venres, 18 de agosto de 2017

DANI BOUZAS, O SEGUNDO FUTBOLISTA DE ARTEIXO QUE XOGOU NA 1ª DIVISIÓN


Dani coa camiseta do Sporting de Xixón
      Dende que Arsenio Iglesias se retirara dos terreos de xogo no derradeiro partido da tempada 1964-65 vestindo a camiseta do Real Oviedo, nunca outro futbolista arteixán volvera a xogar en Primeira División ata tres décadas despois, concretamente ata o 19 de febreiro de 1995, que foi o día no que Daniel Bouzas Pan debutou na máxima categoría do fútbol español co Sporting de Xixón.

     Fillo do pontecesés Jesús Bouzas Trigo e da arteixá María Pan Vázquez, Dani viña ao mundo o 21 de xaneiro de 1974 en Arteixo, a localidade natal da súa nai e na que, despois de botar uns anos traballando en Uruguai, establecera o seu domicilio o matrimonio e as dúas fillas que tiñan naquel entón, a menor delas nacida en Montevideo. Á volta da emigración Jesús e María serían pais de catro fillos máis na vila do Bolaños: tres nenas e Daniel, unha familia Bouzas Pan que a finais da década dos setenta, cando o noso protagonista contaba con 4 ou 5 anos, abandona Arteixo por motivos laborais dos proxenitores e empezaba unha nova andaina na localidade madrileña de Fuenlabrada onde, co paso do tempo, Dani Bouzas empezaría a facerse un oco no mundo do fútbol no grupo madrileño de Terceira División.

Dani, na bicicleta, con catro das súas irmás en Arteixo, na zona de Caldas
     Alí, no Club de Fútbol Fuenlabrada, as súas condicións pronto chamarían a atención de varios equipos de categoría superior, mais finalmente sería o Sporting de Xixón quen se faría cos seus servizos na tempada 1994/95 para reforzar o equipo filial que dirixía o técnico Ramiro Solís en 2ª División B. O futbolista arteixán debutaría nesta categoría na primeira xornada do campionato nun partido que o conxunto asturiano perdería en Lugo por 2-0. As súas boas actuacións na liña de ataque do filial sportinguista, anotando 5 goles na primeira volta do campionato, non pasarían desapercibidas para o técnico do primeiro equipo, Mariano García Remón, un adestrador que faría debutar en Primeira División a Dani na xornada 22ª, no partido Celta-Sporting, que remataría cun resultado favorable aos olívicos por 2-0. As cousas empezaban a irlle ben ao futbolista de Arteixo. Tiña 20 anos e xogaba en Primeira División... que máis se podía pedir!

     A mala traxectoria do Sporting na Liga, coqueteando habitualmente cos postos de descenso, levarían á directiva a destituir a García Remón, que sería remprazado no cargo por García Cuervo, técnico que estaría ao frente do banquillo dende a xornada 25ª ata a 37ª e que contaría habitualmente con Bouzas no seu once titular. A raíz dunha nova destitución no banco sportinguista, o arxentino Ricardo Rezza faríase cargo do equipo para tratar de salvar a categoría nunha angustiosa promoción contra o Lleida, obxectivo que os asturianos acadarían xogando o futbolista arteixán os dous partidos da mesma: 2-2 e 3-2.
    Na seguinte tempada, a 1995/96, o Sporting de Gijón viviría unha situación semellante á anterior, pasando polo banco ata un total de tres adestradores: Rezza, Solís e Díaz Novoa, que sería o artífice de que o equipo se mantivera en Primeira un ano máis. Dani disputaría un total de 31 partidos, 13 de titular e 18 de suplente, marcando o seu primeiro gol en Primeira na xornada 32ª, no enfrontamento Sporting 3-Mérida 1.
 
    Benito Floro faise cargo do once asturiano na campaña 96/97, na que o noso futbolista só xoga oito partidos da primeira volta e, ante a falla de oportunidades decide irse a xogar en Segunda División co Albacete que dirixía o seu prezado Mariano García Remón, o adestrador que o fixera debutar en Primeira. Naquela media tempada no cadro albaceteño, Dani xoga 21 partidos e anota 3 goles.
 
Dani co traxe do Nacional de Montevideo en Arteixo
  O noso protagonista permanecería no Albacete ata o remate da tempada 98/99 e, na seguinte, xogaría outra vez en Primeira División co Raio Vallecano, que naquela hora estaba dirixido por Juande Ramos. Unha vez máis a falta de oportunidades, xogando soamente 33 minutos en toda a primeira volta do campionato, levaríano a marchar cedido e competir en Segunda co Toledo, onde Dani xoga 14 partidos e anota dous tantos, bos numeros individuais que non impedirían que o once toledano descendera a Segunda B.  

     O arteixán volta na tempada 2000/01 ao Raio Vallecano de Juande Ramos, un técnico que pouco contaría co galego xa que, ao longo de toda a campaña, só disputaría uns poucos minutos repartidos en catro partidos, o último deles xogado o 10 de xuño do 2001 en Vallecas contra o Numancia, encontro que venceran os locais por 2-1 e que sería o último que Dani Bouzas disputaría en Primeira División.

    Unha tempada co Castellón en 2ª B, a 2001-02, e dúas na mesma categoría co Logroñés, a 02-03 e a 03-04, darían paso a cinco campañas consecutivas defendendo as cores tamén en 2ª B do Linares. A súa penúltima tempada en activo sería a 2009-2010 no Alavés, clube co que xogou 27 partidos e marcou catro goles en 2ª B. Dani finalizaría ao ano seguinte a súa traxectoria deportiva xogando en co Móstoles, mais o gusanillo levaríao de novo ao céspede uns meses máis tarde para xogar, ao mesmo tempo que iniciaba a carreira de adestrador, na Preferente madrileña co Juventud de Móstoles, onde empezaría a dirixir ao xuvenil B. No 2013 apadriñaría en Fuenlabrada un equipo que leva o seu nome, o Club Deportivo Dani Bouzas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario