sábado, 7 de abril de 2018

AS PRIMEIRAS BICICLETAS DE ARTEIXO

     As bicicletas son na actualidade cada vez máis lixeiras e sofisticadas e ademais, o seu continuo uso está moi estendido en boa parte do planeta. Non se trata só dun xoguete para nenos ou dun vehículo deportivo. Non, abofé que non, xa que hoxe son moitas as cidades que teñen sistemas públicos de aluguer por horas e carrís bici para fomentar a súa utilización. Mais houbo un tempo no que non era tan doado velas polas grandes urbes ou vilas, chegando incluso a estar consideradas como unha novidade tecnolóxica pasaxeira.

     Por incrible que pareza hai xa 200 anos que o barón alemán Karl von Drais fabricou a que está considerada como a bicicleta pioneira, un modelo ao que lle chamaría “máquina corredora” (laufmaschine en alemán) e que a prensa bautizaría Draisine ou velocípedo. Von Drais construira en 1817 aquela bicicleta, que era de madeira e funcionaba empuxándose cos pés, co obxectivo de ofrecer un medio de transporte máis barato e fácil de manter que os cabalos. O modelo gañaría certa notoriedade, ata o punto de que o poeta John Keats falou deste invento como de “a nada do momento”, segundo aparece en The New York Times. Dúas décadas máis tarde, en 1839, o ferreiro escocés Kirkpatrick MacMillan inventaría (hai algúns historiadores que dubidan de que a invención se lle poida atribuir a MacMillan) a bicicleta a pedais, aínda que sería o inglés Thomas McCall o que empezaría a fabricar este novo invento en 1869. Nesa altura, neses anos 60 do século XIX, popularizaríase o modelo vendido como velocípedo, unha bicicleta que tiña o pedal na roda dianteira e que tamén era coñecida co nome de “bone shaker” (axitaosos) por mor do que acontecía cando se levaba polas rúas empedradas. Aínda que é probable que houbera modelos anteriores, o fabricante de carriños para bebés Pierre Lallement sería o primeiro en patentar a bicicleta a pedais. 
 
      En 1870 empezaríase a fabricar a bicicleta de roda alta, sendo un dos modelos máis coñecidos (e caros) a Ariel, de James Starley. Aínda que agora resulta estraño, estas bicicletas eran máis cómodas que as súas predecesoras, mais a súa popularidade foi limitada porque, segundo a web Ibike, “necesitaban un acróbata”. Trátase da primeira bici construida totalmente en metal, grazas aos avances da metalurxia á hora de fabricar pezas lixeiras e pequenas. Sinalar tamén que, por aqueles días, as rodas eran cada vez máis grandes dado o avance que proporcionaba cada pedalada. De feito, algúns modelos chegaban aos 40 quilómetros por hora, mais como a seguridade era un problema, tamén se fabricarían modelos con tres ou catro rodas.

Modelo da década de 1890
      A partir da década de 1880 xurdirían as chamadas “bicicletas de seguridade”, precisamente para afondar no risco de caídas dos modelos anteriores. A primeira que saiu ao mercado foi a Rover, obra do enxeñeiro J. K. Starkley, que eran unhas bicis xa moi parecidas ás actuais, con dúas rodas do mesmo tamaño e o cadro en forma de diamante. Ademais, en 1888, John Dunlop inventaría as rodas neumáticas, facendo máis cómodos os traxectos. E en 1889, o estadounidense Isaac R. Johnson patentaría unha primeira bicicleta plegable.

      Nos anos 90 deste século XIX do que estamos a falar, as bicicletas principiarían a fabricarse en masa e para as mulleres, que as utilizaban cada vez máis, convertiríanse en todo un símbolo de liberdade, unhas bicicletas que serían asociadas moitas veces aos movementos sufraxistas femininos. 

Modelo de 1898
     Nas crónicas da época da altura tamén aparecen recollidas varias novas sobre algún que outro accidente acontecido por aqueles días nos camiños de Arteixo, principalmente na costa de Oseiro, entre elas a publicada no xornal El Lucense: diario católico de la tarde que, na súa edición do 21 de xuño de 1897, cóntanos que ”(…) el Sr. D. Felipe Altadill salió anteayer mañana a las cinco montando una máquina Opel a recorrer la carretera. La desconocía en gran parte, y al llegar a Oseiro, media legua distante de Arteijo, se dejó ir cuesta abajo, por no apreciar bien la pronunciadísima pendiente que allí existe. Parece que hasta llevaba puestos los piés en el descanso. En el centro de la cuesta había parado un caballo y contra él fué a chocar la máquina. El Sr. Altadill fué lanzado a bastante distancia quedando sin sentido. La bicicleta quedó destrozada. Las dos ruedas se hicieron dos ochos, y casi se deshizo el cuadro. Unos aldeanos recogieron al señor Altadill y lo llevaron a una casa próxima, prestándole los primeros auxilios”.

Manuel María Puga, Picadillo
      Dicir quen foi a primeira persoa do municipio arteixán que tivo unha bicicleta podedes imaxinar que é misión imposible, mais o que non é rocambolesco é afirmar que unha das primeiras foi a de Manuel María Puga, Picadillo, un persoeiro que tamén deixaría latente a súa enorme curiosidade por todas as innovacións do seu tempo, converténdose nun apoixoado usuario de moitas delas como o automóbil, o gramófono ou a fotografía, afección grazas á cal ducias de veciños e veciñas de Arteixo poideron enviarlle aos seus parentes emigrados en América retratos feitos por el no Pazo de Anzobre. Co seu humor tan particular, Picadillo queixábase que os fabricantes de bicicletas non deseñaban modelos adecuados para persoas do seu peso, que nalgúns momentos da súa vida chegaría a ser de 270 quilos.

      E chegamos xa ao século XX, tempos novos nos que os automóbiles comezan a estenderse, principalmente a partir dos felices anos 20, feito que levaría a que os fabricantes de bicis se fixaran nun novo público: os nenos, con deseños cada vez máis ostentosos e chamativos, engadindo na década dos 50 elementos que en moitas ocasións lembraban a avións e a foguetes espaciais. Precisamente un neno arteixán de aqueles anos 50, Julio Mancebo, que xa hai uns anos que desfruta da súa merecida xubilación, contoume nunha ocasión que o Arteixo da súa infancia cambiaba notablemente coa chegada do verán, pois nesa época estival ...viñan moitos rapaces e aumentaban as posibilidades de diversión, porque tiñan xoguetes que nós non tiñamos: patíns, bicicletas, balóns de coiro, raquetas de tenis... Case todos aprendimos a montar en bici a conta dos veraneantes, e tamén a patinar na pista do Balneario. Tamén recordo que no baixo do almacén de Manolito de Ayán que daba a corredoira de detrás da Fonte había un taller de bicicletas onde podías alugar por media hora ou máis, pero non había cartos para facelo. Por certo, o dono do taller chamábase Anselmo. O pobre non fixo moito negocio”. Julio Mancebo tamén lembraba que ...”os domingos tamén alugaban patíns no Balneario e por poucos cartos podías levar unhas cantas cuadas mentres tratabas de aprender a gardar o equilibrio. Os rapaces que viñan todos os anos eran, entre outros, Fernando e Carlos Arrojo, que tiñan vivenda na Baiuca; Waldo e Miki que alugaban a casa que estaba ao lado do Gallo de Oro; e os que paraban no hotel do Balneario: Juan José Baquero e a súa irmá Pili, Antonio, Argimiro, Luciano e Maricarmen Vázquez Guillén que xogaba con nós ao fútbol e lle chamabamos Kubala, Fernando "Lerenco", Escribano ou Ana Del Río, que era filla dos administradores do Balneario por aquel entón. Tamén viña sempre Juanechas que estaba na casa da súa avoa doña Brígida”.

Imaxe dos anos 50 do Balneario. A nena da bici é Ana del Río.
      Do mesmo xeito, o tamén arteixán Manuel Rodríguez Pan, veciño de Oseiro nado no Rañal en 1936 e tío de quen escribe, tamén afirma que naqueles anos 50 nos que empezou a gañarse a vida traballando como escaiolista ...”ía e viña todos os días andando da Coruña, e coma min moitos dos meus veciños. Daquela o soldo dun obreiro era de 103 pesetas á semana e non se podían gastar no trolebús porque senón os cartos non chegaban a nada. Había algún afortunado que tiña bicicleta, coma meu sogro, que cando lle subiron o soldo no seu traballo empezou a ir en bús e daquela eu herdei a súa bici. Anos despois xa comprei o meu primeiro coche”.

      Aqueles tempos nos que as bicicletas convivían con cabalos e burros que transportaban as colleitas que se vendían na Coruña, aqueles tempos nos que ter unha bici era case o mesmo que ter hoxe en día un coche, darían paso a outros tempos de certa mellora económica na que nos criamos moitos dos nenos e nenas de Arteixo que viñemos ao mundo nos anos 60 e nos 70, tempos nos que os nosos pais comprarían a nosa primeira bici na tenda de Cachaza na Coruña, como foi o meu caso, ou na de “Milmañas” como foi o caso de Fernando Barreiro, un arteixán nado en 1963 que recentemente lembraba que ...podías encargar a bicicleta no taller de Milmañas. Se non recordo mal, penso que facía de intermediario. El traías do almacén de Cachaza na Coruña”.

      Anos despois abrirían en Arteixo “Motos Barbeito”, negocio no que tamén se vendían (e venden) bicicletas, e “Castro Amado”, un establecemento que estaba situado na Avenida de Fisterra, nese edificio de deseño triangular que está á man esquerda dirección a Carballo, e que vendería ducias de bicis durante bastante tempo, se cadra ata a chegada a Coruña das primeiras grandes superficies comerciais. Actualmente en Arteixo o mundo da bicicleta é cousa de UnionBike, que teñen o seu negocio en Vilarrodís (Rúa Carlos Maside nº 6), e de Artebike, que están no número 203 da Avenida de Fisterra da capital do municipio.


FONTES:

-RUBIO HANCOK, JAIME. Hace 200 años de la primera bicicleta: estos fueron los primeros modelos. El País. Verne. 19 de abril 2017.

Ningún comentario:

Publicar un comentario