martes, 23 de decembro de 2014

CRONICAS DE ARTEIXO: Muíños

MUÍÑOS DA PARROQUIA DE SANTIAGO DE ARTEIXO



     O Catastro da Ensenada de 1752 foi un permenorizado rexistro de habitantes, propiedades, edificios, gandería, oficios e outra serie de bens que ordeou realizar o rei Fernando IV nos quince mil lugares da Coroa de Castela co obxetivo de establecer un único imposto, un cobro que non se levou a cabo por mor do forte rexeitamento da nobreza.

     O inventario deste Catastro realizado na parroquia de Santiago de Arteixo recolle un total de dez muíños: un deles estaba no Rañal, que era propiedade dun tal Juan de Orxeira (veciño de Herves, Carral). En Caldas había dous, e pertencían a Joseph Sánchez de Taibo. Os sete restantes estaban no lugar de Candame, cinco dos cales eran de Manuel García, Antonio Torreiro, Euxenio de Boedo, Jacobo López Muñiz e Francisco Rodriguez de Ulloa. Os outros dous eran propiedade dos herculinos convento de Santo Domingo e á fábrica de Santa María do Campo.

     Dous séculos despois, os muíños do Rañal, de Caldas, do Pedregal, o de Laxobre, e o do Carmelito eran os únicos nos que se podía moer na parroquia...mais pouco a pouco, aproximadamente pola década dos setenta, irían pechando as súas portas e hoxe xa só quedan deles os contos que os nosos maiores gardan na súa memoria, contos como o dos muíños do Rañal ou do Pedregal que a continuación comparto con vós.

     As instalacións do Rañal (na actualidade aínda se pode ver algo deste edificio) albergaban no seu interior dous muíños. Un deles era propiedade da coñecida como casa dos de Bastón e o outro da casa dos da Leiteira, familias que tiveron o privilexio de ter luz nas súas vivendas catro anos antes de que esta chegase ao resto da aldea do Rañal, no ano 1958, grazas a un xenerador instalado no muíño que lles permitía ter corrente eléctrica. Estas instalacións abrirían un abanico de posibilidades na aldea. De feito, un dos antigos propietarios dun dos muíños, o coñecido como o Tío Antón da Leiteira, foi a primeira persoa do Rañal en ter radio.

                                           Os muíños do Rañal na actualidade

      Republicano, poñía a todo volume Radio Pirenaica, unha emisora creada a instancias de Dolores Ibárruri, La Pasionaria, que principiou a emitir no ano 1941 desde Moscú como unha vía de información do Partido Comunista. Pese á represión da época, o Tío Antón nunca tería problemas pola súa ideoloxía, seguramente, grazas a súa amizade co secretario municipal.

     Trinta anos antes de que as familias dos de Bastón e dos da Leiteira tiveran electricidade nas súas vivendas do Rañal, nos muíños do Pedregal dábase o primeiro paso para a electrificación da vila de Arteixo, electrificación que non se completaría ata os anos cincuenta. Este histórico feito recollíao o xornal La Voz de Galicia na súa edición do 22 de xullo de 1925 onde, con motivo das festas patronais da vila, informaba que ...aparte de otros números nuevos y atrayentes, habrá una novedad de las más gratas para el pueblo: la colocación de la primera piedra para la instalación de la fábrica de electricidad, que tan necesaria es aquí, y que se instala a base del salto de agua de los molinos del Pedregal.

                                           Os antigos muíños do Pedregal

      Na actualidade, seguindo co tema da electricidade, vivimos a carón de múltiples liñas de alta tensión que saen desa empresa que ten unha enorme cheminea e que di que ten apelido galego, que está instalada en Sabón, moi perto onde outro muíño, neste caso eólico, xenera parte da enerxía que necesita Inditex para fabricar as prendas que logo reparte por todo o planeta. Pois a uns poucos metros destes lugares, no remate do paseo fluvial, segue estando o edificio dos muíños do Rañal...eso sí, pedindo a berros unha profunda rehabilitación das instalacións e do seu entorno e, sendo testemuña dos continuos verquidos ao río Bolaños.




Ningún comentario:

Publicar un comentario