sábado, 5 de agosto de 2017

A GASOLINEIRA DE VILARRODÍS

  Falar cos irmáns Mari Carmen e Francisco Mosquera González sobre o Arteixo de antano é un auténtico pracer. As súas lembranzas da Baiuca e do Morás da súa infancia e xuventude son unha delicatesen para os meus oídos, xa que ambos son quen de sacar da chistera diversos temas, personaxes ou situacións que debullan polo miúdo e que non deixan de sorprenderme. Moitas desas viaxes no tempo realizadas con Mari Carmen e con Francisco, ás veces, tamén rematan na época na que os seus avós Francisco Mosquera Calvete e Aurelio González Canedo eran alcaldes do concello arteixán, cargo que Francisco, que ten rúa adicada na capital do concello, ocupara ata en tres ocasións (1936-1939; 1946-1953 e 1953-1955) e Aurelio en dúas (dende marzo de 1953 ata outubro do mesmo ano e, dende outubro de 1955 ata decembro de 1956), a última delas sustituíndo ao fronte da alcaldía ao seu consogro Francisco que, ata o de agora, é o único alcalde que faleceu ocupando o cargo.  

      Nas conversas con Francisco, conversas que a maioría das ocasións mantemos na súa oficina da Avenida de Fisterra de Arteixo na que xestiona a axencia de seguros Allianz, o fútbol tamén está moi presente e, habitualmente, acabamos debatendo sobre o R.C.Deportivo da Coruña, un cadro herculino no que xoga o seu fillo Pedro, Pedro Mosquera, o actual capitán e unha das estrelas do equipo deportivista. Mais este é un tema do que xa vos falarei noutra ocasión. Hoxe vouvos falar da gasolineira que abriron en Vilarrodís nos anos 60 Fernando e Purificación, os pais de Mari Carmen e Francisco.
Xaneiro de 1966. Bendición do campo da Viña nos prolegómenos do partido do campionato ligueiro Atlético Vilarrodís-Penouqueira. Ao fondo da imaxe, na parte esquerda, vese a gasolineira
   Fernando, o único fillo do ex alcalde Francisco Mosquera e de Amalia Dopico, criárase na Baiuca, lugar onde os pais tiñan unha tenda no baixo da casa, un negocio do que aínda queda veciñanza que lembra as reñidas partidas de tute e dominó que a diario se xogaban alí polas tardes. Tras facer o servizo militar polas milicias, o noso protagonista non tardaría en converterse no depositario do Concello de Arteixo e ao pouco, en 1954, casaría con Purificación, unha moza de Morás que era filla do tamén ex alcalde Aurelio González e de Carmen Fuentes.
 
Fernando e Purificación en 1954 na viaxe de noivos
Os 50 eran tempos nos que a vila arteixá era un auténtico remanso de paz ao que, habitualmente, acudía a "créme de la créme" da burguesía coruñesa a pasar a época estival no Balneario. Mais aquel sosego empezaría a chegar ao seu fin a partir dos primeiros anos da década dos 60 por mor do paulatino incremento do tráfico e, sobre todo, a raíz do asentamento industrial de Sabón. Foi aí, naquela altura, candom Fernando Mosquera tivo a habilidade e a visión de montar un negocio naquela hora inexistente en Arteixo: unha estación de servizo. 

      Aqueles 60 eran tempos do monopolio da CAMPSA (Compañía Arrendataria del Monopolio de Petróleos). Os poucos automóbiles que circulaban polo concello abastecíanse de gasolina nos surtidores instalados en Carballo, en Santa Cristina e nos dous que había na Coruña, un deles en Catro Camiños e o outro nas Xubias, ao carón do Hospital Materno Infantil. Así estaba a cousa cando Fernando, que dispoñía dun terreo en Vilarrodís propiedade da súa nai Amalia e que se quedara partido en dous coa construcción da nova estrada, decide montar a que ía ser a primeira gasolineira do municipio: a "Estación de Servicio San Fernando", negocio no que figuraba como titular Amalia Dopico. 

     O Vilarrodís daqueles días non era, nin por asomo, o de hoxe. A casa de Chucho Suárez, a de Cándido Riveiro, a tasca de Ovidio e o muíño, que estaba cerca do que hoxe é o "Bar Seve", eran os poucos veciños do novo negocio que alí establecera Fernando Mosquera, unha gasolineira que empezaría a funcionar en 1964 e que tería como primeiros empregados a Manuel Añón, un albanel e xornaleiro de Morás que traballara na construcción da estación de servizo e que, unha vez rematada a obra, xa quedaría alí ata a súa xubilación; un tal Lemos, que seica era de Oseiro e tocaba nunha orquestra, motivo polo cal había veces que non ía traballar e por iso, ao pouco, empezaría no seu lugar Chucho Suárez, que vivía xusto en fronte da gasolineira. O meu familiar Pepe Campos, curmán de miña nai, foi outro dos primeiros empregados do negocio, así como Enrique Iglesias "Cuesta", un dos mellores futbolistas da bisbarra que, a parte de xogar no Penouqueira, chegar a vestir a camiseta do Emden, un dos equipos filiais do Deportivo nos anos 30. Piñeiro, veciño de Uxes que, dado que estivera un tempo na emigración, era o encargado de atender aos coches de matrícula estranxeira; ou Suso, que era cuñado dos propietarios da fábrica de vinagres. 

     Posteriormente, xa no ano 1975, entraría a formar parte da plantilla da gasolineira Manuel Bermúdez, veciño de Carral coñecido polo alcume do "Petecho". Chamábano así porque anteriormente traballara como chofer dun señor da Grela que tiña un camión, "o camión do Petecho", na época na que se levaba a area das praias de Alba e Sabón para a refinería de Meicende. Andando no tempo, as casualidades da vida farían que o que escribe casara con Teresa, unha sobriña de Manuel que tamén é filla dun empregado dunha gasolineira: Pepe Bermúdez, que traballou ata o último dos seus días na estación de servizo de Sigrás. 

    Catro anos máis tarde, en 1979, a familia Mosquera González abre unha nova gasolineira xusto en fronte á primeira, que xa levaba quince anos surtindo aos vehículos que circulaban polas estradas de Arteixo. Coa ampliación do negocio tamén aumentaría a plantilla, contratando a operarios como Lesta, que era da parte de Curtis; os caioneses Paco e Luis; Rubén o da Catuxa, que era curmán de Añón, o que fora primeiro empregado da estación de servizo; Manuel Marta; Lolo, fillo de Pepe Campos e coñecido por moitos de vós por ser árbitro das ligas de fútbol das peñas...empregados que de seguro encheron algunha que outra vez o depósito de gasolina do voso vehículo. Tamén, por aqueles días, empezara a traballar o propio Francisco Mosquera, que naquel momento era un mozo que cursaba a carreira de dereito en Madrid, no Centro Universitario María Cristina de El Escorial, un Francisco que tiña a idea de deixar os seus estudos e, por tal motivo, seu pai Francisco puxérao a traballar no turno máis complicado, o das 6 da mañá, para que se lle quitara esa idea da cabeza.

Imaxe da gasolineira nova recén inaugurada
  Fernando Mosquera, que continuaba ocupando o posto de depositario do Concello, falecería en novembro de 1981 con tan só 55 anos, sendo aí, a raíz da súa morte, cando a súa dona Purificación e os seus fillos Mari Carmen e Francisco constituiron nova sociedade do negocio, uns fillos que levarían as rendas da gasolineira ata mediado dos anos noventa, que foi cando decidiron alugarlla aos actuais propietarios...iso sí, coa condición de que mantiveran o posto de traballo dos seus empregados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario