei con el a casa e despois de que miña nai me quixese botar dela polo cheiro, eu díxenlle que o óso había de ser a miña herdanza, e que para onde eu fose, había de ir comigo. Cando me fun da casa, ao casar en Sorrizo, díxome que non me esquecese de levar a miña herdanza. Mais antes disto, diante da casa da miña nai fixéramos un alpendre, e utilizáramos este óso como pilar para termar dunha viga. Ao meu irmán e a min, non me digas o por qué, mais ocorreunos plantar unha verza dentro del...e Meu Deus!, como medraba!. Anos máis tarde, co alargamento da estrada de Caión, tivemos que retirar o alpendre e xa foi cando trouxen o óso para Sorrizo, cando casei, polo que hai máis de cincuenta anos que o teño".

                                          Anselmo Pardo co óso da balea varada en Barrañán

     O feito de que esta balea varase neste lugar, tan perto das vilas de Caión e Malpica, onde os seus mariñeiros se dedicaron á pesca de cetáceos durante séculos, semellaba unha cousa simbólica, como se se quixesen rememorar tempos pasados, tempos nos que os mariñeiros destas dúas vilas, cunha audacia extraordinaria, eran admirados en Europa.



OS ÓSOS DE BALEA DE VALCOVO E O PASADO BALEEIRO DE ARTEIXO


   As persoas que me coñecedes dende hai certo tempo, sabedes da miña paixón polo mundo das baleas e sí, seino, se cadra ás veces son pesado demais con quen teño a suficiente confianza para selo!

  Esa paixón polos grandes mamíferos oceánicos coido que vén dende a infancia, dende os tempos nos que vía (en branco e negro) con meu avó materno Milio, Milio do Touciñeiro, o programa da RTVEEl mundo submarino de Jacques Cousteau”, o inesquecible mariño francés que, nas súas viaxes a bordo do mítico Calypso, levou os misterios das profundidades a todos os fogares do mundo, defendendo a importancia de cuidar mares e océanos.

   Co avó Milio, que de cando en vez contaba algunha historia de cando Caión era porto baleeiro (de seguro que sabía algúns contos porque moceara certo tempo por alí), tamén souben de Moby Dick, xa sabedes, a novela do escritor Herman Melville publicada en 1851 que narra a travesía do barco baleeiro “Pequod”, comandado polo capitán Ahab, xunto a Ismael e o arpoeiro Quiqueg.

   Houbo varias adaptacións cinematográficas desta novela, mais todas e todos temos gravada a imaxe do capitán Ahab interpretado polo actor estadounidense Gregory Peck na obsesiva e autodestructiva persecución do popular gran cachalote branco, unha longametraxe que eu vin por primeira vez na compaña do heroe da miña infancia, o avó Milio, e que é unha perfecta metáfora da loita do home contra sí mesmo e contra a natureza.

Maxilar de balea atopado en Valcovo
   Todos estos recordos dos primeiros anos da miña vida viñéronme a mente o luns da semana pasada, o día 3 de febreiro, cando paseaba co meu fillo Brais polo areal de Valcovo e segundos despois de que o cativo me dixera:

-Papá, mira!
-Ostras! Creo que é un óso de balea, Brais!
-Mira, Brais... e alí hai outro! É unha costela!

   Ao ver os dous ósos, e logo de que o avó Milio, Cousteau e o capitán Ahab petaran na porta da miña memoria, dada a súa erudición na materia, non tardei en enviarlle un WhatsApp coas fotografías do achado ao meu amigo mariñeiro Xosé Iglesias, o poeta do mar, quen me recomendou que me puxera en contacto co biólogo Alfredo López, a voz máis coñecida da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños de Galicia (CEMMA) e un dos maiores especialistas nas distintas especies de cetáceos da costa galega.

    Cumprida a recomendación de Xosé, Alfredo respostou aos poucos minutos e, tras advertirme que os tiña que ver en persoa, comentoume que os ósos eran… “unha costela e un maxilar (ou anaco de maxilar ou das primeiras costelas, que son máis anchas) dunha balea grande. Pode ser que saian máis ósos, Xabier, pois leva aí moitísimo tempo porque están moi gastados”.

Costela de balea atopada en Valcovo
   Ao decirme que “leva aí moitísimo tempo”, tan preto das vilas de Malpica e Caión, onde os seus mariñeiros se dedicaron á pesca de cetáceos durante séculos, eses ósos que atopamos en Valcovo Brais e un servidor semellaban unha cousa simbólica, como se se quixesen remomerar tempos pasados, tempos nos que os mariñeiros destas dúas vilas, cunha audacia extraordinaria, eran admirados en media Europa.

     Os de Malpica tiñan abraiado xa, no século XVII, a Cosme de Médici pola súa pericia no manexo do arpón nas súas pequenas embarcacións. O ilustre viaxante, herdeiro do gran ducado de Florencia, empeñouse en coñecer en persoa en 1669 o “máis famoso porto de pesca de baleas ao que chegan dos afastados mares norteños de Noruega e de Groenlandia”.

   “Esta villa (deixou escrito o cardeal Jerónimo del Hoyo tamén no século XVII) es el puerto de mar donde se pescan más ballenas. Hay grandes matanzas cada invierno y es pesca de gran provecho, porque de un ballenato, por pequeño que sea, se sacan doscientas arrobas o cántaras de aceite, que se utiliza lo mismo que el de olivas, salvo para comer. Se saca este aceite haciendo pedazos de ellas y puestas a cocer en unas grandes calderas, se derriten, y queda casi todo en grasa. Péscanse cada año siete u ocho ballenas, dos más o menos, arriendan los vizcaínos, que son los que las pescan y deben pagar por este comercio cada año siete mil maravedíes al arzobispo de renta fija”.

    Naqueles tempos nos que as baleas que viñan do crepúsculo do mundo, e que asiduamente pasaban por diante dos areais de Arteixo para quentar o sangue nas costas africanas, os mariñeiros galegos aprenderon o oficio de baleeiro ao carón dos vascos, que xunto cos normandos e após esgotaren o Golfo de Biscaia, na súa persecución dos grandes cetáceos, derramáronse pola costa galega e monopolizaron a actividade en boa parte do século XVI.

    Nesta época, centenas de mariñeiros de Mutriku, Zarautz, Orio ou Deba acudían nas súas fráxiles chalupas ata o noso litoral, onde ficaban os catro ou cinco meses de inverno. Son anos nos que o noso comercio co País Vasco, ata daquela baseado no troco de ferro biscaíño por sardiñas das rías e viño de Ribadavia, intensifícase notablemente grazas a balea que, unha vez licuada, proporcionaba o saín dos candís que constituía o principal produto das exportacións galegas a Euskadi.

    Os bascos tíñanse apoderado do monopolio de caza da balea en augas galegas, e defendíano con uñas e dentes perante os competidores estranxeiros (que principalmente eran franceses), o que daría pé a numerosos conflictos entre eles, chegando mesmo as súas queixas, a seren atendidas polo emperador Carlos V, que mediante real cédula dada en Worms en maio de 1521, prohibe aos estranxeiros pescar baleas nas augas galegas: “so pena que el que lo contrario hiciere pierde e aya perdido las fustas e pinazas e bateles”. Outro documento da época indica: “E ahora Jácome Rua escribano en nombre de los procuradores generales de la ciudad de A Coruña y de los vicarios y mayordomos de la Cofradía de Santo Andrés de los Mareantes de dicha ciudad fizieron Relación por una su petición diziendo que de tres o quatro annos a esta parte ciertas naos y galeones de Françia venyan a las villas de Malpica y Cayón y otros puertos de la dicha ciudad y trayan mas de seiscientas personas y hazían armadas de diez y doze naos para matar vallenas y estaban allí ocho y diez meses matando las dichas vallenas y demás que encaresçían los bastimentos”.

Caza de unha balea no século XVII
   Estes datos móstrannos a importancia inmensa da pesca da balea nesta altura nas nosas augas, e revélannos outro gran problema porque explicaban que “la sangre y huesos de las dichas vallenas causaban tan gran hedor que ynficcionaba toda la costa del dicho Reyno de manera que los dichos mareantes no hallaban que pescar y lo que hallaban hera muy poco e sin sabor y hera aberiguado que se yba a otras partes lo qual hera en dapno universal de todos los dichos mareantes en tal manera quel trato de ello cesaría y más Rentas reales”.

     O monopolio quebra a partir de 1615, cando todas as compañías foráneas (e non só as estranxeiras) son expulsadas da costa galega, polo que os baleeiros vascos vanse para Terranova e a partir de aquí, e unha vez aprendido o oficio, os nosos devanceiros toman a remuda no litoral galego. Un veciño de Seaia (Malpica) describía en 1636 o proceso, ao declarar “que oyó decir que los primeros armadores del dicho oficio de ballenas que abían benido al dicho puerto de Malpica a matallas abían sido franceses y después de ellos biscaynos y agora los beçinos y naturales de dicha billa”.

     Nos séculos XVI e XVII a abundancia dos grandes mamíferos nesta parte do Atlántico era tal (segundo Cornide a especie que máis se podía ver na nosa costa era a “misticeta”), que orixinou a construción de numerosas torres vixía para localizalas dende terra e saír na súa procura. Sábese que cando circulaban pola nosa zona, os vixías de Malpica facían o seguimento da súa pasaxe dende a parte máis alta da Illa Malante das Sisargas, coñecida como O Talieiro; os de Caión facíano dende a Atalaia e, ademais, hai informacións dunha torre vixía en Langosteira, Suevos. Tamén hai rexistro de que cando as baleas eran perseguidas polas proximidades da Coruña, introducíanse pola Ría do Burgo ata o Temple, onde había instalacións baleeiras.

Litografía Perigos da caza da balea de Francis Allyn Omsted (1841), na que se ve como afunde unha chalupa

    Falar da caza da balea en Caión, é meterse na cociña do meu amigo Marcos Amado, impulsor do Museo do Mar da Confraría, lugar que vos recomendo visitar para que fagades un percorrido pola historia da vila a través da súa actividade piscatoria. Co teu permiso Marcos, e segundo as túas informacións, só quero apuntar que por volta do ano 1530 foron cazadas as primeiras baleas en Caión e desde ese momento ata 1700, ano da ultima captura, desenvolveríase unha importante actividade de pesca e transformacións dos grandes cetáceos, unha actividade que, como no caso de Malpica, estivera comandada no inicio por armadores de Guipúscoa e Biscaia e que, co tempo, pasaría á mans dos mariñeiros locais. Na súa “Descripción del Reino de Galicia”, o Licenciado Molina facíase eco, na metade do XVI, da importancia de Caión como porto baleeiro nun verso:

Y luego Cayón, do bien se trabaja.
Matar sus ballenas, que no es chica alhaja.
Pues sacan aceite y en gran muchedumbre,
el cual no se come, mas para la lumbre.
Le hace la oliva muy poca ventaja.

    A caza dos grandes mamíferos oceánicos nas augas galegas decaería notablemente na segunda metade do XVII e esfumaríase definitivamente no século seguinte. O Padre Sarmiento, facendo alusión da ría de Pontevedra, onde as baleas entraban en procesión todos os invernos, escribía: “donde era constante su aparición todos los años en época fija, pero que por no haber harponeros ni disposición para esta pesca, nadie las ofendía”.

    Se cadra por mor da persecución masiva de que foron obxecto, coas constantes batidas organizadas para a súa captura, ou tamén, como opinan algúns especialistas, por causa do quecemento das augas, que pudo provocar unha mudanza da ruta emigrando cara a rexións glaciais, o certo é que as baleas fóronse afastando do noso litoral, orixinando unha considerable diminución delas. O negocio deixaba de ser rentable, máis aínda cando en 1708 se autorizaban as importacións de graxa e saín procedentes de Terranova e que, comercializado por holandeses, británicos e vascos, inunda o mercado nacional. Xa no ano 1788, José Cornide informaba que a captura das baleas estaba practicamente abandonada, e iso que aínda frecuentaban a costa galega. A caza artesanal dos grandes mamíferos dende as rudimentarias embarcacións chegaba así ao seu final.

    A actividade resucitaría xa en pleno século XX, creándose as factorías de Caneliñas (Cee), Punta Balea (Cangas) e Morás (Lugo), mais cunhas pautas radicalmente distintas, e extinguiríase definitivamente, sen pena nen gloria, nos anos oitenta como unha das peaxes que tivo que pagar España ao entrar na Unión Europea. A última captura dun barco baleeiro galego producíase no ano 1985, e ese navío, que pertencía a IBSA (Industria Ballenera S. A., liquidada en 1994 cando estaba controlada pola familia Massó), é hoxe un museo flotante en Noruega onde, a diferenza de España, “si se preocuparon de salvalo do desmantelamento para recuperar, rehabilitar e difundir a singular e rica historia dunha industria de vital importancia económica e social para o litoral atlántico do norte do Estado. Aquí pecamos de non valorizarnos e esquecer un oficio tradicional durante séculos”, lamentaba o historiador Felipe Valdés Hansen, autor de “Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX)”, nunha entrevista publicada no xornal El País, na que tamén manifestaba o seu anhelo de que se recuperara, como acontece noutros lugares do mundo, o patrimonio industrial das vellas factorías baleeiras da Costa da Morte ou do Morrazo que aínda resisten, con moitas dificultades, ao paso do tempo.

    Noutro capítulo da súa obra Felipe Valdés dinos que, unha vez que os galegos desprazaron aos vascos como protagonistas do negocio, desde finais do século XVI e principios do seguinte, pódese distinguir o desenvolvemento de varios modelos organizativos nos diferentes portos da costa galega. Non entran neste esquema os portos de menor importancia que, como Camelle, Langosteira (Suevos) ou Portecelo, non contaban con persoal suficiente nin o financiamento necesario para formar unha armada de baleas. Por iso, continuaron a depender doutros portos ou dos foráneos.

Portos baleeiros galegos no século XVII (Felipe Valdés Hansen)
   Outro dato de interese deste traballo é o que se reflicte no relacionamento que dá o autor entre baleeiros asturianos, vascos e franceses nas augas galegas, aparecendo no ano 1631 un capitán ou arpoeiro de Guipúscoa, de nome Miguel de Lapazarán e como porto baleeiro de orixe o de Langosteira.

   Xa por último e noutra referencia a Arteixo, Felipe Valdés Hansen escribe que… “En la costera de 1613-14 el mercader Jácome Vidal, el arponero Bartolomé Fernández y el mercader coruñés Pedro de Arnilla unieron los puertos de Caión y Langosteira, armando cinco chalupas, tres de las cuales serían por cuenta de Pedro de Arnilla que, presumiblemente, las haría traer del País Vasco, disponiendo dos en Langosteira y la restante en Caión para ayudar a los citados vecinos. De igual modo, en la chalupa que Arnilla enviaba a Caión iría a bordo un “motila” o mozo, como ayudante, y un arponero más para la chalupa del mercader Jácome Vidal. Como tres de las cinco chalupas eran del coruñés, a él correspondían las 3/5 partes de los beneficios. Por su parte, los de Caión se comprometían a entregar dos cargas de trigo para la gente de Arnilla apostada en Langosteira. En cuanto al arrendamiento del puerto de Caión, lo repartirían en tercias partes por las tres chalupas que allí tenía cada uno, mientras que Arnilla costearía por su cuenta el de Langosteira que, como ya se dijo, pertenecía al conde de Lemos”.

En primeiro plano As Baleas, lugar do litoral do Rañal
   A lectura de “Los balleneros en Galicia” de Felipe Valdés Hansen é unha obriga, como tamén o é a de “Golpes de Mar” e “Vida e morte das Baleas”, onde o noso veciño Antón Castro (Lañas, 1959) dálle protagonismo ás baleas en varios dos seus relatos, como fixera co pincel o célebre pintor coruñes Urbano Lugrís, mestre do surrealismo que adoraba incluír os grandes mamíferos oceánicos nas súas innumerables e fantásticas paisaxes mariñas.

    A pegada galega da balea quedou reflectida en numerosos topónimos do país tan evidentes como Balea; Baleato; Cedeira, derivado de cetaria, lugar de grandes cetáceos; Balieiros; Balieiras ou As Baleas, lugar do litoral arteixán do Rañal próximo á praia da Area da Salsa. Apuntar tamén que en toda a xeografía galega só o Concello da Laracha, homenaxeando a vila de Caión, ten no seu escudo heráldico, nunha decisión plenamente xustificada, unha balea.

FONTES:

HOYO, JERÓNIMO DEL (1950): Memorias del arzobispado de Santiago (1607), Santiago de Compostela.
MOLINA, BARTOLOMÉ SAGRARIO DE (1550): Descripción del Reyno de Galizia y de las cosas notables del, Mondoñedo.
QUIÑONES, FERNANDO (1968): Las crónicas de mar y tierra, Editorial Ciencia Nueva, Madrid.
VALDÉS HANSEN, FELIPE (2010): Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX), Fundación Barrié, A Coruña.


Ningún comentario:

Publicar un comentario