luns, 15 de decembro de 2014

CRONICAS DE ARTEIXO: Casos e Cousas

CRONICAS DE ARTEIXO: Casos e Cousas:

A MORTE DE LESLIE HOWARD, UN DOS PROTAGONISTAS DE "FOISE CO VENTO" ("LO QUE ELVIENTO SE LLEVÓ"), NO CABO ORTEGAL

      O clásico "Foise co vento" ("Lo que el viento se llevó" para os casteláns falantes) cumpre hoxe, 15 de decembro de 2014, 75 anos desde a súa estrea, o 15 de decembro de 1939, en Atlanta (EE UU), unha cita coa gran pantalla que puxo o broche de ouro aos anos de turtuosa producción dunha das rodaxes máis ambiciosas do cinema norteamericano.

     Na actualidade, o filme forma parte da cultura popular, con frases icónicas que repiten incluso quenes nunca se sentaron a ver as catro horas que dura esta historia de amor imposible entre Scarlett O´Hara (Vivien Leigh) e Rhett Butler (Clarck Gable) nos albores da Guerra de Secesión dos Estados Unidos, frases como "A Deus poño por testemuña que nunca máis pasarei fame"; "Francamente querida, impórtame un bledo" ou, "Despois de todo, mañán será outro día".

      Pois neste 75 aniversario do clásico americano, quérovos contar unha historia dun dos actores da película: Leslie Howard, que falecería nas augas galegas, só 4 anos despois.

     O 1 de xuño de 1943, en plena II Guerra Mundial, unha patrulla de avións nazis Junkers-88 atacaba o voo 777 da KLM e derrubaba, ao norte do Cabo Ortegal (moi preto de Cedeira), o avión DC3 "Ibis", falecendo os catro membros da tripulación e os trece pasaxeiros que viaxaban nel. O curioso deste sinistro é que un destes trece pasaxeiros era unha das estrelas cinematográficas do Hollywood dourados dos anos trinta e principios dos cuarenta: o galán británico Leslie Howard, quen sempre será lembrado polo seu papel de Ashley Wilkes, o grande amor de Scarlett O´Hara en "Gone with the wind". Mais Leslie Howard non só era un dos galáns e dos actores máis cotizados da época. Fortemente comprometido coa causa dos aliados, Howard colaboraba, naquela hora, activamente no programa"Britania fálavos" da BBC, antes que os Estados Unidos entrasen en guerra, e cando Hitler estreitou o cerco sobre Inglaterra. O famoso actor decidira regresar a Londres onde, perante a incapacidade de alistarse no frente, entrégase totalmente a unha campaña de propaganda para convencer aos norteamericanos de que debían intervir en Europa, para frear o avanzo do nazismo. Nunha das súas misións como axente da Foreign Office (os servizos británicos de intelixencia), Leslie viaxa a España en abril de 1943 para, segundo a versión oficial, dar unha conferencia sobre "Hamlet" no instituto británico de Madrid. Mais o motivo real da visita, era outro ben distinto. Tiña que lle facer chegar a Franco unha mensaxe de Churchill, na que se comunicaba que se España non entraba na II Guerra Mundial para apoiar a Hitler, os aliados non se vingarían no futuro.

     O pretexto que Howard empregaría para se achegar a Franco (o ditador español desconfiaba do embaixador británico, Samuel Hoare, pois era amigo persoal do Conde de Barcelona) era a súa intención de encarnar a Cristobal Colón nun filme, e estaba previsto que o contacto fose a actriz donostiarra Conchita Montenegro, moi vinculada coa Falanxe (era a moza de Ricardo Gimenez Arnau, un alto cargo franquista) e con quen Howard mantivera un idilio durante a incursión en Hollywood da actriz vasca.

     Cumprida a misión, no día 1 de xuño, o actor-espía británico apañaba un avión civil no aeroporto lisboeta da Portela, que debía levalo até o o aeródromo de Whitechurch (Inglaterra). Mais logo, despois de descolar, unha escuadrilla de Junkers-88 nazis atacou o voo do "Ibis" onde viaxaba o actor inglés, caindo o avión perto do Cabo Ortegal.

      Durante moitos anos mantívose a hipótese, de que os alemáns pensaban que nese voo ía o primeiro ministro británico Winston Churchil, mais esta tese sería descartada definitivamente cando en 1984 o fillo de Howard, o tamén actor Ronald Howard, recompilou nunha biografía do seu pai documentos que probaban que o ataque estaba dirixido directamente contra un dos protagonistas de "Foise co vento".

     No lugar da Capelada, moi próximo do Santuario de Santo André de Teixido, hai un cartaz e un monumento en forma de hélice que nos lembra o acontecido neste incidente aéreo. Leslie Howard fora de morto a onde nunca fora de vivo. O vento levárao a Galiza.

                                          Cartaz de Leslie Howard na Capelada





FONTES:

-O mar de Arteixo e os seus naufraxios; Xabier Maceiras






Ningún comentario:

Publicar un comentario