sábado, 2 de abril de 2016

CENTENARI@S DE ARTEIXO


La Voz de Galicia, 21 de setembro de 1963
     Vivimos na xeneración máis lonxeva da historia, preocupada polo envellecemento da poboación e o drástico cambio de rumbo das nosas curvas demográficas, cada vez con menos nenos e máis anciáns. Mais esta realidade xa a coñecemos dende hai tiempo: non é, precisamente, unha novidade científica. E é que, agora, a nova revolución médica e social en canto á vellez non se refire só ao aumento da esperanza de vida senón que se ocupa, especialmente, dos que son "máis que vellos", os máis maiores entre os maiores: os que xa cumpriron 100 anos.

     O centenario, unha fronteira mítica e infranqueable fai apenas medio século, empeza a converterse nunha expectativa realista para cada vez máis cidadáns do planeta. Xa non só se chega a vello, chégase a ser "moi vello" e con grandes probabilidades de facelo en plenitude de condicións físicas e mentais. E, por suposto, isto supón toda unha revolución á que os médicos, psicólogos, sociólogos e políticos parece que non se dan afeito.

    Este envellecemento da poboación é un fenómeno a nivel mundial que, no caso de España, diu lugar a que na actualidade vivan 14.487 persoas centenarias, fenómeno ao que os demógrafos denominan "a cuarta idade". Dentro do Estado español encóntrase a zona xeográfica do mundo (só equiparable á de Xapón) máis envellecida: Galiza, un caso extremo en lonxevidade, que actualmente conta con 630.000 persoas maiores de 65 anos. Isto, en porcentaxe, supón un 22,5% da poboación, da que 1.200 persoas escriben a súa idade con tres cifras. E as previsións indican que a porcentaxe de poboación nesta asombrosa franxa de idade seguirá aumentando durante as próximas décadas...mais lamentablemente, só un de cada 80 galegos ten praza nun xeriátrico.

     Galiza envellece a ritmo lento pero constante, principalmente nas provincias de Lugo e de Ourense. En 2010 o noso país superou por primeira vez a barreira dos mil centenarios. No ano seguinte eran 1.025 (812 mulleres e 213 homes) dos cales 322 correspondían á provincia da Coruña (262 mulleres e 60 homes).
El Ideal Gallego, 21 de novembro de 1973

      No 2013, na provincia coruñesa estaban contabilizados 374 centenarios e, como nas anteriores estadísticas, a inmensa maioría eran mulleres, case o cuádruplo (296 frente a 78 varóns). O dato supoñía un incremento do número de maiores de 100 dun 20,6% respecto a 2011, ano no que por primeira vez o I.N.E. diferenciaba aos de máis de 100 anos (antes  incluíaos no epígrafe global de máis de 85 anos). Por localidades, a cidade da Coruña rexistraba, nese ano 2013, ata 73 centenarios, seguida de Compostela con 31, Ferrol con 21 e Melide con 18. Xunto a Betanzos, Arteixo era con 7 o concello da área metropolitana (exceptuando  A Coruña) con más centenarios, por diante de Culleredo con seis e Oleiros con cinco.

     Unha daquelas sete persoas centenarias de Arteixo era a miña veciña do Rañal Dorinda Naya Iglesias, nada en 1912 e falecida con 102 anos en febreiro do 2015, unha muller cunha memoria fora do común (lembrábase das datas de nacemento de toda a veciñanza e familiares) coa que tiven o  privilexio de pasar centos de tardes escoitando as súas lembranzas do Arteixo de antes. Dorinda vivira na súa infancia anos duros, moi duros de miseria que, como dicía ela..."non tiñamos nin calzares" e, o mesmo que toda a xente da súa xeración, tamén vivira o cambio do candil á bombilla; do lavadoiro á lavadora; do branco e negro á era dixital; ou do carro de bois aos coches todoterreo. A súa memoria gardaba refráns, cantigas, tradicións, contos e lendas. Lembrábase tamén con detalle do reinado de Alfonso XIII, dos anos da II República, da Guerra Civil, da dureza da posguerra e por suposto da ditadura de Franco. Escoitar a Dorinda como debullaba os contos polo miúdo era un auténtico pracer. Gustáballe moito tamén falar do mar, lembrarse dos que perderan a vida nas rochas, de cando ían ao golfe e das cousas que aparecían nos areais..."a primeira vez da miña vida que vin plátanos non sabía o que eran, nin sabía que se podían comer. Máis ou menos polo 1930, apareceron centos deles na praia da Area da Salsa e nós levámosllos aos porcos. Un par de anos máis tarde apareceran no areal de Alba moitos bocois de viño e tivemos que pagarlle aos carabineiros para poder quedarnos con él. Nunca tanto viño se bebeu no Rañal! As mulleres tamén íamos ás praias a buscar botellas de vidro que traía o mar, para logo gardar nelas o aceite".
Imaxe de 2012, de cando a veciña do Rañal, Dorinda Naya Iglesias, cumpría 100 anos
  Aos que hoxe rondamos o medio século de idade, afortunadamente xa non nos tocou vivir os tempos de sacrificio, de traballo duro e de fame que pasaron os nosos maiores, mais un momentiño: o ritmo de vida frenético que levamos na actualidade estanos a poñer unha venda nos ollos, pois impídenos ver o tesouro que os máis vellos, e xa non digamos @s centenari@s, gardan nas súas memorias. A pesar do mundo de presas no que vivimos, no que parece que non haxa tempo nin para falar (se cadra pola desaparición das lareiras) non debemos desaproveitar a oportunidade de escoitar as súas lembranzas e vivenzas.

     Remato contándovos que a persoa máis lonxeva de Galiza é Avelina Mouzo Leis, unha muller de Ponte do Porto (Camariñas) de 111 anos e que, a día de hoxe, en Arteixo só hai dúas persoas centenarias, unha muller de 100 e outra de 103, un Arteixo que nos anos sesenta e setenta, cando chegar á idade dos tres díxitos non era tan frecuente como o é agora, fora motivo dos reportaxes que se acompañan da veciña de Santa Icía, María Ponte, que en 1963 contaba con 106 anos, e de Encarnación González Més, que en 1973 convertíase en centenaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario