mércores, 11 de marzo de 2015
CRONICAS DE ARTEIXO: VOLFRAMIO
O VOLFRAMIO EN ARTEIXO
Principio este reportaxe lembrando a figura de Adolfo Vázquez Veira, "Adolfo de Tiso", falecido este pasado domingo 8 de marzo e que tantas historias me contou do noso concello, entre elas as do volframio. D.E.P.
Durante os anos II Guerra Mundial, a actividade mineira en Arteixo, aínda que nunca chegaría a atinxir a importancia doutras zonas da Galiza, foi bastante notábel. Nestes anos, onde os nosos devanceiros sofrían as penurias da posguerra e na que a febre do volframio tamén chegaría ao noso concello, 400 persoas traballaron directamente nas minas que aquí se exploraron, ás que hai que sumar furtivos e contrabandistas, que tamén tiveron a súa oportunidade para faceren negocio, aínda que o garda civil "Cadenas" facía todo o posíbel para impedilo (algúns familiares dos furtivos aínda se lembran da maldade e das tundas deste garda civil). Para gañaren máis, os mineiros roubaban mineral nas minas (para vendelo fora) e outros acudían aos montes, cos seus propios medios, para extraer o volframio que despois vendían no mercado negro. Esta práctica era coñecida como "ir á roubeta". Adolfo Vázquez Veira, que daquela tiña 12 ou 13 anos, lembrábase perfectamente de cando se armacenaba no alpendre da súa casa o volframio da "roubeta" e tamén me ten falado que nos primeiros anos da década de 1940, os "facultativos mineiros", coma seica lle chamaban os máis vellos, mandaron remexer moitos ferrados de terra. Na procura do ouro negro, perforaban montes e leiras que posteriormente voltaban a tapar se non aparecía o mineral, feito que provocaba o enfado dos propietarios xa que moitos deles perdían as súas colleitas.
Imaxe do ano 2012 de Adolfo Vázquez e un servidor
En Arteixo fóronse descubrindo unha serie de pequenas exploracións de escaso valor, tomadas por separado, mais con importancia potencial no seu conxunto. As de maior interese, encontraríanse no Monte Barbeito. En 1940, recoñécense superficialmente os filóns e, aos poucos, principian os labores iniciais nas concesións "La Rosa, "Cor" e "Rodeo" (unhas minas que serían as máis traballadas do concello), instalando o lavadoiro de minerais e postos. Todos estes depósitos mineiros serían traballados de forma moi rudimentaria, mediante a abertura de gabias, facendo labores artesanais no interior da mina, moendo e peneirando o mineral. Os obreiros e viciños non souberon nunca a importancia que tiña para os nazis o mineral que extraían. Non imaxinaban que os tanques do Africa Korps, que o mariscal Rommel comandaba no deserto do Exipto, estaban reforzados co volframio de Arteixo.
En 1944, os norteamericanos ameazaban con represalias comerciais a Franco para que España deixase de enviar volframio a Berlín. O ditador español, que xa intuía que a Alemaña ía perder a Guerra, xogando a cabalo gañador, aseguraba a Washington que non voltaría a facer fretes para Hitler. Porén, nas minas galegas continuábase a traballar duro porque o ministro do Comercio, Demetrio Carceller, organizaba envíos clandestinos nos portos de Vigo e Valarés. As ameazas dos Estados Unidos ao rexime franquista non tería o efecto esperado polo que os americanos, dado que os alemáns continuaban recibindo volframio, utilizarían dous métodos para dificultar o abastecemento do mineral galego a Hitler. O primeiro, foi o embargo petrolífero a España nese mesmo ano 44 e o segundo, consistiu en comprar no mercado libre todo o volframio disponíbel, o que provocaría que o prezo se multiplicase por máis de dez. Esta operación sería unha auténtica aplicación práctica e bastante exitosa da táctica do pau e cenoria.
Cuadrilla de mineiros no Monte Barbeito nos anos 40
A do tamén chamado ouro negro, foi unha exploración intensa mais breve no tempo xa que deixaría de interesar en 1945, no final da II Guerra Mundial e, aínda que voltaría a repontar coa Guerra de Corea (1951-1953), nunca o faría coa mesma intensidade que nos anos cuarenta. No conflito bélico coreano, os americanos virían a ser os compradores do mineral e os vendedores xa estaban máis estructurados. Nesa altura, o grupo asturiano Fierro foi quen liderou este novo proceso, mais cumpre lembrar que entre os anos 1939 e 1953, a Galiza atinxiu o 69% da produción de volframio en España.
En Arteixo, a Guerra de Corea reanima a minería da zona, polo que as exploracións do concello sofren un novo impulso. Nestes primeiros anos cincuenta, retómanse os traballos sobre os filóns do Monte Barbeito, comezando as exploracións do interior da mina, unha mina que nesa altura contaba cun cadro de persoal duns 200 obreiros e na que no interior traballaban dous turnos de oito horas, facendo un avanzo aproximado de 0,5 metros diarios por medio de barrenas manuais. Á parte das do Barbeito, outras concesións de interese no noso concello foron "Caxigalmes" e "Fuente Santa" en Sobico; "Olguita" en Barrañán; "Elida" en Loureda; "Elenita" en Uxes; "La Perdida" en Morás e, "Lunes" en Vilarrodís. Tamén foron importantes as extraccións realizadas na zona onde hoxe está o Restaurante Valcovo e outras pola zona de Figueiroa, a carón das instalacións da empresa madereira Vázquez Rey S.L. No final da Guerra de Corea, as diferentes concesións existentes en Arteixo irían fechando aos poucos, morrendo así a febre do volframio, do que aínda quedan historias pendentes por contar en Crónicas de Arteixo coma, entre outras, a do avión nazi que viu caer Adolfo de Tiso en 1942 (tiña 12 anos) nas augas de Suevos. Mais esta queda para outro día!
Mineiros na Ponte do Va nos anos 50 (Adolfo é o do botixo)
FONTES:
Adolfo Vázquez Veira
O mar de Arteixo e os seus naufraxios. Xabier Maceiras
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario