sábado, 13 de novembro de 2021

A SEMENTEIRA DO MILLO E A ESFOLLA POPULAR DE LAÑAS

   O millo ou maínzo é un cereal que procede de América. Todo parece indicar que o seu cultivo comezou hai millares de anos onde hoxe se localizan México e América Central. Alimentación básica de varias civilizacións importantes ao longo dos séculos, os maias, aztecas e incas reverenciaban este cereal na arte e na relixión.

  Co inicio do proceso de colonización do continente americano, o cultivo do millo expandiuse cara outras partes do mundo, chegando a Europa da man de Cristobal Colón. A primeira referencia do seu cultivo no noso país data de 1610, na zona do Barbanza. Este “novo millo” veu substituír ao antigo, que hoxe recibe o nome de millo miúdo ou paínzo, e que se viña cultivando e secando en hórreos e celeiros dende a antigüidade.

  Nos nosos días, este producto destínase principalmente ao alimento do gando mais, ata non hai moito, foi un compoñente básico na dieta alimenticia dos nosos devanceiros. O cereal sementábase nas nabeiras, e donde se repetía cultivo non se abonaba. Cultivábase nas variedades amarelo, reino, pego… e o que facía mellor pan disque era o branco. 

 

I Esfolla Popular de Lañas

    Os traballos empezaban en abril ou maio coa sementeira. Tradicionalmente un home dirixía o arado tirado polo gando para remover e airear a terra, mentres que unha muller espallaba tras del a semente, arroxándoa ao chou mentres outras persoas ían detrás cubrindo o gran con aixadas. Mais había outros xeitos de facer a sementeira: trazando os sucos, para logo, cun cordel, marcar as distancias ás que había que botar a semente. Isto facíase á man ou, como era o caso dalgúns lugares, cun bastón de madeira para facer o burato. Co andar do tempo aparecerían as sementadoras, que ían falicitar, e de que xeito, o traballo.

    Ao remate da sementeira pasábase a grade para desfacer os terróns e deixar achanzado o terreo. Nalgúns sitios pasaban despois o caínzo ou canizo para completar esta última tarefa.

   Cando a planta medía aproximadamente unha cuarta, o que acontecía polo mes de xuño, sachábase e rareábase para sacarlle as malas herbas. No mes de xullo arrendábase, cavando de novo para volver a quitar as malas herbas e arrimar a terra ao pé da planta. Era tamén o tempo de colocar os espantallos para os paxaros e, para que non o comese o porco teixo, había quen queimaba trapos a carón do millo pois, o cheiro, seica espantaba a este animal.

   Cando o millo estaba xa maduro, na entrada do outono ou cara o San Martiño, recollíase e segábase polo pé cunha fouce. A continuación había que separar as espigas do seu envoltorio, unhas follas antano coñecidas co nome de poma coas que posteriormente, unha vez secadas ao sol e limpas, se facían os colchóns de antes: os xergóns. Do millo non se desperdiciaba nada, mesmo os canotos das espigas, que se utilizaban para encender o lume nas lareiras e nas cociñas bilbaínas. A cana aproveitábase para dárllela no inverno ás vacas, aínda que tamén había quen a deixaba na leira para esterco.

   A esfolla era unha verdadeira festa na aldea, moitas veces rematada nunha foliada, na que o grupo de parentes e veciños reunidos se adicaba, entre bromas, a quitarlle as follas ás espigas ao tempo que contaban algún que outro dixomedíxome. O traballo en si era un motivo secundario. O importante era pasalo ben. Se algunha persoa atopaba unha espiga de cor morada (chamada Espiga reina nunhas zonas e rei noutras) quedaba como o rei ou raíña da festa mentres que alguén non atopara outra. A crenza xeneralizada era que atopar unha “reina” traía sorte. Tamén daba boa sorte cando aparecían varias espigas agrupadas dentro dun mesmo follato. Chamábanse Espigas das Ánimas“. 

 

I Esfolla Popular de Lañas

   Coa introdución nos anos 70 de variedades híbridas, foise abandonando o cultivo do millo do país, poñendo en perigo a súa supervivencia.

   Estes contos sobre o millo están narrados en tempo pasado xa que os cultivos de hoxe pouco teñen que ver cos que realizaban os nosos avós. Mais iso si, nas milleiras de Arteixo afortunadamente aínda podemos escoitar abundante léxico (sachar, arrendar, rarear, esfollar, debullar, escotar...), mais a ver ata cando!

  Na parroquia de Lañas, a Asociación Recreativa Cultural e Deportiva Fontesvellas está pola labor de que non se perda nin o léxico nin a tradición e, por tal motivo, en novembro de 2019 provomeron a I Esfolla Popular de Lañas.

  Jaime Traba, presidente desta asociación, comentounos que “a idea xurdiu nunha recollida de patacas na que nos xuntamos irmáns, sobriños, netos... Despois fixemos unha merenda e pensamos que podíamos facer o mesmo co millo, pero ampliando a todo o mundo para recuperar a tradición da esfolla de cando eramos rapaces. De plantar o millo encargouse meu cuñado Tivo, o do bar O Cruce. Plantou millo do país, co que antes se facían papas e broa. Eu preparei esfolladores de distintos tipos, e así empezou a esfolla popular, na que se repartiu, coma antigamente, caña e xerez con roscas”.

 

I Esfolla Popular de Lañas

   Aquela I Esfolla Popular de Lañas ía xerar unha notable expectación na chamada leira “do Forno”, ao pé da estrada entre Arteixo e Carballo. Malia que o tempo non acompañou, con choivas intermitentes, a veciñanza da parroquia non se amedrentou e cerca dun centenar de persoas –algunhas delas, octoxenarias– enxalzaron a tradición por todo o alto. Naquela inesquecible xornada houbo xente que acudiu á chamada da asociación ataviada con traxes de época, que foron cedidos para a ocasión polo Concello de Arteixo. Ao tempo que os esfolladores traballaban en grupos para rememorar esta actividade de vital importancia no pasado, a agrupación Triskell de Armentón amenizaba a esfolla con temas tradicionais. Ademais, o programa “Aquí Galicia”, da TVG, tamén se sumou á festa retransmitindo en directo parte do evento, que rematou cunha merenda no centro social da parroquia.

  Tralo éxito daquela edición, a Covid-19 impediu que a iniciativa tivera continuidade nos anos seguintes. Mais un momentiño... sabemos de boa tinta que xa se está traballando para que Lañas celebre a II Esfolla Popular no 2022. Xa vos avisarán para a roga!

 

I Esfolla Popular de Lañas

FONTES:

DÍAZ, NOELIA (2019): Lañas resiste a la lluvia y ensalza su tradición con la esfolla, El Ideal Gallego, 30 de novembro

RODRÍGUEZ CABANAS, ANTONIO (2011): A cultura tradicional galega desaparecida

https://www.ecocamino.gal/gl/o-millo-na-cultura-galega/

Ningún comentario:

Publicar un comentario