venres, 28 de xullo de 2017

"OS TARANTOS": OS "BEATLES" DE ARTEIXO

     Los Tarantos é unha obra de teatro de Alfredo Mañas (Historia de los Tarantos) que foi levada ao cine en 1963 baixo a dirección de Francisco Rovira-Beleta, un film protagonizado por Antonio Gades e Carmen Amaya que lograría a nominación aos Oscar de Hollywood na categoría de mellor película de fala non inglesa. Pois ben, ese nome de Los Tarantos sería o escollido por uns rapaces nados en distintos puntos da provincia da Coruña que en 1972 deciden formar un grupo musical, grupo que naqueles primeiros anos setenta marcaría un antes e un despois no panorama musical galego.

Imaxe dos anos 70 dos Tarantos. De esquerda a dereita: Alberto Madaria, José Vázquez, Angel Pereiro, Fernando Fernández, Pepín Soto e Jaime Vázquez
   
      A pesar de que ningún dos seus compoñentes era natural de Arteixo, Os Tarantos estarían sempre vencellados á vila do Bolaños xa que varios dos seus integrantes establecerían alí o seu domicilio nos primeiros anos 70. Este fora o caso de Fernando Fernández Pérez e de José Vázquez Calvete, quenes curiosamente acabarían sendo taxistas no municipio arteixán. Fernando, o organista e mánager do grupo, era da parte de Betanzos e vivía no edificio onde está a xoiería Barca e José, o trompetista, residía pola zona de Caldas. Con José Vázquez, que vive actualmente en Vilarrodís, falamos recentemente longo e tendido sobre a súa vida como músico profesional e, tamén, sobre a traxectoria dos Tarantos naqueles anos setenta. 

     Nado o 8 de abril de 1940 en Cances (Carballo) no seno dunha familia que sentía verdadeira devoción pola música, José comezaría a súa andaina musical de moi neno da man de seu avó Constantino e de seu pai Ramón que tamén foran músicos, un Ramón que sabería transmitirlle excepcionalmente aos seus fillos o amor polos instrumentos e a paixón pola cultura e a tradición. De feito, seis dos seus sete cativos acabarían sendo músicos: Félix, sería o batería dos Madrigales e de Ana Kiro; Jesús formaría parte da banda de Basilio de Corme tocando o trombón; Angel e Eduardo, coñecidos popularmente como "Os Gemelos", acabaríanse convertendo en axentes artísticos; Jaime, que tocaba o saxofón, violín, clarinete, frauta...tamén sería un dos integrantes do grupo Os Tarantos, un Jaime que andando no tempo iría vivir á miña aldea do Rañal e que hoxe, cos seus máis de oitenta invernos aínda toca na Banda de Música Santiago de Arteixo e na Big Band; e o mencionado José, que con dez anos xa tocaba a trompeta na banda de Basilio de Corme e con trece empezaría os seus estudos na Escola de Música da Coruña.

     Unha vez rematados os estudos musicais, José Vázquez formaría parte de orquestras como a "Finisterre" ou "Los Faraones" antes de emigrar a Holanda en 1963. Alí, nos Países Baixos, o noso protagonista continuaría coa súa actividade musical en Arnhem formando parte da orquestra da AkzoNobel, empresa multinacional especializada en pinturas decorativas, pinturas industriais e produtos químicos especializados que ten actividade en máis de 80 países e que a día de hoxe emprega aproximadamente a 50.000 persoas. No país dos tulipáns, José tamén coñecería a Germina Jakoba, unha fermosa moza holandesa coa que non tardaría en casar. Tras nove anos de estadía en terras holandesas, período no que viñeran ao mundo Anita e Renato, os dous fillos do matrimonio, en 1972 o músico nado en Cances recibe unha chamada telefónica de seu irmán Jaime que, con anterioridade, tivera varias orquestras na Coruña:

-"Machiño, fai a maleta e vente pra aquí! Imos montar un grupo que vai ser a bomba!" 

     Dito e feito. Unhas semanas máis tarde José e a súa familia aparecen en Arteixo e alugan un piso pola zona de Caldas e, ao pouco, ante a incerteza da aventura musical, o trompetista compra a licencia número 3 e empeza a traballar como taxista nun Seat 1500

Os Tarantos nunha actuación en Cedeira en 1974
                 Co grupo xa formado, Os Tarantos fan os seus primeiros ensaios nun baixo do barrio coruñés da Sagrada Familia con vistas á súa primeira actuación. A parte dos nomeados irmáns José e Jaime Vazquez Calvete e de Fernando Fernández Pérez, o taxista-organista que facía as funcións de mánager e que tiña o seu domicilio no edificio onde está a xoiería Barca, os outros compoñentes do conxunto eran o cantante coruñés Alberto Madaria, que viña do grupo Os Bardos de Ponteceso; Angel Pereiro, batería tamén da Coruña; e o guitarrista salmantino Julio Suñer. O bautismo produciríase na Sala de Festas Eva na noite de fin de ano de 1972, unha exitosa primeira actuación que aínda é lembrada pola xuventude arteixá daquela hora, mozos e mozas que hoxe disfrutan da súa xubilación ou están a piques de facelo.

     Desde entón, desde aquela exitosa actuación na Sala Eva, Os Tarantos irían gañando popularidade empregando no seu repertorio melodías propias como "Safari salvaje" ou "Mi Lola" ou arranxos como o que fixeron coa canción dos Tamara de Pucho Boedo "Airiños, airiños, aires". Outra das bazas que xogaban a favor do grupo arteixán era o atraente e innovador espectáculo de iluminación co que, naquela hora, non contaban bandas como Los Duendes de Vilagarcía, Los Españoles ou Los Capris de Ferrol, que naquel quinquenio que abrangue dende 1973 ata 1977 foran os principais rivais dos Tarantos.

   Aqueles son tempos nos que medio planeta empezaba a bailar ao ritmo do lendario grupo sueco ABBA, tempos nos que tamén Os Tarantos sufrirían algún que outro cambio na formación xa que o guitarrista salmantino Julio Suñer abandonaría o grupo e pouco despois formaba en Pontevedra os Micron´s. Para cubrir a súa baixa chegaría Guillermo, de quen José Vázquez non lembra os seus apelidos mais afirma que..."era moi bo cantante e guitarrista", un Guillermo que posteriormente tamén deixaría o grupo para tocar na Banda Municipal de Compostela e, o seu lugar, sería ocupado por Pepín Soto, cantante e guitarrista de Ortigueira.  

     O conxunto de Arteixo percorría, naqueles días, a totalidade da xeografía galega e boa parte da asturiana durante todo o ano, feito que levaría a José, e posteriormente a Fernando, a vender as súas respectivas licencias de taxi. Julio Iglesias, con quen actuaron en Ortigueira, Rafael, Manolo Escobar, Rocío Jurado, Mari Trini, Juan Pardo, o seu bo amigo Pucho Boedo ou Santa Bárbara foron algúns dos artistas cos que os Tarantos compartiron escenario ao longo daqueles anos setenta, anos nos que a totalidade das salas de festas galegas solicitábanlle acotío ao mánager Fernando Fernández a presenza do seu grupo nas vilas do país. Cun caché que andaba aproximadamente polas 70.000 pesetas, todas as salas e comisións de festas querían contar cos arteixáns, mais a axenda non daba para máis e, por iso, houbera algún que outro cabreo con varios axentes artísticos por non haber datas suficientes para atender as numerosas peticións que tiñan Os Tarantos.

La Voz de Galicia, 6 de marzo de 1976
 
         Mais aqueles bos tempos irían chegando ao seu fin, sobre a todo a raíz de que os irmáns José e Jaime Vázquez Calvete abandonaran o grupo en 1976. Facendo memoria, José lembrábame estos días en Vilarrodís, que..."nese ano fun para os Micron´s de Pontevedra, o grupo do meu amigo Julio Suñer. Uns meses antes, cando aínda tocaba cos Tarantos, tamén me quixeran levar Os Satélites. Nunca cheguei a tocar con esta orquestra en directo, mais tiven a fortuna de gravar un disco con eles en Barcelona. Despois daquela gravación querían que fora o seu trompetista, mais finalmente non quedei con eles porque a miña muller tiña moita morriña da súa terra e, a finais de 1977, voltamos a Holanda".

     Alí, nesta segunda etapa nos Países Baixos, crea os Tover, grupo formado por tres galegos e tres holandeses co que tocaría durante un ano polos centros españois do Benelux. José continuaría coa súa actividade musical ata a súa xubilación, e chegaría a viaxOar por todo o mundo formando parte da orquestra dun trasatlántico de capital estadounidense e holandés. Curiosamente, ao mesmo tempo que José Vázquez facía soar a súa trompeta naquelas travesías oceánicas, a estrela dos Tarantos iríase apagando pouco a pouco, ata deixar de alumear definitivamente nos primeiros anos oitenta, que foi cando Fernando Fernández, o organista e mánager do grupo, emulando a Jim Morrison, o vocalista dos lendarios The Doors, dixo: "This is the end".

2 comentarios:

  1. Coñecín a esta familia: os nenos, José Manuel que estudiaba música no conservatorio da Coruña (xovenciño pero muy grande, rubio de gafas) e airmá, mais nova Carmencita, moi bonita. O señor tiña un Dogde Dart blanco, enorme en aquel tempo. Eran veciños de Carlos, Fernando, da tienda de ropa do lado da xolleria Barcia, e de José Ramón, do bar veciño o cine. E despois andaba por alí un neno pequen o, rubio, mais xoven que debías ser tí. E despois estaroupebamos David e Suso, que vivíamos na casa do señor Manolo, cerca do bar Sanchís, tamén da troupe de rapaces. Qué tempos tan felices.

    ResponderEliminar
  2. Refirome a familia do señor D. Fernando Fernández.

    ResponderEliminar