xoves, 2 de setembro de 2021

O PAZO DE GALÁN (e VII)

 O POMBAL

Imaxe dos anos 70 do pombal de Galán (cortesía de María Luisa Mareque)

   Segundo Aurelio Corral... “o pombal de Galán foi unha central de pombas mensaxeiras con capacidade para 500 exemplares. Debaixo deste pombal hai un túnel de 50 ou 60 metros que comunica coa parte traseira do Pazo. Neste paso subterráneo hai como unhas escaleiras; ao principio do percorrido tes que ir agachado porque hai pouca altura pero despois podes ir de pé e ao final, xa onde o Pazo, hai unha bóveda e uns asentos”.

   Ese túnel do que nos fixo referencia Aurelio Corral trátase na realidade do manancial que suministraba auga a Galán, unha fonte da que tamén nos falaron María Casal e a súa filla María Luisa lembrando que efectivamente comunicaba o pombal co patio do Pazo: “a fonte estaba na entrada da casa e tiña unha profundidade duns 8 ou 9 metros. Era de cantería e ía dar ao lavadoiro que había ao carón do pombal.”

 

Manancial de Galán
 

   Se o pombal de Galán estivo, como afirma Aurelio, ou non destinado nalgún momento á colombofilia militar é algo que descoñecemos, mais resulta ben curioso que á parte do pombal en cuestión houbera outro de dimensións máis reducidas a poucos metros do situado dentro da horta do Pazo, un pombal que aínda se pode ver no Couto do Froxel.

 

Imaxe do pombal de Galán no que tamén podemos ver a entrada do manancial

   O primeiro concurso colombófilo que se coñece data do 15 de xuño de 1820, unha época na que os diferentes exércitos estableceron a cría e adestramento de pombas para a aplicación militar converténdoas en pombas mensaxeiras. Capaces de orientarse a centos de quilómetros, podían chegar ata o seu pombal levando información, con tal de que esta puidese condensarse nun pequeno papel atado a unha das súas patas ou ao pescozo.

   Como dato curioso de aquela época, dicir que os famosos e archimillonarios Rothschild lograron o seu imperio en 1815 grazas a que unha pomba lles informou antes que a ninguén de que os ingleses gañaran a Napoleón en Waterloo; Nathán Rothschild foise á Bolsa e comprou valores cando estos estaban polo chan e en poucas horas fixo unha fortuna.

    A técnica estendeuse ao longo de toda a Historia como un dos sistemasis usuais de correo, unha técnica que, dado o seu pasado militar, se cadra tamén utilizaron os Saavedra en Galán. A colombofilia militar tería o seu auxe durante a Primeira Guerra Mundial. Tras a Segunda Guerra Mundial abandonouse case completamente o emprego de pombas mensaxeiras en favor das telecomunicacións modernas.

 

Imaxe na que se poden ver os dous pombais de Galán

 

   O exército español tivo pombas mensaxeiras dende 1879, que foi cando se creou o pombal central en Guadalaxara. En 1920 trasladou a súa sede a El Pardo, en Madrid, unha sede da que dependían outros pombais secundarios diseminados por todo o Estado español que irían desaparecendo paulatinamente. Actualmente estos edificios están integrados no Servicio Colombófilo Militar (SCM), que é ademais o encargado de regular a posesión e utilización de pombas mensaxeiras en España.

   Rematamos esta historia sobre Galán falando dos terreos que Mercedes Saavedra Vila e seu irmán Joaquín posuían fóra do recinto do Pazo, uns terreos que lle foron vendendo pouco a pouco, e case que na súa totalidade, ás tres familias de labregos e antigos caseiros seus domiciliados no lugar: os Mareque, os Souto e os Regueiro.

    Mercedes estaba casada co médico Jesús Salgado García, falecido na súa casa de Melide o 12 de marzo de 1928. Fillos de Jesús e Mercedes foron María, finada en novembro de 1965, e Concepción Salgado Saavedra, que morreu solteira en 1976. María Salgado Saavedra ía casar con Jesús Mazaira Montero, médico do Hospital de Santiago falecido en Melide o 14 de xaneiro de 1977, un matrimonio que tiveron por fillos a Mercedes e Concepción Mazaira Salgado.

     Polo que ten escoitado na súa casa cando era neno sobre esta estirpe, Salvador Souto, veciño de Galán co que puidemos falar en maio do 2021 grazas á amabilidade da súa sobriña María, recorda que… “Todo Galán era dos irmáns Saavedra, de don Joaquín, dona Mercedes e de dona Antonia, que teño entendido que era a que tiña o Pazo e a horta. Eran de Melide, onde tiñan Pazo, e viñan pasar o verán aquí. Pero iso miña nai xa non o acordaba; meu pai si. Despois viñeron para aquí uns de Oseiro, os Mareque. Aquí tiveron de caseiros e de horteláns. Ela quedou aquí e el marchou para Nova York gañar os cartos e dende alá mandou un poder para comprarlle a dona Antonia a horta e o Pazo en 25.000 pesetas, que naquela hora eran moitos cartos do Noso Señor. Meu pai, Gumersindo Souto Campos, fora caseiro desta familia ao igual que meus avós e meus bisavós e, co tempo, acaboulle comprando o terreo a eles. Meu pai comproulle a Mercedes Saavedra Vila no 1933 e acórdome que escrituraron en Melide o 31 de decembro dese ano. Con quen negociara fora co xenro de dona Mercedes, con don Jesús Mazaira, que era médico en Santiago. Dona Mercedes era máis maior que meu pai, que morreu en 1986 con 88 anos. Tamén acordo que cando se fixo a carretera nova e lles colleron terreos o señor Mazaira era o que viña cobrar, o mesmo que cando foran as expropiacións para o Polígono de Sabón, que lles colleu moitas fincas. Era o que representaba á familia e viña cobrar cunha filla ou con outra persoa porque a sogra, dona Mercedes Saavedra, xa debera morrer moitos anos atrás”.

 

FONTES:

-Nalgures (2006):, Tomo III, páx. 123

-Rey Castelao, Ofelia (2015): Casas y cosas en la Galicia occidental en el siglo XVIII:Cuadernos de Historia Moderna, XIV, pp 211-233.

-Taboada Roca, Antonio (1933): Terra de Melide. Seminario de Estudos Galegos. Compostela. Notas históricas, pp 203-207.

-Vidal, Francisco (2018): San Bieito na silveira.

https://oschanzos.blogspot.com/search?q=bieito


https://xubial.es Pazo de Tarrío

2 comentarios: