domingo, 24 de xullo de 2016

O PARTIDO ENTRE O PEÑAROL DE LAÑAS E O PEÑAROL DE MONTEVIDEO

     Hoxe, aproveitando a coincidencia do encontro que o Peñarol e o R.C. Deportivo xogan en Uruguai, vou a falarvos dun partido que o equipo de Montevideo xogou na Coruña en agosto de 1975...mais un momentiño, non vaiades a pensar que foi contra o Deportivo, non, non, o Peñarol de Montevideo enfrentárase no campo de Elviña a un equipo de Arteixo, o Peñarol de Lañas. Si, si, ledes ben: Peñarol de Lañas-Peñarol de Montevideo, lendario choque do que aínda se fala de cando en vez por estos lares!

     Todo acontecera grazas ao presidente do Peñarol de Montevideo, Washington Cataldi, un home que asumira a presidencia do equipo en 1973 e que con anterioridade, entre 1969 e 1971, fora Subsecretario do Ministerio de Industria de Uruguai. Cataldi, que foi o gran ideólogo da creación da Copa Libertadores, posibilitaría a participación do Peñarol no Trofeo Teresa Herrera nas edicións de 1974, 75, 76 e 83 grazas aos seus estreitos vínculos con Arteixo, concretamente co lugar de Freán, na parroquia de Morás, a donde viña todos os anos coa súa dona Susana a pasar unha semana do verán á casa na que nacera súa sogra Pepa Martínez, que emigrara a Uruguai sendo unha cativa de 14 anos.

     Pois ben, en 1974, na primeira vez que o Peñarol veu á Coruña a disputar o decano dos trofeos veraniegos, xurde a idea de organizar un partido amigable entre os homónimos de Montevideo e de Lañas. A iniciativa fora cousa de Rosendo Rumbo, sobriño político da sogra de Cataldi, e de Moncho de Pedro, o panadeiro de Lañas que, ao repartir no seu Land Rover o pan por Freán, sabía da estadía do presidente do Peñarol de Montevideo na casa de Rumbo. Os dous, Rosendo e Moncho, que naquel intre era o Pelé do equipo de Lañas, pensaban que sería ben fermoso que se enfrontaran os dous "Peñaroles", idea que a Washington Cataldi, sorprendido por saber que había un Peñarol en Arteixo, tamén lle entusiasmara. O presidente da entidade charrúa aceptaría disputar ese partido de confraternidade co modesto clube arteixán unha vez que o seu equipo se proclamou campeón do Teresa Herrera (vencera na final ao Borussia Mönchengladbach por 3-2) pois, naquela hora, o gañador do prestixioso trofeo estaba convidado á edición do seguinte ano.

     E así chegamos a agosto de 1975. O Peñarol chega ao aeroporto de Alvedro o día 5 para disputar, xunto ao Atlético de Madrid, Stoke City e Cruzeiro de Belo Horizonte o trofeo Teresa Herrera por segundo ano consecutivo. Mais antes había que cumprir as promesas. Había que xogar o partido que idearan un ano antes Cataldi, Rosendo Rumbo e Moncho, o panadeiro de Lañas, partido que se xogaría no campo de Elviña o día 6 e do que La Voz de Galicia facía a seguinte crónica na súa edición do xoves, 7 de agosto de 1975, coa sinatura de Moskowich:
La Voz de Galicia, 7 de agosto de 1975
     "Ayer tarde, en el campo de Elviña, se celebró un encuentro amistoso entre el Peñarol de Montevideo y el Peñarol de Lañas (Arteijo). El gesto de los campeones uruguayos fue muy favorablemente comentado al haber accedido a enfrentarse a su homónimo de tan inferior catalogación balompédica. El recinto de juego de la Federación Gallega de Fútbol ofrecía un estupendo aspecto, con bastantes aficionados presenciando el partido. El terreno de juego estaba mejor que otras veces, ya que los directivos gallegos tuvieron la precaución de pasarle un pisón de 5.000 kilos y regarlo a continuación, con lo que se evitó el polvo. El Peñarol de Montevideo presentó su equipo de gala, y actuó en plan de entrenamiento y exhibición, pese a que por la mañana ya había realizado otro entrenamiento en el Estadio de Riazor. Sus jugadores y directivos actuaron con una delicadeza y atención totales, metiéndose a los aficionados prácticamente en el bolsillo. El resultado final fue de 8-1 a favor, como es natural, de los uruguayos.
PEÑAROL DE MONTEVIDEO: Walter Corbo; Perurena, Olivera, Mario González; Nelson Acosta, Pedro Custodio; Quevedo, Unanue, Morena, Silva y Pizzani. Para relevos contaron con Fosatti, Garisto, Walter García y Barbosa.
PEÑAROL DE LAÑAS: Vilas; Collazo, Sánchez, Caamaño; López, García; Moncho, Sande, Dopico, Hermida y J. Manuel García. Para cambios contaron con Paz, Sánchez, Ferro y Alvarez además del apuntado ya de Walter Corbo como portero en el segundo tiempo".

     O mesmo día El Ideal Gallego escribía, con sinatura de L.G., a seguinte crónica:

     "Ambiente de expectación en el campo de Elviña ayer por la tarde, con numeroso público en las gradas. Se enfrentaban el Peñarol de Montevideo y el Peñarol de Lañas-Arteijo, en homenaje de los uruguayos a su homónimo coruñés. Un homenaje simpático, emocionado y cargado de escenas bonitas, con abundancia de autógrafos, poses para los fotógrafos y obsequios de unos a otros. Los equipos, bajo la dirección del señor Cruz, que pitó bien, formaron así:
PEÑAROL DE MONTEVIDEO: Corbo (Fosatti); Peruena, Olivera, Mario González; Acosta, Pedro Custodio; Quevedo, Unanue, Fernando Morena, Ramón Silva y Pizzani. También jugaron Garisto, García y Barbosa.
PEÑAROL DE LAÑAS: Vicas (Corbo); Collazo, Sánchez I, Caamaño; López, García; Moncho, Sande, Dopico, Hermida y José Manuel. Además de la actuación del meta uruguayo Corbo, en el segundo tiempo, también jugaron Sánchez II, Ferro y Alvarez.
Fue fácil la victoria de los uruguayos, que ganaron por 8-1, empleándose más a fondo en el primer tiempo que en el segundo. El público lo pasó muy bien, porque se vieron jugadas muy bonitas, goles de todas las marcas y sobre todo una hermandad estupenda, en la que han puesto la primera piedra los uruguayos al saber que aquí había un club que tenía su mismo nombre. Al descanso se llegó con ventaja del cuadro sudamericano por 5-0. Marcaron por el Peñarol de allá, Fernando Morena (3), Ramón Silva (2), Mario González, Quevedo y Unanue. El tanto del conjunto de Lañas fue obra de Fosatti en propia meta" .
El Ideal Gallego, 7 de agosto de 1975
   
     Dous días despois do partido co equipo de Lañas, o Peñarol de Montevideo, naquel intre comandado pola súa estrela Fernando Morena, dianteiro que non tardaría en fichar no Rayo Vallecano, debutaba no Teresa Herrera vencendo nunha das semifinais ao Atlético de Madrid e, posteriormente, vencería na final ao equipo brasileño do Cruzeiro.

     Pola contra, o Peñarol de Lañas poñía fin ao remate da tempada 1975/76, só uns meses despois do lendario enfrontamento co seu homónimo de Montevideo, a 12 anos consecutivos de equipo federado. Atrás quedaban os tempos do campo da Azureira que tanto nomea na súa obra o escritor Antón Castro (Lañas, 1959) e daqueles partidos heroicos do Peñarol dos Groufo, Gorecho, Dubra, Moncho de Pedro, Paxín ou o grande Boedo, que ten deixado medio noqueado a algún que outro adversario co seu gran trallazo...tempos dos que xa vos falarei noutra ocasión!

Ningún comentario:

Publicar un comentario