xoves, 19 de maio de 2016

A RECOLLIDA DO GOLFE

     A maioría dos nenos galegos que nos criamos no rural, fumos medrando escoitando centos de contos que os maiores contaban a carón do lume da lareira nas longas tardes invernais, contos que na miña casa, canda había xuntanza familiar pola festa do Santiago ou da Santa Eufemia, era ben raro que os avós e os tíos non lle deran protagonismo ao mar.

     Falar do mar na nosa casa, era falar de moito sacrificio e de traballo duro, e a recollida do golfe, que son as algas ou argazo que o mar arrinca e arrastra ata as rochas e os areais, era un deses traballos.

     Esta actividade, moi enraizada nos veciños da contorna das praias e presente ata hai ben pouco tempo, foi sustento ben importante para a xente que se adicaba á labranza pois, naqueles tempos de escasezas económicas e de recursos que lle tocaron vivir aos nosos avós, o golfe era como un agasallo caído do ceo: grazas a el as terras podíanse aboar de xeito gratuíto...era o esterco do mar!
El Heraldo de Madrid, 21.11.1929
     A recollida era unha tarefa traballosa e moitas veces, cando se apañaba nas rochas, abofé que ben perigosa. Emilia Pichel, nai do meu veciño Francisco Sanjurjo, coñecido por todos como Kiko de Pichel (un pai para min), perdera a vida nun día de novembro de 1929 cando estaba collendo no golfe nas rochas da Ermida do Rañal, a carón donde hoxe está o monumento ao Voyeur, no paseo marítimo. Emilia recollía o esterco mariño para abonar as terras nas que quería plantar, no mes de nadal, as patacas de cedo. Tiña 30 anos e deixaba orfos a dous fillos de curta idade: Ramón e Kiko.

      Meus avós dicían que tras dos temporais, o golfe chegaba en grandes cantidades á ribeira das vilas. Falaban de bardas de golfe e contaban que moitas veces, dependendo das mareas, había que madrugar moito para ser os primeiros en chegar ás praias. Amañaban o carro de bois, as ferramentas para a recollida e os paxes de vime para carrear. Logo, xa nos areais, había que procurar unha situación boa e coa maior comodidade posible para cargar o carro que, unha vez cheo, levábase ás leiras para esparexer todo posteriormente.

   Meus tíos contan, coa retranca que herdaron de seu pai, que cando eran mozos teñen ido a paxear no golfe ao dereito de vir de troula...”eran outros tempos que oxalá non volten”, din. Cando falo con eles desta tarefa, bríllanlles os ollos, non sei se polas lembranzas do traballo duro ou pola nostalxia dos tempos mozos. En calquera caso, o certo é que o golfe foi durante séculos unha boa axuda para as familias que vivían a carón do litoral.

   Remato xa, e fagoo co Padre Sarmiento que, no seu Coloquio en milduascentas coplas galegas, escrito en 1745, faille referencia nunha copla ao devandito esterco mariño:

Vai coller o gasto
cun sacho e cun cesto,
o gasto das bestas,
dos homes e cerdos,
e mais para estrume
o golfe mareiro,
a xeba e argazo
o bocho e verdello.


     
    

Ningún comentario:

Publicar un comentario