venres, 23 de marzo de 2018

O CASTRO DE FIGUEIROA E A VÍA XX PER LOCA MARÍTIMA


Fabulación do castro de
Figueiroa da autoría de Roberto Castro
     
     Poucos lugares hai no concello de Arteixo que conten co pasado esplendoroso que ten a aldea de Figueiroa, terra de historia, de lendas e de recunchos nos que aínda se conservan innumerables pegadas que falan da importancia que no seu momento tiveron o castro; o Pazo dos Borrazas, antiga Casa do Concello e parada de postas; ou a Ponte dos Brozos e o Camiño Real Coruña-Fisterra, que segundo a profesora Elisa Ferreira Priegue neste treito ven a coincidir cun camiño medieval, o Camiño de Bergantiños, que viría dende Lendo (A Laracha) e pasaría por Figueiroa, un camiño que xa aparece documentado no século XIII nun percorrido realizado polo rei Alfonso IX por terras de Bergantiños, reconstruído polo historiador Parga Pondal.

Imaxe da Ponte dos Brozos. Ao fondo, Figueiroa
      A arqueóloga arteixá Puri Soto afirma que a persistencia desta vía ao longo do tempo permitiu establecer a hipótese plausible dunha orixe romana para a Ponte dos Brozos, pola existencia dunha calzada romana, a Via XX per loca marítima do Itinerario do Emperador Antonino, que era unha variante para dar saída á comarca bergantiñá, rica en ouro e estaño. A día de hoxe, algúns maiores do lugar aíndan falan da devandita vía lembrando o camiño empedrado que pasaba polo castro, que era o camiño real que viña da Pedreira. Sobre o castro e esta calzada romana, Eugenio Carré Aldao deixou algunhas pinceladas na súa Geografía del Reino de Galicia dicindo que:

      “De antiguos monumentos tan sólo cabe señalar, entre los de origen prehistórico, el castro y su dólmen o sepulcro, al mismo vecino, y los castros de Arteixo, Lañas y el de Figueiroa (Arteixo), contiguo a la costa.

      De los tiempos romanos quedan aún restos de la vía que por la costa, procedente de Baldayo (Carballo), venía por Chamín, seguía a Arteixo y luego continuaba a la Coruña, teniendo los puentes de Barrañán y Figueiroa. El historiador Cornide dió algunas inscripciones latinas halladas en estos lugares”.

      María Rozamontes conta no libro "Arteixo de onte a hoxe" que, baseándose nesta información, tentouse, en primeiro término, localizar os estudios realizados por Cornide con respecto á vía romana obxecto de estudio. O primeiro que se atopou foi o seu “Mapa corográfico de la Antigua Galicia” -Itinerario de Antonino con otras vías de cuio antiguo uso hai visibles señales e prudentes conjeturas-, realizado en 1790. Unha copia do mesmo atópase na Biblioteca do Real Consulado da Coruña, e no que, efectivamente, sinala unha vía fóra do Itinerario de Antonino, que cruza o Concello de Arteixo a cal vén do Portus Artabrorum, situándoo en Muros, pasando por Claudionerum, ubicado na parroquia de Zas, en terras de Bergantiños e onde se une con outra vía que desde Iria Flavia vai tamén ata A Coruña.

Vista do castro de Figueiroa desde Loureda

      O historiador Manuel Murguía reflexionou abundantemente sobre o devandito Mapa Corográfico. Na súa Historia de Galicia, na páxina 606 do tomo II, o noso ilustre veciño de Oseiro di:

      “El exacto conocimiento de las vías romanas en Galicia, es tanto más dificil, cuanto, antes y después de Cornide, nadie ha emprendido su estudio, para lo cual se necesita no sólo recorrer el país, sino conocer a fondo la historia de las cuatro provincias gallegas. (…) Esto nos hizo conocer una verdad importante, cual es la de que, ni el itinerario de Antonino, puede darnos a conocer la red de caminos principales que cruzaban Galicia, ni las noticias que al presente se dispone, permiten rectificar con alguna fortuna el trazado que nos dio Cornide en su “Mapa Corográfico” obra que en efecto, cuanto más se estudia y maneja más se convence uno de lo acertado y concienzudo de aquel trabajo sin precio, a pesar de los ligeros lunares que en él pueden señalarse.

      Por el itinerario, sólo tenemos noticia de las cuatro principales vías, que si es cierto que atravesaban el país y lo encerraban de una manera estratégica y completa, dejaba, sin embargo, a un lado sobradas e importantes ciudades. De la “Vía Marítima” sobre todo, puede decirse, que caso que siguiese la dirección, que con toda razón se supone, no era marítima más que en el nombre; tan apartada iba de la costa (…) Puesto que desde Brandomil se interna tierra adentro para ir a Lugo, dejando a un lado y a sobradas distancias ciudades que, como Noela, Finisterre, Aras Sestianas, etc., tan notables eran por sus riquezas, por su importancia o por sus monumentos.

      Sin embargo, los preciosos puentes que todavía se encuentran ya en Brandomil, ya en Olveira, ya en Ponte Ceso, prueban tanto por su posición como por su magnificencia y grandeza (…) que desde Brigantim hasta la desembocadura del Anllóns iban rutas tal vez de segundo orden (...)”.


      A pesar da preocupación de Murguía, o interese pola determinación desta vía de trazado incerto entre marítimo e terrestre que cruzaría o concello de Arteixo foi practicamente nulo. Aínda así, con todas as dificultades habidas e por haber xa que carecemos de miliarios, excavacións arqueolóxicas ou epigrafía do entorno, o convecemento de que unha calzada romana atravesaba o municipio arteixán é absoluto grazas, en gran medida, a un inventario das inscricións romanas na provincia da Coruña realizado por Alvaro D´ors e Angel del Castillo.

      Seguindo sempre coas informacións que nos conta María Rozamontes en "Arteixo de onte a hoxe", no devandito inventario, publicado polo instituto Padre Sarmiento, aparece a referencia de unha inscrición, xa perdida cando realizaron o traballo, que había no “lugar de paso en Santiago de Arteixo, no soportal do corralón da casa de Baños, que foi derrubado no 1914”, e citan a Humber no seu tomo II, coa referencia CIL II 2563. Localizada a obra na biblioteca da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, lemos:

      “Lugar de Paso, feligrexía de Santiago de Arteixo, dúas leguas ao suroeste da Coruña, unha ao leste do porto de Caión, entre Caldas e Hospital, reperta a 1780, a 1790, servata no soportal do corralón das casas de Baños.

Sobreira ms. Matrit. 21, 114.

NUMEN
SACRUM
VN…
EX…
IVVEN
LIBENT
EVENDI”.


      En opinión do galego Isidoro Millán, un dos máximos especialistas en filoloxía latina, malia que a infructuosa búsqueda mermou a capacidade de análise, non hai lugar a dúbidas de que se trata dunha inscrición romana (aínda que non se pode precisar a época pola imposibilidade de estudiar os caracteres tipográficos). Posiblemente, como o EVENDI parece suxerir, trataríase dun agradecemento dun viaxeiro ás augas termais do lugar de Caldas; probablemente NUMEN estea incompleto, faltando a referencia ás augas termais.

       Tendo en conta que Hubner sacou a información desta inscrición dos estudios de Cornide, compréndese perfectamente que a elaboración da parte estudiada do Mapa Corográfico tivo unhas bases científicas moi sólidas aínda que, iso si, faltaba o exame detido do noso término municipal. 

Imaxe do popular elefante da igrexa de Lendo
      Grazas ao traballo de Salvador Parga Pondal, "Viaxe de Alfonso IX por terras de Bergantiños" (Boletín de la Real Academia Gallega, tomo XXVII, ano 1956), no que se reconstrúe o percorrido da viaxe que no verán de 1228 realizou Alfonso IX polas terras de Bergantiños, sabemos, segundo a información que proporciona Julio González, que o monarca, despois de chegar a Santiago procedente de Pontevedra, encamíñase a Treos, logo a Ponteceso, pasando polas torres de Cereixo, Xaviña, Soesto, Serantes, Torre Penela, Ponte Libián e polo Mosteiro de Cánduas, para dirixirse máis tarde ás torres de Goyanes, Lendo (A Laracha) e A Coruña. Xa que logo, ao sospeitar que este camiño medieval que pasaba por Lendo podía proporcionar algunha luz sobre a vía romana, que segundo se desprende do mapa de Fontán seguiría sendo a principal vía de comunicación que atrevesaba o concello arteixán, houbo que ir á devandita parroquia.

      E efectivamente, segundo nos conta María Rozamontes en "Arteixo de onte a hoxe", alí informouse de que o camiño máis antigo que ía desde a Coruña a Bergantiños pasaba por Lendo, onde a súa igrexa parroquial, a igrexa do popular elefante, amosa certos indicios de ter existido unha antiga planta visigótica. Desde esta parroquia da Laracha, o camiño intérnase no concello de Arteixo polo monte da Estrela, estando enlousado por algúns tramos, con dirección ao Igrexario de Monteagudo. Ao saír desta parroquia o camiño vai cara o Igrexario de Santaia (Chamín), e neste traxecto encontrámonos, outra vez, con grandes trozos enlousados. O camiño segue polo val de Barrañán, lugares de Vioño e Sisalde, para subir ao castro de Castelo, na parroquia de Lañas, continuando polos lugares de Sisto e Baer, para pasar por Figueiroa antes de cruzar a ponte dos Brozos e a ponte de Oseiro, na actualidade baixo as augas do encoro do Rexedoiro, e dirixirse posteriormente á cidade da Coruña previo paso por Oseiro e Pastoriza.

Tramo enlousado en Monteagudo do Camiño Real
      A vinculación desta antiga vía co castro de Figueiroa é máis que evidente e, como dicíamos con anterioridade, aínda queda xente na aldea que lembra o camiño empedrado que pasaba polo asentamento castrexo, o cal podemos ver nas imaxes do coñecido como voo americano, tomadas nos anos 50 do século pasado por seis avións Beechcraft RC-45 con base en Xetafe (Madrid).

      Situado atendendo ao seu relevo a media ladeira dos montes de A Cabreira, entre A Pedreira e Figueiroa, na parroquia de Santiago de Arteixo, o castro de Figueiroa está case totalmente destruido por mor dos movementos de terras para labradío e das numerosas casas que se construiron no seu recinto nos últimos tempos. Na actualidade, presenta un aspecto moi deteriorado, conservándose só a metade occidental, na que aínda se aprecia a defensa que vai dende a parte oeste ata o norte, un parapeto con muralla de pedra cara o exterior que acada uns 3-4 metros de altura.

Imaxe do voo americano do castro de Figueiroa

      De forma oval e situado a uns 85 metros sobre o nivel do mar, o asentamento contaba cunhas medidas aproximadas duns 150 metros de NL-SO por uns 140 metros de NO-SL e, estaba defendido por unha muralla de terra e pedras e polo desnivel do terreo que miraba cara á enseada que forman os areais de Alba e Sabón, nunha posición de control tanto terrestre como marítimo que, de seguro, dada a importancia comercial do castro da Punta de Muros, descuberta a raíz das obras do Porto de Punta Langosteira, lle permitía aos seus poboadores ser testemuñas da navegación que había nesta parte do Oceáno Atlántico naqueles tempos remotos.

      Hoxe, a mesma xente da aldea que lembra o camiño empedrado que pasaba polo asentamento castrexo, tamén afirma que cando traballaban os terreos do lugar teñen aparecido restos de cerámica nas súas leiras. Unha destas fontes orais apunta que...cando se facía a matanza do porco, enterrábanse as tripas no castro e, ao facer os buratos, teñen aparecido pedras de muíños e outros materiais que despois se lle levaban ao médico de Arteixo porque tiña moita afección por estas cousas”.

      Mais recentemente, a finais dos anos 90 do século pasado, cando aínda era estudante de historia, a arteixá e futura arqueóloga Monica Borrazás localizou a cerámica que aparece na fotografía e levouna tanto ao Museo Arqueolóxico como a Facultade de Historia, onde a vería Pepa Rey Castiñeira e a tamén arteixá Puri Soto, que daquela estaba de becaria coa anterior. O mérito de Mónica Borrazás é que posteriormente foi ela mesma quen restaurou eses materiais con Fernando Carrera na Escola de Restauración de Pontevedra, materiais que podedes ver na actualidade no Museo Arqueolóxico do castelo de San Antón da Coruña.




FONTES:

-
CARRÉ ALDAO, EUGENIO. Geografía del Reino de Galicia. Provincia de La Coruña. Tomo I. Barcelona, 1928.
-FERREIRA PRIEGUE, ELISA. Los caminos medievales de Galicia. Anexo 9 do Boletín Auriense. 1988, Ourense.
-PARDO, GUILLERMO. La mayoría de los castros del municipio se encuentran destruidos. La Voz de Galicia, 4 de decembro de 1981.
-ROZAMONTES, MARÍA. Arteixo de Onte a Hoxe. Concello de Arteixo, 1999.
-TROIANO, XOSÉ. patrimoniogalego.net


Ningún comentario:

Publicar un comentario