sábado, 27 de agosto de 2022

A LENDA DA SERPE DO CASTRO DE MIRÓN (LARÍN)

(Lenda publicada por Dora Vázquez, mestra da escola de nenas de Mirón (Larín) dende 1952 ata 1967, na súa novela “Bergantiñá”)

 

Castro de Mirón

Contan os antergos, que neste castro había unha cova onde estaban con encantamento algunhas mulleres. Unha vez, un mozo destes lugares camiñaba por preto, cando viu na porta dunha cova que había aquí, unha doncela fermosísima. Diante dela tiña unha tenda con cousas para vender. El achegouse a mirar, e a moza rogoulle que lle mercara o que máis lle gustara.

    -O que máis me gusta -dixo el- son estas tesoiras.

   -Pois lévaas -respostoulle, anoxada porque non se fixara nela- e que non se che craven nos ollos!

Ao mesmo tempo en que o mozo lles botaba a man, as tesoiras choutáronlle aos ollos e deixárono cego. Ao pouco tempo, outro mozo tivo que pasar por alí. Atraído tamén pola novidade, aproximouse á moza, e quedouna mirando coma un parvo. A doncela era moi fermosa. Tiña uns ollos escurísimos e belos, e uns beizos vermellos e cobizosos. Os cabelos caíanlle mouros ata a cintura, e xoias preciosas arrodeábanlle o pescozo e os brazos. O mozo non se cansaba de mirar para ela. Era tan terriblemente bela, que se sentía enfeitizado, incapaz de moverse. Pero, el, tamén era un garboso mozo, e ela ollábao con dozura nas meniñas brilantes.

    -Mércame o que máis che guste, rapaz -díxolle-.

El fixábaselle na boca, que amosaba uns dentes perfectos cando falaba. Sentiu que a desexaba apaixonadamente.

    -O que máis me gusta é a tendeira -dixo, atrevéndose-.

Ela non se ofendeu. En troques, faloulle docemente:

   -Pero eu non podo ser para ti, porque estou encantada. Se ti foses valente, poderías sacarme do encantamento.

   -Qué non son valente? Dime, muller, e verás ti…

    -Olla, que vas ter medo!

    -Eu, medo…? Calquera cousa sería capaz de facer para térte por miña.

Ela mirouno cos belos ollos cavilosos e díxolle:

                -Podemos probar… Eu convertireime nunha meirande cóbrega cunha boca grandísima, e tratarei de abocañarte. Heime de botar a ti, ten coidado! Só tes que collerme a punta do rabo e darlle un bico no cabo. Só deste xeito crebarase o engado e casarei contigo…

Ao mesmo tempo, en troques da fermosura da moza, apareceu unha horrible serpe cos fuciños abertos. O mozo deu un brinco cara a outra banda, arrodeuna con maña e, enganchándolle o rabo, doulle un bico na punta sen asomo de noxo, pois sabía que era o engado da doncela que lle roubara o corazón. Ao darlle o bico, a serpe desapareceu e tiña diante del á fermosa moza da cova xa desengadada. Colleron tesouros da cova e casáronse e viviron ditosos.”1

 

Castro de Mirón

_________

1 Vid. Dora Vázquez (1971): Bergantiñá (Novela galega), La Región, Ourense, pp. 113,114 e 115.

Ningún comentario:

Publicar un comentario