Seguramente
que a Fernando Insua e a Eduardo de Martís, os artífices da
fundación do Atlético de Arteixo aló polo ano 1949, nunca se lles
pasou pola cabeza que o equipo dos seus amores chegaría a xogar
algún día na Segunda División B, polo que é probable que dende o
ceo aínda se estean frotando os ollos de ver cumprido ese soño, o
mesmo que Paco Rabuñal e Lisardo Campos, lendarios presidentes da
entidade arteixá que tampouco poideron ver en vida ao seu querido
Atlético na categoría de bronce do fútbol estatal nin, no caso de
Paco, ver o debut do seu neto David nela.
O cadro da
camiseta branca e vermella, despois de competir ao longo da súa
historia nas diferentes divisións rexionais, conseguira ascender por
primeira vez á Terceira División na campaña 1998/99, mais a
estadía nesta categoría sería efímera xa que, ao finalizar o
curso, descendería de novo á Preferente, onde permanecería dous
anos máis. O Atlético volvería a ser equipo de Terceira na campaña
2001/02, na que ocupa o 12º posto da táboa clasificatoria antes de
ser 3º na seguinte, a 2002/03, praza que lle daba dereito a xogar o
play off de ascenso a Segunda B no que se enfrontaría ao Oviedo, ao
Navalcarnero e ao Palencia, que sería o equipo que finalmente
ascendería. E chegamos a tempada 2003/04. Os arteixáns acaban a
competición ligueira subcampións con 73 puntos, só por detrás do
Cerceda, que fixera 76. Entran de novo na fase de ascenso na que
eliminan, na ronda inicial, ao Pinto madrileño antes de facer o propio co histórico Oviedo, a quen superarían
nunha inesquecible eliminatoria polo valor dos goles en campo
contrario (1-0 e 2-3). O Atlético Arteixo era equipo de Segunda B!
Deporte Campeón, xuño do 2004 |
O
espíritu daquela eliminatoria, na que 3.000 aficionados abarrotaran
o Ponte dos Brozos para recibir ao Oviedo, continuaba intacto un mes
despois nas expectativas dos seareiros do Atlético, que volvían ao
estadio con motivo da presentación do novo equipo de Segunda B. A
directiva, presidida naquela altura por Manuel Rábade, confiaba
lograr a permanencia co técnico da pasada campaña, o ex futbolista
do Deportivo Carlos Brizzola, un adestrador que seguiría contando
cos pesos pesados do ano anterior, é dicir, os Repi, Cardelle,
Juanjo, Adolfo, Manolo, Félix, Marcos Suárez e a tripleta
protagonista do ascenso, o meta José Ramón, inexpugnable en todo o
play off; Carlocho, autor do 1-0 no Ponte dos Brozos contra o Oviedo;
e Pugui, bigoleador no Carlos Tartiere. Para o obxectivo da
permanencia chegarían reforzos como o vigués Yahvé Prieto; o ex
futbolista do Betanzos Ricardo; o arxentino Esteban Trasancos, que
ascendera co Pontevedra á Segunda División; o arousán Miguel; o
ceutí Santaella, que xogara en Primeira División co Sevilla na
tempada 95/96; o ex do Compostela Bermúdez; o asturiano Parra,
antigo futbolista do Vilarreal e do filial do Valencia; o vasco
Jonathan Martín “Granada”, que chegara ao Arteixo procedente do
Oviedo; o ribeirense Jorge Parada; e o ex dianteiro do Deportivo
Javier Manjarín que, por aqueles días, xa era un veterano de 35
anos.
O debut do
Atlético na Segunda B producíase o 29 de agosto do 2004, nun
partido disputado en Arteixo diante de todo un Rayo Vallecano. Naquel
histórico primeiro choque na categoría, o conxunto arteixán
formara con José Ramón; Repi, Cardelle, Carlocho, Juanjo; Yahvé,
Manolo, Adolfo, Félix (Pugui 79´); Lemos (Ricardo 68´) e Marcos
Suárez. O cadro local adiantaríase no marcador no minuto 15 por
medio do seu dianteiro Marcos Suárez, mais o Rayo daríalle a volta
ao enfrontamento con dous tantos de Geni, que lle darían a victoria
aos vallecanos por 1-2. Unha nova derrota ante o Atlético de Madrid
B, daría paso ao seu primeiro punto, que conseguirían en Arteixo
ante o Vecindario (0-0). Mais o que tardaría en chegar sería a
primeira victoria, un triunfo que a afición arteixá non vería ata
a xornada 11, que foi cando o Atlético se impuxo ao San Sebastián
de los Reyes por 2-1, cun gol dos madrileños en propia porta e outro
de Santaella, victoria que os de Brizzola repetirían por idéntico
marcador, e tamén como local, quince días despois ante o Castillo
con goles de Adolfo e Yahvé. Estes serían os únicos dous triunfos
do cadro arteixán en toda a primeira volta, na que tamén acadaran
oito empates e nove derrotas que lle outorgaban un pobre bagaxe de
tan só 14 puntos.
Mediada a
tempada as cousas, deportivamente falando, non pintaban nada ben e
por riba os integrantes da plantilla empezarían a ter dificultades
para cobrar as súas nóminas no mes de decembro. Tres meses despois
os problemas económicos seguían sen solucionarse, feito que levaría
aos futbolistas do Atlético a tomar a determinación, en sinal de
folga, de non adestrase durante boa parte da segunda volta. Como
alivio económico, ata o R.C. Deportivo da Coruña se prestara a
disputar un partido solidario para contribuir a pagar, coa taquilla,
parte da débeda que sufrían os xogadores do Arteixo, partido que se
xogaría no estadio de Riazor diante dunhas 2.000 persoas e que o
Depor gañaría por 6-0.
A falta de
traballo semanal empezaría a acusarse de xeito notable nos
resultados xa que, dende o mes de marzo ata o remate da campaña, o
cadro arteixán colleitaría once derrotas e dúas victorias, a
última delas conseguida na derradeira xornada no Ponte dos Brozos
por 3-1 ante o Mallorca B, que serviu para despedirse dun xeito digno
da categoría diante da súa afición. Os resultados do Atlético
Arteixo naquela campaña 2004/05 foron os seguintes:
1.
Atl. Arteixo-Rayo Vallecano: 1-2 (Marcos Suárez 15´)
2.
Atl. Madrid B-Atl. Arteixo: 3-0
3.
Atl. Arteixo-Vecindario: 0-0
4.
Las Palmas-Atl. Arteixo: 4-0
5.
Atl. Arteixo-Fuerteventura: 2-2 (Santaella 4´, Pugui 77´)
6.
Lanzarote-Atl. Arteixo: 1-0
7.
Atl. Arteixo-Ourense: 0-1
8.
Celta B-Atl. Arteixo: 0-0
9.
Atl. Arteixo-Alcorcón: 2-2 (Pugui 4´, Carlocho 37´)
10.
Navalcarnero-Atl. Arteixo: 0-0
11.
At. Arteixo-San Sebastian de los Reyes: 2-1 (p.p 28´, Santaella 77´)
12.
Leganés-Atl. Arteixo: 3-0
13.
Atl. Arteixo-Castillo: 2-1 (Adolfo 73´, Yahvé 91´)
14.
Universidad Las Palmas-At. Arteixo: 2-1 (Yahvé 35´)
15.
Atl. Arteixo-Pájara Playas: 2-2 (Granada 8´, Marcos Suárez 76´)
16.
Alcalá-Atl. Arteixo: 0-0
17.
Real Madrid B-Atl. Arteixo: 1-0
18.
Atl Arteixo-Fuenlabrada: 2-2 (Marcos Suárez 37´, Santaella 93´)
19.
Mallorca B-Atl. Arteixo: 1-0
20.
Rayo Vallecano-Atl. Arteixo: 2-1 (Marcos Suárez 70´)
21.
Atl. Arteixo-Atl. Madrid B: 2-2 (Marcos Suárez 10´, Carlocho 44´)
22.
Vecindario-Atl. Arteixo: 0-0
23.
Atl. Arteixo- Las Palmas: 1-3 (Carlocho 69´)
24.
Fuerteventura-Atl. Arteixo: 0-1 (Yahvé 65´)
25.
Atl. Arteixo-Lanzarote: 1-1 (Marcos Suárez 80´)
26.
Ourense-Atl. Arteixo: 5-1 (Yahvé 17´)
27.
Atl. Arteixo-Celta B: 3-4 (Adolfo 10´, Yahvé 25´, Pugui 53´)
28.
Alcorcón-Atl. Arteixo: 3-0
29.
Atl. Arteixo-Navalcarnero: 2-0 (Yahvé 71´e 82´)
30.
San Sebastián de los Reyes-Atl. Arteixo: 2-0
31.
Atl. Arteixo-Leganés: 0-4
32.
Castillo-Atl. Arteixo: 2-1 (Carlocho 76´)
33.
Atl. Arteixo-Universidad Las Palmas: 0-2
34.
Pájara Playas-Atl. Arteixo: 2-0
35.
Atl. Arteixo-Alcalá: 0-1
36.
Atl. Arteixo-Real Madrid B: 2-4 (Félix 28´, Yahvé 45´)
37.
Fuenlabrada-Atl. Arteixo: 3-0
38.
Atl. Arteixo-Mallorca B: 3-1 (Pugui 5´, Marcos Suárez 22´e 85´)
Naquela
histórica tempada en Segunda División B, que era a primeira na que
un equipo da nosa zona competía nesa categoría, o Atlético Arteixo
finalizaría o campionato na derradeira posición da táboa
clasificatoria, con tan só 26 puntos, a nada máis e a nada menos
que á frioleira de 18 da salvación. Máis con todo, para a afición
arteixá sempre quedará o recordo de ver pasar polo Ponte dos Brozos
a equipos como os históricos Rayo Vallecano e Las Palmas; o Leganés,
que dez anos despois chegaría a ser equipo de Primeira División; ou
os filiais do Celta, do Atlético de Madrid e do Real Madrid, clubes
nos que se estaban formando algunhas das futuras estrelas da Liga
española. Co Celta B viñeran a Arteixo futbolistas da talla de
Sergio Álvarez, andando no tempo meta titular do primeiro equipo
celeste, ou Roberto Lago, que tamén xogaría en Primeira co clube
olívico e co Xetafe. Co Atletico de Madrid B os aficionados
arteixáns poideron ver en acción no Ponte dos Brozos a Mario
Suárez, un futbolista que non tardaría en debutar en Primeira cos
colchoneiros e que posteriormente faría carreira en equipos como a
Fiorentina, Watford ou Valencia. Mais sen dúbida algunha, o caso
máis chamativo fora o daquel Real Madrid B que gañara por 2-4 en
Arteixo o 14 de maio de 2005
pois, o seu once titular, estaba formado por Diego López; Sergio
Alejandro, Arbeloa, Paredes, Palencia; Trashorras, Javi García,
Rubén De la Red, Juanfran; Soldado (autor dun hat-trick) e
Barral...futbolistas que, na súa maioría, non tardarían en dar que
falar no fútbol estatal.
Manolo Felípez |
Esta
campaña 2004/05 tamén fóra moi especial para Manolo Felípez,
David Rabuñal, Josiño Gómez e David Figueroa, catro dos nosos
xogadores que debutaron en Segunda División B naquel curso vestindo
a camiseta do Atlético Arteixo. Manuel
Alejandro Felípez Collazo, nado en Caión o 2 de setembro de
1971, empezara a darlle as primeiras patadas a un balón no
equipo da súa vila natal, o Club do Mar, entidade coa que sendo
aínda xuvenil debutaría na Liga da Costa xogando xunto a seu curmán
Repi e, entre outros, os irmáns Collazo, tamén familiares seus xa
que son curmáns de súa nai María del Carmen. Manolo permancería
no cadro caionés ata que na tempada 1990/91 fichou no Betanzos que,
naquela hora, era equipo de Terceira División. Quico Vilanova, de
quen xa falamos en capítulos anteriores deste libro, levaríao para
o Laracha na campaña seguinte, a 91/92, que foi o curso no que o
conxunto da camiseta verde e vermella gañou a Copa da Coruña e
conseguiu ascender, despois de coroarse campión do grupo primeiro da
Primeira Autómica, á Preferente. O seu bo traballo como
centrocampista de corte defensivo, levaríao a recibir a oferta do
C.D. Lugo de Xulio Díaz para xogar en Segunda División a tempada
92/93. Manolo faría a pretempada cos da muralla mais, despois de que
lle falaran da posibilidade de ir cedido ao Lalín, ao Vilabés ou ao
Burela, acabaría rexeitando a oferta e seguiría xogando na
Preferente co Laracha durante dous anos máis. Con 23 anos asina co
Bergantiños, cadro no que xoga en Terceira División a tempada 94/95
xunto ao seu veciño de Caión Pea. Un parón dun ano por mor dos
seus estudios universitarios de maxisterio, darían paso á súa
fichaxe no Atlético Arteixo, co que xogaría dúas campañas en
Preferente e unha en Terceira. Na tempada 1999/2000 asina co
Betanzos, conxunto no que permanecería catro anos ata que fichou de
novo no Atlético Arteixo. Nesta segunda etapa na vila do Bolaños, o
caionés defendería a camiseta branca e vermella do cadro arteixán
durante dúas campañas: a 2003/04, que foi na que o Atlético quedou
subcampión de Terceira División, e a 2004/05, a do seu debut en
Segunda División B, categoría na que xogaría un total de 17
partidos. E xa na seguinte, na 2005/06, colgaría as botas con 35
anos xogando en Terceira co Bergantiños. Na actualidade Manolo é
profesor de Educación Física no CEIP Salgado Torres da Coruña e
forma parte do ornanigrama das categorías inferiores do R. C.
Deportivo.
David
Rabuñal, Josiño Gómez e David Figueroa, os outros tres futbolistas
de Arteixo e A Laracha dos que falábamos anteriormente, foron os
únicos rapaces do filial do Atlético aos que Carlos Brizzola lles
daría a oportunidade de debutar en Segunda B co primeiro equipo,
facendoo os tres de xeito testimonial.
Neto
de Paco Rabuñal, un dos presidentes lendarios da entidade branca e
vermella, David Rabuñal Ramos nace o 7 de maio de 1983 en Arteixo,
localidade na que empezaría a xogar ao fútbol nas categoría
inferiores do Atlético, polas que iría pasando ata chegar ao
Arteixo B. Xogando habitualmente como lateral dereito, David sería
un dos mellores futbolistas do filial na campaña 2004/05, na que o
cadro adestrado por Furoco acadara o subcampionato ligueiro no grupo
1º da Segunda Rexional. O seu bo traballo no segundo equipo, no que
tamén estaba seu irmán Alberto, non pasaría inadvertido para
Brizzola, que lle daría a oportunidade de disputar os seus primeiros
minutos en Segunda B o 10 de abril do 2005, no partido da xornada 31
que o Arteixo perde 0-4 no Ponte dos Brozos ante o Leganés, choque
no que David Rabuñal saltou ao campo no minuto 85 sustituíndo a Pugui. Rematada a tempada, e despois de que a entidade arteixá perdera dúas categorías consecutivas, unha por descenso deportivo e outra por descenso administrativo por impago aos seus xogadores, o plantel do filial sería o encargado de competir na Rexional Preferente, entre eles David, que poñería fin a súa traxectoria deportiva ao remate da campaña 2006/07 por mor dun grave lesión no seu xeonllo dereito.
José
Manuel Gómez Castro “Josiño”, nado en Loureda o 4 de abril de
1982, pasaría por todas categorías inferiores do Arteixo antes de
facelo, no último ano de xuvenil, no Victoria da Coruña, cadro co
que participaría na Liga Nacional. Josiño voltaría posteriormente
ao Atlético para reforzar ao filial e debutaría en Segunda B co
primeiro equipo o 1 de maio do 2005, no partido da xornada 34 que o
Arteixo perde 2-0 nas illas Canarias contra o Pájara Playas,
enfrontamento no que entraba no céspede sustituíndo a Santaella no
minuto 78. Na campaña 2005/06 o rapaz de Loureda xogaría en
Preferente formando parte do primeiro equipo do Arteixo que xogou na
Preferente e, unha vez rematada a súa estadía no Ponte dos Brozos,
defendería dúas tempadas a camiseta do Paiosaco e outra, a 2012/13,
a do Larín, que foi o seu último equipo como xogador federado.
David
Figueroa Capelán, nado en Paiosaco o 5 de xaneiro de 1983 é fillo
do lendario Zalo, ex xogador do Campanal de Loureda, Atlético
Arteixo e do Paiosaco, que foi onde David empezaría a dar as
primeiras patadas ao balón na categoría infantil. Posteriormente
ficha no Ural, cadro co que xoga na división de honra de cadetes
antes de dar paso a súa etapa no Atlético Arteixo, onde
sucesivamente iría pasando polo xuvenil, filial e primeiro equipo.
Co Atlético debuta en Segunda B o mesmo día que o seu compañeiro
do Atlético B Josiño, choque contra o Pájara Playas no que
sustituiu a Granada no minuto 91. Tralo seu debut en Segunda B, na
campaña seguinte, a 2005/06, o fillo de Zalo tamén xogaría en
Preferente formando parte do primeiro equipo do Arteixo, entidade que
abandonaría para fichar no Larín, onde permanecería ata o 2009,
que foi cando David Figueroa se retirou do mundo do fútbol.
David Rabuñal, Josiño Gómez, e David Figueroa, os tres xogadores do filial que debutaron en 2ª B |
Outra
das curiosidades daquela tempada 2004/05 na que o Atlético disputou
a Segunda B, é que algúns dos futbolistas que formaban parte do
plantel branco e vermello que non eran naturais nin de A Laracha nin
de Arteixo, botarían raices no concello arteixán establecendo o seu
domicilio nel. Este sería o caso de Alejandro Cerecedo “Aless”;
Félix García; o vasco Jonathan Martín “Granada”, que despois
da súa etapa en Arteixo convertiríase nun tratamundos ao xogar en
equipos como o Pájara-Playas, Fuenlabrada, Mérida, Puertollano,
Granada, Melilla ou o Zamora; e Carlocho, que tralo descenso do
Arteixo xogaría en Segunda División co Racing de Ferrol e en
Segunda B en clubes como a Gramanet ou o Ceuta. Andando no tempo,
Carlocho volvería a ser futbolista do Arteixo, conxunto no que
colgaría as botas e no que se convertiría, na tempada 2015/16, no
seu adestrador formando tándem con Marcos Suárez, outro ex da casa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario