sábado, 15 de xullo de 2017

O SINISTRO DO IATE INGLÉS "NAUJA" EN BARRAÑÁN EN 1985


Imaxe de Nuria Ferro en 1985 co "Nauja" ao fondo
    En setembro do ano 2016 a miña amiga Cristina Mosquera envioume unha fotografía na que aparece súa curmá Nuria Ferro, daquela unha cativa de poucos anos, unha imaxe na que tamén se podía ver, xusto detrás de Nuria, un pequeno navío embarrancado na praia arteixá de Barrañán.

     Nada máis recibir o whatsapp de Cris, a curiosidade e a afección que sinto polas cousas do mar empurráronme cara unha investigación na procura de datos sobre esa embarcación, indagacións que se alongarían durante bastante tempo xa que o vestido da cativiña da foto era a única pista que tiña, prenda que parecía indicar que era primavera ou verán no momento de ser tomada a imaxe. Pois ben, a pesar da dificultade engadida de non poder concretar se naquela hora Nuria tiña 2, 3 ou 4 anos, recentemente souben que aquel navío era o Nauja, un iate de bandeira británica que embarrancara no areal de Barrañán a mediados dos anos oitenta.

     A historia daquel sinistro principia nos últimos días de setembro de 1985, días nos que o Nauja facía travesía dende Brest (Francia) a A Coruña con tres homes a bordo: Jensen Svend, patrón da embarcación, e os seus dous fillos Jens e Carl, todos eles de nacionalidade dinamarquesa. Na noite do xoves 26, cando xa navegaban por augas coruñesas, a densa néboa e o forte mar que azoutaba naqueles momentos o noso litoral, unido ao total descoñecemento da costa, fixo que Jensen Svend pensara, segundo informaban os medios da época, que a enseada de Barrañán era o porto herculino, un Jensen ao que posiblemente tamén confundiran as luces das casas próximas ao areal arteixán.

O Nauja en Barrañán (La Voz de Galicia, 28 de setembro de 1985)
   Con certas precaucións o mariño dinamarqués foi achegándose a terra ata que o iate tocou fondo en Barrañán, lugar onde o mar, que rompía con bastante forza, provocaría o escoramento da embarcación. A voz de alarma do embarrancamento daríaa un mozo de Caión que traballaba no Club Náutico da Coruña, mozo que cando voltaba para o seu domicilio na vila mariñeira, despois da súa xornada laboral, detívose xunto aos ocupantes de dous coches que observaban dende a estrada a extraña situación do barco. O traballador do Náutico, que se percataría de contado da gravidade do que estaba acontecendo, daría aviso inmediatamente á Garda Civil, e éstos á Cruz Vermella do Mar, saíndo rápidamente da base desta institución na Coruña unha ambulancia e varios equipos de mergulladores cara a Barrañán. Mentres tanto, durante os minutos que tardou en chegar ao litoral de Arteixo o equipo de rescate, os faros de dous Land Rover da Garda Civil alumeaban a zona do sinistro, iluminación que posteriormente faría posible o salvamento dos tres náufragos dinamarqueses.

     Nada máis chegar a Cruz Vermella a Barrañán, pese ás dificultades do mar, un membro do grupo de rescate sería quen de achegarse nunha pequena embarcación de salvamento, unida a terra por un cabo, ata o iate embarrancado. Mais, unha vez a bordo, para a súa sorpresa, os tripulantes do Nauja resistíanse a abandonar o barco convencidos na idea de que non corrían ningún tipo de perigo. Finalmente, Jensen Svend accedería a descender á balsa e a ser rescatado. O salvamento dos seus fillos, dada a excitación nerviosa de ambos, sería máis laborioso. Naquel momento o barco sinistrado estaba a uns vinte metros de terra e, ao romper con tanta forza o mar, os dous mozos sentíanse máis seguros a bordo do Nauja. Dende terra, Jensen Svend entendíase a grandes voces cos seus fillos Jens e Carl quenes, finalmente, serían convencidos da conveniencia de abandonar o iate, como así farían pouco antes das tres da madrugada, hora na que serían trasladados a A Coruña na ambulancia da Cruz Vermella.

La Voz de Galicia, 28 de setembro de 1985
   Hospedados na Casa do Mar, xa que non necesitaran asistencia médica, na mañán do día seguinte os tres náufragos trasladaríanse de novo a Barrañán para recoller algunhas das súas pertenzas e facer un recoñecemento do casco do Nauja e, tras unha primeira comprobación, todo parecía indicar de que existían moitas posibilidades de lograr o seu reflote xa que embarrancara enriba dunha cama de area e non sufrira danos considerables.

      A Santa Cruz, a empresa de Arteixo encargada do reflotamento, empezaría as labores o sábado 28 de setembro, día no que unha pala mecánica retirou area dos arredores do casco do buque. Aproveitando a preamar de entre as catro e as cinco da tarde, intentaríase retirar o iate da súa situación, feito que non se podería levar a cabo dados os medios cos que contaba a empresa: o remolcador David e a embarcación Santa Cruz 2. O segundo intento produciríase na preamar do día seguinte, domingo 29, intento que tampouco daría resultado positivo xa que, na metade da operación, rompería un cabo de remolque.

     Á terceira iría a vencida! Por fin, durante a madrugada do martes 1 de outubro, coincidindo coa preamar o remolcador do porto da Coruña Sertosa 9, verdadeiro artífice do rescate, e o Santa Cruz 2 lograrían poñer ao Nauja a flote, iate que posteriormente sería trasladado ao peirao do Arzobispo Xelmírez do porto coruñés, onde se lle faría unha inspección xeral ao casco determinando que non sufrira ningún tipo de dano. 

     Uns días máis tarde, cando a choiva alzaba o telón do outono de 1985, Jensen Svend e os seus dous fillos Jens e Carl abandonaban a cidade da Coruña para continuar singradura oceánica cara o porto portugués de Leixoes... mantendo nas súas retinas os azuis profundos e cimas de espumas brancas das augas de Barrañán!

Ningún comentario:

Publicar un comentario