sábado, 10 de marzo de 2018

O DUELO A PISTOLA DE FAUSTINO PAZOS, ALCALDE DE ARTEIXO ENTRE 1903 E 1910

Portada do libro de Jorge E. Oviedo "Los duelos en Mendoza"
     Dous homes pegados de costas nun descampado. Cada un deles leva unha pistola na man. Unha serie de voces preacordadas: algo así como “alto, media volta e disparen” e, a continuación, 20 pasos en liña recta antes de detonar cada un deles a súa respectiva arma ¿Sóavos de algo a secuencia? De seguro que a tedes visto nalgunha longametraxe ambientada na segunda metade do século XIX. Fálovos, como podedes imaxinar, dos duelos a pistola, esos lances da honra, como dicían na época, nos que os “cabaleiros” amosaban valentía e fidalguía poñendo en xogo as súas vidas para defenderse dun insulto, desaire ou calquera outro tipo de ofensa cara a súa persoa ou cara algún membro da súa familia.

     Claro que, desa estirpe, non eran todos os mortais xa que os duelos eran patrimonio dunha elite: militares, funcionarios, políticos, abogados, médicos... Así é que, pese a que sempre conviviu coa ilegalidade, o duelo era lexitimado desde as máis altas esferas do Exército, da Xustiza, do Goberno e ata contaba coa aprobación dos medios de comunicación, xa que moitos dos seus respectivos redactores practicábano en lugares selectos… uns medios de comunicación nos que se podían ver con bastante frecuencia seccións tituladas “Personal”, “Campo Neutral”, “Reparación” ou “Solicitada” que informaban sobre os duelos que naquela hora, principalmente a partir de 1860, se defendían con espada ou pistola por motivos de honra ou de amor.

Debuxo dun duelo a pistola realizado en 1899
   E así, ata os primeiros anos do século XX, a burguesía, a tradicional aristocracia e os militares continuarían coa súa práctica, respaldada sempre polos seus severos códigos de conducta e certo carácter de gardiáns da tradición.

      E como non podería ser doutro xeito, en Arteixo tamén habería algún que outro duelo, un deles protagonizado por un persoeiro que ten rúa adicada na capital do municipio. Falamos de Faustino Pazos, e a noticia do seu duelo aparecía publicada en varios xornais galegos e en algún americano, entre eles El Eco de Galicia: órgano de los gallegos residentes en las Repúblicas Sud-Americanas, onde no número 221, correspondente ao 10 de decembro de 1897, aparece a seguinte información:

      “Háblase de que va a efectuarse en Arteijo nada menos que un lance personal… a pistola y a 20 pasos.
Son los contendientes el ex-secretario de aquel ayuntamiento D. Faustino Pazos y su sucesor D. Eduardo Campos, y parece que el primero fué quien envió los padrinos al Sr. Campos.
Dícese también que éste no está muy decidido á que el duelo se verifique.
El lance lo suscita el haberse trabado de palabras ambos señores al terminar la celebración de un juicio de faltas contra el Sr. Pazos por insultos al Sr. Campos.
Quizá la sangre no llegue al río, y será preferible”.

      Non, afortunadamente a sangue non chegaría ao río e seis anos despois, o 14 de marzo de 1903, Faustino Pazos convertíase en alcalde de Arteixo, municipio naquela hora frecuentado pola crème de la crème da burguesía coruñesa que viña a pasar a época estival ao Balneario. Curiosamente, por aqueles días, estábase edificando o hotel do recinto termal, obra do arquitecto vasco Juan Ciórraga e Fernández de Labastida que fora construída entre os anos 1898 e 1911.

      Nado en Corcubión en 1850 e casado en primeiras nupcias con Salomé Pereira, nai dos seus tres fillos, e en segundas con Manuela Fernández, coa que non tería descendencia, segundo apunta Manuel Blanco no seu libro Alcaldes de Arteixo (1836-1998), Faustino Pazos chegara ao noso concello “en busca de prebendas por diversos sitios” e, entre outros, ocuparía os cargos de Notario Eclesiástico do Arciprestado de Faro, Xuíz Municipal, Concelleiro ou o de Secretario do Concello, cargo que ocuparía en diversas ocasións antes de converterse en alcalde en 1903. O noso protagonista, que ten rúa adicada na zona na que se atopa a actual “Droguería Sandra”, sería o primeiro mandatario arteixán durante sete anos, ocupando o posto ata o 30 de maio de 1910, data na que fora suspendido do seu cargo polo Gobernador Civil. 

Imaxe da rúa Faustino Pazos en Arteixo
      Pazos, que ao parecer non fora médico como erroneamente aparece na praca da rúa que ten adicada na capital do municipio, falecería a consecuencia dunha febre tifoidea aos 61 anos, tan só uns meses despois de ser suspendido como alcalde. O 14 de decembro o xornal El Eco de Galicia: diario católico e independiente publicaba o seguinte artigo necrolóxico:

     “Una dolorosa nueva nos sorprendió ayer amargamente. D. Faustino de Pazos Teijeira, alcalde prestigiosísimo que había sido del Ayuntamiento de Arteijo, falleció ayer en esta villa, víctima de una traidora tifoidea.
   D. Faustino de Pazos era una inteligencia clarísima, un carácter noble y sincero, un cumplido y correctísimo caballero. En el Ayuntamiento y en el Juzgado municipal de Arteijo, donde desempeñó los primeros cargos administrativos y judiciales, supo captarse el respeto y las simpatías del vecindario.        
     Como alcalde ó como secretario el Sr. Pazos pudo tener enemigos. Las luchas mezquinas de la política son inseparables de esta clase de tropiezos y contrariedades. Pero, como caballero y como particular, sólo pudo contar con amigos apasionados y cariñosos. Las plecaras dotes de inteligencia, de afabilidad, de desinterés, de ferviente entusiasmo por la prosperidad del distrito y por el bien de sus administrados, por todos reconocidas, granjeábanle una reputación legítima, acreedora, por cierto, á la general alabanza.
   La muerte del Sr. Pazos ha causado en Arteijo, donde fué la primera figura, donde lo fué todo, amargo y profundísimo sentimiento.
   A su atribulada familia, á la que nos unen lazos de estrecha amistad y en particular á su virtuosa y distinguida hermana D.ª Demetria y a nuestro buen amigo y respetable convecino D. Nicolás, hacemos presente la sincera participación que tomamos en su justa pena, á la par que suplicamos á nuestros lectores una oración por el inolvidable difunto, que contaba, desde antiguo, con el favor de todo nuestro leal afecto.

    A partir dos anos dez do século pasado, pouco despois da morte de Faustino Pazos, as costumes en torno aos duelos empezarían a cambiar considerablemente. O paulatino abandono do ideal cabaleiresco, daría paso á idea de contenda innecesaria e absurda, mantida ata aquel entónis pola costume que polo interés real de baterse en duelo. E así, naquela hora, donde aparecía unha persoa necesitada de "reparación", xurdía tamén o apego á vida coa necesidade de restablecer a honra, mais iso si, sen estar disposto a sufrir un dano irreparable pola ofensa, converténdose en moitos casos a práctica nunha pantomima donde a menor rabuñadura xa xustificaba o fin do duelo... duelos a pistola ou a espada que a partir dos anos vinte xa soamente terían protagonismo en algunha que outra longametraxe e que hoxe quixemos lembrar nesta bitácora a raíz das informacións que atopamos na hemeroteca sobre o duelo acontecido en decembro de 1897 entre Faustino Pazos, ex-secretario do municipio naquela hora, e o seu sucesor no cargo, Eduardo Campos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario