martes, 17 de marzo de 2015
CRONICAS DE ARTEIXO: CRÓNICA NEGRA
O INCENDIO DO "NEW LANGHAM HOTEL" DE LONDRES
O mércores 11 de maio de 1971, catro meses despois da separación dos Beatles, os informativos da BBC e os principais xornais británicos, ocupaban os seus respectivos espacios informando sobre o sinistro acontecido no día anterior nun hotel de Londres, sinistro no que falecerían oito persoas, catro delas galegas: os matrimonios formados por Francisco Martínez Fernandez e Dolores Albela Sierra, veciños de Mazaricos (A Coruña) e pais dunha nena de nove meses, e o formado por Manuel López Pombo e María del Carmen Aldao Lista (él de Arteixo e ela da Laracha), que eran pais de tres cativos de curta idade. As dúas parellas eran empregadas do New Langham Hotel, o lugar no que gañaban o pan traballando no seu servicio doméstico.
La Voz de Galicia, 12 de maio de 1971
Manuel López Pombo, de 35 anos, e María del Carmen Aldao Lista, uns dous anos máis nova que o seu home, vivían, antes de saír para a capital inglesa, en Lañas. Él era natural da Lagoa, parroquia de Sorrizo, e ela da de San Román, na Laracha, e emigraran a Londres dous anos antes do incendio deixando en Arteixo aos seus tres fillos: María Azucena, de 7 anos; Juan Manuel, de 4, e Fernando, de 2. Os dous primeiros deixáranos na Lagoa ao cuidado da súa bisavoa na casa na que, naquel intre, vivían o pai de Manuel López (Augusto López Costa, de 60 anos) e seis irmáns deste. O terceiro fillo do matrimonio, Fernando, quedara ao cuidado dunha señora de Arteixo.
Os cónxuxes escribían con frecuencia á casa dos seus familiares, e na última carta, recibida na Lagoa, informaban que cambiaran de vivenda en Londres e que, a partir de entón, lles escribiran á nova dirección, que non era precisamente a do hotel no que tristemente falecerían, xa que vivían en domicilio aparte. Manuel e a súa dona foran a Inglaterra co obxecto de aforrar a suma necesaria para construir unha casa en Arteixo que, naquela hora, xa estaba moi adiantada grazas aos xiros frecuentes á Caixa de Aforros que foran enviando durante os dous anos na emigración.
Manuel, que quedara orfo de nai sendo pequeno, era o maior de oito irmáns. Con anterioridade a súa marcha a Londres, traballara nunhas obras en Sabón, cunha empresa particular na que, cando se produxo o incendio no hotel, traballaban dous irmáns seus.
Manuel e María del Carmen en Londres
Unha semana despois do sinistro, Jack Candlish, inspector xefe de Scotland Yard, informaba que o incendio fora provocado e que principiara no piso baixo do inmoble, lugar donde o causante do mesmo barrufara, cunha sustancia inflamable, gran parte do cuarto destinado a gardar mobles e utensilios do hotel. Despois de que o criminal prendera lume, as lapas rapidamente se extenderon polo resto do andar e, subindo pola vella escaleira de madeira, non tardaría en chegar aos pisos superiores. Dada a antigüidade do edificio e os materiais facilmente inflamables que contiña, o lume extenderíase de forma incontible en poucos minutos sen dar opción a salvarse aos que durmían naquel intre nos pisos altos do hotel, entre eles Francisco, Dolores, Manuel e María del Carmen, os catro galegos mortos no incendio.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario